A pedagoxía do principal candidato ao cambio de Gobierno segue polo camiño de recortar a verdade e, se cadra, tamén recursos públicos.
Esta comparecencia era unha
réplica das que promoveu, sobre todo no Senado, para lucir suposta
supremacía moral. As eleccións comunitarias actuais sonlle propicias, pero
desatinados cálculos como a ocultación ao redor da DANA lastran a súa ansiedade
por presidir o Goberno de España. Creu que debía actuar como adoita facer nas
preguntas ao Gobierno os mércores, e as súas poses, a contrafío da suposta modosidade
galaica, contraviñeron as mitificadas calidades que lle precedían cando substituíu a Casado. Desvelaron,
máis ben, a súa dispoñible docilidade ao que diten quen o sostén, ocupados en
que a vida democrática sexa o máis esmorecente posible. Na súa comparecencia,
tanto primou esa colonización da súa
estratexia, que a súa solidariedade cos damnificados de Paiporta e a Horta
Sur desviou canto puidese aclarar por qué sostivo á fronte da Comunidade
Valenciana a Carlos Mazón antes de que a presión popular o obrigase a dimitir.
Ninguén se decatou tampouco das razóns polas que cedeu a que esta dimisión
conlevase un cómodo afastamento de investigacións xudiciais sobre responsabilidade.
Feijóo procurou nesta sesión que prevalecese
a escuridade amentando asuntos que culpasen ao Gobierno central; o seu método,
apropiado ao enfrontamento, botou man de ETA, contratempos do ferrocarril e
asuntos que, desde a moción de censura do 01.06.2018, salpicasen aos seus adversarios da rúa Ferraz.
Guía de lectura
A exemplaridade do perfil político de Feijóo atrincheira na nada toda perspectiva crítica. Aínda que non é único, a súa comparecencia o pasado dous de febreiro facilita entender como certas pertinacias erosionan a democracia de todos. Ao día seguinte, cando Sánchez, nun anuncio supostamente rompedor desde Dubai, dixo que España prohibiría o acceso dos menores de 16 anos ás redes sociais, volveu ao seu e, de inmediato , replicou que xa el o propuxo e que deberían pagarlle o Copyright. Entre díxomes díxome que adoitan seguir a estas maneiras de ser orixinal en política, o líder do PP desaproveitou de novo unha magnífica ocasión para mostrar altura. Deixou pasar que Elon Musk, o señor neofeudal que, atento ao desaxuste de ganancias que a medida puidese reportar aos seus monopolios, insultou ao presidente de España, e Feijóo non se preocupou do interese que puidese ter a medida ante os problemas do abuso dixital, nin defendeu a soberanía nacional que está en xogo. Foi esta reincidencia a que motivou que quen segue o cursus honorum deste político galego lembrasen a súa creatividade á fronte da Xunta, alienante en moito asuntos e silenciada en canto a que limitou silenciosamente vidas que serían mellores de arbitrar medios para coidalas. Por demais, esta comparecencia, ao poñer en primeiro plano o papel de actores que algúns políticos desempeñan na madrileña Carrera de San Jerónimo, fixo lembrar o entusiasmo finxido de cantos mostran, despois de hipotéticos éxitos en xestión política, o pago recibido en recoñecemento para escalar máis poder.
O posposto itinerario que cooptó a Feijóo cara a responsabilidades maiores, ocluido polo cómputo de escanos parlamentarios, esixe acerto en sintonizar todas as dereitas hispanas. Para deixar de ser xefe da oposición, conta co favor –sempre provisional- de quen o exalte. O seu poder mediático, xurídico, económico e ata cultural, conxuráronse para ver se o logra, e o do outro día é parte do intento de acelerar que as poliédricas fragmentacións existentes permitan unha conxunción rápida, antes das eleccións xerais. Ante a asiduidade coa que lle poñen diante un micrófono e un atril, cada vez aparenta malgastar máis entusiasmo en manexar, sen pudor nin asomo de contradición, vellos clichés, que emprega para para axuntar o que sexa. Non cae na conta de que, recortado por ter que conformarse, reduce o valor das palabras que usa. Cando, entre outras, menciona por exemplo a “cultura cristiá”, limítaa a costumismos banais, deixando traslucir que o aprendido en “colexio de pago” válelle para suxerir afinidades que substancien os verdadeiros valores que guían o seu grao de obediencia Tampouco parece importarlle que o emprego deste recurso ante os satisfeitos co sobo do aconfesionalismo, teña nas súas filas serios competidores que, por caraduras que sexan, utilizan con idéntica fórmula de márketing sentimentos relixiosos dos cidadáns.
Camus, rebelde contra o absurdo que vía en actitudes que seguiron á IIGM, deostou en “A noite da verdade” (1947) a quen “esquece os deberes e a dignidade da súa profesión para converterse en insultadores”. Os cidadáns, espectadores de tan antipática astucia como observan nestas comparecencias, parlamentarias ou non -mesmo cando explican supostos acosos sexuais nas súas filas-, disputan sobre as raposerías pedagóxicas que padecen os seus ollos e oídos.
TEMAS: Debate político.- Conversación democrática.- Goberno/Oposición.- Verdade democrática.- Moral e Política.
MMC (06.02.2026)

No hay comentarios:
Publicar un comentario