A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Debate político. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Debate político. Mostrar todas las entradas

6 feb 2026

Comparecencias banalizadoras do debate político

A pedagoxía do principal candidato ao cambio de Gobierno segue polo camiño de recortar a verdade  e, se cadra, tamén recursos públicos.

 A recente presenza de Núñez Feijóo na Comisión sobre xestión da DANA valenciana durante máis dun ano, deixou claro que os seus ruidosos adeptos asentían ao que dicía e corroboraban os seus desvíos verbais e xestuais para contrapreguntar a quen o interrogaba. No espazo da soberanía popular evidenciou hábitos que consolidara antes de chegar a Madrid en febreiro de 2022. A súa gran infidelidade ao que  dixo ao principiar o seu liderado na C/ Xénova, confirmou a quen criticaba que os relatos que articulara o palabrerío do DOGA (Diario Oficial de Galicia) e a prensa amiga,  non reflectían o que fora a súa xestión desde que empezara a ser recorrente lembrar a súa entrada en política, a causa do derrame de chapapote na Costa da Morte en novembro de 2002. Ao remodelarse a Xunta, a súa elevación a conselleiro de Política Territorial, en xaneiro de 2003, tiña como pano de fondo o Nunca Mais que Fraga trataba de contrarrestar cun Galicia mais que nunca. Hoxe, o valor das ideas que transmiten as súas palabras oriéntano os máis intolerantes do seu partido que, deitados á ultradereita, buscan que se acelere a fraxilidade do Goberno central. A súa campaña electoral permanente non alumou a éxtase do balcón de Xénova que soñara en xullo de 2023, e insiste no ensimesmado enfado monologante, compasado por rudos teloneiros inspirados en maneiras  trumpistas.

 


Esta comparecencia era unha réplica das que promoveu, sobre todo no Senado, para lucir suposta supremacía moral. As eleccións comunitarias actuais sonlle propicias, pero desatinados cálculos como a ocultación ao redor da DANA lastran a súa ansiedade por presidir o Goberno de España. Creu que debía actuar como adoita facer nas preguntas ao Gobierno os mércores, e as súas poses, a contrafío da suposta modosidade galaica, contraviñeron as mitificadas calidades que lle precedían cando substituíu a Casado. Desvelaron, máis ben, a súa dispoñible docilidade ao que diten quen o sostén, ocupados en que a vida democrática sexa o máis esmorecente posible. Na súa comparecencia, tanto primou esa colonización da súa estratexia, que a súa solidariedade cos damnificados de Paiporta e a Horta Sur desviou canto puidese aclarar por qué sostivo á fronte da Comunidade Valenciana a Carlos Mazón antes de que a presión popular o obrigase a dimitir. Ninguén se decatou tampouco das razóns polas que cedeu a que esta dimisión conlevase un cómodo afastamento de investigacións xudiciais sobre responsabilidade. Feijóo procurou nesta sesión que prevalecese a escuridade amentando asuntos que culpasen ao Gobierno central; o seu método, apropiado ao enfrontamento, botou man de ETA, contratempos do ferrocarril e asuntos que, desde a moción de censura do 01.06.2018, salpicasen aos seus adversarios da rúa Ferraz.

Guía de lectura

A exemplaridade do perfil político de Feijóo atrincheira na nada toda perspectiva crítica. Aínda que non é único, a súa comparecencia o pasado dous de febreiro facilita entender como certas pertinacias erosionan a democracia de todos. Ao día seguinte, cando Sánchez, nun anuncio supostamente rompedor desde Dubai, dixo que España prohibiría o acceso dos menores de 16 anos ás redes sociais, volveu ao seu e, de inmediato , replicou que xa el o propuxo e que deberían pagarlle o Copyright. Entre díxomes díxome que adoitan seguir a estas maneiras de ser orixinal en política, o líder do PP desaproveitou de novo unha magnífica ocasión para mostrar altura. Deixou pasar que Elon Musk, o señor neofeudal que, atento ao desaxuste de ganancias que a medida puidese reportar aos seus monopolios, insultou ao presidente de España, e Feijóo non se preocupou do interese que puidese ter a medida ante os problemas do abuso dixital, nin defendeu a soberanía nacional que está en xogo. Foi esta reincidencia a que motivou que quen segue o cursus honorum deste político galego lembrasen a súa creatividade á fronte da Xunta, alienante en moito asuntos e silenciada en canto a  que limitou silenciosamente vidas que serían  mellores de arbitrar medios para coidalas. Por demais, esta comparecencia, ao poñer en primeiro plano o papel de actores que algúns políticos desempeñan na madrileña Carrera de San Jerónimo, fixo lembrar o entusiasmo finxido de cantos mostran, despois de  hipotéticos éxitos en xestión política, o pago recibido en recoñecemento para escalar máis poder.

O posposto itinerario que cooptó a Feijóo cara a responsabilidades maiores, ocluido polo cómputo de escanos parlamentarios, esixe acerto en sintonizar todas as dereitas hispanas. Para deixar de ser xefe da oposición, conta co favor –sempre provisional- de quen o exalte. O seu poder mediático, xurídico, económico e ata cultural, conxuráronse para ver se o logra, e o do outro día é parte do intento de acelerar que as poliédricas fragmentacións existentes permitan unha conxunción rápida, antes das eleccións xerais. Ante a asiduidade coa que lle poñen diante un micrófono e un atril, cada vez aparenta malgastar máis entusiasmo en manexar, sen pudor nin asomo de contradición, vellos clichés, que emprega para para axuntar o que sexa. Non cae na conta de que, recortado por ter que conformarse, reduce o valor das palabras que usa. Cando, entre outras, menciona por exemplo a “cultura cristiá”, limítaa a costumismos banais, deixando traslucir que o aprendido en “colexio de pago” válelle para suxerir afinidades que substancien os verdadeiros valores que guían o seu grao de obediencia Tampouco parece importarlle que o emprego deste recurso ante os satisfeitos co sobo do aconfesionalismo, teña nas súas filas serios competidores que, por caraduras que sexan, utilizan con idéntica  fórmula de márketing sentimentos relixiosos dos cidadáns.

Camus, rebelde contra o absurdo que vía en actitudes que seguiron á IIGM, deostou en “A noite da verdade” (1947) a quen “esquece os deberes e a dignidade da súa profesión para converterse en insultadores”. Os cidadáns, espectadores de tan antipática astucia como observan nestas comparecencias, parlamentarias ou non -mesmo cando explican supostos acosos sexuais nas súas filas-, disputan sobre as raposerías pedagóxicas que padecen os seus ollos e oídos.

TEMAS: Debate político.- Conversación democrática.- Goberno/Oposición.- Verdade democrática.- Moral e Política.

MMC (06.02.2026)

19 ene 2023

De que “realidade” estamos a falar?

O mito da irrealidade construída sobre soños inútiles impide camiñar con dignidade nun mundo crecientemente crítico.

Pódese pasar unha vida entre estreitezas a condición de que estea razoablemente cimentada; permite camiñar con expectativa de mellora, ou polo menos, resgardada de inclemencias externas ás do pequeno mundo ambiental en que se naceu. Pero cando o pasado foi triste, cargado de dor imposible de pechar, se o presente supostamente próspero e feliz terxivérsao, a calma indispensable para seguir convértese en peso difícil de soportar.

Cuantos pasan dos sesenta anos, coñeceron o mundo limitado de cando a España rural declinaba. O desarrollismo atrapounos na ansia de estar incluídos nun mundo de prosperidade e, enseguida, empezaron a sentirse metidos no vórtice de desigualdades máis humillantes, provenientes de decisións afastadas que os deixaban máis expostos ás inclemencias da organización laboral e social. Hoxe, entre crises multiplicadas e perentorias, os logros da España urbanizada, integrada na globalización económica, non pasan de efémeros, especialmente cando se quere erradicar o supostamente anticuado, para deixarse levar por suxestións inapropiadas.

