A opinión dos docentes...non conta?

13 mar 2026

Se a casa se escaralla, será máis difícil a vida.

 

A destrución iniciada en Gaza sobrepasa a Irán; navega agora polo Golfo Pérsico e a súa devastación alcanza a todo o mundo.

Aos aprendices de bruxo nunca lles importa que o seu afán demostrativo de caprichos cause danos colaterais, e se compiten cun  bruxo listo é peor. A megalomanía expansiva de Netanyahu en Palestina seduciu a Trump e ameaza con levar por diante canto se lles opoña. Estes cómplices dispoñen de hostes  armadas para destruír canto lles digan; lembran os fusileiros que Goya pintou en 1814: O 3 de maio en Madrid, pero alentan as súas fantasías. O americano soña con ser un Nerón, que toca a lira ante os incendios do Pérsico, e o sionista imaxina ao rei David alcanzando, ao fin, o prometido señorío nunha terra máis grande do que nunca previu. Ao redivivo emperador gustaríalle que o admirasen como premio Nóbel, propósito que, con patrocinio da FOX, preconiza Isabel Ayuso con vergonzante chulapería, mentres o sionista logra que os tribunais israelís atrasen meter o seu delirio nunha cela.


O paxaro. Ginés Liébana, 2015.

Aos votantes de ambos, encantados con que as televisións non exhiban os chuzos de punta que caen, non parece desgustarlles a escalada de prezos que xa advirten ao encher gasolina ou encher a neveira. Sobreabundan, con todo, os que aguantan o sacrificio de patriotas nestas “fazañas bélicas”; os xogos electrónicos dos seus playstation´s -moito máis dinámicos que o Palé dos anos cincuenta- non mostran os miles de nenos mortos, nin as 156 nenas masacradas o día 28 de febreiro. Os inocentes, propios e estraños de cada telexornal tampouco aparecen nas variantes do Trivial Pursuit, que nunca preguntaron polos  máis de 650 millóns de persoas que padecen fame no mundo. A pobreza non existe nesta liga, onde o regulamento e os árbitros póñenos os máis poderosos, dispostos, sen pudor, a situar as súas fichas neocolonizadoras na ruleta. Cuantos xogan con eles -e cren que é o apropiado-, nin pensan que eliminar “malos” predeterminados favoreza o malestar. O automatismo lúdico fortalece os seus maleducados xestos, alleos aos demais, mentres as súas aventuradas estratexias, desprezativas e burlescas, mesmo ignoran unha Terra farta de non ser respectada. O seu quecemento produce récords que a meteoroloxía traduce en desastres , e no canto de facer caso, estes negacionistas -plaxiarios de quen encarcerou a Galileo por ensinar que a Terra se movía- queren que pareza invento de “non patriotas”. A súa ineludible relevancia emprégana para asociar partidarios da súa causa ignorante e, de paso, enmascarar os seus desmáns depredadores.

 

O negacionismo e a actio indistans

Esta guerra é tan maliciosa que Trump ata di que a terminou, sen que se saiba como nin que obxectivos a xerasen. Os seus designios imperiais non admiten o diálogo con “os malos da súa película”; a súa exclusiva da racionalidade oponse a conciliar intereses que non pasen pola súa verdade “única”. Actuando como o adolescente inmaturo, empéñase en competir co resto da clase e ata coa humanidade enteira, igual que facían os críos das barriadas periféricas pelexándose a pedrada limpa polo control dun escampado que consideraban “o seu territorio”. O seu imaxinario é o que, en 1957, reflectiu o musical West Side Story con gavillas de portorriqueños migrantes nun N.York, que cantaban felices o seu “futuro en América” sen contar a fealdade sinistra. A inesperada realidade destes 14 días contradí un aparello de soños propagados indecentemente entre tanta destrución e morte gratuítas.

Non chegou aínda o peor para quen vive de cerca tanto caos, nin tampouco para cantos o miran desde a súa sala de estar, pero o Golfo Pérsico é hoxe o centro do mundo a causa dunha nefasta “actio indistans”. Esta calidade, propia de seres con potencial para influír e causar efectos afastados sen contacto físico, os metafísicos atribuíana a Deus. Auxiliando á Teoloxía, esta interrelación coa historia dos humanos viña ser como a que contaba Homero na Ilíada, onde Zeus gobernaba o destino de Héctor e os troianos fronte aos aqueos, mentres outros deuses protexían aos seus preferidos. Quen a atribuíu en exclusiva ao Deus hebreo e cristián non imaxinaron que, séculos máis tarde, os matemáticos e físicos volverían a este concepto nas súas hipóteses sobre a causalidade entre corpos distantes. Menos pensaron que habería tecnoloxías capaces de tele-relacionarnos. Orwel andou preto na súa distópica novela: 1984, pero ata entrado este século, non foi fácil predicir que regresaría unha actio indistans de EEUU,  desprezativa da “orde multilateral”. Non bastaron os anos de paz que garantira despois da IIGM, que foran enxalzados en Europa como “Os Trinta Gloriosos” ata 1973, en que a “crise do petróleo” e a baixada de beneficios nos negocios empezárono a frear.

En 2026, a IA, animando desde os móbiles a que fosen “máis libres”, sumada á ascendencia crecente da China, aflora novos “salvadores” con poder de actuar a distancia impulsando outra “orde”, outra “guerra do petróleo”, e unha “Xunta de Paz” concordante. Os deuses do Olimpo tolearon e uns maleducados Trump e Netanyahu, que se enfebrecieron con esta ludopatía de actio  indistans, non previron que Irán non é Venezuela e que o final desta partida era incerto. Os seus efectos en España teñen seguidores do dúo sionista-trumpista. Coa boca pequena din que este non é o seu xogo, pero exhiben unha hipocrisía que, allea a todo sentido comunitario, repite a alegría de Defoe no seu Diario do ano da peste (1703): morrer moitos e “eu sobrevivo”. Quen lembre a Covid-19 saben que é contaxiosa.

Outros cidadáns interrogan á IA por ver se lles arranxa o patio; ven a Úrsula von der Leyen peloteando coa “nova orde” e dubidan das trampas. Non faltan os que, ante a irracionalidade reinante en Washington e Xerusalén, Bruxelas ou Madrid, claman de novo “NON Á GUERRA”. Moitos lembran a Martín Heidegger que, despois de ser novizo xesuíta en 1909, como reitor de Friburgo compracera aos nazis en 1933 . En plena reconstrución da cidade de Dresde -bombardeada polos aliados seis anos antes-, ensinaba en 1951 que “habitar” é “estar” protexidos na Terra e “deixar habitar”, pois “o home é na medida en que habita” e implícase en “protexer, coidar, preservar e cultivar”.

MMC (13.03.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario