A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Gaza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gaza. Mostrar todas las entradas

22 sept 2025

Mala educación -e mala conciencia- desprezan a agonía de Gaza

Unha hipertrofiada manipulación das palabras pretende que todos esquezan unha terra sementada de entullos e miseria.

Algúns opinantes, responsables outrora de acontecementos parecidos aos que durante estes dous anos últimos asolagan os noticiarios, non cesan de dicir parvadas por ver se conseguen moitos likes (“gústame”) nas súas contas de redes insociais. Cantos máis polgares cara arriba ou máis corazonciños acumulan, máis satisfán a súa melancolía e, coa retroalimentación que xeran a unha IA determinada, máis se concilia o nseu infantilismo coa vellez irreparable e máis fan crecer a hipertrofiada circulación de lixo mediático.

Outros que, fóra ou dentro dos nosos lares, exercen como representantes de quen os vote nunhas eleccións, utilizan o paroleo nas mesmas canles engadindo decisións de idéntica coherencia sintáctica. Desde EEUU, con Trump á cabeza desta pedagoxía, a demostración de matonismo imperialista en canto aconsella, suxire e executa, sitúa aos gazatíes e palestinos ao nivel da sola das súas botas, posición en que trata de colocar tamén a cantos digan algo que contradiga ou minusvalore as súas outras políticas. Os Dereitos Humanos -en particular o da liberdade de expresión-, tanto dentro como fóra do seu país, tráenlle á expectativa e canto poidan pensar os demais élle indiferente, como acaba de demostrar co fiscal xeral do seu país e, no diálogo sobre asuntos conflitivos, nunha recente votación na sede da ONU, en Nova York, respecto á representatividade do Estado Palestino. Antes do debate que terá lugar estes días, o seu apoio incondicional á política de exterminio de Netanyahu só espera á repartición de dividendos que se xere tras o desentullo de Gaza. A fase reconstructora desta franxa -Terra prometida para novos colonizadores- levarán a cabo os prometedores de novas experiencias turísticas, publicistas de paz, irmandadora entre os pobos.


Parecido paradigma de Far-West orienta, en terras españolas, aos afoutos defensores de supostos valores patrios. A compaixón, a humanidade e os dereitos básicos, iguais para todo ser humano polo feito de existir, non existen; nin parece que ninguén lles falase deles nin, sequera, de que teñan constancia de que están recoñecidos na CE78 como base xurídica do ordenamento democrático. Non recoñecen que estean en risco en canto acontece nun asunto decisivo na convivencia global, multilateral. Prefiren revitalizar o odio, a forza e o medo ao outro. A Guerra contra Palestina é un xenocidio que xa leva no seu haber máis de 65.000 mortos -entre eles máis de 22.000 nenos,  e que algúns observadores multiplican por dez-, máis os centos de miles de refuxiados, unicamente sérvelles para poñer de volta e media a un Goberno con cuxa sensibilidade humanizadora coinciden cada vez máis países -incluído agora o reino Unido e moi pronto Francia, que tantas responsabilidades tiveron nesa zona ata moi entrados os anos corenta. Foi lento, pero a empatía de moitos opositores españois, en particular a de voceiras hiperventiladas en xestos e palabras de suposta indignación, xa deixa exemplos contrarios á convivencia democrática dos seus votantes co resto da cidadanía.

Rendibilidades do nominalismo

Todo lles vale para dicir que son audaces e que xa está ben de que non lles deixen gobernar a eles. Desde o principio, botaron man do emprego máis ou menos axustado do termo “XENOCIDIO”, coma se con disputar se son galgos ou podencos non viñese o lobo, en principio contra os gazatíes e, colateralmente, contra quen ouse contradicir canto queren que digan os demais. É mellor “masacre”, “exterminio”, “etnocidio”, “matanza”, “progromo” e “holocausto”? Nese falso debate, ao que faltaron as súas psicanalistas, acompañáronos miles de opinadores pendentes da man que lles dá para comer máis que da realidade que deberían explicar a lectores e oíntes. Desde hai unhas horas, con todo, desde que viron que España non está soa nesta pelexa fronte ao expansionismo israelí, frearon un pouco, pero atrás deixaron grandes oportunidades de practicar a decencia. Non lle deron ao Goberno a baza da concordancia en “política exterior”, tan publicitada outrora e, ao mando de Tellado e Ayuso, non pararon de regodearse na patalexo enrabuxado. Á madrileña, o papel permanente de Mademoiselle  Rottenmeier, que liamos en Heidi,  non lle pega, e máis se lle rolda a idea de que vale máis. En canto ao ferrolán, móstrase como O Guerreiro do anteface ou, talvez, O Capitán Trono, a súa ansiedade por disimular a incompetencia cazurra do seu xefe coincide con que ambos lle marcan o paso. Seguirano facendo ata os “idus de marzo”, de que tanto sabe Casado, o defenestrado.

