A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Xustiza social. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xustiza social. Mostrar todas las entradas

8 dic 2025

Entre textos e contextos, pretextos e hipertextos, dubidamos máis.

Sucédense os acontecementos en que as argucias do nominalismo pretenden despistar e cansar ao persoal votante

 

As ciencias, como dicía La Verbena de la Paloma, avanzan unha barbaridade, e talvez non sexa o último acontecemento nos noticiarios pero, sen dúbida, é  significativo que o xerente do Hospital Universitario de Torrexón de Ardoz  explicase estes días que non é el quen fai os diagnósticos nin as listas de atención aos pacientes. Malinterpretarase ou non “fóra de contexto”, non pode dicir que o que dixera non tivese como “pretexto”, razón ou motivo neurálxico a predilección neoliberal que quen revise “hipertextos” da rede, ou vídeos e apuntamentos de canto se ensina nas escolas de negocios, pode ver que anima a quen anceia ser emprendedor. Aínda que ese “texto” se dixese no “contexto” interno da xestión do negocio ao que serve, non hai modo de eliminar dúas premisas evidentes. Unha: que para mellorar, eficientar, rendibilizar, optimizar e maximizar a oportunidade de xestionar recursos detraídos dos orzamentos públicos, a concesión administrativa do servizo sanitario debía xestionarse dentro dos canons do máis puro capitalismo. E dous: que non se había de facer en plan ONG, sen ánimo de lucro, nin como expresión de xustiza social distributiva. O deber de gañar máis con menos é aspiración da libre concorrencia da Economía política clásica, en que a rendibilidade dun monopolio, sen competencia, detráese da atención ao número de pacientes asignados. Cantos menos servizos se lles presenten, ou canto máis se demoren as listas de casos complicados, os beneficios por unidade de tempo empregada son signo de boa administración, e dunha racionalidade en que os valores morais han de ser contables e o que lles pase aos demais non conta.

 

Julie Mehretu: "Stadia II" (2004).

O “texto” en cuestión serviu, neste “contexto” específico, de “pretexto” para que a presidenta da Comunidad de Madrid saíse ao paso de “ataques infundados por motivos  políticos” que, segundo o CEO de Ribera Saúde –empresa que controla outros hospitais- puxeron en circulación “malintencionadas interpretacións”. Na súa opinión, non habería “irregularidades” e “calquera persoa que use a Sanidade de Madrid para facer negocio e que faga prevalecer unha vida sobre outra terá unha resposta contundente e sen paliativos”. Por tanto, no citado Hospital todo é correcto: non sucedeu o que din que dixo este xestor; “outra cousa é que el propuxese unha idea que é inasumible”. Pois ben, aínda supoñendo que se trate de algo filtrado ao medios –xesto a que xa están afeitos os cidadáns en moitos outros asuntos-, e que fose descontextualizado das circunstancias en que se pronunciou, suscita escándalo ao facer intelixibles decisións que, por moito que se queiran descafeinar, correspóndense co que moitos cidadáns viven. Vén ser o libreto dunha partitura repetitiva que os usuarios de servizos públicos sofren de contino, non só en asuntos de Saúde. En Educación, non outra cousa viron na xestión dos recursos públicos que as Comunidades lles proporcionan. Con haber diferenzas nalgúns sitios, e nuns ou outros momentos do pasado, pode asegurarse que, no que ao dereito de Educación se refire, o desenvolvemento do artigo 27 da CE78 nos últimos 47 anos non foi moi distinto do remarcado no texto do xerente do Hospital de Torrexón. Sen referencias ao contexto vital dalgunhas políticos ou políticos implicados, tamén en Madrid –espazo pioneiro para outras Comunidades-, talvez o ano 2003 sexa co “Tamayazo” sexa o gran referente de canto -sen moita memoria do acontecido desde 1938- serve de pauta política central. O seu ritmo de predictibilidade, óptimo para intereses privados, fortalécese a conta de erosionar a rede educativa pública-pública. Co favor da Administración e axentes sociais moi activos, a cadea de valor que se xerou garantiu un retorno, sostible no tempo de varias lexislaturas, de capital económico e social.

 

O adxectivo “publico-público” sinala o nó de acción socioeconómica, cultural e política que opera no sistema universitario,  sobre todo, desde o Decreto 557/ 1991, do 12 de abril –sobre creación e recoñecemento de universidades privadas- o mesmo que, o ano anterior, empezara a consolidarse no sistema escolar coa LODE. As subvencións, concesións e concertos para atender servizos correspondentes a un dereito social, préstanse a confusión ao chamar “público” a un negocio privado, ben teña rendibilidade económica ou ideolóxica. A confusión, tanto se trate de colexios como de hospitais, é unha trampa visual, que fai máis verdade o escándalo do cuestionado texto sanitario. En Educación, é repetitivo e, en moito casos, máis preciso que en Sanidade; este modo metódico de proceder é o dun MODELO experimentado no ámbito educativo desde o século XIX, que se estendeu ao hospitalario desde 1999, en Alzira.

 

Aos poucos  , vai calando cal pinga malaia na xestión do público a medida que o conservadurismo gana adeptos. A idea é atender diferencialmente a “os selectos”. Non maximiza cidadáns, pero fai medrar os clientes e votantes. En educación, hai mozos e mozas que, por razóns socioeconómicas e similares, son candidatos ao “fracaso escolar” desde antes de ir á escola. Atendelos a todos equitativamente, de modo que as prestacións escolares se adapten ás necesidades de cada un, é máis caro. Desde o punto de vista económico, é máis barato, en cambio, dar a entender que se atende ben aos que, pase o que pase, sempre saen ben parados; o resultado da escolarización dos demais é aleatorio e –como os pobres do Evanxeo- sempre hai un tanto por cento, bastante alto en España; se miramos rendementos en lectura –como fan os informes PISA, ou indicadores de “abandono temperán” e “repeticións de curso”-,  son un “fracaso”. O sistema escolar desenténdese deles con diversos  “pretextos” con políticas educativas que fan de filtro ao sistema produtivo dominante. Nunca ten orzamento suficiente para atender o problema e o seu “contexto” máis expresivo proporciónao unha formación do profesorado que, raras veces, é a apropiada ás urxentes necesidades dun alumnado crecentemente plural e diversas necesidades de atención. Por isto crece o número de profesoras e profesores desmotivados e, tamén, decisións tendentes, por exemplo, a favorecer que algunhas materias sexan impartidas por docentes sen os requisitos establecidos desde 2009. O “hipertexto” educativo reinante –acorde con “textos” paralelos como este da Sanidade madrileña-, dá pé para preguntar se lle interesa a alguén unha cidadanía consciente e de verdade autónoma.

 

TEMAS: Política económica e Economía política.- Dereitos sociais e servizos.- Xustiza social.- Capitalismo extractivo.- Trampas visuais informativas.

 

MMC (08-12-2025). 

11 may 2023

Cara a unha Xustiza educativa?


Ao fin sabemos que a xustiza e a equidade social en asuntos escolares é un invento para xerar envexa e rancor; nin sequera merecen caridade.

Faltan escasos días para as eleccións, e medran as promesas. O de menos é se resolven algo. Aínda que sexan imposibles, realzan con precisión a conta e razón das políticas reais en que poñen énfase os candidatos. Ás veces, mesmo axudan a reformular explicacións do pasado; a luz que deitan sobre modos de proceder cos asuntos públicos, fan que os feitos cumpran a súa inexorable función de dicilo todo dos seus facedores.

O pasado no presente

Os tempos preelectorais precisan a xenealoxía das cuestións que saltan á palestra; parece que por fin van ser atendidas e que as palabras se corresponderán ao fin coas cousas. É o momento, pois, de preguntarse como é posible que, no extenso corpus lexislativo de Educación, sexan menos as solucións que as repeticións dos problemas. A suposta pretensión de “reformalos” deixa a moitas persoas fóra mentres os enlamados seguen aí, ata que a seguinte reforma volve mencionalos.Nun tempo longo, como o que vai, por exemplo, desde 1857 ata a LOMLOE, as carencias subxacentes do sistema escolar, coma se fosen parte da paisaxe parecen connaturais. Só de cando en cando os tempos electorais fanos reaparecer mortecinamente. Sorprende, por exemplo, que as xeracións de posguerra advertisen durante moito tempo que ter un posto escolar era un privilexio, porque había moitos mozos e mozas que non alcanzaron a telo. O propia lexislación da época era consciente desa estrita materialidade física; desde 1938, en que se reformou o Ensino Medio unha etapa en parte equivalente á Secundaria actual-, esta mención fíxose recorrente noutras leis relevantes de 1949, 1953, 1965 e 1970, incluíndo tamén a Primaria, onde era aínda máis perentoria o problema. En 1977, os Pactos da Moncloa testemuñarían o inatendido que estivera o dereito primordial da educación, a suposta “igualdade de oportunidades” e o seu mundo conexo. Das súas consecuencias aínda daría conta en 2013 o Informe PIAAC da OCDE/OCDE con datos daquelas cohortes demográficas que, roldando os 65 anos, mostraban pegadas expresivas do analfabetismo crónico de moitos dos nados despois da Guerra.

