O fluxo da tecnoloxía dixital, secundado pola burocratización da vida, xa condiciona case todos os aspectos da vida.
É cada vez máis frecuente que aparezan en conversacións coloquiais referencias á IA. A súa facilidade para avanzar traballos de certa rutina apura proxectos operativos en gran variedade de asuntos e, mesmo, aconsella remedios e solucións para tratar problemas moi variados. O seu sistema operativo, nutrido de gran cantidade e amplitude de información ten, mesmo, sobrada capacidade para configurar unha harmonización de sentido. Se o usuario ten unha perspectiva global, en que encadrar esa mecánica, pode sacarlle moito partido sen complicarse a vida, como pode comprobarse nas versións estandarizadas, ao alcance en calquera móbil. Confírmano os equipos de investigación complexa, necesitados de moito máis megabytes para procesar secuencias de información, en que as múltiples variables a considerar permitan relacionar causas e efectos dalgún fenómeno ou predicir modelos de comportamento, sexan de tipo estritamente físico ou, máis aleatorios, sobre comportamentos humanos.
Con todo, os malos usos xeran inconvenientes. En todos os sectores de actividade, tras as diferenzas ou coincidencias críticas, non poucas son de clase; non é igual o xuízo que lle merezan a un alto executivo, que ha de rendibilizar ao máximo a produción do que sexa ao mínimo custo, que o que diga un obreiro que, segundo vaia o ritmo da empresa, pode quedar fóra de xogo ao implementarse un sistema dixitalizado ao que lle sobre persoal. Pero, ademais, nas entrañas da IA, á marxe desta perspectiva, hai aspectos que afectan a todos. Este instrumento tecnolóxico pode axudar ou estorbar a convivencia colectiva, esixe unha regulación que evite a súa degradación mediante abusos diversos. Urxe, por tanto, a unha conversación democrática, afastada de ruídos máis aptos para a confusión que para a transparencia.
Distinguir o ourego no monte
A IA, asociada ao tráfico de comunicación nas redes sociais e á fácil dispoñibilidade dos móbiles en todas as idades, pode entorpecer en nenos e adolescentes a súa autonomía persoal, condicionándoa baixo aparencia de liberdade, diversión e facilidade de entretemento. Multiplicou os problemas de bullying en colexios e escolas, que asociados aos que xera o acceso ao porno, a desinformación e as trolas -que propagan grupos e empresas interesadas no seu consumo-, evidencian carencias das familias e do sistema educativo. O malo non é que algúns tabús atopasen un modo de transgredir regras curriculares e conductuais distintivas do “neno malo e do neno bo”, que dicía Mark Twain, senón o dano causado ás sinapses neuronais para procesar a información que trasladan, só comparables á nadería que condenan tamén ás persoas adultas, ao manipulalas en cuestións relevantes. Por exemplo, qué merece a pena comprar e consumir; qué hábitos desenvolver en situacións dubitativas como poida ser a do voto democrático ou, sobre todo, qué pensar e opinar, qué criterios seguir para poder escoller e decidir de maneira autónoma.
Deixarse levar polas proposicións que solapadamente induce –de modo nada inocente- o uso das redes sociais, ata facer parecer que algo concreto é o mellor a defender ou facer, está na esencia da relación da IA coa aprendizaxe das persoas. Dito doutro xeito, que neste debate o inocente é o que cre que os instrumentos tecnolóxicos son neutros, non albergan intereses detrás e que apareceron para que haxa máis harmonía na Terra. Os algoritmos que os gobernan teñen capacidade sobrada para transmitir predeterminados rumbos aos usuarios. Calquera pode comprobalo a pouco que faga unha procura nunha gama de produtos; antes de que caia na conta, propoñeralle determinadas compras nese mesmo segmento e que non se canse en investigacións. Por contra, no que incumbe a reclamacións -administrativas ou de calquera xénero-, as desviacións de respostas substitúen co seu silencio ou lentitude á queixa de Mariano José de Larra sobre o “Volva vostede mañá”.
Talvez sexa urxente advertir que o sucedido en Estremadura, e onte mesmo en Aragón –á inversa de Portugal-, aconselle repensar que aconteceu no pasado recente e no máis sobrepasado. Mentres os actores da vida política recalculan a súa posición nos afáns dos votantes –sen parar de disputar sobre si mesmos-, no taboleiro xeopolítico hai movementos de fondo que obrigan a manterse espertos para ver como os algoritmos da razón matemática rendibilizan a escura utilidade de “que inventen eles” (Continuará).
TEMAS: Intelixencia artificial.- Utilitarismo pragmático.- Razón social.- Autonomía persoal.- Liberdade positiva e negativa.
MMC (09.02.2026)

No hay comentarios:
Publicar un comentario