Ela, por agora , coas mañas que foi aprendendo das notas que lle transmite o equipo de MAR, o seu escudeiro, decidiu sacarlle partido ao inconcluso final da Volta a España cun evento en que se vexa ben que está aí. O de Gaza e os gazatíes tráea  sen coidado, como tamén que contradiga canto fixo ou dixo de Ucraína. Élle máis rendible ser fiel a FAES e os seus mentores e, como está entre “os que poden facer” que dicía Aznar, preocupado por Occidente, brindoulle a súa decisión de coartar aos profesores e mestres, para que non falen destas cousas nas aulas. Este peculiar referendo á “liberdade de ensino” reitera que os obxectivos dos centros educativos han de avirse co que pense o gobernante de quenda. Por nulos que sexan en distinguir a Viriato de Witiza, o que menos lles importa é que os ensinantes de Historia o saiban facer. Onda os de Filosofía téñeno mal sempre para ensinar, e non é o momento para que lembrar que dicía o Prólogo da Lei de Ensino Medio de 1938. Poida que a norma madrileña última sexa esa, pero se van máis atrás, atoparán nos Feitos e ditos memorables, do historiador romano Valerio Máximo (da época do fillo de Nerón, Tiberio), que a moito gobernantes só lles gusta que conten historietas, das que as criaturas deduzan a “boa conduta” que deban seguir. Temen que a Historia -e o bo xornalismo- descubran a verdade do Rey espido. Non lles é rendible que, nun mundo moi incerto, o alumnado se decate de que as súas vidas poden estar en mans de políticos/as desmemoriados/as.

TEMAS: Dereitos Humanos.- Estado palestino.- Gaza.- Redes sociais e política.- Historia e convivencia social.

MMC (22.09.2025)

10 feb 2019

Censuras, soflamas e sofistas...


“As palabras especiosas e engañosas pero opostas aos dereitos civís da comunidade” alertaba Locke (1690), son moi perigosas para todos.

A 33ª edición dos Goya acaba de premiar o documental Gaza, unha curta na que se revisa a situación dos dereitos fundamentais do pobo palestino, pisoteados de contino polo imperialismo sionista.

Gaza
Nada que ver propiamente con xudeus e musulmáns, senón con actitudes que aproveitan as súas diferenzas culturais para primar posicións de poder hexemónico, dominio, forza e colonización, xeradoras de submisión, pobreza e escravitude. Se os que tiveron algo que ver -non só por acción, senón tamén por deixación- construísen noutra dirección, gran parte dos problemas xeoestratéxicos xerados-sobre todo, desde 1947- na zona que xenericamente se veu chamando Oriente Medio, non terían lugar e, seguramente, o mundo sería máis pacífico. A denuncia de Gaza non debería senón facilitar que, polo menos no futuro, se puidese rectificar a dirección de tanto esforzo estéril.

O cardeal Osoro, con todo, de estar no xurado dos Goya, non votaría por que ese documental chegase á festa da Academia de Cine. Por decisión súa maxisterial non puido ser exhibido na parroquia de San Carlos Borromeo (Entrevías, Madrid): non fosen distraerse os seus fregreses. A ambigüidade xogou niso un papel supostamente pastoral, da mesma sensibilidade que deu mostra nos últimos tempos respecto ao traslado de Franco á catedral da Almudena e que non é nova. Hai 20 anos, nos inicios da súa carreira episcopal en Ourense, xa apuntaba nos seus xeitos de coidar con esmero a súa imaxe. As que se exemplifican tras unha fotografía súa xunto a un enfermo, que debe corresponder ao Xoves Santo de 1999. Unha asociación piadosa que paseaba a caridade visitadora do novo bispo pola unidade cardiolóxica da Residencia Sanitaria, levouno ante un paciente que roldaba os oitenta anos; o fotógrafo da comitiva captou a fugacidade da escena fotoxénica e fixo o seu traballo. Aquel oportunismo non pasaría desapercibido: ás testemuñas ocasionais non se lles escapou que, nin antes nin despois do flash, ninguén falase con aquel doente nin lle pedise permiso para que a súa efixie aparecese ao día seguinte xunto ao novo prelado nos quioscos; alguén recordou en cambio que, segundo o Evanxeo, a insípida escena debería ser moi distinta. Podían, ata, falar moito. Aquel ancián esperaba un marcapasos e encantoulle, como crente moi cabal que era, contarlle a Osoro, entre outras cousas, como labrara a gran pedra granítica do altar maior da súa catedral (Cfr.: “Canteiros e penedos”, en: Farodevigourense, 17.06.2012).

Cazadores con rede
Non fai falta ir a un Museo para percibir como moitos artistas se aplicaron para moverse entre o realismo e a representación; tampouco é preciso recorrer ao mimetismo ilusorio da teatralidade. A información e os seus xeitos están máis a man. Obrigados a distinguir entre a obxectualidade do que acontece e os formalismos manieristas de redactores e opinadores, a invención xornalística non desmerece. O Brexit inglés, o triunfo de Trump en EEUU, ou fenómenos posteriores en Europa e España, puxeron en primeiro plano estes métodos, coa complicidade operativa das redes sociais: os quince anos de Facebook están aí. Os que cazan na rede con “transgresoras” performances de estrita subxectividade xa teñen escola. As Fake news, as neolinguaxes, as medio verdades e demais compoñendas discursivas de moda para fidelizar lectores, consumidores e votantes a golpe de click, creceron como setas pero non son algo novo. Alguén recorda como se traballou aquilo das “armas de destrución masiva”, en que tanto se implicou Aznar? Verba volant?

A longa historia de trampantoxos e poder sempre estivo aí, como exemplo constante, a gran avidez da xerarquía católica por adoutrinar, en exclusiva, na Verdade (con mayúscula). Desde o seu “triunfo”sobre o “paganismo” clásico, imposto en todo o Imperio Romano desde o ano 370 d. C., nunca deixaron de contar, con máis apoloxética autoreferencia que con razoable explicación histórica, as componendas da súa doutrina coa súa propia terrenalidade. Desde entón, non variaron moito as tornas; do que fan e din no presente, tampouco é que o propio Vaticano -ou os seus bispos en España- melloren moito os seus ambiguos cálculos oportunistas. Sen quebrantar o segundo dos Dez Mandamientos, non parece, desde logo, que poidan arrogarse como palabra de Deus a información que emiten, especialmente desde algúns dos seus medios.

Se Zola vivise hoxe, ese gran corpus de ambigüidade proporcionarialle material abondo para proseguir a súa triloxía: Lourdes, Roma, París. Sen máis, co que hai pouco dixo Blázquez sobre que “só un 3%” do clero pode ser cualificado como pederasta, xa tería para unha novela ou para un novo manifesto do tipo J´accuse. Que magnífica escena non describiría co que intercambiaron Monseñor Yanes, Maravall e outras testemuñas en vésperas da LODE (1985), cando sobrevoou a idea de que se non asinaban a posibilidade dos “concertos educativos” -ou non movían ás súas asociacións a que asinasen-, un crédito extraordinario do Estado crearía as prazas escolares que “subvencionaba”!

E na ambigüidade emocional e verbal seguimos, con todos os riscos que comportan estes meandros. Tacticamente, aos vocacionados para a politiquería -que non para a política- élles propicia a moita “xente” -palabra suficientemente ambigua para que todo espectador se sinta implicado- que sestea na súa verdade particular, intolerante con canto lle poida privar da súa “orde natural” inamovible. Dá igual de que se trate: de Venezuela, de taxis, de Cataluña ou de España. Non faltan quen lles alenten a manexar o verbo e a pluma “sen complexos”, cada día con máis vehemencia que credibilidade, en redes e emisoras múltiples pero unívocas. Impregnados da vella cólera dogmática, tratan de que as súas apostas narcisistas movan aos votantes. O resultado son os púlpitos actuais, nos que brilla a dialéctica do micrófono sempre a punto para hisopar a última ocorrencia do disposto a parecer moderno aínda que non teña nada que dicir, salvo a unhas centradas “clases medias” encantadas de rechouchiarse.

Outros/as
Neseestatus social ao que todo oínte adoita apuntarse aínda que estea colgado ata as cellas, os outros, os asalariados e os que non teñennin salario, só existen como atrezzo; nin en bruto nin cociñados polo CIS adoitan ter presenza política. Os que pelexaron estes anos pola escola pública fraco favor lles farán a eles e a si mesmos se se contentasen coa operatividade da “restricción mental” e non seguen pugnando por lograr, agora, que sexan explicitamente contemplados -sen ambigüidade mixtificadora- na proposta de derrogación da LOMCE. En que consista a súa esencia está por ver aínda, cando poida que nin chegue a Proxecto: a gran provisionalidad deste Goberno faise cada día máis perentoria con ou sen “relator” que medie no uso do ábaco contable.

É urxente: a ambigüidade, o pasteleo e o sofisma sempre foron mortíferos para a democracia. O ano 399 a.C., Sócrates, acusado de non recoñecer aos deuses en que cría a súa Polis, e de corromper aos mozos, foi condenado a morte por un tribunal de 500 atenienses. De nada lle valeu “a conduta que mantivera toda a súa vida e que, na súa opinión, estivera ao servizo da verdade e dos seus conciudadans” (Platón. Diálogos: Fedón).


TEMAS: Derrogación LOMCE. Reforma educativa. LODE. LOE. Neolinguaxes. Fake News. Redes sociais. Gaza.

Manuel Menor Currás
Madrid, 07.02.2019