A desigualdade estrutural

Insístese moito -como no século XIX- na “evolución persoal” como clave dos cambios que se necesitan para que o mundo que nos toca vivir sexa mellor e sen as limitacións que ten. Volve estar de moda a historia imaxinada, a dos libros de texto en que os grandes problemas políticos, e non digamos as revolucións, eran froito dos desatinos morais de individuos endiañados; nada achacaba á organización social, a como estaba composta, nin ás súas contradicións internas. Coma se fose perfecta, a irreal construción que se propaga insiste en comparar o vivido polas xeracións de xubilados nos seus tempos de actividade, como algo paradisíaco, e as circunstancias actuais, cheas de corrupcións miserables que nin o Código penal recolle.

Estas historias que agora circulan como “noticias” serven para apoiar -igual que as da época romana ou as do Conde Lucanor- suxestións exemplarizantes para un mundo mellor que nos devolvería a un tempo perdido. Sen a fidelidade de Proust, a realidade do pasado que nos van pintando nada ten de real; todo foi moito máis complicado e máis duro, menos anecdóticamente gracioso e con secuelas difíciles de soportar. Os danados por aquel sistema imposto á forza foron moitos máis dos que se cuantifican en mortes, desaparicións, exilios e suplantacións daniñas para o desenvolvemento das persoas e a sociedade. Remisos á Historia documentada -e non inventada-, hai quen fala de oídas e reiteran que a maldade duns poucos, aos que sinalan co dedo, é a culpable de sacrificios purificadores para todos; nada din sobre como os que impuxeron aquel sistema decimonónico se beneficiaron de canto patrocinaba en economía, en relacións laborais, en recursos sociais, en educación e liberdade persoal de todos e todas. Menos se refiren a quen no momento actual, herdando os beneficios de entón, melloraron as maneiras de facer ver que a desesperación dos asalariados e marxinados nada ten que ver con que uns poucos alcancen o Gotha social e económico a conta do traballo alleo.

Os feitos e a memoria do vivido

Algunhas instancias e institucións actuais séguennos cominando, como no século XIX, cara á vixilancia moral dos nosos actos, mentres doutra banda xogan a desmantelar o mediatizado Estado de Benestar de que fomos capaces de dotarnos. Insisten acotío na liberdade individual do éxito e do beneficio, mentres aproveitan todas as coxunturas posibles para predicar moderación e, para axudarnos, prívannos da Sanidade e da Educación á que temos dereito. Namentres, Oxfam-Intermón acaba de mostrar o seu informe de desigualdade, no que pode lerse como, a nivel mundial, a fortuna dos milmillonarios creceu a un ritmo de 2.700 millóns de dólares ao día, á vez que polo menos 1.700 millóns de traballadores viven en países onde a inflación se come os seus salarios. En España, prexudica a un 26% de fogares, devorando os seus ingresos salariais; mentres as marxes empresariais eran a finais de 2022 un 60% superiores a tres anos antes, os salarios apenas medrarán un 4%. Aquí, mentres en 2.008 o1% dos multimillonarios concentraba o 15,3% da riqueza total, en 2.021 xa representaba o 23,1%; a evolución da desigualdade é preocupante: “mentres os salarios perden peso e capacidade de poder adquisitivo, as grandes empresas aumentan beneficios e a riqueza segue concentrándose en mans duns poucos”.

