A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Intereses privados. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Intereses privados. Mostrar todas las entradas

13 feb 2026

Guerra cultural e madricentrismo educador


MAGA crece en Madrid –e outras Comunidades- moi motivada por razóns económicas e, por suposto, simbólicas.

 Make America Great Again (MEIGA)- é dicir, “que EEUU volva ser grande de novo”-  foi un lema político empregado por Trump na súa campaña electoral de 2016; ademais de ser visible nas gorras, encabezou os orzamentos federais naquel mandato lexislativo e volveu ao auxe desde 2024. Os seus antecedentes inmediatos, máis matizados, estiveron nas campañas demócratas de Clinton en 1992, na da súa muller Hillary en 2008, e tamén no “si se pode” da de Barack  Obama en 2009. Pero o creador do lema foi o partido republicano en 1979, cando retrocedía a hexemonía americana: Let´s Make America Great Again. REAGAN ´80. Donald Trump popularizouno entre os americanos que o levaron de novo á Casa Branca e, tamén, entre moitos americanizados doutras partes do mundo. Non se ha de esquecer, con todo, que, co asasinato de Bob Kennedy o 06.06.1968, quedou enterrada a esperanza no “mundo mellor” que defendía o mellor dos Kennedy. No seu país preferiron unha versión conservadora do reverso do dólar, cuxo deseño proclama desde 1935: The United States of America recoñece que In God we Trust, no  novus ordo saeculorum desde 1776, independizados de Inglaterra.

César Baldaccini,(1965). El dedo pulgar

Con motivo do 250º aniversario dese acontecemento, a presidenta da Comunidad de Madrid, para conmemorar que USA siga sendo “o principal faro do mundo libre”, concedeulle a medalla internacional por traballar “a favor da Hispanidade”. Entregaralla a algún representante oficial do Gobierno de Trump que pase por Madrid e, para que non caiba dúbida do seu oportunismo, asiste, na residencia de Trump en Florida , á  The Hispanic Prosperty Gala-, aplaudindo que se ocupe de “poñer fin aos narcoestados que os ditadores de ultraesquerda están a implantar”. Os reproches non se fixeron esperar, e ela non dubidou en dicir, entre outras lindezas, a quen llos facía que eran uns “frustrados” por pretender “illar” a España. Pero delatárase ao usar o presente do verbo “ser” de modo que o “faro” fose o que non é, e tivo que oír que “sempre estaba do lado equivocado da Historia”: a súa parcialidade inclinábaa sempre do mesmo lado. Nas consideracións previas a esta concesión honorífica, non tivo en conta a “cultura MAGA” de Trump, contraditoria cos Dereitos Humanos, o Dereito Internacional, a inclusión do cambio climático na cooperación multilateral ou a soberanía de terceiros países. Á corte de Ayuso non lle importou a maneira que ten Trump de entender  a “liberdade” ou a súa “providencia” absolutista para as empresas americanas, ou como defendendo os seus intereses pola forza reproduce, ao seu antollo –ad libitum-, ao rei francés Luís XIV. Tampouco lles molesta que o seu supremacismo sexa tal que dea igual ser mexicano, venezolano, iraniano, palestino, groelandés, ou europeo en xeral, para que quen non siga os seus ditados se decate pronto, dun ou outro modo, da súa capacidade represora. Tiñan, dentro de USA, os exemplos do ICE ante inmigrantes non ilegais, e contra manifestacións de pluralidade tolerante para convivir e entenderse; en poucos meses, foron múltiples desde Minnesota a Texas, e en calquera cidade, universidade ou institución solvente –incluso o Supremo, ou a Reserva Federal-, en que asomara alguna discrepancia teórica ou práctica co seu ego supremo. Por iso, a alegación da presidenta dos madrileños dicindo que non era a Trump a quen homenaxeaba, senón a EEUU, non é crible. Javier Milei confirma que os seus esquecementos de como a actual administración americana conculca dereitos e maneiras respectuosas de educación con quen non comparten as súas ideas, reafirma a inclinación das súas propias decisións en Madrid e no rumbo que imprime ao liderado de Feijóo desde  a rúa Xénova, cada vez máis propicio a VOX.

