A opinión dos docentes...non conta?

6 mar 2026

As armas, e a memoria imposta, condicionan o futuro


Poida que o efecto nos petos poña máis cordura nos xuízos sobre a guerra de Trump &Cía contra Irán.

Todo anda revolto e, segundo avanza o mes, achéganse os Idus de marzo, cuxo día 15 do ano 44 a.C. mencionou Shakespeare na súa obra Julio César (1599), poñendo en boca dun dos personaxes estas palabras: Cóidate dos idus de marzo!. Plutarco contara que o previñeran do grave perigo que o ameazaba ese día e como cando ía ao Senado volveran a lembrarllo ante as súas risas “compasivamente”. Antes de acabar aquel día. Bruto e Casio puxeron fin á República e, tras unha serie de guerras civís, Augusto impuxo o imperio político sobre un vasto territorio en que, controlada Hispania, proclamaría a pax  augusta. A esta etapa de autoritarismo sobreveulle no século IV d.C. unha longa crise: a cidade de Roma caeu en mans dos Barbari no ano 476 d. C., e a parte oriental daquel Imperio sobreviviría, como Bizancio, ata 1453.

Ninot 380. Pintor Maella. França Menorca

Os variables gustos, impulsos e estilo de Donald Trump mostran en 2026 unha renovada presenza daquela Pax romana. Ao velo en “modo emperador”, o paso da Historia parece non existir e é tentador, nun bucle inesperado do século XXI, asignar este título aos alardes do 47º Presidente de EEUU, nas kalendas deste marzo. Nun país de modernidade “avanzada”, pasou a non ser anecdótico. Desde xaneiro deste ano, as redes sociais e algúns medios popularizárono ao facer balance do seu mandato. A súa man dura no interior, e o seu puño de ferro unilateral no exterior, con máis de falcón que de pomba ten todos os ingredientes para a comparación. Para non incorrer en imaxinar unha circularidade do tempo, será pertinente non obviar que, mentres na etapa de Augusto inaugurábase unha “paz” que -no trazo groso da distancia-, parecía augurar un tempo de próspera estabilidade, con Trump parece inaugurarse outro de gran desasosego, inestabilidade e final de ciclo, en que as bombas e mísiles contra Irán son incapaces de ocultar un proxecto de contención da China, candidata a liderar a política mundial en poucos anos. A renovada aposta de EEUU polos combustibles fósiles contrasta co crecemento chinés en solucións ao quecemento global. O país que pintaban as novelas de Pearl Buck -desde Vento do Leste, vento do Oeste (1929), a As tres fillas de madame  Liang (1969)- moi colonizado, dependente, rural e ancorado en tradicións ancestrais, entrou con Mao nunha fase acelerada de converterse na gran fábrica do mundo e, agora, provedor de tecnoloxía a todos, ata o punto de parecer o mellor país capitalista co seu réxime comunista.

A guerra de Ucraína, as aspiracións sobre Groenlandia, a demostración de forza en Venezuela, ou o apoio incondicional a Israel, son pasos secuenciais do conservadurismo de Trump cara á limitación da influencia chinesa. Ao recortarlle materias enerxéticas e posibilidades comerciais, trata de defender bases clave na estratexia militar que -como as lexións romanas- ten EEUU despregada en distintas partes do mundo. As súas palabras acerca de Rota e Morón e, indirectamente, sobre o “terrible” liderado do Gobierno español na cooperación do movemento loxístico de tropas e bagaxes cara á zona de conflito iraniano, independentemente de clarificacións e posibles desmentidos, mostra o seu estilo imperialista de maneira descarada. Irrespectuoso coas reticencias da soberanía española, expresouse prepotente e insultante e, sen diplomacia ningunha dixo que España é un “país perdedor”.

Actitudes antihistóricas

Esta anticuada defensa do servilismo non debería existir en 2026. Estamos cronoloxicamente, segundo o calendario gregoriano, nese ano, pero o atraso que o ollos de todo televidente contemplan desde o 28 de febreiro non fixo máis que empezar. Esta guerra ía ser un paseo, e vai camiño de alongarse. De momento, o propio “emperador” deuse catro ou cinco semanas máis, e non é previsible que o número de países xa implicados -sen saber se a escalada implicará a cantos se sintan afectados por esta ruptura unilateral do statu quo-, pare pronto a escalada de forza, cainismo e estupidez posta en marcha. O certo é que nos petos de medio mundo -e en particular os españois-, esta ruptura do dereito internacional empeza a lembrarlles o que Hitler fixo con Polonia o 01.09.1939. Buscaba “o espazo vital”-lebensraum-, á conta das materias primas que houbese ata os Montes Urales e provocou a IIGM. O final daquel imperialismo nazi empezou onde menos esperaba a tecnoloxía alemá, en Stalingrado, unha cidade practicamente destruída, como antes o fora Guernica e pronto o estarían cidades como Berlín ou Dresde.

As chapuzas do acontecido ata o de agora en Ucraína ou Venezuela non permiten advertir que en Irán será mellor. Os bombazos da destrución non trouxeron a paz ás mulleres maltratadas polos aiatolás, nin ás nenas masacradas. Endureceron o seu réxime e a inestabilidade que xeraron na  rexión pode expandirse fóra, pola gran pluralidade de asuntos económicos implicados e os moi amplos grupos de persoas afectadas por cultura e crenza noutras partes do mundo. As probabilidades de estender o conflito lembran como aquel atentado de Saraievo só foi o detonante da IGM; os moitos problemas que estaban pendentes en xullo de 1914, fixeron desaparecer o Imperio Austro-Húngaro e cambiaron o mapa global.

Trump trata de conter a influencia da China, pero a súa metodoloxía é anticuada. Os seus conselleiros non lle din que, por este camiño, “o rei camiña espido”, metido en escaramuzas só plausibles para o taimado Netanyahu. Tamén deixa apuntamentos para o que a escola non debe ser. Nun momento en que as políticas educativas excluíntes, por moito aparencia de “calidade” que esgriman, non constrúen a “educación común” que corresponde a un sistema democrático, a propia Terra, farta de tanta imbecilidade dos humanos, rexeita as privatizacións de “o común” e os privilexios a “os selectos”. Ese camiño é contrahistórico.

TEMAS: Liderado político.- Pugna USA/ China.- Conflitos internacionais.- Historia e contrahistoria.- Convivencia ou privilexio.

MMC (06.03.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario