A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Violencia informativa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Violencia informativa. Mostrar todas las entradas

25 may 2025

Os carros de Xedeón son a inspiración de moda

Deberían ser obxecto de análise pormenorizada de males presentes e futuros que ameazan a todos, tamén os máis selectos  

A análise dos metabolitos, substancias desprendidas mentres se metabolizan os alimentos, é capaz de detectar múltiples afeccións. Esta vía de investigación poderá previr e sandar de raíz máis de 30 de enfermidades, as neurolóxicas como o Alzheimer, e os cancros. Tería grande interese dispoñer igualmente doutras que detectasen as raíces de condutas que amargan a vida colectiva. O amplo campo, que ocupa a especialistas en Psicoloxía Social e áreas multidisciplinares de coñecemento, a Historia entre elas, xa tivo a Cicerón predicando que era “mestra da vida”. Outros artefactos narrativos, especialmente os contos, tamén o pretenderon coas súas ensinanzas. E nesa vontade abondan a novela e o cinema sen que a súa inspiración nas noticias diarias poida dicirse que axude categoricamente a mellorar a sociabilidade.

Os carros de Xedeón

A escala internacional, son dignos de atención, por exemplo, os termos en que se move Netanyahu en Palestina. Ante todo, -como nas estratexias de todos os autoritarios para non perder poder- a invocación do belicismo de Xedeón cos madianitas -a que alude a Biblia en Xuíces 8, 13-26-, pode quedarlle moi ben cos máis ultras do seu Goberno, pero ademais de esquecer os versículos seguintes -a trampa do desagradecimento, a prostitución da súa xente e a desmemoria-, é puro regreso á lei do máis forte e máis besta. O Código de Hammurabbi  (século XVIII a. C.) queda amplo. Non ten en conta as razóns que –en boa medida por culpa do Holocausto da súa xente- propiciaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948. Do que acontecera aos seus antepasado desde o ano 70 d.C. -tras a vitoria do emperador Tito- pasando polos progroms en toda Europa ata Auschwitz e Treblinka, aprendeu a imitar as artes dos verdugos, pero non se lle pegou a empatía con quen, desde 1948, ían sufrir o seu expansionismo. Ese ano, o independentismo israelí empezou a xerar unha profunda fenda en persoas como o poeta Mahmud Darwix, que sempre sufriu a “presenza dunha ausencia” ao non poder ver a terra onde nacera. Se ninguén detén a anunciada volta de Xedeón, os desmáns de Netanyahu cos gazetíes acosados serán puro sarcasmo: a zona turistificarase ao gusto de Trump  .

A cuestión palestina sérvelle de pretexto ao malabarista do despacho oval para impoñer o seu potestas –que non auctoritas- sobre canto o rodea. Acaba de deixar a estrutura universitaria americana pendente dos seus caprichos ideolóxicos. A limitación de axudas federais que impuxo a Harvard, e ao seu alumnado estranxeiro –ao redor dun 27% da súa matrícula-, pon en risco boa parte da mellor investigación mundial en aspectos valiosos da vida humana. Equivale a dicir que o afán de coñecemento é malo e as censuras ideolóxicas preferibles se rozan a luxosa orde ignorante en que soña, ou que as protestas dos novos estudantes polo que sucede en Gaza, deslocen o seu imperialismo triunfal. O roto que causa a unha das máis recoñecidas universidades, berce de premios nóbel en múltiples disciplinas, é un aviso coercitivo ás demais universidades, pero fai saber que con Trump e a súa xente como gardiáns da árbore do ben e do mal, o paraíso liberal entrará en dúbida. A diminución do coñecemento axudará a que reine na Terra un pouco máis de estupidez.

 

Violencias condicionadas

Estes asuntos, tan televisados, configuran un dos momentos máis horrorosos da Historia, con ser o máis avanzado na peripecia humana sobre a Terra. Poderían considerarse un síntoma de “a mediocridade da especie humana”, opinión sólida dalgúns filósofos, contrastable ante a frecuencia de indicios de contaxio. No ecosistema sociopolítico hispano proliferan imitadores do trumpismo a grande e pequena escala. O impoñente afán de combate que locen en intervencións broncamente altisonantes repítese tanto se preguntan no Parlamento coma se peroran do espectáculo eurovisivo. No intenso tempo posterior a este evento exhibiron repetitivas clonacións un mesmo patrón: a indiferenza ante as mortes por desnutrición de miles de nenos. O seu nulo interese por Gaza ou Cisxordania deixou tremendo calquera indicio de honrado aprecio pola verdade e a xustiza. O modelo TRUMP é expansivo e esta deshumanización , engadida a xenealoxías autoritarias, fainos fachendosos  ante os outros seres humanos , que só han de existir para renderlles pleitesía.  

 


Os imitadores do guión moral de Trump son capaces de anular narrativas distintas das súas; a base de repetir xestualizacións mediáticas, e concertalas con outros efectos de intensa repercusión na opinión que se publica, logran a miúdo naturalizar as súas posicións sobre o ben e a verdade. A orde, o bo e o verdadeiro –e non digamos o xusto e o inxusto- pasa unicamente polas súas neuronas, xerando graves problemas de entendemento na convivencia democrática. Non viviron os anos anteriores á Transición, pero séntense herdeiros das misións en que andaban os “guerreiros do anteface” ou o “Capitán Trono” dos cómics dos anos cincuenta, aínda que sigan os principios reitores do sufrimento palestino ou o que empezan a padecer os máis selectos estudantes americanos. Entre as suas teatralizacións recentes destaca a do pasado mércores. Varios senadores querían que a actual ministra de Educación lles confirmases supostas certezas que eles tiñan e, sen límites á procacidade, parecían resucitar os inquisidores da Gobernación e da DGS, anteriores á CE78, na madrileña Porta do Sol.

Os espíritos destes sagaces comisionados andan soltos por coloquios, emisións de radio, redes sociais e cartelería publicitaria, en que os prexuízos determinan toda información decente. Nunca se oirá aos seus máis aguerridos e aguerridas voceiras prestar atención a que os docentes volvesen por enésima vez á rúa en defensa dunha escola pública ben tratada e un concepto de ensino que sobrepase o dunha gardería. Tampouco se molestarán coa apertura dunha nova consideración xudicial sobre o acontecido na pandemia a 7291 persoas madrileñas por discriminación, e os seus exabruptos e pendencias non tocan a xestión dos efectos da DINA na Horta Sur valenciana. Procuran, iso si, entreter moito con prospeccións  morais de anónimas acusacións de futuribles causas penais que rolden aos seus adversarios. A súa metodoloxía sempre conta cun colaboracionismo multiforme e difuso, apto para coarse en ámbitos onde os ávidos de seguir na foto frecuentan a pose pase o que pase. Esa prevalencia de moitos cidadáns e cidadás por non perder pé é unha actitude escura que detectou Shopenhauer cara a 1860: “na maioría dos homes a vaidade innata vai acompañada dunha necesidade de cháchara e dunha falta de honradez innata”. As súas nanoviolencias resultan tóxicas.

TEMAS: Moralidade e Política.- Autoridade e autoritarismo.- Representación política.- Postura e conformismo.- Violencia informativa.

MMC (24.05.2025)