A exaltación do que manda

Como na maioría, nesta conmemoración pesa moito a ansiedade de que unha “memoria imposta” -acorde coas decisións que se toman na sede da antiga Dirección Xeral de Seguridade, na Porta do Sol- sexa un escaparate dos intereses do ayusismo. Fronte a toda documentación en contrario, invisibiliza os lados escuros da súa xestión, sobre todo en servizos públicos como Sanidade, Educación e Vivenda, onde fai e refai -ao modo trumpista-, múltiples facetas de vida de cantas persoas conviven en Madrid. A atracción desta cidade para xentes diversas residía en que ninguén se sentía estraño; poucos naceran nela e, segundo repetía Umbral, non pasaba de “poblachón manchego”, onde “a barra de pan debaixo do brazo ” indicaba proximidade e proximidade amigable: ninguén preguntaba a ninguén de onde era, e todos sabían que, para saír adiante, debían axudarse. Os anos sesenta e setenta non foran amables, e o mellor modo de defender “a liberdade” era pelexar de xeito conxunto para poder expresarse sen necesidade de ser tan “intelixentes” como demandaba La Codorniz aos seus lectores. Desde que a “liberdade” trumpista frecuenta o discurso de Ayuso, Madrid é calquera cousa, e non falta quen diga que xa é “Miami-dous”. Foi sucedendo desde o ano 53, en que o pacto cos americanos non só trouxo consigo bases militases en plena Guerra Fría. Tras a Coca-Cola, intensificouse a americanización da vida económica, cultural e social, como intuíu Berlanga en Benvido Mr. Marshall, e os intereses providenciais dos americanos estiveron moi ben atendidos e vixiados en España, mesmo en reformas como a da EXB e o BUP en 1970. 

En 2025, a “guerra cultural” que se libra en EEUU, atopou moitos aliados en España, dispostos a que a versión trumpista de MAGA invada e erosione as conquistas democráticas, máis ou menos fráxiles, dos españois. Retrotraen a “orde do mundo” aos tempos en que falar de dereitos sociais e laborais ou de igualdade era perigoso e, para implantar de novo aquela mentalidade, acosan a Gobernos  inestables, non arranxan nada, pero insultan a cantos tratan de construír unha racionalidade que facilite a convivencia. O seu proxecto, asociado a plans internacionais, pretende seducir a grupos amplos de discrepantes coa poderosa axuda dos donos das plataformas dixitais que, masaxean as súas neuronas a fin de que reclamen xefes “redentores” e os voten. Esta imitación de Joseph Goebbels, axudada por sectores confesionais de diversa crenza, branquea a súa estratexia acorde en que hai que eliminar “o mal”. Na escola, namentres, é dubidoso que quen defende “os dereitos dos nenos” poidan facelo ou tentalo. Hai casos de censura á introdución de maneiras democráticas nas aulas e a xestión dos recursos, ao modo que fai Madrid, sobre todo desde 2003, non é propicia.

TEMAS: Cultura MAGA.- Trumpismo/Ayusismo.- Recursos públicos.- Intereses privados.- Educación común e Democracia.

MMC (13.02.2026)

4 may 2023

Hai alérxenos na vida social


Achéganse as eleccións e crecen as demostracións propicias á desinformación das cidadás e cidadáns.

Segundo denuncian os alergólogos, medra o número de persoas con hipersensibilidade ao contacto con substancias causantes de fenómenos alérxicos.

En 2050, segundo a OMS, a metade da poboación terá algún trastorno deste signo e a molestia consecuente, non sempre fácil de controlar. Son moitas as substancias que poden producila e o cambio climático está a incrementar este angustioso problema contra o que vacinarse non sempre é posible.

Na vida social, imos camiño do mesmo: necesítanse máis antisépticos para contrarrestar eses axentes causantes de reaccións inflamatorias que poden ser invalidantes; igual que o pole dos falsos plataneiros está a facer estragos en moitos pacientes, a proximidade da eleccións, para as que xa case só faltan dous meses, segrega efluvios que poñen en risco as neuronas máis democráticas; a desconexión sináptica que xeran algúns políticos pode deixarnos con desinformación suficiente para desentendernos de canto din que nos afecta. Parece que quixesen cidadáns de discernimiento limitado, que poñan á súa disposición a liberdade que teñen para elixilos.

 Posibles alérxenos sociais

A obsesión por controlar os impulsos dos votantes parece levar aos líderes do PP para queixarse en Bruxelas varias veces; na última semana volveron a ver á presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, e contarlle as súas cuitas sobre a reforma das pensións: “opacidade” e pesada “herdanza” acompañaron a outras queixas de marxinación na xestión de recursos europeos e na próxima presidencia española da UE. Actuaron como os chivatos do cole, que se escusaban nos compañeiros para automarxinarse e ver se lograban apoio dos mestres e ser os seus predilectos. A fórmula secretista ás veces tiña éxito e convertíaos nos cómplices dunha vixilancia inmisericorde cos seus colegas: todo estaba ben, castigos incluídos aos supostos infractores de calquera regra disciplinar, con tal de sentirse superiores.

