A opinión dos docentes...non conta?

23 dic 2025

Os discursos e felicitacións no Nadal, son ambiguos.

As eleccións de Estremadura retratan desaxustes que trenzan outros planos cotiáns da realidade

 Noutras eleccións da Comunidade estremeña, a esquerda fora sempre hexemónica. Nas do pasado 21 de decembro, creceu a extrema dereita e o PSOE perdeu dez escanos. O 60% do electorado votante inclinouse cara a posicións conservadoras ou ultras e, aínda que o PP non lograse a cantidade de sufraxios necesarios para gobernar só, hai un forte cambio de tendencia. Sexa cal for a análise das circunstancias, o cambio non incumbe só a unha área de España; non é desestimable pensar que a secuencia electoral que se aveciña en Aragón, Castela-León e Andalucía, mostrará que o acontecido en Estremadura só é un adianto do xa existente.

 Adoita doado ser profetas despois dos feitos, cando nas profesións de xornalistas e historiadores, máis ocupadas en confirmar os acontecementos que en predicilos, sempre hai profetas e augures. Pero entre conselleiros de imaxe e tremoístas de campañas electorais é vella a hipótese de que a dereitización política do mundo leva tempo xestándose. Mentres Europa, España ou Estremadura non desaparezan da cartografía, correntes transnacionais e transregionais fan que os fenómenos que ocorren en cada territorio lles sexan fieis. Neste momento, a constatación de que os votantes de Vox e os abstencionistas estremeños son máis do 50% da súa poboación con dereito a voto, a situación seguiu viva cando, pechadas as urnas, emerxeron interpretacións do acontecido a conta de quen lidera a política nacional  entre supostas corrupcións e episodios predemocráticos nas institucións. Nas voces de moito falantes quedou expresada a urxente necesidade de cambiar o Goberno central. Na súa anoxada melodía, todo era mentira e corrupción, un continuado golpe de estado –parece que contra a libérrima liberdade dun “particular” e a contrafío dos seus intereses-, que viría ser antinatural, pois o que “Deus manda” -suposto invocado desde as dinastías exipcias-, sería a súa gobernanza, por ultraconservadora que puidese ser.

Ter a festa en paz

Para que os seus oíntes se fagan cargo de que ese horizonte téñeno naturalizado, e que entendan boa parte do que está a pasar, non é necesario que se empapapen  da “Estratexia de Seguridade Nacional de Estados Unidos de América”. A Internacional  conservadora púxoa en marcha contra Europa desde antes de Trump en Washington e, ata nas  felicitacións de Nadal, brillan estes días as tinguiduras que lles prefixou  o “trumpismo”. Este termo, cuxa forza nova vén acompañada de “aranceis” –a palabra máis acirrada este ano nos intercambios dixitais en español-, dá o ton da tendencia que se percibe na vida cotiá. Nos  whatsaaps entre colegas de tempos idos, se alguén menciona o “solsticio de inverno” no canto de “o Nadal, e di alternativamente “felices festas” para estas vacacións , enseguida pode xurdir un conflito que a secularización dos tempos enterrara noutros aspectos da vida relacional.

Moi frecuente é así mesmo que, mentres resucita nos tribunais unha das ramas da inacabable trama Púnica -e os inefables recursos que achegaba á caixa B do PP de Aguirre na etapa de Granados-, xurdir controversia por cualificar “progresista” ou “retrógrado” a canto sucede polo mero feito de acontecer despois ou antes de un tempo anterior, ao que ninguén pon data delimitadora. Nesa imprecisión cronolóxica das vivencias do tempo, o “antes” -por máis antigo- sempre sae malparado como periclitado e, superado por un “despois” máis moderno, ten, en por si, maior dignidade, coma se o non transcurso dos anos fose garantía de máis pureza e perfección. No xuízo sobre moitas decisións -políticas e, tamén, familiares ou persoais-, a bondade ou torpeza que implique “avanzar” ou “retroceder”, adoita fiarse moito á súa relatividade situacional no eixo cronolóxico do calendario, ou ao simple transcurso dun tempo suficientemente prolongado.

As conversacións de sobremesa destes días -dicir do Nadal ou simplemente celebratorios da mutabilidade posicional da Terra ao comezo do Inverno- son recorrentes con tales asuntos, e non está escrito nunha nova regulamentación da urbanidade un cambio de moda que o vaia a evitar. Case é consubstancial á convivencia interxeracional, sobre todo cando o tránsito dos costumes foi acelerado -como foron as de quen sobrepasa os cincuenta anos- respecto a cantos non superasen a corentena. Nas táboas cuneiformes dos  habitantes da antiga Mesopotamia xa aparecen estas controversias dos maiores en idade e suposta capacidade de goberno. O raro é que en ámbitos actuais de xestión do público -en que os intercambios políticos son supostamente máis transparentes e a información máis ampla-, a presenza do que non funcionou no pasado volva ser  reclamada como “moderna”, nova e principal solución de problemas colectivos. Ignorar, esquecer e desprezar o seu coñecemento é unha estrataxema dos empeñados en ter razón desde antes de que, cara a 1789, se lograse  empezar a falar de dereitos cidadáns. Ocultan a memoria do que non funcionou e, a pesar de motivar grandes desgrazas, aos seus novos modelos -inxustos por xa experimentados como inútiles para solucionar algo-, confírenlles a razón do forte ante quen aspira a unha  dignidade na convivencia, en transaccións , relacións laborais e modos básicos de vida que cumpran os Dereitos Humanos.

Á marxe do que decida o centro para as periferias da xeografía política, lembrar na vida diaria o pasado non desexado, e asumir a experiencia dos esquecidos e masacrados, é optar por un presente esperanzado noutro. É fácil, por tanto, que na sobremesa ou mentres se dispón todo para un intre pracenteiro, máis ou menos costumista -familiar ou extrafamiliar-, calquera verbo ou adxectivo usado a destempo ao comentar o que se supón que estea pasando -ou ao felicitar o Nadal ou unhas festas especiais-, xurda a faísca do desencontro e se  reproduza a pelexa habitual nos foros de opinión. Nos posibles desacordos que poidan xurdir coa parentela e cuñados estes días, non se debería esquecer que, ante todo, merece a pena ter a festa en paz; non sexa que, entre os pastores e as ovelliñas do Belén, Herodes se saaíse coa súa. Sorte a todos e todas!

TEMAS: Trumpismo.- Auxe ultradereita.-Festas de Nadal.- Secuencia de eleccións autonómicas.- Convivencia pública.

MMC (23.12.2025)


No hay comentarios:

Publicar un comentario