A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Oportunismo político. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Oportunismo político. Mostrar todas las entradas

3 abr 2024

Oportunismos

É época de excesivas néboas, moi aptas para que uns obcecados en salvarse a si mesmos, pretendan guiar a tanto invidente.

No plano rudimentario do día a día, despois do turismo de Semana Santa, a de Pascua trouxo novidades tan vellas como a humanidade. A relación entre oportunidade e oportunismo, tan presente está na evolución humana,  que se desbordou con casos como o da exculpación xudicial de Mónica  Oltra en Valencia –despois do oportunismo acusica do conservadurismo valenciano contra Compromís e o pacto do Botánic- ou a morte –“non intencionada” despois de 200 cooperantes mortos- de varios voluntarios da ONG do chef José Andrés en Gaza.

Outros actores asiduos dos telexornais e Redes emprenderon a procura do seu oco de noticia facendo gala de oportunismo. En moitas escenas lembran a novela de Martin Amis: Zona de interese (2014), un tramo de vida cotiá pegado ao mesmo campo de Auschwitz en que, a pesar dos berros, disparos, ruídos e fume continuos que xera o Holocausto, un grupo de persoas, executores administrativos daquel horror parecen satisfeitas co seu traballo, a súa obediencia xerárquica, a suposta grandeza do seu líder e, sobre todo, porque esa eficiente estrutura proporciónalles benestar material, unha casa espléndida, servidume fácil e expectativas dun futuro superior ao que sempre soñaron. A película homónima de Jonathan Glazer, en 2023 recreou ese ambiente en que o ben dalgúns, esquecendo o pesadelo dos que estaba morrendo por milleiros, admite que a insensibilidade e a inhumanidade convivan coa monstruosidade. Nubrada toda piedade, viven risoños porque lle sacan proveito á desgraza doutros. Salvo que se optou pola actitude fría e indiferente que, ante ese pano de fondo bárbaro, adoptan as personaxes centrais de Zona de interese, as súas actitudes suscitan moitas cuestións sobre a especie humana e, en especial, sobre quen, presumindo de que saben mellor que ninguén cañ é a verdade, eríxense nos seus paladíns e deixan detrás inquiedantes dúbidas sobre si mesmos,  os seus actos e consecuencias.  

Non é estraño que moitas destas persoas traten de impedir, por todos os medios, a memoria de cantos se senten incapaces de esquecer as múltiples feridas que os oportunismos grandilocuentes de todas as guerras deixaron detrás. Acaba de pasar en Valencia cunha imposible “Lei da Concordia”, que imita a de Aragón. Nesta rexión, a memoria das vítimas do Holocausto, que o 27 de xaneiro celebra todos os anos a ONU, viña tendo reflexo en actos conmemorativos en que o coñecemento do pasado era ferramenta de cambio e a educación un valor democrático para a convivencia plural. O 15 de febreiro, o actual Goberno desa Comunidade promulgou a Lei 1/2024, “de derogación da Ley14/2018, do 8 de novembro que  regulaba a memoria democrática de Aragón”. Alegan que a “memoria é algo subxectivo e persoal e non debe ser obxecto de desenvolvemento lexislativo”; segundo a actual maioría  gobernante, este tipo de iniciativas, impoñen unha “visión partidista da historia” . En consecuencia, coa nova norma derrogan todo o actuado nos últimos seis anos e suprimen o censo de memoria democrática de Aragón , o rexistro das entidades dese ámbito e as actuacións que a lei anterior prevía no ámbito educativo.

A zona de interese desta nova lei aragonesa é o cultivo do esquecemento: nese anaco de Península Ibérica, nunca pasou nada que non teña a ben dicir esta autoridade autonómica, que prescribe aos docentes cancelar ou  substituír as actividades específicas que tivesen en curso por “actuacións sobre a historia de Aragón e a relevancia da Declaración Universal dos Dereitos Humanos na Constitución española para os aragoneses” (sic). Moito terán que ignorar ou esquecer estes ensinantes se queren arrombar a Historia do século XX de modo que lles resulte agradable a estes supostos defensores da “liberdade” de saber. Será de ver como logran que as pílulas de catequese histórica que impartan en diante sexan asépticas e non molesten a ninguén. Nin sequera volvendo impoñer a Enciclopedia Álvarez de 2.º grao lograrán volver á unidade patriótica que impoñía o “Prólogo” da  Lei de Ensino Medio de 1938.  Doutra parte, esta coalición gobernamental fía á oportunidade de ter maioría na Asemblea aragonesa o dispoñer de tanta verdade do coñecemento histórico que se permiten suprimir canto de investigación historiográfica se produciu desde antes de a CE78 e, ademais, ditaminan con gran alborozo impoñer que verdade hase de predicar nos centros de ensino. Por moito que –reencarnando un patriótico neodespotismo ilustrado- pensen no ben dos aragoneses, coartan a liberdade, a educación e a modernización científica que os cidadáns merecen.

Hai moitas doses de narcisismo e mal ambiente detrás de decisións deste cariz, e demasiado oportunismo populista. Silenciando o pasado pretenden embarrar o seu coñecemento á vez que, culpando á República e á esquerda democrática dos anos 30, alongan o vituperio das súas ideas democráticas ata o presente. A esta actitude negacionista pode chamárselle de moitas maneiras pexorativas, pero non lles importa. Un fiel destes estilos, o Sr./Sr. Tellado, acaba de usar a palabra “ultimato” absolutamente oportunista e sen vir a conto. En todo caso, o realmente importante é que os devotos da hipérbole dramática pro domo sua amargan a vida dos cidadáns e énchena de arbitrariedades. Só se acougan cando os ven obedientes e sumisos; falándolles de “liberdade” néganlla, impídenlles ter coñecemento do que ocorre, restrínxenlles a igualdade de oportunidades e, en situacións duras,  fanos sentirse fráxiles. Estudar a Historia de Aragón, a de España ou a de calquera grupo humano non é repetir o que escribira algún mandarín, senón tratar de entender por que non avanzamos máis como sociedade: non todo pode ser oportunismo dos máis listos. Esa é a verdadeira zona de interese da Historia que só unha boa escola de todos pode proporcionar, como moi ben sabía un gran aragonés, viaxeiro impenitente, profesor de Historia e cantor da liberdade: José Antonio Labordeta.

Cando só brilla o oportunismo, fallan bastantes claves da convivencia. Ao israelí Netanyahu non lle importou levar por diante a 14.000 nenos, entre os máis de 32.000 palestinos que, ao seu parecer, naceron coa síndrome do mal. A varios monifates que estes días desfilarán polas comisións de investigación abertas no Congreso e o Senado, tampouco lles afectou o pánico da COVID-19. Como Defoe ao final da súa novela: Diario do ano da peste, din: morreron miles de persoas, “pero eu sobrevivo!”

TEMAS.- Oportunismo político.- Memoria histórica.- Ensino da Historia. Convivencia social.- Democracia.

21 abr 2022

As máscaras e as súas vergonzas

 Deixar ou non deixar as máscaras, non impece que haxa individuos con moita cara en canto ao interese de todos; préstalles máis satisfacer o seu.


Logo de dous longos anos, a case normalidade volve á vida cotiá a través dun dos seus símbolos; decae o uso da máscaras en grande parte da vida relacional e, de paso, xorden novas situacións. A dos cativos e adolescentes que neste tempo han ter que ir á escola ou colexio tocados con este sistema protector terán especial significado; non faltarán os que se sintan desprotexidos ante o aspecto que causen aos demais. Non faltarán tampouco, sobre todo entre persoas maiores, quen se sintan acovardados e reticentes, con medo a un trato máis fluído que o deste tempo pasado. Peor levaremos todos o recordo de cantas persoas próximas se foron; sen elas, toda renovación da normalidade anterior á pandemia non será o mesmo.


A corte dos milagres


No plano político, tamén quedan pegadas de canto foi o tránsito por estes dous longos anos. Chaman a atención, por exemplo, algúns dos xestos de índole supostamente emprendedora que as urxencias dos momentos iniciais de pandemia trouxeron consigo, con efectos favorables para o peto duns cantos mediadores de contratos suculentos; as máscaras han ter beneficiarios estraños, capaces de burlar os controis básicos que un sistema democrático ten establecidos para que o diñeiro de todos non se desperdicie entre listos de quenda. Os varios casos que se ventilan neste momento nas instancias xudiciais, con todo tipo de escusas por parte dos implicados, cuñados e parentes, e con total mosqueo por parte dos paganos, están á espera de que se aclaren leas oportunistas. É probable que, nin sequera se logran solucionarse, mellore moito a confianza cidadá nos xestores dos recursos públicos.


E esta é a outra das cuestións importantes que nos deixan tras si as máscaras, que a redución dos impostos, xusto cando estamos ás voltas coa declaración do IRPF, volveuse a converter en asunto principal de propaganda política. A idea de que o diñeiro está mellor nos petos dos cidadáns non deixa de ser un sofisma máis no medio da confusión, por ver se alguén pica e vota a favor de quen sosteña a proposta; con antecedentes como os de moitos capítulos de xestión recente, os propagadores desta idea deberían engadir que moito mellor se o resultado do que se recaude vai parar aos petos dalgúns amigos pouco escrupulosos. Sen un debate solvente, sereno e a fondo sobre canto implica o pago de impostos en maior ou menor contía, en que capítulos, por parte de quen e con que diferenzas de tramos de rendas, é un falso debate, destinado únicamente á ambigüidade publicitaria de erixirse en salvadores de non se sabe quen nin a costa de quen. Sen importar que satisfaga á gran maioría, esta cuestión acabará onde adoitaba dicir o refraneiro: reunión de pastores, ovella morta, e que pague a conta algún innominado membro do rebaño.


O asunto da disminución de impostos, lanzado ao voo, sen referencia a que tipo de país se quere ter, con que dotacións de redistribución de rendas e, xa que logo, con que calidade de servizos para todos os seus cidadáns, é banal. Os que reclaman como método político baixar impostos, deberían aclarar antes de nada a conta de que redistribución irá o desconto. Non sexa que o que queren realmente é desprotexer á maioría de xente que a necesita para saír adiante, mentres se pretenden aumentar as posibilidades de negocio privadas, non en sectores exclusivos de Premium, senón nos estratéxicos como Educación, Sanidade, Servizos á Terceira Idade e Dependentes, a máis diso outros servizos públicos. Os exemplos que nos poñen diante, de negocios que nestes campos concretos medraron a expensas da diminución de recursos ás redes públicas, son moi claros nalgunhas Comunidades que se erixen a si mesmas como modelo de xestión. O caso de Madrid é especialmente significativo por publicitarse descaradamente as súas bondades, coma se fose a punta de lanza dun neoliberalismo costumista, sen contradición interna ningunha.

Como tantas veces se dixo, é raro que tratándose da Comunidade con PIB máis alto de España, se estea convertendo en campioa das privatizacións e, simultaneamente, na número uno en canto a minoración de recursos per cápita nos sectores eminentemente sociais. Debe ser, ao mesmo tempo, a campioa en protestas dos seus propios funcionarios e traballadores, tensionados das ratios que lles tocan de atención aos cidadáns pola disminución de medios e prazas de profesionais. En fin, o é sen dúbida, ao que se ve na prensa case a diario, en chapuzas de xestión, por exemplo coas máscaras, por non mencionar outros aspectos xa clásicos desde 2003 e aquel famoso “tamayazo”, o gran fito modélico de facer alta política. Deste xeito, en Madrid, revive, desde antes de maio de 2021, a isabelina corte dos milagres, na que ningún conselleiro cortesán viu pobres.


Ubicuidade escalolóxica



Pola súa banda, o milagre da ubicuidad non é o forte do novo líder nacional, Alberto Núñez Feijóo, pero si a súa habilidade para situarse de perfil para que non se saiba ben si sobe ou baixa a escaleira do que sexa, nin a súa implícita zorrería política; no pobo onde naceu, para case todo hai que subir e subir para logo baixar, e é un incordio dicir constantemente que está facendo. Coa súa axenda de Xénova na man, acaba de xustificar a súa inasistencia á toma de posesión de Mañueco á fronte dun Goberno complexo; todo sexa por non facilitar a foto de colaboracionista cos partidarios de reducir o Estado aos tempos anteriores ao Paleolítico Superior (desde onde din que arrinca a Historia de España). Pronto veremos en danza ao novo Goberno Castelán-Leonés e poderemos apreciar en directo o trato que dan ao futuro do Estado de Benestar que se logrou nesa terra, unha vez que Feijóo está publicitando plans para reducir impostos ao seu modo. En Andalucía á súa vez, xa invocan aos arúspices para ver o momento máis oportuno para as seguintes eleccións, non sexa que deban facelo peor que na vella Castela.


Mentres nos aclaramos algo máis con estas ladinas propostas de impostos nuns ou outros sitios, e se quedan en favorecer máis a quen xa teñen o favor para evadilos, iremos vendo en que segue quedando esta democracia nosa, sempre máis formalista que acorde en orientar os ingredientes básicos do suposto pacto social. As máscaras, independentemente do que fagamos con elas, se abandonalas do todo ou seguir sendo precavidamente “responsables”, seguirannos a donde vaiamos; sen elas, as distancias acúrtanse e quedamos ante o ollo dos demais cos nosos egoísmos particulares saltando á vista de todos. Queiramos ou non, se institucionalmente non o remediamos, seguirá primando o que, a modo de utilitaria conclusión do seu Diario do ano da peste, deixou declarado en 1722 o eu narrador de Daniel Defoe: “Terrible peste asolou Londres…, cen mil almas levou, Pero eu sobrevivo!”.

TEMAS: Estado de Benestar.- Impostos.- Alianzas políticas.- Público e Privado.- Oportunismo político.


MMC (Madrid, 20.04.2022)