A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Unión Europea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Unión Europea. Mostrar todas las entradas

31 mar 2025

As cambiantes circunstancias reavivan as invocacións á pedagoxía


Tratar de que se acepten cambios sen protestas implica tratar de convencer ao persoal do bo que é facer as cousas doutro xeito .

 

A instrumentación de medios para convencer dun cambio ou unha revolución non é nova. Case nada o é. A publicidade e a propaganda son tan antigas como as táboas cuneiformes; de tempos próximos, cabe lembrar imperios mediáticos construídos no século XIX, condicionantes de políticas diversas, incluídas as imperialistas. Extraer recursos a base da ansiedade de novidades foi o fundamento da rendibilidade do negocio da información e a publicidade, un campo en que a liña divisoria non sempre é fácil distinguir. Así creceu o comercio; así se difundiron as invencións e descubrimentos; así se desenvolveu a información contraposta sobre as guerras e, coa mesma ambigüidade desenvolvéronse tamén non poucos movementos culturais e políticos, especialmente algúns que acabaron en desastre. Sen contar damnificados, os mortos na IIGM sobrepasan os 60 millóns entre civís e combatentes, en boa medida a causa da eficiencia de Goebbels entre 1933 e 1945.

 

A relación de estudos e investigacións sobre esta etapa europea, cos seus múltiples ingredientes é amplísima, o que non impide a preocupación de quen como Siegmund Ginzberg, na súa recente Síndrome 33, ven similitudes no momento actual cos anos en que os nazis, destruída a República de Weimar, seduciron cos seus parrafeos ao pobo alemán. Abundan os indicadores de parecidos síntomas de deterioración democrática, e ata algúns dos personaxes deste presente fan que aquela etapa pareza cada vez máis un metáfora da realidade sociopolítica actual. Anuncios últimos de Trump &Company no sentido de reducir o Departamento de Educación á nada, que os museos sexan patrióticos e deixen de pescudar sobre o seu discurso colonial, ou a súa petición de respecto aos valores cristiáns desde as institucións, alberga serios pretextos para depurar tendencias favorables ao desenvolvemento dos Dereitos Humanos e Civís. A definición xeoestratégica en que se move a nova Administración de EEUU aproveita ao máximo as posibilidades das tecnoloxías actuais para impoñer unha neocolonización cultural e económica sen obstáculos morais nin confesionais, que estorben un neoimperialismo proveitoso para a elite que neste momento detenta case todo o poder político.

 

Algunhas derivacións desta estratexia xa presionan sobre Europa. Entre aranceis e OTAN, ambos en fase de revisión e novas condicións do acordado desde a IIªGM, os 27 de Europa van ter que reformular, de entrada, o concernente á Defensa: rearmamento, exército, investigación sobre tecnoloxía militar, mando de tropas, plans estratéxicos, número de unidades operativas, etc. É dicir, teñen que priorizar un concepto de sociedade e de medios que -nos anos pasados-, parecía estar en segundo plano e tutelado por EEUU. O dono do taboleiro de xadrez en Occidente cambiou as normas do xogo, e sen que haxa un debate a fondo sobre o novo regulamento, fáisenos ver día si e día tamén, o interese que ten o Exército. Practicamente todos os días preséntase o papel de servizo dos submarinos, a Armada, os tanques, a tecnoloxía aérea e, de cando en vez, cóanse tamén cantidades de recursos que deba poñer cada país e os seus prazos de contribución. No Congreso, aparecen cuantificacións proporcionais ao PIB e que o debate político adivíñase complicado. A dificultade trátase de obviar dicindo que os recursos imprescindibles para ese 2% do PIB, con que contribuiría España, non implicará recortes do Estado de Benestar, é dicir, do conxunto de prestacións sociais que deron diferencialidade á vida en Europa. Teoricamente, por tanto, nin a Sanidade, nin a Educación, nin as Pensións dos maiores –nin o trato nas residencias xeriátricas-, nin os demais servizos públicos en seguridade pública, en comunicacións e transportes -nin en xestión de todo o conxunto-, sufrirá deterioración. De onde sairán os recursos adicionais é aínda misterio: o tira e afrouxa respecto ao que o novo empeño signifique de proveito económico inmediato empezou, e está por ver se ha de ser un gasto mancomunado ou se cada un dos 27 ha de cargar individualmente co seu.

 

Banksy

En todo caso, está claro que a Defensa Europea vai cara adiante. Flotan no aire cuestiones tales coma se vai ser algo de verdade autónomo ou se, como nas transicións do esclavismo, e as súas reformulacións da subordinación voluntaria a cambio de protección, ha de parecer que a escravitude se difuminou en maneiras máis ou menos piadosas de manumisión. Para que os problemas de opinión pública sexan menores, e que se é posible se revertan cara a posicións proclives a unha “paz armada”, aquí temos en exercicio a mesma técnica do “OTAN, DE ENTRADA, NON” de 1982, convertido catro anos máis tarde en: “VOTA SI EN INTERESE DE ESPAÑA”, e volven os españois para ter a ocasión de comprobar as teorías de McLuhan ao redor do medio como mensaxe. A masaxe informativa-publicitaria empezou de maneira sólida e consistente, a fin de que as maneiras de pensar, sentir e opinar vaian collendo o cariz que menos custo represente a quen deba decidir. Como é propio de situacións en que non é o mesmo estar na oposición que no poder, todo ten unha ambigüidade calculada e, ao ritmo dos días que veñen, irá incrementando a súa intensidade, propicia a dobregar aos máis remisos. Xa se advirten nos medios os neoconversos á nova situación, que engadirán méritos para seguir estando onde sempre estiveron, sen arriscar nada e non perder corda nas novas oportunidades que se presenten.

 

É propio das situacións de cambio, o emprego de mecanismos  pedagóxicos para que se acepte o que impón o poder real, o da economía e os seus preceptos. As linguaxes do liberalismo remodelanse e complementan desde antes de que Adam Smith tratase de facer ver que eran a maneira de lograr A riqueza das nacións. Na vida escolar, repetiuse o mesmo cos reformismos que, desde a Lei Moyano en 1857, marcaron a xeneralización da escola deixando sempre fóra de xogo a un grupo amplo de persoas. A redución do analfabetismo foi lenta, pero sempre hai quen diga que avanzamos moito. Aínda en 2025, “fracasa” un terzo do alumnado, ao que o sistema educativo sérvelle de pouco, pero a súa invisibilidade mediática e política vénlle ben ao sistema produtivo como man de obra barata. A cuestión é saber se non lle iría mellor á calidade da convivencia colectiva unha igualdade educativa de verdade. Faría ineficientes as pedagoxías sobre a “paz armada”?

 

TEMAS: Educación pública.- Deterioración democrática.- Estado de Benestar.- Xeoestratexia actual.- Unión Europea.

MMC (31.03.2025).


17 feb 2025

Máis que repetir circularidade, a Historia europea ten continuidades.


Non é retórica o que falta, senón esperanza obxectiva para mellorar o rumbo do benestar das persoas.

 Bastou que o Tío Sam esbirrase, para que en Europa cundise a febre e os síntomas de graves doenzas. Os medios, secundados pola multiplicidade de opinións dos vinte e sete, deron en elucubrar no destino que espera a Europa. Coma se de súpeto se rompese unha burbulla de vida supostamente distinta á do resto dos mortais, con principios e organización sen parangón, comezaron os queixumes; descuberta a súa fraxilidade, as elucubracións sobre o futuro de 347 millóns de europeos non cesan.

Como sempre, a poliédrica realidade do que acontece ofrece moitos lados. Para contala, tan equívoco é partir da liñalidade do tempo, en que o que vén é mellor que o que hai, como imaxinar que o que acontece non é senón repetición de si mesmo, algo eterno e inmutable. A vella alternativa entre Heráclito e Parménides na que se moveron as narrativas de Historia, ensináronnolo moito. Nos 40 anos de posguerra española, os libros de texto repetían incesantes que viviamos un momento providencial de exaltación do ben fronte ao mal e os seus propagadores, para engadir que había que sostelo sempre. Só cara a mediados dos anos setenta, Heráclito volveu ter algunha cancha para observar se cambiaramos algo; dicían que iamos cara a un horizonte moito máis dinámico, no que agora cabía Europa e, mesmo, o resto do mundo: esa era a gran variación que contaban os libros de texto aos infantes e adolescentes e ninguén podía contravir. Por decreto de 1939, o Instituto de España encargárase de contar, en formato supostamente escolar, o modelo de Historia que había que aprender. Os que sabían que estaba a pasar non tiñan voz para contalo e, cando nos anos sesenta e setenta migraron por media Europa, traballando onde podían, advertiron que había outra Historia, moi distinta da que aquí viviran. Vén a conto para non caer no falso punto de vista de que todo ten que suceder como o teñan na cabeza os sagaces os outeadores do inminente futuro deste presente, cual arúspices de Delfos.

O destino?

Por se axuda a clarificar a situación, convén lembrar que o tempo histórico non é senón unha serie de continuidades que se encadean entre si, e que o que máis cambia, mesmo nos tempos curtos ou evenemenciais –que dicían os franceses- é a nosa maneira de mirar. Virgilio, a quen a Historia se lle entrecruzaba con prefixos culturais para contar o que pasara en Roma, utilizou moito o termo fatum, que cabe traducir como “o destino”. No seu Eneida, lida amodo, non é tanto algo obxetual e determinista, capaz de superar o que na súa cosmogonía era o poder maior dos deuses, senón o resultado dun conxunto de decisións que, entrelazadas con outras, fixaban a secuencia dos procesos que viñan despois. É fatídico o que sucede con Trump e as políticas rápidas e intrépidas que poñen en marcha os seus decretos cesáreos? É continuismo do que non se fixo, cuxas fendas encadean decisións sobre o que vén?

Baldomero Moreiras. Entroido, 1980

O núcleo do que sucede neste instante vira ao redor de Ucraína e as súas implicacións con Rusia, Europa e, en definitiva, o papel de EEUU nun mundo cambiante; testemúñao ben a reunión urxente “de crise” en París de sete dos vinte e sete. Con todo, os movementos de peóns, torres, cabalos e alfís nese taboleiro foron determinando un xaque mate en que se adiviña quen perde, quen gana e quen quedan coa sensación de burlados xusto neste momento. É unha historia que vén desde que os países europeos perdemos dúas guerras mundiais -a segunda despois dun ensaio moi eficiente de tres anos en España-, sobrepasamos en conxunto preto de 70 millóns de mortos e demos espectáculos infames, como os dos campos de concentración, asolamento total de cidades, migracións e exilios sen conto, e quedamos en disposición de asumir a colonización americana en plena Guerra Fría. O Plan Marshall axudou o seu, e a presenza constante da OTAN, a CIA e a súa axenda naqueles Cadernos do Congreso pola Liberdade e a Cultura que, entre 1953 e 1965, puxéronnos aos europeos ao lado bo da historia, fronte aos malos, que pugnaban o seu por levarnos ao seu camiño. Cando aquela filmografía de Far  West alcanzou 1986, España decidiu, tras o “de entrada non” de 1982, aliarse tamén con este conglomerado no que, desde 1953, coa “Paz de Madrid”, estaba xa metida. Ou máis atrás talvez. Se facemos caso ao que hoxe se sabe da espionaxe inglesa e americana, desde 1947 estaba decidido manter ao Caudillo baixo palio e, captados cantos podían contribuír na súa contorna a que alí seguise, a suposta soberanía española estivo intervida e ata subornada. En 1991, Bailando con lobos, descubriría algo aquel Cabalo de Troia colonizador, pero estabamos demasiado distraídos coa recente adhesión ao “mercado único” en 1986 e a expectativa do Euro desde que se empezou a falar intensamente del en 1995.

No longo prazo, por tanto, ben merece a pena non estrañarse moito de que os amos do taboleiro de xadrez decidisen recolocar as pezas do xogo en nova posición. Que caiba facer a estas, especialmente ás que só contasen como comparsas na sorte de Ucraína , non é insignificante. Nin neste territorio nin no de Palestina deu Europa sinais de suficiente autonomía desde 2008, 2014 e 2022, para mover posicións nos escaques. Ao seu retórico discurso do ben e do mal, por máis ditirambos que lle sigan dedicando os vates da Unión Europea, non lle faltan os disidentes da harmonía do coro. Entre o que debe ser e non é, a corte de Trump  -como sucedía nos barrios de moitas infancias que hoxe peitean canas- tenlle interposta nestes 27 países non demasiado unidos unha clá de partidarios que acirran os seus negacionismos, a súa brutalidade e histrionismo provocador. Faránnolo ver ben en Alemaña -o que era motor do conxunto- as eleccións do día 23 de febreiro; máis preto, ocupando as beirarrúas españolas, os remedan cantos se entusiasman coa  liberdade de beber cañas.

Na Historia, nada é cuestión de sorte. Desde 1953, fomos colonia americana de bebedores de Coca-Cola; en diante , serémoslles máis útiles se a chispa da vida non alcanza ás neuronas. Con menos credulidade no aprendido, talvez poidamos revisar qué fixemos coa docilidade e o acomodo ás estratexias dos amos e os seus colaboracionistas. Deberá ser rápido. O novo Tío Sam ten présa por seguir xogando ao seu aire: as posicións que tiñan as súas pezas ata o de agora resúltanlle aburridas.

TEMAS: Unión Europea.- EEUU- Neocolonialismo.- Ucraína.- Xeopolítica mundial.

MMC (17.02.2025)

17 mar 2022

Ollo ao piollo!

O enturbamento do aire non é grave; o risco é se se enturban as relacións cidadás con falsas présas e ansiedades imposibles.

A calixe que estes últimos días sobrevoa máis de media España pode ser, para moitos, un signo apocalíptico, como se puido oír nalgún medio. Caben moitas interpretacións a este fenómeno natural, que os canarios coñecen tanto e que, sen ser estraño cando sopran os ventos do Sur, logo de dous anos de pandemia inconclusa, e no medio dunha guerra que nos pon os mortos encima da mesa acotío, levará a máis dun a agoirar a proximidade do fin do mundo.

Orientación/desorientación

Na indefinición que crea para orientarse, estas partículas en suspensión que amarelean a atmosfera invitan a exercicios de orientación. Recorden aquel debuxo das enciclopedias en que un neno cos brazos en cruz e mirando cara ao Leste, tiña en fronte un espléndido sol nacente; os outros puntos cardinais, segundo sinalaba unha rosa dos ventos marcada no chan, indicaban o Oeste ás costas, determinando o Norte á esquerda e o Sur na orientación do brazo dereito. Para entón, antes de novembro de 1989, o Leste e o Oeste expresaban, ademais, posicións xeopolíticas de variable grao de calor, na gama do frío, que marcara o rumbo das relacións internacionais desde a Conferencia de Postdam en agosto de 1945; o Muro de Berlín era o límite divisorio nesta do mundo.
De entón acá, a caída dese símbolo da división europea e mundial deu lugar a confusións e amagos tendentes a que o conxunto de hábitos do que adoitaba chamarse “cultura occidental” colonizara o espazo que estivera detrás do “telón de aceiro”. Ninguén no Oeste imaxinaba que, trinta e tres anos máis tarde, puidese volver a xestarse unha divisoria parecida a aquela. Non tivemos en conta que, no panteón romano, había divindades inimigas da felicidade humana nin que o Salmo 88 expresase o clamor polos males que podían percorrer a existencia, pechada como podía estar, “sen saída” e cos ollos “consumidos pola pena”. Naquela discutida versión de Francis Fukuyama en 1992, chegaramos ao final da Historia.
Non está mal non perder de vista aquela inxenuidade á hora de orientarnos no presente, mentres vemos o desastre que están sufrindo na súa tranquilidade persoas coma nós, en casas como as nosas. A información que nos están transmitindo masivamente produce unha sensación, ás veces, similar á que a calixe xera, moi propicia para non decatarnos do que está pasando e nos decidamos sen rechistar, como nas películas do Oeste, polo maniqueísmo: os bos e os malos, a guerra e a paz, Putin e Zelenski, o xusto e o inxusto, sen saber nada das causas e causantes deste desgraciado asunto. Tampouco nos están orientando apenas sobre da nova reformulación do mundo que, ás caladas, se está configurando; que poida significar en poucos anos o Oeste e Occidente na xeopolítica que se está reconfigurando, o eixe atlántico ou o pacífico, coma se ninguén soubese nada.