No paquete de alérxenos desta semana, de similar calibre foi o emprego do termo “autócratas” para referirse a algúns dos xefes de Estado reunidos na XXVIII Cume Iberoamericano, en Santo Domingo, os pasados días 24 e 25 de marzo. A forzada sinapse que podía xerar ese termo coa imaxe que do presidente español trasladan ao electorado tratou de deixar fóra de foco que esa reunión é unha cuestión de Estado á que os seus líderes asistiron e deberán asistir cando volvan ao poder, con independencia de que nela concorran merecedores do deostado termo. Por encantamento, para entón deixarán de selo e ata darán por hipotecada a fotografía de Feijóo no barco dun “amigo” en 1995 e condenado en 2009 por “narco”; a foto, difundida en 2013 , volveu a saír nunha sesión parlamentaria a comezos deste mes.

 Xogos coa liberdade de conciencia

 De todos os xeitos, a última sorpresa para as neuronas do común dos mortais foi o mitin coa participación de Yadira Maestre, a predicadora evanxelista de Usera (Madrid). Ningún demócrata ten nada contra a liberdade de conciencia e de cultos, nin discutirá a liberdade de expresión, dous campos primordiais nos dereitos cidadáns; tampouco se cuestiona que se dea visibilidade a un grupo amplo de inmigrantes latinos, comunidade habitualmente marxinada e moitas veces con problemas de exclusión nos barrios e, tamén, nas aulas escolares. A substancia alérxena non é esa, senón a instrumentalización dese conxunto de situacións carenciales para a propaganda electoral da que as neuronas acusan recibo desde hai tempo.

Moitas cidadás e cidadáns, incrédulos, viron e oído nun mitin do PP, a unha señora colombiana, famosa porque di que, nas súas visións o Espírito Santo, Deus concedeulle, entre outras, a graza de curar o cancro e a “enfermidade da homosexualidade”. O pasado día 25, propagaba o goberno de “os xustos de Deus” para os que lle daban voz pública: Feijóo, Ayuso e Almeida. E quedaron estes “bendicidos”, despois de sumir aos oíntes na cultura ambiental anterior á CE78, en que o palio, as casullas e o incenso eran habituais nos despregamentos publicitarios do réxime nacionalcatólico. Despois do que chamaron “A Cruzada”, o franquismo botara man amplamente da simboloxía que a Igrexa católica podía proporcionarlle para o seu afianzamento no poder, desde o propio acto de “acción de grazas” na igrexa madrileña das Salesas, en maio de 1939. Agora, algúns das mellores esencias daquel tempo preconstitucional recobran forza ao compás do aprecio oportunista –electoralista- aos rituais de ida e volta de Latinoamérica; non precisamente os máis liberadores, senón os que encadean á xente ao fatalismo ao ritmo de mil desprezos ao coñecemento.

Bolsonaro e Trump afianzan o seu imperio ideolóxico en formato de rebeldía twitera, coa mediación destes gurús de barrio en que se mestura, como tantas outras veces, o supostamente relixioso co afán de recoñecemento e supervivencia, de que xa deixou pegada o homo neanderthalis. Queda por ver como o toma a xerarquía católica, hexemónica no uso destes dispositivos culturais desde o século IV despois de Cristo na Península Ibérica, cando o Imperio Romano estaba na súa fase de transición á Baixa Idade Media. Despois da “conquista” de América –e a acción misioneira noutros continentes-, a competencia con confesións e seitas de cosmogonías similares nun mesmo territorio expón problemas culturais e, por suposto, políticos. Empeñada a xerarquía católica, desde antes de 1936, en “recatolizar” España, e ocupada en 1977-79, en asinar uns Acordos que lle garantisen privilexios no ensino, e en cuestións morais que incumben a dereitos e liberdades, a liberdade de conciencia anda lonxe aínda. Aínda que empeza agora a pagar algúns impostos aos concellos, a súa educación na unidade da fe séguese amparando, como fixo durante máis de 80 anos, na subsidiariedade do Estado. Estéril foi, en todo este traxecto, o que John Locke explicara en 1689 sobre quen forza a outros a “crer cousas que non cren”; non desexan “formar unha Igrexa cristiá” senón que o fanatismo empregaba “o pretexto da relixión e do coidado das almas para encubrir a avaricia, a rapinae a ambición”.

TEMAS: Liberdade de conciencia.- Liberdade de expresión.- Liberdade de voto.- Pretextos relixiosos.- Intereses privados

MMC (29.03.2023)