Máis
invasoras e adictivas que as analóxicas, as tecnoloxías dixitais, tan próximas
e manuais, requiren pautas que non as fagan perigosas.
Trump
probablemente pasará á Historia por practicar a guerra “por diversión”.
Así o anunciou referíndose á posibilidade de bombardear máis intensamente a
illa de Kharg, centro neurálxico desde onde Irán exporta o 90% do seu
petróleo. E sen dúbida ten potencial tecnolóxico e militar suficiente para
facelo. Esta “divertida” decisión -e non supostos obxectivos “xustos”- vincula as
consecuencias destrutivas desta guerra en miles de vidas humanas, e en medios
de vida de moitos outros, a sentimentos de falsa realidade que xera en moitas
mentes o uso inadecuado de soportes dixitais. Como dixo Laura G. Rivera nun
recente congreso de CCOO sobre Educación e Tecnoloxía (14-15.03.2026):”Internet
non é a realidade” e o gran reto da educación -como sempre- é “traballar a
liberdade de pensar”.
Fixéronse famosas algunhas fotos de escolares que, nunha visita a museos como o Rijksmuseum de Ámsterdam, ante a pintura de Rembrandt, A rolda de noite ou, no Prado de Madrid As Meninas de Velázquez, sentados ao carón e desatentos aos cadros e a toda explicación do seu interese, escoitan, ven e escriben nos seus móbiles con gran concentración. Diante mesmo da Dama da perla, de Vermeer, alguén captou un adulto que, na retrospectiva que lle dedicou o Rijks en febreiro de 2023, contemplábaa, dubitativo, entre o seu móbil e o cadro auténtico. Así mesmo, na experiencia cotiá son habituais, en reunións familiares, recriminacións por actitudes similares, en que non só os máis adolescentes alegan que, se se lles quita o móbil ou o dispositivo electrónico que teñan a man, “abúrrense”.
Pois
ben, se Internet non é “a realidade”, aínda que as tecnoloxías actuais
propendan a facer ver que si, é evidente que no debate acerca do móbil e
a IA na escola, urxe unha revisión profunda dos obxectivos desta na
sociedade, desde a perspectiva do uso e abuso das novas tecnoloxías, a fin
de que a crecente presenza da dixitalización, non mutile as súas prestacións
máis aproveitables. Ademais, fóra da escola, logrou unha presenza difícil
de superar e, previsiblemente, vai a máis, particularmente no que ao mundo
laboral, administrativo e investigador, se refire, onde xa nutre moitos
aspectos relevantes no tratamento rápido da información.
O
dereito dixital na escola
Neurólogos,
pediatras e sociólogos -e pedagogos
preocupados pola interferencia das novas tecnoloxías desde os anos oitenta,
advirten, con todo, de abusos que poden ser nefastos, e veñen coincidir en que,
-como outros útiles da vida humana- necesítanse pautas que permitan instrumentalos
protexendo a saúde e desenvolvemento da infancia e adolescencia. Só
deste xeito, integrándoas na educación de forma segura, crítica e eficaz,
servirán para mellorar a calidade da aprendizaxe e a convivencia.
Hai
estudos serios sobre os riscos de exposición ás pantallas, sobre todo
entre os 0 e os 12 anos de mozos e mozas. Entre os seus consellos figura, por
exemplo , que de 0 a 6 anos, non deben
usar pantallas; de 6 a 12, só unha hora diaria, e de 12 en diante non debesen
pasar de dúas como máximo. Ante unha exposición máis temperá ou un uso excesivo
dentro destes limiares, hai evidencia científica de que os riscos de
alteracións no neurodesenvolvemento -incluído o da linguaxe- incrementan os
problemas de saúde física e mental, e os de rendemento escolar.
Dentro da
normativa, europea e española,, a Lei 26/2018, do 21 de decembro, de dereitos e garantías
da infancia e a adolescencia, nos seus capítulos II e XIV do Título
II, estableceu, de modo
xeral, que os poderes públicos adoptarían as medidas necesarias para protexer os menores de calquera
forma de violencia, incluída a exercida a través das novas tecnoloxías, así como a promoción da
educación e a información para o seu consumo responsable, sostible, crítico e
ético co obxectivo de previr as prácticas abusivas. Pola súa banda, A Carta de Dereitos dixitais, de 2021,
actualizada en 2023, pretendeu garantir un uso seguro dos aparellos dixitais, á
vez que proporcionou unha guía para o seu uso responsable. E no campo
educativo, o Observatorio de Convivencia escolar, elaborou tamén unhas, Recomendacións
para traballar a ciberconvivencia nos centros, desde iniciativas no
ámbito da xestión e na relación co persoal, co alumnado e as familias, ata o
máis pertinente para a formación para a ciberconvivencia e a
intervención en situacións conflitivas. Á súa vez, os decretos de organización e
funcionamento de centros de ensinos non universitarios estableceron, así mesmo,
directrices que promovesen un clima educativo propicio, e as Consellerías
Autonómicas resolveron regular os usos de dispositivos móbiles no horario
escolar dos seus centros educativos.
Unhas e outras preocupacións evidencian
que, por si mesmos, estes medios non son asépticos. As súas plataformas
e algoritmos utilizan os datos persoais dos clientes para que, como coellos de
indias, servir información masiva, moi útil ás empresas para comercializar campañas
de todo tipo de produtos. Como ferramentas, teñen todas as calidades para engaiolar:
son adictivas, adáptanse a cada cliente e están deseñadas para fidelizalo e,
mesmo, manipulalo. Polarizar á opinión pública -con risco da democracia e dos
dereitos sociais- é un risco denunciado reiteradas veces, mentres os seus donos
constituíron rapidamente un oligopolio multimillonario, en que . Microsoft,
Amazon e Google controlan case toda esa información sensible; aínda por
riba, o seu uso aparentemente gratuíto consome
moita auga e enerxía.
O seu entreveramento cos sistemas educativos, as súas actividades e obxectivos, vai a máis e o perigo de que a liberdade de pensamento se reduza, ou que a escola non estea atenta desde as etapas infantís ao obxectivo central de axudar a pensar, crecerá se os docentes non coñecen o seu ecosistema, como funciona e que proveito pedagóxico pode ter en cada área ou proxecto escolar Por iso urxen medidas relativas a sensibilizar, formar e avaliar o seu uso, dirixidas a toda a comunidade educativa, ámbito en que a responsabilidade do profesorado require formación e compromiso, e non é menos importante e básico o coidado, das familias, a fin de que Internet e as Redes sociais potencien, sen riscos, un uso persoal e social beneficiosos para vivir e convivir. Se a contorna familiar non dá exemplo responsable, máis difícil será aínda que nenos e adolescentes medren coa saúde debida. Por “ diversión” como Trump, xogarán nun xogo cuxas regras, como as escopetas de feira, teñen truco.
TEMAS: Dereitos dixitais.- Alfabetización dixital.- Educación común.- Plataformas educativas.- Convivencia escolar, social e dixital.
MMC (16.03.2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario