A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Abusos da linguaxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Abusos da linguaxe. Mostrar todas las entradas

15 sept 2025

A postura “correcta” ante canto acontece é máis indefinida ca nunca

Parece propiciar que o optimismo milite no bando menos favorable ao benestar común.

A atención a canto se move entre EEUU, Palestina, Ucraína, Bruxelas, Londres ou Madrid, ou o que de modo máis ou menos mimético traducen as pequenas liortas de parlamentos españois, nalgunhas autonomías ou sobre todo no Congreso e Senado, non deixa dúbidas ao redor do que cada cal entenda como posición “correcta” ante canto ocorre aos humanos sobre o planeta Terra. Hai quen di que estamos ante un gran cambio xeracional -coma se fose algo superficial- e hai quen, centrando a atención nos cambios económicos, observan que as vellas maneiras dos máis fortes procuran aproveitar as debilidades dos fráxiles para aumentar a rendibilidade das súas innovacións tecnolóxicas. Despois de “a globalización” dos anos noventa, xa é posible reimplantar as formas decimonónicas do dominio capitalista sen que as interferencias das  leis e institucións de benestar social se crean necesarias. Xa hai nativos dixitais suficientes para que, de modo divertido, mentres aceptan que a IA lles arranxen a vida, non sintan necesaria unha educación digna, unha sanidade adecuada ou unha vivenda que mereza a pena. O ben común, din, encerra gastos inútiles, cando o benestar é competencia estritamente individual, que non ten arranxo sen o “esforzo” de cada un.

Namentres, a política e o político, o comunitario e esixido de corresponsabilidade perden terreo. A esquerda fala con medo diso e, na dereita, personaxes conservadores, encerrados en círculos de poder moi limitados, non teñen empacho en revitalizar maneiras e estilos que nada teñen que ver co respecto ao diálogo e a pluralidade. O seu autoritarismo é cada vez máis provocador e a linguaxe de que botan man deixa pálidos os manuais de insultos de que, desde os sofistas gregos ata A arte de ter razón (1864) de Arthur Shopenhauer, hai documentación. Nos clubs de adestramento das últimas remesas deste segmento parlamentario trabállanse , máis que os principios de Maquiavelo , as técnicas propagandísticas de Goebbels e, a cantos perdesen a vergoña faladeira, adéstranos en que saquen proveito ás  análises de Lakoff, Non penses que foi un elefante (2004), para controlar as estrataxemas da linguaxe con que dominar a opinión pública. Con ese material, enfróntannos logo a desenmascarar as denuncias que no seu día fixeron Susan George no Informe Lugano (2001) ou Naomí Klein na Doutrina do schock (2007), ou calquera outro informe serio máis recente. O presentismo dominante esixe ser hábiles con canta intriga consiga interpoñer obstáculos ao ascenso mediático do adversario, ao que se deshumaniza sen piedade.


De Utah á Volta

O tráxico final dun activista provocador, Charlie Kirk, na Universidade de Utah, deu pé a Trump e os seus a culpar a “a esquerda” e pregoar que estaban no ”lado correcto” de onde había que estar neste momento. É dicir, que a morte deste correlixionario era instrumentada para demonizar aos discrepantes do conservadurismo xenófobo, armamentista e neocolonial do republicanismo triunfante. Un ensaio publicado no Editorial Século XXI nos anos noventa mostraba como os insultos, falsidades e sambenitos que se colgaban aos cristiáns antes do Edicto de Constantino, no ano 313 d. C., foron os que estes empregaron despois, por exemplo, contra os xudeus; tan reavivados foron que alimentaron os fornos crematorios do Xenocidio nazi. E en España, aínda que os sobrevivintes do estilo educador da posguerra son cada vez menos, aínda son moitos os que, lembrando a escolaridade dos anos cincuenta ou sesenta, saben cal era o “lado correcto” da historia que lles tocara; cada vez que oían falar de “a Cruzada” e de como Don Pelaio iniciara en Covadonga o predominio ideolóxico dos que mandaban, impoñíaselles unha “memoria obrigada”. Isto mesmo zumega, na coxuntura actual, canto toca de modo directo ou indirecto ao que acontece entre Israel e Palestina desde hai máis de dous anos. Os moitos miles de mortos, famentos e desprazados -nenos incluídos- non importan. Desde EEUU e Xerusalén, e desde instancias mediocres próximas, non interesa a versión real do que vemos día a día os telexornais: bombardeos sen conta nin razón, absolutamente fóra de toda “guerra xusta”, masacres obsesionados por unha suposta tradición da máis ortodoxa dogmática sionista. Nunha  España colonizada e dependente, algúns responsables de asuntos comúns preferiron coller con papel de fumar a palabra “XENOCIDIO” e soster que non valía para protestar contra a propaganda israelí. Máis lamentable é aínda que dixesen que non era asunto dos españois, coma se defender os Dereitos Humanos e, en concreto, o dereito á vida, non lles afectase.

Como aprendices de bruxo, ata os malabaristas teñen máis respecto aos xogos cos bastóns de lume . O uso urbano de Madrid é cada vez máis hostil á maioría dos seus cidadáns: recobra vixencia o MADRID ME MATA da  revista homónima en 1984 . A protesta rueira que a tarde do domingo reproduciron as cámaras a modo de final abrupto da VOLTA, só é un anticipo da fartura que xera a demasiada xente cando os predispostos pola propaganda da liberdade de tomar cañas esgrimen maneiras contraditorias coa convivencia democrática. O risco dos esvaramentos semánticos -como o que din tivo Tellado con “cavar fosas” -vai máis aló da deslexitimación da linguaxe que Feijóo acentuou desde a súa chegada á rúa Xénova. Cantando que tamén “lle gusta a froita”, parece dirixir a charanga diaria de quen inventa e conspiran co rancio método de insultos e provocacións. Para un futuro máis imperfecto, fáltalle citar a Biblia, que, a recado, leu no colexio marista de León; a Netanyahu válelle para xustificar os desmáns que provoca en Palestina invocando o Libro dos Xuíces. O problema é que hai outros 35 libros do Antigo Testamento e que, por exemplo , di “…A túa vida estará pendente dun fío, terás medo de noite e de día” (Deuteronomio 28, 16-68). E cando chama “comunistas” a quen reclama xustiza social, non esqueza que o Novo Testamento anuncia: “A vosa riqueza está podrida, os vosos vestidos están apolillados, o voso ouro e a vosa prata están tomados de ferruxe, que será testemuño contra vós e devorará as vosas carnes como lume…” (Epístola de Santiago, 5, 2-3).

TEMAS: Abusos da linguaxe.- Lealdade democrática.- Educación e urbanidade.- Ben común.- Dereitos Humanos.

MMC (14.09.25).