Con estes datos diante, os que pasan de sesenta anos, que viviron as inclemencias da intemperie e que os seus fillos tiveron máis posibilidades que eles, están a ver que os seus netos están a volver a ter as penurias das súas infancias. Esta moral egoísta e hipócrita, amnésica e retrógrada, que se trata de propagar agora, non lles convence; desencoráxaos esta forma de triunfar en que, para o logro dunha posición supostamente exitosa, hase de tirar pola borda que o que os axudou a tirar cara adiante foi a esperanza. A piques de celebrarse o 24 de xaneiro o 46 aniversario da morte dos Avogados de Atocha, non vén mal lembrar a difícil construción dunha cultura da colaboración e valores éticos universais. Os relatos que circulan como solución de futuro, alleos ao pasado real da liberdade democrática, disfrazan os modos en que algúns procuran vampirizar os dereitos sociais cos que, desde os anos oitenta, iniciamos un Estado de Benestar que, en Europa, empezaran trinta anos antes.

A Declaración que, desde 1948, demos en chamar de Dereitos Humanos, como algo en que traballar unidos para que o que temos polo feito de nacer sexa realidade, non se avén coa retórica destes emprendedores fartos de proclamar por encima de todo unha fantasiosa liberdade duns poucos, tan favorable ás privatizacións de éxito en autonomías como Madrid. Quitar do medio o que é de todos para favorecer aos amigotes, e crear situacións propicias para que o que se senta pobre se aguante, e que o que teña éxito a conta dos demais fachendee de emprendedor, é un atraso en ética social e política. E o afanarse nas redes e medios, na autopromoción agresiva destas supostas solucións, para que uns poucos se lucren, non deixa de ser unha mafiosa estafa á credulidade dos cidadáns inermes, á realidade do urxentemente necesario e á traxectoria de autenticidade moral de quen o defende. A felicidade social -aspiración de todos os humanos- é imposible sen coidar aos demais: un oxímoron político.

TEMAS: Ben común e propiedade privada.- Ética social e política.- Mensaxes e masaxes dos medios.- Debate político.- Contos e contas da Sanidade e a Educación.

MMC (18.01.2023)


17 sept 2018

Matrículas CUM LAUDE hai moitas; dignas diso moi poucas


O debate sobre mestrados e teses oculta os problemas que lle interesan á sociedade. Tamén, a honestidade para a xestión dos propios políticos.

A tese de doutoramento do actual presidente de Goberno foi recoñecida con esta cualificación na UCJC e puxo en primeira páxina algúns miúdos da vida universitaria. Talvez debería empezarse por ver que, nos últimos anos fíxose habitual que aos que chegan a ler as súas teses, os tribunais universitarios outórguenlles o “Sobresaliente cum laude”. Cos TFGs sucede ás veces o mesmo. Nos medios académicos -e nos sociais con que conectan- soa mal que estes traballos só alcancen sobresaliente, e máis deshonor supón que non superen o notable. Máis que un síntoma, causa coadxuvante principal deste fenómeno é que esta tendencia xera conflitos a moito profesorado convocado como membro destes tribunais: séntese presionado polos seus colegas para que se aveña cara ao cum laude. Este fenómeno, do que hai testemuños en universidades públicas, é máis frecuente nas privadas.

Doutra banda, non todo vale, como algúns medios pretenden entrecruzando alegremente cuestións variopintas á propósito das teses e mestrados en que andan citados os nosos políticos. Co desmán que trataron nestes asuntos -ignorando ás veces protocolos básicos polos que están rexidos- o risco colateral teno a Universidade e, sobre todo, a pública. Con que todos os medios puxesen idéntica paixón en esixir ás autoridades educativas un control máis esixente, mellor nos iría.

Xornalismo sine laude

Nesta pintoresca paisaxe, trala aparente procura de transparencia nos currículos, hai unha guerra aberta na que os líderes políticos tratan de facerse ver nos medios. Se se mira aos que puxeron máis belixerancia neste asunto non é difícil adiviñar que é, ademais, un modo de distracción, cando os asuntos principais da corrupción van estar xudicializados, en particular os da Gürtel. Os mestrados e as teses traen ás conversacións cotiás un exotismo peculiar que, en definitiva, fai presente o “e ti máis” e que todos os políticos son iguais. E agora que os principais partidos teñen á fronte xente nova, que se sobreentenda que a política é sucia, axuda a que o seu campo quede máis libre a cantos a queren dotada de viscosidade oscurantista.

