A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Culturas escolares. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Culturas escolares. Mostrar todas las entradas

21 mar 2026

Os abusos do poder tradúcense en atropelos da linguaxe.


A caprichosa mentira, por “divertida” que aspire a ser, nunca concorda co coñecemento que proporciona a investigación.

Dentro do noticiable que sexa en Ecuador un toque de queda recente, ao tratar de localizar, preto de Quito, barrios en que houbo problemas, Google-Maps aflorou unha rúa, de nome “Colesterol”, en que se serven comidas supostamente típicas, abundantes en graxas saturadas, propias para que as arterias se atoen. Hábitos dese tipo, entrefebrados con outras pautas son “a cultura” en que conflúen modelos de pertenza sancionados por un grupo social, cuxa normalizada marca perdura no tempo polo recoñecemento mutuo que conlevan. Etnólogos, antropólogos e sociólogos teñen nesas condutas un campo de investigación inesgotable polos seus lentos cambios e porque engolen e asimilan formas concordantes de comportarse e actuar en campos soamente distantes nas análises académicas. Na realidade, as súas confluencias engloban maneiras de proceder en manifestacións tan diversas como as de carácter social, festivo, relixioso e ata económico, e expresións artísticas correlativas na danza, a música ou a literatura oral. Nos espazos e tempos educativos, tamén dan ocasión a estudos etnográficos moi clarificadores de canto sucede neles.

A verbena.Maruja Mallo, 1927. Centro de Arte Reina Sofía

As esferas de poder non son inmunes a ese conxunto. Pautas “culturais” de similar carácter ás que rexen nos menús da “rúa do colesterol” gobernan a rápida xestualidade con que Donald Trump, en liña co desmantelamento democrático que está a levar a cabo no seu país, e seguramente para resarcirse dos seus erros en Irán, dirixiu a súa caprichosa hiperactividade a dicir que, en Cuba, fará “o que queira”. Esa prepotencia, blindada por un orgulloso narcisismo, non advirte risco ningún en menosprezar o dereito, non se preocupa polos danos que poida inflixir á economía, nin que a súa aventura extemporánea poida levar ao seu país a outra inacabable guerra de dez anos como a de Vietnam  (1955-1975). Aquel pretexto da “expansión comunista”, nas guerras do Golfo eran “armas de destrución masiva”, variou agora en “perigo nuclear”. Oculta dicir que Irán era un risco para o Israel xendarme da área, nada di sobre os 11.000 millóns que a industria militar gasta cada día ao tesouro público, e tampouco do medo para perder corda no liderado mundial. Esta “ cultura” trumpista -a do máis forte dominando o rabaño- non logrou impoñer, en case tres semanas, a superioridade da súa IA, os seus foguetes e bombas, topou cunha “cultura” iraniana que ten tras si unha traxectoria secular e, desde a sala oval de Whasington, resolveu pedir outros 200.000 millóns para proseguir a guerra.

Culturas rivais

En España, a conquista de América tamén volveu a ser motivo de pelexas entre “culturas” rivais, por recoñecer en público Felipe VI “moito abuso” na peripecia atlántica iniciada, en 1492, por unha Castela conquistadora, máis feudal que moderna. As características que tivese, ou as da colonización que seguiu, non foron tan etéreas e, antes de que no reinado de Fernando VII a administración daquelas terras empezase a decaer, e o Tratado de París con EEUU fixese que Cuba, Porto Rico e Filipinas se independizasen de España en 1898, “os abusos” xa existiran . As denuncias -entre outras- que o P. Bartolomeu de las Casas fixo no século XVI seguen molestando a moito patriota confuso e forman parte dunha “cultura” empeñada en ver niso unha conspiración incesante contra a bondade hispana. Un malestar que curaría cun mínimo de paciencia para ler a moita documentación que os historiadores competentes estudaron, desde antes de que, no plan de estudos de Sainz Rodríguez, en 1938, para o Ensino Medio, Demetrio Ramos -entre outros- lograse, en 1942, que a súa Historia do Imperio adaptada ao cuestionario de sexto curso (Burgos: Hnos Rodríguez) fose libro de texto. Se Eduardo Galeano vivise para ver as reaccións ante a escena no Museo de América hai tres días, á parte de rexeitar tanta desmemoria, talvez contaría outra vez como As veas abertas de América Latina (1971) ensinan que esa terra segue controlada por colonizadores substitutos da suposta “civilización” española en que a escravitude foi legal ata case a crise de 1889. Pouco empeño parece que houbese durante case cinco séculos en que  –sen “abusos”- nativos e mestizos fosen realmente libres fronte a señores feudais de facendas infinitas.

