A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Conversación democrática. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Conversación democrática. Mostrar todas las entradas

6 feb 2026

Comparecencias banalizadoras do debate político

A pedagoxía do principal candidato ao cambio de Gobierno segue polo camiño de recortar a verdade  e, se cadra, tamén recursos públicos.

 A recente presenza de Núñez Feijóo na Comisión sobre xestión da DANA valenciana durante máis dun ano, deixou claro que os seus ruidosos adeptos asentían ao que dicía e corroboraban os seus desvíos verbais e xestuais para contrapreguntar a quen o interrogaba. No espazo da soberanía popular evidenciou hábitos que consolidara antes de chegar a Madrid en febreiro de 2022. A súa gran infidelidade ao que  dixo ao principiar o seu liderado na C/ Xénova, confirmou a quen criticaba que os relatos que articulara o palabrerío do DOGA (Diario Oficial de Galicia) e a prensa amiga,  non reflectían o que fora a súa xestión desde que empezara a ser recorrente lembrar a súa entrada en política, a causa do derrame de chapapote na Costa da Morte en novembro de 2002. Ao remodelarse a Xunta, a súa elevación a conselleiro de Política Territorial, en xaneiro de 2003, tiña como pano de fondo o Nunca Mais que Fraga trataba de contrarrestar cun Galicia mais que nunca. Hoxe, o valor das ideas que transmiten as súas palabras oriéntano os máis intolerantes do seu partido que, deitados á ultradereita, buscan que se acelere a fraxilidade do Goberno central. A súa campaña electoral permanente non alumou a éxtase do balcón de Xénova que soñara en xullo de 2023, e insiste no ensimesmado enfado monologante, compasado por rudos teloneiros inspirados en maneiras  trumpistas.

 


Esta comparecencia era unha réplica das que promoveu, sobre todo no Senado, para lucir suposta supremacía moral. As eleccións comunitarias actuais sonlle propicias, pero desatinados cálculos como a ocultación ao redor da DANA lastran a súa ansiedade por presidir o Goberno de España. Creu que debía actuar como adoita facer nas preguntas ao Gobierno os mércores, e as súas poses, a contrafío da suposta modosidade galaica, contraviñeron as mitificadas calidades que lle precedían cando substituíu a Casado. Desvelaron, máis ben, a súa dispoñible docilidade ao que diten quen o sostén, ocupados en que a vida democrática sexa o máis esmorecente posible. Na súa comparecencia, tanto primou esa colonización da súa estratexia, que a súa solidariedade cos damnificados de Paiporta e a Horta Sur desviou canto puidese aclarar por qué sostivo á fronte da Comunidade Valenciana a Carlos Mazón antes de que a presión popular o obrigase a dimitir. Ninguén se decatou tampouco das razóns polas que cedeu a que esta dimisión conlevase un cómodo afastamento de investigacións xudiciais sobre responsabilidade. Feijóo procurou nesta sesión que prevalecese a escuridade amentando asuntos que culpasen ao Gobierno central; o seu método, apropiado ao enfrontamento, botou man de ETA, contratempos do ferrocarril e asuntos que, desde a moción de censura do 01.06.2018, salpicasen aos seus adversarios da rúa Ferraz.

Guía de lectura

A exemplaridade do perfil político de Feijóo atrincheira na nada toda perspectiva crítica. Aínda que non é único, a súa comparecencia o pasado dous de febreiro facilita entender como certas pertinacias erosionan a democracia de todos. Ao día seguinte, cando Sánchez, nun anuncio supostamente rompedor desde Dubai, dixo que España prohibiría o acceso dos menores de 16 anos ás redes sociais, volveu ao seu e, de inmediato , replicou que xa el o propuxo e que deberían pagarlle o Copyright. Entre díxomes díxome que adoitan seguir a estas maneiras de ser orixinal en política, o líder do PP desaproveitou de novo unha magnífica ocasión para mostrar altura. Deixou pasar que Elon Musk, o señor neofeudal que, atento ao desaxuste de ganancias que a medida puidese reportar aos seus monopolios, insultou ao presidente de España, e Feijóo non se preocupou do interese que puidese ter a medida ante os problemas do abuso dixital, nin defendeu a soberanía nacional que está en xogo. Foi esta reincidencia a que motivou que quen segue o cursus honorum deste político galego lembrasen a súa creatividade á fronte da Xunta, alienante en moito asuntos e silenciada en canto a  que limitou silenciosamente vidas que serían  mellores de arbitrar medios para coidalas. Por demais, esta comparecencia, ao poñer en primeiro plano o papel de actores que algúns políticos desempeñan na madrileña Carrera de San Jerónimo, fixo lembrar o entusiasmo finxido de cantos mostran, despois de  hipotéticos éxitos en xestión política, o pago recibido en recoñecemento para escalar máis poder.

O posposto itinerario que cooptó a Feijóo cara a responsabilidades maiores, ocluido polo cómputo de escanos parlamentarios, esixe acerto en sintonizar todas as dereitas hispanas. Para deixar de ser xefe da oposición, conta co favor –sempre provisional- de quen o exalte. O seu poder mediático, xurídico, económico e ata cultural, conxuráronse para ver se o logra, e o do outro día é parte do intento de acelerar que as poliédricas fragmentacións existentes permitan unha conxunción rápida, antes das eleccións xerais. Ante a asiduidade coa que lle poñen diante un micrófono e un atril, cada vez aparenta malgastar máis entusiasmo en manexar, sen pudor nin asomo de contradición, vellos clichés, que emprega para para axuntar o que sexa. Non cae na conta de que, recortado por ter que conformarse, reduce o valor das palabras que usa. Cando, entre outras, menciona por exemplo a “cultura cristiá”, limítaa a costumismos banais, deixando traslucir que o aprendido en “colexio de pago” válelle para suxerir afinidades que substancien os verdadeiros valores que guían o seu grao de obediencia Tampouco parece importarlle que o emprego deste recurso ante os satisfeitos co sobo do aconfesionalismo, teña nas súas filas serios competidores que, por caraduras que sexan, utilizan con idéntica  fórmula de márketing sentimentos relixiosos dos cidadáns.

Camus, rebelde contra o absurdo que vía en actitudes que seguiron á IIGM, deostou en “A noite da verdade” (1947) a quen “esquece os deberes e a dignidade da súa profesión para converterse en insultadores”. Os cidadáns, espectadores de tan antipática astucia como observan nestas comparecencias, parlamentarias ou non -mesmo cando explican supostos acosos sexuais nas súas filas-, disputan sobre as raposerías pedagóxicas que padecen os seus ollos e oídos.

TEMAS: Debate político.- Conversación democrática.- Goberno/Oposición.- Verdade democrática.- Moral e Política.

MMC (06.02.2026)

9 jun 2025

De Pedralbes á vida cotiá hai moitos parecidos.

Unha Conferencia de presidentes autonómicos, como a do pasado día seis, fai revivir múltiples rémoras para un presente esperanzador.

 

O evento viña precedido por distintos niveis de tensión, coidadosamente preparados para que ninguén se despistase coa posibilidade dun encontro dialogante sobre vías de solución a problemas agudos nos distintos territorios desta España das Autonomías. As liñas do guión para seguir pola maioría conservadora alí presente xa foran anunciados con tempo polo líder máximo desa sección do espectro político. É maioría neste segmento executivo da burocracia política e podía facer oír a súa decisión de forzar que os espectadores entendesen as súas ganas de que os actuais ocupantes do Gobierno central lles cedesen o temón. Debían aparvar o máis posible, pois previsto estaba que, dous días despois, o seu clamor se estendese polas rúas unha vez máis, ao ritmo que, periodicamente, marcan Alberto Feijóo&Abascal. Desde que substituíu a Casado en 2022, non cesa en pedir novas eleccións, e a iso vén gran parte do aparato que sincroniza con outras manobras no Parlamento, en sede xudicial e en medios afíns. Como en todo guión con ganas de suscitar o like, cada pouco se necesita un clímax, e Pedralbes era unha ocasión tentadora para que non faltasen tampouco quen dese a nota. Aí estivo a baronesa madrileña, amiga de modular a voz coa cerveciña e con que os usuarios de residencias da terceira idade non cesen de ver se alguén atende as súas demandas sobre o acontecido aos seus familiares no tránsito da Covid-19. Tampouco faltou outro inmenso actor do esperpéntico, o barón valenciano do escaqueo cando o cambio climático causou un desastre en cantos andaban preto de os barrancos da Horta Sur.