No entanto, neste cursiño nacional que nos están dando os pais da patria tamén é dado ver que os novos líderes non son iguais. Aos de Podemos, de momento deixáronos de lado porque parecen máis avezados nos protocolos académicos, aínda que lles pretenderon pillar non fai moito por aspectos colaterais. A Rivera, acábano de apear en Barcelona da pretensión de ser “doutorando: que se saiba, esta inconcreción -in-significante- poderían colgarlla infinidade de españois, e máis os que, por cambios de plans académicos, repetiron os cursos previos a unha tese de doutoramento. E en canto a Pablo Casado, non se sabe de ninguén que acumule en tan pouco tempo -e no medio dunha polivalencia de actividades como desenvolveu desde que empezou a traballar con Aguirre- tal cantidade de titulacións; tampouco é tan doado atopar a alguén que, logo de poñer a caldo aos seus opoñentes nesta guerrilla de mestrados e teses, non fai o que lle esixe aos demais. As súas présas cos demais esperan a que o Supremo vexa se hai ou non causa nos seus tratos coa URJC. E en canto a Sánchez, a súa tese na UCJC é de dominio público. Polo menos, aí está o que presentou como resultado do seu traballo de doutorando, que, segundo parece, cumpriu os trámites regulamentarios.
Co que se move neste capcioso rifirrafe de sospeitas de plaxio sementadas por Rivera -aventadas sobre todo polo Mundo e ABC-, non é pouco. O estraño é que, interesados ou non na calidade universitaria, xa hai inquisidores excepcionalmente ocupados en ditaminar sobre a calidade que ten esta tese de Sánchez e, de paso, en como, onde e con que tribunal foi defendida. Da contorna e características das demais teses, artigos ou libros que na Universidade se poidan producir para a expansión do coñecemento, non din nada.

Unha Universidade cum laude?

Os ocupados en ver se esta tese cumpre determinados estándares e non é froito de compadreo, deberían partir dos baremos en que adoitan moverse de ordinario os cum laude que expiden as nosas universidades e, antes de sentar cátedra, comparalos cos que para toda teses que se precie prescribía Umberto Eco en 1977: Como se fai unha tese: técnicas e procedementos de investigación, estudo e escritura. Ese libro aínda é útil. E se, terminado este exercicio de honestidade, lles segue preocupando a preparación universitaria que teñan os nosos políticos -como fonte razoable de honesta calidade da xestión que vaian facer-, pidan a Pedro Duque que aterre e esixan que teña recursos para atender -entre outras cousas- a se en todos os departamentos universitarios está claro que entendan por tese ou si lles vale calquera cousa; se non son moitos os desbordados pola cantidade de DEAs, TFMs e TFGs a examinar, sen tempo para atender ben ao alumnado; se o profesorado valioso e ben retribuído non baixaría sensiblemente nestes anos; en que grao a competencia e incompetencia conviven na confrontación entre privada e pública; ou que presenza teñen as nosas universidades no panorama internacional de investigación e docencia. Previamente, teñen algo máis sinxelo en que ocuparse: se os proxectos de teses se aceptan antes ou despois de terse matriculado -porque non é o mesmo-, e se o que se impón aos decanos en múltiples ocasións -tanto en mestrados como en teses-, é que quen paga unha matrícula ten dereito a o título correspondente.
Teñan por seguro que -recoñézase cum laude ou sine laude- a cantos se empeñen nesta liña de investigación xornalística non lles faltará traballo, e que a todos os cidadáns nos virá moi ben.

TEMAS: Universidade. Tese e mestrados. Posgraos. Función da Universidade. Políticas universitarias. Debate político.

Manuel Menor Currás
Madrid, 15.09.2018