A “cultura” ambiental, que alimenta a superficialidade demostrada nesta división de opinións que as palabras do rei motivaron, traduciuse en simplismos sobre aquela xesta complexa, nada conciliables coa verdade histórica. Ao nesgo mostrado por moitos, nin lle interesa saber en que medida a suposta “civilización” conlevou atropelos, nin admite a leve maneira con que Felipe VI tratou de retomar as relacións diplomáticas con México. As dúas Españas que, desde 1812, afloraron con motivo da Constitución gaditana, parecen estar vivas tras estes modos de opinar sobre un pasado que precedeu ao máis próximo dos anos 30; nas enquisas sobre opcións de voto en 2026, a España conservadora crece fronte á súa contraria. Con todo, nos armazóns “culturais” duns ou outros, ademais dun coñecemento e descoñecemento selectivos do pasado -cuxa verdade non se salda con simplismos-, as maneiras e xestos de quen quere seguir impoñendo a súa razón aos demais, son como as dese tipo de investigadores que, cando as súas hipóteses non casan cos datos que lles depara a análise documental, seguen ao seu: “peor para a realidade”.

Cando un malhumorado Unamuno empezou a dicir en 1906 : “que inventen eles”, referíase ao papanatismo de seguidores e adictos, remisos a todo coñecemento distinto do seu; censuran e vilipendian a quen expresa outro distinto, á vez que encirran, insultan, perseguen e ata ameazan aos demais. Os seus medios de expresión, as súas robotizadas redes anti-sociais e, de cando en vez , as súas voceiras políticas reiteran idéntica sintaxe gramatical un día si e outro tamén. Para que non haxa baleiros, esta exultante  “cultura” alcanza niveis insospeitados mediante a IA e o negocio da prensa, que, como informa MUNDIARIO, son coordinadas ata o punto de que as plataformas ditan o xornalismo.  O sistema educativo tamén está niso e, en Andalucía –que copia iniciativas doutras partes, como a xa implantada en Murcia- a súa Consellería busca profesores xubilados que volvan aos centros educativos a cubrir gratis diversas funcións. Desde a Lei Moyano –hai 169 anos- a moito gobernantes non lles interesou unha digna educación común, pero esa “ cultura” é a que preocupaba a Don Antonio Machado cando escribía os seus Proverbios e Cantares e, particularmente, Juan de Mairena, ao que facía dicir: “a patria é, en España, un sentimento esencialmente popular, do cal adoitan xactarse os señoritos”.

TEMAS: Cultura.- Culturas escolares.- Culturas do poder social.- Linguaxe e verdade.- Dúas Españas hoxe?

MMC (20.03.2026).

29 jul 2021

A COVID-19 AMOSA, ADEMAIS DOUTRAS, A GRAN FENDA DIXITAL

Xa non é mera prevención ou presaxio de futuro. Temos datos precisos por idades e referencias ao acceso, uso habitual, e uso relevante de Internet.


Igual que coa lectura e os seus graos, os niveis destes dous aspectos son moi significativos; non abonda a posibilidade de acceso, senón que estamos nunha etapa de desenvolvemento tecnolóxico que, trala contribución indirecta da Covid-19 ao acelerón de cambios sociais, o uso que impoñen as TIC dependerá da comprensión que teña cada usuario deste instrumental tecnolóxico.


Xa están visibles, cada vez máis, as diferenzasque marcan, por idades, por xénero e por rexións ou áreas territoriais, os grupos e cohortes de cidadáns e cidadás que, no momento actual, teñen maiores problemas nestas formas de comunicación. Por exemplo, ser muller, ter máis de 75 anos e vivir nunha zona en que o uso dalgunhas delas -máis aló do móbil como teléfono tradicional- teña dificultade de conexión, é indicio case seguro de exclusión de moitas das expectativas actuais.


Nos trámites administrativos e xestións ante as entidades bancarias o seu vigor xa é condicionante de moitas transaccións cotiás e medra o número de persoas que se senten como especies en vía de extinción ou, cando menos, desprotexidas ante a avalancha de situacións para as que non teñen a alfabetización imprescindible. Repítese, noutro plano, un problema endémico na cultura española, ligado á tardanza en resolver o outro analfabetismo do saber ler e escribir, sen que se resolvese satisfactoriamente aínda o semianalfabetismo que, tantas veces traslocen múltiples manifestacións. No apartado dos Pactos da Moncloa de 1977 sobre urxencias educativas, ben patente quedou a necesidade de prazas escolares que desdiciu toda a parafernalia retórica que, desde o golpe de Estado do 36, torpedeou os plans escolares da II República; e no Informe PIAAC de 2013 (da OCDE), aínda se poden ver mostras significativas de como o duro analfabetismo está presente nas cohortes dos que eran nenos nos anos cincuenta, a quen “a liberdade de elección” no exercicio deste dereito fundamental foilles negada radicalmente. Ademais, mentres preme a fenda dixital, entre os problemas e carencias que segue tendo o noso sistema educativo, ben está claro igualmente a dificultade que, para titular na etapa obrigatoria- ten case un terzo dos adolescentes aos seus 16 anos.


Suma e segue

Como outras moitas historias da nosa vida concreta -tan distinta da que os medios adoitan manexar para seducirnos-, a fenda educativa extensa -que inclúe a dixital- xa está incrustada nos nosos hábitos como “algo natural” pese a tantas reformas e contrarreformas. Está aí como o estivo o mal pasar crónico dunha cultura de andar a medias en case todo e crendo, ademais, que o noso era especialmente magnífico, extraordinario e ata -segundo moitas leccións que nos fixeron recitar- contaba con protección do ceo. Non cabían nese relato tan infantilizado os máis mínimas físgoas de crítica nin de glosa marxinal razoable; todo era perfecto. Tanto, que algúns prohomes da palestra política, non se sabe se por defecto cognitivo ou por brincadeira co twiter partidista, seguen dicindo cousas en público como a de que o problema da República foi a disxuntiva entre “democracia sen lei ou lei sen democracia”, tese tan doutrinaria que supera todos os revisionismos e, dun golpe, elimina a responsabilidade dos sectores reaccionarios no que lle fixeron a un Estado democrático e ás expectativas de convivencia de cantos o votaran; nesta sentenza de ínfulas aparentes, quedou xustificada, ademais, a insana violencia autoritaria que seguiu, segundo uns ata 1978 e, segundo moitos outros, polo menos ata 1981; parece que fose pouco e que os españois merecesen máis trato deste estilo simplista e desvergoñado.


Deste cariz, veñen sendo con intensa rumoroloxía moitas mensaxes que circulan polas redes desde que o conservadurismo perdeu o control do Goberno central, sen máis obxectivo didáctico que propagar o despiste. Independentemente de que sexa unha estratexia elaborada para desgastar á coalición gobernante, parece que desexen que canta máis xente ignore a nosa “Historia actual”, mellor, e que canta máis comparta a idea de que é opinable -como calquera cor de moda-, mellor. Canta máis ignorancia haxa da Historia baseada na documentación acumulada nos arquivos, e non ter unha explicación veraz do acontecido, máis manipulable será o presente. Do mesmo xeito, xa que logo, canto máis profesor de Ciencias Sociais Historia da Arte, Filosofía ou Literatura, teña medo a explicar canto conecta directamente co noso presente, máis fácil resultará a aposta por un conservadurismo que incapacite para mover nada. Mark Twain dicía dos señoritos sureños de Misuri que se empeñaban en que os escravos lles limpasen as botas e que, despois, desprezábanos porque deduciran que só valían para iso.


Séguese levando, como “algo natural”, a ignorancia como método de felicidade -ese anhelo de perfís imprecisos-, que así queda máis vaga como obxectivo publicitario das vidas persoais e convivenciais. Alegan os que o propugnan que o afán de saber obedece a ganas de molestar a tranquila vida cotiá; din que os que avogan por un coñecemento consistente e razoado de canto suceda antes, queren “reescribir” a Historia. Deste xeito, torpedean non só a Historia, senón a nova Lei de Memoria Democrática; saben que nunca se repiten os feitos -pois non estamos ante unha moviola do tempo-, e queren controlar o relato como algo exclusivamente seu. Baixo o pretexto reiterado de “non desenterrar vellas feridas, nin descoser o perdón que selaron os nosos pais e avós”, non recoñecen o dereito á verdade da variada gama de sufrimentos que as vítimas do pasado fascista tiveron que sufrir e da que aínda moitos son testemuñas.

Cultura relevante

A Covid-19 coa súa maraña de cansazo e problemas inducidos non é bo momento para parar esta propensión á ignorancia que moitos desenvolven conscientemente. Igual que na rúa triunfan as terrazas dos bares sobre o silencio tranquilo dos veciños, en moitos centros ten prevalencia dispoñer dunha boa cafetería no canto dunha boa biblioteca e que sexa moi usada. Todo se volverá cada vez máis fráxil se as nosas escolas, colexios e institutos non medren na súa capacidade de propagar coñecemento, saber e boa comunicación respecto do que nos pasa; se os que a elas acoden non perciben o beneficio que poidan traerlles a súa obrigatoriedad, a superación da fenda dixital seguirá confirmando a obsolescencia que, en moitos aspectos, detentan. O dixital por se só é un instrumento cada vez máis urxente e imprescindible, que se non vehicula nada valioso -e non o manexan docentes ben formados profesionalmente- será unha prótese inútil e, ata, atafegante, no mesmo ronsel de moitos xeitos tecnocráticos do pasado, que intentaron innovar sen cambiar nada substancial no sistema educativo.


É máis, historias como a da sentenza recente do TC (Tribunal Constitucional) á propósito do Estado de alarma, ou a do líder do PP a prol do silencio sobre o pasado histórico recente, fortalecen rutinas e valores establecidos como tradicional “cultura interna” de moitos centros educativos. Facendo máis “natural” o seu inmobilismo, a súa contribución á comprensión da realidade social será cada vez menor; pouco valiosa pola cerrazón a formulacións humanistas, consolidará as neolinguaxes dominantes e o que as modalidades do conservadurismo demandan para que a educación sexa rendible.

TEMAS: Políticas educativas. Fenda dixital. Semianalfabetismo. Culturas escolares. Alfabetizacións segregadoras.

Manuel Menor Currás
(Madrid, 29.07.2021)