A opinión dos docentes...non conta?

13 feb 2026

Guerra cultural e madricentrismo educador


MAGA crece en Madrid –e outras Comunidades- moi motivada por razóns económicas e, por suposto, simbólicas.

 Make America Great Again (MEIGA)- é dicir, “que EEUU volva ser grande de novo”-  foi un lema político empregado por Trump na súa campaña electoral de 2016; ademais de ser visible nas gorras, encabezou os orzamentos federais naquel mandato lexislativo e volveu ao auxe desde 2024. Os seus antecedentes inmediatos, máis matizados, estiveron nas campañas demócratas de Clinton en 1992, na da súa muller Hillary en 2008, e tamén no “si se pode” da de Barack  Obama en 2009. Pero o creador do lema foi o partido republicano en 1979, cando retrocedía a hexemonía americana: Let´s Make America Great Again. REAGAN ´80. Donald Trump popularizouno entre os americanos que o levaron de novo á Casa Branca e, tamén, entre moitos americanizados doutras partes do mundo. Non se ha de esquecer, con todo, que, co asasinato de Bob Kennedy o 06.06.1968, quedou enterrada a esperanza no “mundo mellor” que defendía o mellor dos Kennedy. No seu país preferiron unha versión conservadora do reverso do dólar, cuxo deseño proclama desde 1935: The United States of America recoñece que In God we Trust, no  novus ordo saeculorum desde 1776, independizados de Inglaterra.

César Baldaccini,(1965). El dedo pulgar

Con motivo do 250º aniversario dese acontecemento, a presidenta da Comunidad de Madrid, para conmemorar que USA siga sendo “o principal faro do mundo libre”, concedeulle a medalla internacional por traballar “a favor da Hispanidade”. Entregaralla a algún representante oficial do Gobierno de Trump que pase por Madrid e, para que non caiba dúbida do seu oportunismo, asiste, na residencia de Trump en Florida , á  The Hispanic Prosperty Gala-, aplaudindo que se ocupe de “poñer fin aos narcoestados que os ditadores de ultraesquerda están a implantar”. Os reproches non se fixeron esperar, e ela non dubidou en dicir, entre outras lindezas, a quen llos facía que eran uns “frustrados” por pretender “illar” a España. Pero delatárase ao usar o presente do verbo “ser” de modo que o “faro” fose o que non é, e tivo que oír que “sempre estaba do lado equivocado da Historia”: a súa parcialidade inclinábaa sempre do mesmo lado. Nas consideracións previas a esta concesión honorífica, non tivo en conta a “cultura MAGA” de Trump, contraditoria cos Dereitos Humanos, o Dereito Internacional, a inclusión do cambio climático na cooperación multilateral ou a soberanía de terceiros países. Á corte de Ayuso non lle importou a maneira que ten Trump de entender  a “liberdade” ou a súa “providencia” absolutista para as empresas americanas, ou como defendendo os seus intereses pola forza reproduce, ao seu antollo –ad libitum-, ao rei francés Luís XIV. Tampouco lles molesta que o seu supremacismo sexa tal que dea igual ser mexicano, venezolano, iraniano, palestino, groelandés, ou europeo en xeral, para que quen non siga os seus ditados se decate pronto, dun ou outro modo, da súa capacidade represora. Tiñan, dentro de USA, os exemplos do ICE ante inmigrantes non ilegais, e contra manifestacións de pluralidade tolerante para convivir e entenderse; en poucos meses, foron múltiples desde Minnesota a Texas, e en calquera cidade, universidade ou institución solvente –incluso o Supremo, ou a Reserva Federal-, en que asomara alguna discrepancia teórica ou práctica co seu ego supremo. Por iso, a alegación da presidenta dos madrileños dicindo que non era a Trump a quen homenaxeaba, senón a EEUU, non é crible. Javier Milei confirma que os seus esquecementos de como a actual administración americana conculca dereitos e maneiras respectuosas de educación con quen non comparten as súas ideas, reafirma a inclinación das súas propias decisións en Madrid e no rumbo que imprime ao liderado de Feijóo desde  a rúa Xénova, cada vez máis propicio a VOX.

A exaltación do que manda

Como na maioría, nesta conmemoración pesa moito a ansiedade de que unha “memoria imposta” -acorde coas decisións que se toman na sede da antiga Dirección Xeral de Seguridade, na Porta do Sol- sexa un escaparate dos intereses do ayusismo. Fronte a toda documentación en contrario, invisibiliza os lados escuros da súa xestión, sobre todo en servizos públicos como Sanidade, Educación e Vivenda, onde fai e refai -ao modo trumpista-, múltiples facetas de vida de cantas persoas conviven en Madrid. A atracción desta cidade para xentes diversas residía en que ninguén se sentía estraño; poucos naceran nela e, segundo repetía Umbral, non pasaba de “poblachón manchego”, onde “a barra de pan debaixo do brazo ” indicaba proximidade e proximidade amigable: ninguén preguntaba a ninguén de onde era, e todos sabían que, para saír adiante, debían axudarse. Os anos sesenta e setenta non foran amables, e o mellor modo de defender “a liberdade” era pelexar de xeito conxunto para poder expresarse sen necesidade de ser tan “intelixentes” como demandaba La Codorniz aos seus lectores. Desde que a “liberdade” trumpista frecuenta o discurso de Ayuso, Madrid é calquera cousa, e non falta quen diga que xa é “Miami-dous”. Foi sucedendo desde o ano 53, en que o pacto cos americanos non só trouxo consigo bases militases en plena Guerra Fría. Tras a Coca-Cola, intensificouse a americanización da vida económica, cultural e social, como intuíu Berlanga en Benvido Mr. Marshall, e os intereses providenciais dos americanos estiveron moi ben atendidos e vixiados en España, mesmo en reformas como a da EXB e o BUP en 1970. 

En 2025, a “guerra cultural” que se libra en EEUU, atopou moitos aliados en España, dispostos a que a versión trumpista de MAGA invada e erosione as conquistas democráticas, máis ou menos fráxiles, dos españois. Retrotraen a “orde do mundo” aos tempos en que falar de dereitos sociais e laborais ou de igualdade era perigoso e, para implantar de novo aquela mentalidade, acosan a Gobernos  inestables, non arranxan nada, pero insultan a cantos tratan de construír unha racionalidade que facilite a convivencia. O seu proxecto, asociado a plans internacionais, pretende seducir a grupos amplos de discrepantes coa poderosa axuda dos donos das plataformas dixitais que, masaxean as súas neuronas a fin de que reclamen xefes “redentores” e os voten. Esta imitación de Joseph Goebbels, axudada por sectores confesionais de diversa crenza, branquea a súa estratexia acorde en que hai que eliminar “o mal”. Na escola, namentres, é dubidoso que quen defende “os dereitos dos nenos” poidan facelo ou tentalo. Hai casos de censura á introdución de maneiras democráticas nas aulas e a xestión dos recursos, ao modo que fai Madrid, sobre todo desde 2003, non é propicia.

TEMAS: Cultura MAGA.- Trumpismo/Ayusismo.- Recursos públicos.- Intereses privados.- Educación común e Democracia.

MMC (13.02.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario