A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Capitalismo extractivo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Capitalismo extractivo. Mostrar todas las entradas

8 dic 2025

Entre textos e contextos, pretextos e hipertextos, dubidamos máis.

Sucédense os acontecementos en que as argucias do nominalismo pretenden despistar e cansar ao persoal votante

 

As ciencias, como dicía La Verbena de la Paloma, avanzan unha barbaridade, e talvez non sexa o último acontecemento nos noticiarios pero, sen dúbida, é  significativo que o xerente do Hospital Universitario de Torrexón de Ardoz  explicase estes días que non é el quen fai os diagnósticos nin as listas de atención aos pacientes. Malinterpretarase ou non “fóra de contexto”, non pode dicir que o que dixera non tivese como “pretexto”, razón ou motivo neurálxico a predilección neoliberal que quen revise “hipertextos” da rede, ou vídeos e apuntamentos de canto se ensina nas escolas de negocios, pode ver que anima a quen anceia ser emprendedor. Aínda que ese “texto” se dixese no “contexto” interno da xestión do negocio ao que serve, non hai modo de eliminar dúas premisas evidentes. Unha: que para mellorar, eficientar, rendibilizar, optimizar e maximizar a oportunidade de xestionar recursos detraídos dos orzamentos públicos, a concesión administrativa do servizo sanitario debía xestionarse dentro dos canons do máis puro capitalismo. E dous: que non se había de facer en plan ONG, sen ánimo de lucro, nin como expresión de xustiza social distributiva. O deber de gañar máis con menos é aspiración da libre concorrencia da Economía política clásica, en que a rendibilidade dun monopolio, sen competencia, detráese da atención ao número de pacientes asignados. Cantos menos servizos se lles presenten, ou canto máis se demoren as listas de casos complicados, os beneficios por unidade de tempo empregada son signo de boa administración, e dunha racionalidade en que os valores morais han de ser contables e o que lles pase aos demais non conta.

 

Julie Mehretu: "Stadia II" (2004).

O “texto” en cuestión serviu, neste “contexto” específico, de “pretexto” para que a presidenta da Comunidad de Madrid saíse ao paso de “ataques infundados por motivos  políticos” que, segundo o CEO de Ribera Saúde –empresa que controla outros hospitais- puxeron en circulación “malintencionadas interpretacións”. Na súa opinión, non habería “irregularidades” e “calquera persoa que use a Sanidade de Madrid para facer negocio e que faga prevalecer unha vida sobre outra terá unha resposta contundente e sen paliativos”. Por tanto, no citado Hospital todo é correcto: non sucedeu o que din que dixo este xestor; “outra cousa é que el propuxese unha idea que é inasumible”. Pois ben, aínda supoñendo que se trate de algo filtrado ao medios –xesto a que xa están afeitos os cidadáns en moitos outros asuntos-, e que fose descontextualizado das circunstancias en que se pronunciou, suscita escándalo ao facer intelixibles decisións que, por moito que se queiran descafeinar, correspóndense co que moitos cidadáns viven. Vén ser o libreto dunha partitura repetitiva que os usuarios de servizos públicos sofren de contino, non só en asuntos de Saúde. En Educación, non outra cousa viron na xestión dos recursos públicos que as Comunidades lles proporcionan. Con haber diferenzas nalgúns sitios, e nuns ou outros momentos do pasado, pode asegurarse que, no que ao dereito de Educación se refire, o desenvolvemento do artigo 27 da CE78 nos últimos 47 anos non foi moi distinto do remarcado no texto do xerente do Hospital de Torrexón. Sen referencias ao contexto vital dalgunhas políticos ou políticos implicados, tamén en Madrid –espazo pioneiro para outras Comunidades-, talvez o ano 2003 sexa co “Tamayazo” sexa o gran referente de canto -sen moita memoria do acontecido desde 1938- serve de pauta política central. O seu ritmo de predictibilidade, óptimo para intereses privados, fortalécese a conta de erosionar a rede educativa pública-pública. Co favor da Administración e axentes sociais moi activos, a cadea de valor que se xerou garantiu un retorno, sostible no tempo de varias lexislaturas, de capital económico e social.

 

O adxectivo “publico-público” sinala o nó de acción socioeconómica, cultural e política que opera no sistema universitario,  sobre todo, desde o Decreto 557/ 1991, do 12 de abril –sobre creación e recoñecemento de universidades privadas- o mesmo que, o ano anterior, empezara a consolidarse no sistema escolar coa LODE. As subvencións, concesións e concertos para atender servizos correspondentes a un dereito social, préstanse a confusión ao chamar “público” a un negocio privado, ben teña rendibilidade económica ou ideolóxica. A confusión, tanto se trate de colexios como de hospitais, é unha trampa visual, que fai máis verdade o escándalo do cuestionado texto sanitario. En Educación, é repetitivo e, en moito casos, máis preciso que en Sanidade; este modo metódico de proceder é o dun MODELO experimentado no ámbito educativo desde o século XIX, que se estendeu ao hospitalario desde 1999, en Alzira.