 

  "Morgengesand". Museo Essen

O teatriño representado nun lugar tan espléndido como o Palacio de Pedralbes reflicte bastante ben, como o fixera Luces de Bohemia fai cento un anos, a colectividade cidadá en 2025. Os personaxes a que alude Valle-Inclán e as súas actitudes nada teñen que  envexar aos que con frivolidade, egoísmo e charlatanaría puideron verse en escena. É de ver, sobre todo, o conxunto de insultos á intelixencia da maioría de voces que, infestadas de adxectivos descualificadores, indicaban que todo diálogo cara a unha unidade de criterio en cuestións apenas debatidas estaba moi atrincheirado en intereses que dominaban a escena. Igual que na obra de Valle, deixaron ao público espectador material sobrado para unha crítica colectiva e, como pretendía o escritor de Cambados, a súa coherencia perceptiva –como potenciais votantes nas eleccións ansiadas por Feijóo - debese virar cara a unha  solidariedade corresponsable. Ante o que acontece neste momento histórico, e o que se sospeita que poida ocorrer en situación tan cambiante, facer outra cousa sería un disparate. Sen esa decisión ética, nesta España de poses tan agresivas non caben todos os seus cidadáns, falar ou non castelán. Por adiantado, os xestos dalgúns participantes mostraron que os doutras linguas cooficiais, prohibidas durante anos, seguen sen contar na pluralidade participativa. Que eses poucos decidan por eles é fórmula que non implica xustiza distributiva nin, sequera, unha suposta caridade sociolóxica.

 

Como en Luces de Bohemia?

As palabras tamén xogan un papel potente na comparación con Luces de Bohemia, onde a linguaxe popular alcanzou gran categoría ao dar voz á fala cotiá de múltiples persoas da armazón social. En contraste, no substancialmente empregado no teatriño político do aristocrático Pedralbes, apenas tivo acollida a vida real. O que ocorre coa vivenda –de tan complicado custo-, na educación e a sanidade pública –tan limitadas por intereses comerciais-, e o que aconteza aos inmigrantes, mostra a anonimia en que han de transitar cantos por necesidades migratorias chegaron a moitos puntos de España, ademais de Canarias, á beira de cantos non alcanzan o percentil adecuado de renda para vivir con dignidade. Estas cuestións , principais na vida cidadá, non están encomendadas á esperanza dunha conversación democrática, senón ás ariscas rutinas dunha politicastria apta para a gresca ampulosa.

Merece a pena prestar atención a este trastorno, pois unha sociedade cuxos representantes políticos xogan falazmente coa incoherencia das palabras e as cousas, corre o risco de que se cumpra o conto do flautista de Hamelin ; seguindo soniquetes graciosos, acaba mal. É nestas coxunturas cando máis éxito teñen os que expanden solucións arbitristas, ás que, se outrora puxeron obstáculos, por variadas razón, agora parécenlles valiosas. Sucedeu xa en tempos de Felipe III, en pleno século XVII. Estes ficcionais descubrimentos do Mediterráneo, de aparencia modernizadora, arrastran tal grao de melancolía que impide que todos participen solidariamente no agora urxente. Reducido o saber ao escaso destes promotores autárquicos, os seus queixumes do pasado non fan nin deixan facer, as urxencias do presente quedan sen resolución, e ao pouco tempo, cansados das descontinuidades do seu propio baleiro, propician a nada.

Tamén prosperan, en tales momentos, os que caladamente sorrín. Estes eternos cucañistas e pretendentes, que tanto deostaba Machado, non arriscan nada e, sen expoñer coñecemento ou ignorancia, o seu silencio facúltaos para posicionarse ante quen fose proclamados polos votos ou a fama, como vencedores. Non lles importa a realidade nin a coherencia verbal para dicila, explicala e decidir; unicamente aprecian a tranquilidade de estar ao lado gañador. A verdade –a súa verdade- non é a concordancia entre a sintaxe gramatical e as cousas, senón a máis conveniente “ao amo” da situación (como dicía Humpty-Dumpty en Alicia ). En situacións como a desta Conferencia de Presidentes, constátase, unha vez máis, que hai pouca xente disposta a recoñecer verdades existenciais anteriores e exteriores a todo xuízo razoable. Non é moi alentador comprobar, ademais, a súa propensión para dar por válidas falsidades de diverso calibre. Se lles convén, no canto de dubidar, pescudar e tratar de entender, prefiren asentir a negacionismos  diversos, parte dos cales quedaron evidenciados por Francis Bacon en 1620, no seu Novum Organum.

Toda esta xente transmite a súa opción pola estúpida ignorancia cando fala da educación pública; prefire seguir dando credulidade a códigos tácitos en que os usos e costumes de quen ten poder, ademais de impoñer venerabilidad ao que sucede, controlan o relato do que acontece e a prestixiosa percepción que os demais teñan diso. Se este decorado e a súa inutilidade manifesta fose o que se hubiera evidenciado tras o acontecido entre os formalismos de Pedralbes, algún proveito produciría. Lanza moita luz sobre este presente. 

TEMAS:  Falsidade/verdade.- Conveniencia política.- Negacionismos sociais e políticos.- Conversación democrática.- Educación social.

MMC (Madrid, 08.06.2025)