En 1970, ampliouse a universalidade educativa ata os 14 anos de idade, en 1990 volveu estender ata os dezaseis, e despois veuse reclamando a súa extensión ata os 18. Despois da CE78, púidose advertir que desaparecía aos poucos o problema da escolarización. Con todo, como nas matrioskas rusas, advertíase que había outro problema subxacente do que as repeticións de curso e o “abandono” temperán eran bo síntoma: o sistema escolar non tiña o valor debido na vida dos educandos. Persistían problemas de fondo: grandes diferenzas dunhas a outras prazas escolares e limitacións de medios e recursos nas de moitos barrios. As demandas de moitas asociacións de veciños e profesores seguen indicando, ademais, que o substrato problemático continúa; nin o acceso a todas é igual, nin o que se fai dentro de cada unha é o mesmo: na realidade das aulas pervive un sistema educativo desigual. É dicir,que tanto na xestión do conxunto, como na percepción que cada educando ten dan súa equidade, estar escolarizado non implica ter unha educación digna, nin tampouco igual á doutros da mesma idade. Todo indica que, aínda que no tránsito do últimos cincuenta anos fose habitual falar de “fracaso escolar” dos e as estudantes, o que de verdade segue habendo é un fracaso do sistema de ensino, que xera unha chea de estudantes aburríndose, sen saber que pintan nese tempo da escola, e moitos outros que tratan de saltar barreiras para unha acreditación na vida laboral que mereza a pena.

Xustiza educativa

Poucas veces tomouse ao alumnado como suxeito central do sistema, en que poida estar educado de modo personalizado e na súa circunstancialidade; case sempre é máis o seu obxecto e pretexto, pouco adaptativo. Os responsables da escola, igual que os de Sanidade, viñeron a mostrar que a atención dos profesionais destes servizos ha de rexerse por pautas que, se ao cidadán sonlles imposibles, a culpa sexa do cidadán: o fracaso é seu por non ser “normal”. Educar, igual que sanar, parece que non deba facerse de modo menos frío e aséptico. Élle máis fácil e creno máis barato. En vésperas electorais atopouse a solución a este arduo problema; era raro que a Intelixencia artificial non detectase a solución, cando bastaba con adestrar os algoritmos coas solucións que se daban a “a cuestión social”. A pelexa por lograr un Estado social ademais de longa, era ardua e Cánovas del Castillo deu a entender no Ateneo madrileño que, para arranxar estes problemas, chegara a hora de que a Economía política, e o libre mercado tiñan que dar paso a leis protectoras da parte débil da sociedade. Chegara a hora da “Política económica”,co Estado garantindo unha lexislación e institucións atentas aos problemas, e en 1900, coa Lei de Accidentes de Traballo, tivemos en España a primeira lei social do corpus lexislativo. Faltaba moito para un mínimo Estado de Benestar, e non sería menos complicado.

En 2023, o guión electoralista han cambiado a Historia dese duro pasado. O negacionismo emitido en Collado-Villalba o pasado día seis, volve a doutrina a tempos en que reinaba como norma suprema o sálvese quen poida. A candidata para renovar mandato na Comunidad de Madrid, poñendo voz ao que fai, xa di que a “Xustiza social”, ese “invento da esquerda”, non é Xustiza senón promoción de “a cultura da envexa, do rancor e de buscar falsos culpables”. Desenvolvementos como o dunha escola pública, equitativa en dignidade para todos sóbranlles: son “intervencionismos liberticidas”. Os menos adeptos ás súas ocorrencias prepotentes advertirían a relevancia que tivo en 2003 aquel creativo “Tamayazo” de 2003, tan fértil en disposicións e leis como a que chaman Lei Mestra. A Historia non lle é útil a esta desmemoriada que, en nome da “liberdade” do ensino, quere facer ver que non ten importancia ningunha que un de cada tres alumnos da súa Comunidade siga sendo candidato ao “fracaso” escolar do sistema que xestiona. Como non son selectos, é irrelevante para o relato que vén contando dunha “calidade educativa” mediocre, abundante en semianalfabetismo .

TEMAS: Cuestión social.-Xustiza distributiva.- Xustiza social. Dignidade da educación pública.- Liberdade do ensino.

 

MMC (10.05. 2023).