 

Aos poucos  , vai calando cal pinga malaia na xestión do público a medida que o conservadurismo gana adeptos. A idea é atender diferencialmente a “os selectos”. Non maximiza cidadáns, pero fai medrar os clientes e votantes. En educación, hai mozos e mozas que, por razóns socioeconómicas e similares, son candidatos ao “fracaso escolar” desde antes de ir á escola. Atendelos a todos equitativamente, de modo que as prestacións escolares se adapten ás necesidades de cada un, é máis caro. Desde o punto de vista económico, é máis barato, en cambio, dar a entender que se atende ben aos que, pase o que pase, sempre saen ben parados; o resultado da escolarización dos demais é aleatorio e –como os pobres do Evanxeo- sempre hai un tanto por cento, bastante alto en España; se miramos rendementos en lectura –como fan os informes PISA, ou indicadores de “abandono temperán” e “repeticións de curso”-,  son un “fracaso”. O sistema escolar desenténdese deles con diversos  “pretextos” con políticas educativas que fan de filtro ao sistema produtivo dominante. Nunca ten orzamento suficiente para atender o problema e o seu “contexto” máis expresivo proporciónao unha formación do profesorado que, raras veces, é a apropiada ás urxentes necesidades dun alumnado crecentemente plural e diversas necesidades de atención. Por isto crece o número de profesoras e profesores desmotivados e, tamén, decisións tendentes, por exemplo, a favorecer que algunhas materias sexan impartidas por docentes sen os requisitos establecidos desde 2009. O “hipertexto” educativo reinante –acorde con “textos” paralelos como este da Sanidade madrileña-, dá pé para preguntar se lle interesa a alguén unha cidadanía consciente e de verdade autónoma.

 

TEMAS: Política económica e Economía política.- Dereitos sociais e servizos.- Xustiza social.- Capitalismo extractivo.- Trampas visuais informativas.

 

MMC (08-12-2025). 

9 jul 2020

A reconstrución é a hora da verdade





En Educación, Sanidade e Dependencia, mostraremos ata onde chega a nosa unidade de cidadáns ou nosa particular selectividade


En momentos de “reconstrucción” vese ben ata onde alcanza a suposta caridade, solidariedade ou beneficencia; hai quen non quere que todos -polo feito de ser cidadáns- teñan dereito a iso que chamabamos “Estado de Benestar”. Agora, na “nova normalidade”, non sabemos ben como chamalo, pero cada cal, ante a “reconstrucción” exhibe os seus proxectos.


Ás voltas coa pedra filosofal

Esta pandemia, separadamente dos problemas económicos en que nos meteu, deixou a Educación bastante patas para arriba; tamén o fixo coa Sanidade e a Dependencia das persoas da terceira idade. As carencias institucionais quedaron ao aire, e moitos profesionais -os que arriscaron o seu tempo, e ata as súas vidas- empezaron a pedir que se deixen os aplausos e ditirambos; á volta do verán, reiterarán a súa esixencia de que se abandone o ridículo declamatorio e se atendan as infraestructuras en que teñen que traballar.

No medio de tanto lirismo estéril, tamén sucedeu que se quixo salvar a “función social” que supostamente desempeñan cantos, desde a iniciativa privada, montaron os seus negocios en torno a obrigacións universais do Estado democrático. Para moitos xestores políticos, responsables sobre todo nas autonomías de tales competencias, esta é a súa pedra filosofal ou crecepelo que teñen sempre a man, cando non todo o monte é ourego e quen mellor o saben son os cidadáns sufridores dos desaguisados que, con tan comodona xestión, causan ao bo uso dos orzamentos de todos. Deste tipo de empresas, nunca se nos conta onde reside a súa parte rendible; todos sufrimos, con todo, atrasos cando máis nos fan falta e, en moitos casos, unha estrita discriminación acorde co principio que consideran inalterable: o que pode ser negocio non é asunto de xustiza social.


Capitalismo extractivo é isto, do que estes políticos teñen a chave para dar concesións e público cativo a quen consideran adeptos, normalmente empresas e grupos cos que teñen vínculos. Nestes casos, o soniquete da “ideoloxía” é unha mala escusa pola que tratan por todos os medios -teñen moitos- de que os demais lles  dean a razón e que non teñan “ideas” contrarias ás súas. Cren que a súa doutrina é a “normalidade”, o “natural”, e pretenden dotala de tal prestixio que valla para recriminar a cantos pensen: xa pensan eles por todos.

Construír

En El conde Lucanor hai un fermoso conto -moi didáctico- sobre o rei espido. Vale agora mesmo para esta “construcción”, cando tanto pode axudar a memoria; pódese un acordar de como eran antes estes servizos, por exemplo fai máis de cincuenta ou setenta anos, e como non se deixou que fosen. E pódese documentar, polo menos para non repetir monsergas como as que se volven a oír, cando do que tratan é de vixiar e seguir controlando que non se descabale unha situación privilexiada. Claro que tamén poden seguir vivindo do conto, ata que a realidade deixe ao espido as vergonzas que preocupaban a Don Juan Manuel en 1335.

A todo pódese afacer un, incluídas as mentiras con que se trata de convencer aos demais de que a súa é a verdade e toda a verdade. Nesa cadea, quen menos perden son os que viven de poñer a cara por outros, tratando de sentirse superiores cando serven aos colonizadores da vida dos demais, a gran escala ou en pequenas doses, e frecuentemente en nome de grandes principios dos que se senten representantes exclusivos. Pero cando con tales xestos resulta prexudicada a gran empresa de vivir que todo cidadán leva ao lombo, o que fan estes cipayos non pasa de milonga. Para desenvolver tan excelsos ideais, han continuar detraendo orzamentos do Estado para que non os invista onde se necesitan.


É estraño que non saiban facer o ben doutro xeito, cando tanta necesidade hai de persoas entregadas. Menos se entende por que choraron tanto estes días por un reparto de recursos á escola pública. Confirman o de sempre: que lles pareceron sempre poucos os que lles deron, dada a autoestima pola alta misión en que andan. Pero se repasamos a historia das subvencións e concertos educativos en España -non xa desde que Díaz Ayuso creou unha Dirección xeral para atendelos-, senón desde atrás, podemos ver a súa longa desafección co de todos. Vaian ao Concordato de 1851 e moito máis atrás se queren e verano; repasen as sucesivas etapas de Sainz Rodríguez, Domínguez Arévalo, Ibáñez Martín, Ruiz Giménez, Jesús Louro, Lora Tamayo, Villar Palasí, Xullo Rodríguez, Martínez Esteruelas, Carlos Carballos, José Manuel Otero...., que deixaron selectivas pegadas dos seus afectos; veñan se queren a Esperanza Aguirre ou Mariano Rajoy e Pilar del Castillo, e observarán que non fai falta chegar á LOMCE de Wert ou Méndez de Vigo: o repaso do BOE de todos eses anos ofrece verdadeiras xoias documentales para confirmar quen, logo de 1939 e do Concordato de 1953, tiveron, en moitos tramos, a exclusiva do Ministerio de Educación; e como houbo un tempo, non fai tanto, en que a maioría dos titulados “das clases superiores” saían dos seus colexios, e como repartían os abundantes recursos acordemente co seu peculiar modo de exercer unha “función social”. Doña Isabel Díaz-Ayuso ten toda unha confraría de mestres mestres detrás das súas decisións selectas.


A medias

Choran por non querer renunciar a seguir protexendo esta “a súa” herdanza, ata na “nova realidade” Que o 75% dos nenos e nenas españois se queden en segunda división non lles parece mal, con tal de que o seu 25% de cota educativa saiaa mellor parada? De que falamos, entón, cando dicimos que hai que “reconstruír”?


A este paso, por moito que a Covid-19 fose vencida, os rebrotes do excelso pasado afundirán as expectativas da maioría cidadá. Dá igual como estea escolarizada esoutra parte de nenos e nenas: que non teñan medios, profesorado adecuado, espazos coidados, e boa integración dos ensinos On-line? Se sobra con que todo funcione a medias, tanta ansia acaparadora, en exclusiva, non é o apropiado para que a liberdade e a universalidade de que fala o art. 27CE posible; pero é aburrido este ritornello que xa Mariano José de Larra, na súa curta vida, tivo tempo de ver moito, e levouno a dicir en 1834: “Nós deixamos sempre algo que facer para mañá. Nós deixamos as cousas algo escuras para podelas aclarar mañá. Ai daquel día en que non haxa nada que facer, en que non haxa nada que aclarar!”.


TEMAS: Reconstrucións e rebrotes. COVID-19.- Ensino público.- Ensino concertado.- Capitalismo extractivo.


Manuel Menor Currás
Madrid, 05. 07.2020.