A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Teoloxía da Prosperidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Teoloxía da Prosperidade. Mostrar todas las entradas

17 abr 2026

Vance e Trump recorren a sofismas de tinguidura relixiosa

Máis que Teoloxía parece un recurso apropiado para trolas entre adictos ou para quen necesita xustificar o inxustificable.

O que substancialmente ocorre en Oriente Medio é nova ocasión para alianzas e intereses contrapostos. Os xuízos morais que suscita falan, en conflito cos políticos, da longa pelexa dunhas e outras xentes da humanidade por ter razón e, se se dá o caso, impoñela aos demais. As primeiras narracións da Biblia, en particular a do Paraíso de Adán e Eva, a dos seus fillos Caín e Abel e, entre outras moitas a da Torre de Babel, dan conta dunha preocupación antiga por dilucidar quen acerta e, en definitiva, de que vai isto do ben e o mal. Todas as grandes narracións clásicas tiveron esta mesma preocupación, e na historia da Filosofía polarizou as discusións da Ética e a Política.

Ecce Homo. James Ensor, 1891.

Á luz das opinións sobre as referencias relixiosas de Donald Trump sobre o seu papel nesta guerra inútil -en que segue a Netanyahu, gardián das esencias máis carcas do Antigo Testamento-, seguimos nesa gran dilucidación: onde está o ben e onde o mal ou, doutro xeito, quen ten ou non razón. Entre as reaccións que suscitou teñen especial interese as de León XIV porque, a diferenza doutras ocasións en que a diplomacia vaticana preferiu o silencio ou a ambigüidade verbal –ademais doutras moitas en que a súa tradición de poder levou a aliarse cos herdeiros do Antigo Réxime-, este papa vinculou de maneira explícita a institución que dirixe á defensa do dereito internacional e, de paso, á defensa dos débiles. Se xa na súa toma de posesión, posicionárase a favor da que xa era hora de que a Igrexa se incardinara na Historia como exemplo de concordia, tanto nas meditacións que fixo no Vía-Crucis de Venres Santo, como nas últimas declaracións acaba de lembrar que non é hora de exercer o poder dos fortes e da “idolatría do lucro que saquea os recursos da Terra”, engadindo, mesmo: “Xa abonda da idolatría dun mesmo! Xa abonda de guerra!”. A súa viaxe a África é un clamor por unha paz que, cantos o escoitan ou len a súa conta nas Redes, inevitablemente asocian  aos causantes do gran conflito do momento.

Pola súa banda, o presidente colonialista americano, replicoulle que era “terrible en política exterior”. Claramente non é seguidor deste papa: “É unha persoa moi liberal, e é un home que non cre en deter o crime”; sen diplomacia algunha ousou levarlle a contraria –en público- a un papa. Actúa como outros grandes do mundo que pugnasen por poñer esa figura do seu lado. Napoleón Bonaparte púxose el mesmo a coroa imperial na catedral de Nôtre Dáme de París, o 02.12.1804, sen que Pío VII o fixese, rebaixando a súa categoría simplemente a bendicila (Le Sacre de Napoleón que Jacques-Louis David pintou entre 1805 e 1809), pero a Santa Alianza (1815) acabaría rebaixando os seus fumes. Tampouco cesaron no século XX quen optou, na súa “ilusión de omnipotencia”, magnificar o seu ego por riba do que, desde a caída dos Estados Pontificios, tivo máis valor de referencia moral que de estrito poder temporal. Moitas veces o propio Vaticano non o creu, e o século XX foi testemuña de vaivéns , indecisións, alianzas ou concordatos en que a súa hierocrática maneira de mirar aos demais, elixiu sentirse protexida colaborando ou calándose ante flagrantes inxustizas. Ese pseudopoder puido verse ante a Alemaña dos anos 30, igual que na España que vai de 1931 a 1953, que exemplifican sobradamente unha historia, en que os Acordos de 1979 prolongan privilexios de suposta superioridade ética.

Nos anos sesenta, tras o Concilio Vaticano II, pareceu que a Igrexa se inclinaba decididamente polos pobres, como predicaba Xoán XXIII. Entre 1978 e 2005, con todo, Xoán Paulo II procurou reverter esa inclinación cara a un pasado en que a xerarquía se aliaba coa  “boa orde”, xusto cando Reagan e Thatcher abrían paso ao fin da Historia de Francis Fukuyama (1992). A profecía deste propagandista do neoliberalismo acelerouse, e a volta do papa Francisco en 2013 ao ideal do santo de Asís parece inspirar a León XIV a dicirlle aos líderes hexemónicos deste momento o leito do ben que necesitan as xentes da Terra; para convivir en paz, non pouca faena hai por diante para contrarrestar desenfreos economicistas guerreiros, alleos ao interese xeral. É de celebrar que decidise a continuar o labor de Bergoglio cando na encíclica Laudato si (2015) proclamaba que “o clamor da terra e o clamor dos pobres”(punto 49) é a gran cuestión de xustiza social, que urxe un “uso responsable” de recursos dos que non somos “propietarios e dominadores” (punto 2). Segundo dicía, “o desenvolvemento humano integral e a inclusión social” non están “garantidos polo mercado” (punto 109). Cando en 2020 volveu a esta cuestión en Fratelli  tutti, recoñecía que coidar “a dignidade de cada persoa” (punto. 8) e “o mundo que nos rodea e contén, é coidarnos a todos” (punto 17), exactamente o contrario que fan quen “utiliza demagóxicamente aos débiles para os seus fins, ou en formas liberais ao servizo dos intereses económicos dos poderosos” (punto 155). O quecemento global, iniciado na primeira Revolución Industrial e acelerado nos anos do desenvolvismo, rompeu a diferenza entre “Historia Natural” e “Historia humana”. Todo é responsabilidade de todos, inmersos como estamos no que Boucheron chama “crises de inmanencia” (O tempo que nos queda, 2024).

Sexa cal for o sentido político que cada cidadán teña -por crente, ateo ou agnóstico que diga ser-, todos compartimos un “tempo provisional” en que é preciso desaprender o aprendido sobre o crecemento infinito, conxuntar vontades e concretar que deber ser convivir hoxe e como facelo de modo xusto. Parece lóxico, pois, que a ética para propugnar sexa distinta da que Defoe destacou ao final do seu Diario do ano da peste dicindo en 1772 que “cen mil almas levou, pero eu sobrevivo!”. A de Trump , Vance e a súa cuadrilla de prepotentes –e os seus defensores en España- é parecida, especialmente cando invocan unha Teoloxía da Prosperidade que lles sexa propicia. A ninguén se lle escapa a capacidade instrumental de que dispoñen para que, a contrafío dos intereses da inmensa maioría da humanidade, haxa involucionismos contrarios ao benestar común. Cómpre desenmascarar os seus pretextos e argucias verbais para deixar en puro eufemismo as súas mencións á Sanidade, a Educación, a Vivenda e outras necesidades requiridas unha xustiza distributiva sólida e eficiente. Fronte a estes donos dos medios de produción e comunicación, é obrigación moral non deixarse atrapar polas sofisticadas maneiras que vehiculan para seducirnos con que, se nos adscribimos ao xogo narcisista do “gústame”, o seu criterio adictivo do ben faranos libres. Sempre  se repite a escena de Eva cando Deus creador díxolle: “Por que o fixeches?”, e contestou: “A serpe seduciume, e comín” (Xénese. 3,13).

TEMAS: Xustiza internacional.- Hipocrisía moral.- Teoloxía da Prosperidade.- Involucionismo.- Quecemento global.

MMC (16.04.2026)