Esta desorientación na que andamos xera, entre nós, todo tipo de debates e confusas mixtificacións, só conducentes á banalidade e a que medre o desconcerto. Algunhas reaccións parecen propicias a completar na UE estruturas propicias a unha maior integración, pero xusto agora en que nos sentimos apertados. As cuestións para comer, a enerxía e a defensa común andan por medio acelerando iniciativas que, ata agora, non eran urxentes. Ninguén está reivindicando con similar ardor, por exemplo, o sentido máis profundo da cultura común que deberiamos compartir, como querían os primeiros fundadores da Comunidade Europea, no medio da tristeza que deixara tras si a IIGM cos seus millóns de mortos. Daquela Europa que propugnaba Robert Schuman en 1950, como espazo de “libre circulación de capitais, produtos comerciais e persoas”, o que se desenvolveu foron os dous primeiros capítulos. mereceu a pena porque se logrou manter un espazo libre dos enfrontamentos mortais que, para marcar influencias -sobre todo entre Francia e Alemania- producíronse desde finais do século XIX especialmente. Pero non se avanzou demasiado na integración dun espazo cultural común, ben trabado por un relato histórico compartido; e a súa defensa, que agora se reivindica, sempre estivo subordinada á OTAN desde 1949, cando a Guerra Fría estaba claramente comandada en Occidente por EEUU.

Présas e urxencias

No noso particular percorrido, ata 1953, en que a EEUU lle conviñeron as bases militares na Península, andamos bastante á deriva, en plan de autarquía e cartilla de racionamento para comprar o pan e o cuarterón de tabaco. Os que primeiro se decataron de que en Europa había un Estado de Benestar en marcha foron os case tres millóns de emigrantes españois que, en moi poucos anos se amorearon, sobre todo, en Francia e Alemania, a sumarse ó case medio millón de exiliados que producira a Guerra do 36. Para os españois do interior, non foi fácil o tránsito a unha economía e un país homologable democraticamente; plans, soños e proxectos arruinados pola represión das liberdades e dereitos mínimos das persoas tardaron en poder expresarse. Entrar nesa Europa que xa cambiara de nome tres veces, ata chamarse Comunidade Económica Europea, houbo de esperar ao 12 de xuño de 1985.


Cando temos a tres horas de avión unha guerra que remove moitas historias daquel pasado, e pon en tensión moitas das melloras que a España lle trouxo a UE, merece a pena non esquecelo para orientar con criterio o futuro; o gran proceso de consolidación democrática, coas súas derivacións nun Estado de Benestar en proceso de consolidarse, pode virse abaixo ante voces “con pouco aguante” para canto non salga das súas luminosas meninxes. Mentres os grandes do posicionamiento global velan polos seus inacabables afáns de dominio universal, os europeos perderemos consistencia se non completamos a federación; e os españois notarémolo moi pronto se non arrimamos o ombreiro á colaboración mutua. Nin somos tan libres como algúns pregoan con martirial entusiasmo, nin tan autónomos que toda iniciativa común haxa de ser vista como atropelo. O momento require especial unión para defender e ampliar o que desde 1985 albiscamos: unha sociedade democrática capaz de compartir un espazo común de dereitos e liberdades en igualdade. No Museo Thyssen de Madrid, exhíbense estes días máis de cen obras sobre O Hiperreal. A arte do trampantoxo, que durante séculos visibilizou xeitos de enganar ao ollo coa mentira ben debuxada; máis ou menos igual que moitos enganos, posverdades e estritas falsificacións que percorren hoxe os medios informativos. Ollo ao piollo!


TEMAS: Unión Europea.- A arte do trampantoxo.- Putin e Zelenski.- Leste-Oeste.-Guerra de Ucrania.


MMC (Madrid, 16.03.2022)

11 mar 2022

En presenza da ausencia de paz


Hai pouco as rúas de Ucrania eran como as nosas. Hoxe, campan polos barrios das súas cidades a guerra, a miseria e a aflicción

En quince días, estamos tendo un mestrado acelerado de realismo. As xeracións que non viviron en directo a guerra española nin a segunda mundial, están vendo unha de preto

Demasiadas “guerras xustas”

Desde 1945, non houbo paz en moitos sitios, pero si moitas outras guerras, todas máis lonxe: en Corea, Vietnam ou Camboia; nun Oriente Medio que non parou de pelexar aínda, en Israel-Palestina, en Irak e Siria, en todo o Golfo, en Yemen e Afganistán. No transcurso da descolonización de África e as neocolonizacións que seguiron, tampouco acabaron; en Etiopía e Libia seguen moi presentes, e en moitos outros países sorpréndennos con intermitencias continuas. En Sudamérica –“o patio de atrás” da “doutrina Monroe”-, foron incontables os golpes de Estado, e as guerras in-civís non deixaron de cambiar de rostro; a crise dos misiles en Cuba, as represalias ditatoriais en Chile ou Arxentina, San Salvador ou Panamá, a Nicaragua mutante ou a invasión da illa de Granada -tan parecida á de Perexil-; as guerras urbanas do narcotráfico e as favelas seguen desangrando as veas abertas dese gran continente, que dicía Eduardo Galeano

Simplemente coas guerras posteriores á Segunda Mundial, hai material para unha longa enciclopedia que axudaría á fraca memoria a recordar pasaxes do pasado inmediato, con mortos, calamidades e horrores que superan aos que produciu esa gran guerra do século XX; os seus primeiros pasos, segundo recoñecidos historiadores, andáronse no conflito incivil español de 1936. Logo da Guerra Fría, os reaxustes nas fronteiras da antiga URSS, logo da caída do Muro de Berlín en novembro de 1989, non acabaron; ás guerras de Iugoslavia entre 1991 e 2001, as de Chechenia e Crimea son só episodios recentes e, nesa secuencia, hai quince días que temos outra guerra máis preto, a tres horas de avión e cos petos tremendo polos custos que apenas empezamos a pagar.

A indignación que produce ver o desastre que está producindo ao prezado benestar europeo é inmensa. Cada día que pase iremos vendo que os horrores colaterais que a acompañan tardarán en ser emendados. A verdade, por exemplo, empeza a ser difícil de xestionar; obnubílase toda racionalidade por mor da atafegante “guerra de propaganda”; retrotráenos a como nos manipularon en tantas outras guerras, e descremos da maradotecnia comercial e das tomaduras de pelo das app que andan polos nosos móbiles. E xa nesa onda, a carga emocional de que se revisten as pelexas partidistas parécennos tomadura de pelo; as opinións ambiguas de moitos políticos, as súas preguntas e parlamentos, reproducidos por supostos emisores de “boa” información, súmennos na mesma ignorancia que a propaganda. Cando algunhas institucións excelsas tratan de encubrir os seus trapos suxos a conta de supostas bondades, xa non as creemos, tampouco os apaños e masaxe das súas mensaxes -que diría Mc Luhan-, con que subsistan nos seus febles pés de arxila. En fin, que esta guerra pon patas para arriba boa parte das confianzas que tiñamos na racionalidade tranquila das nosas vidas. Tócanos de cerca e deixa tremendo bastantes das seguridades democráticas a que encomendaramos a vida colectiva.


Esta sensación de mentira permanente, que remove esta mentirosa, pero real, guerra de Putin en Ucrania é un dos seus máis graves efectos. A irritación connosco mesmos, máis que con quen emprega o cainismo para os seus propósitos de dominio e subordinación doutras persoas e territorios, aumenta cando vemos os agravios históricos e bondades morais ou patrióticas que invocan para xustificar os seus desmáns. Para os historiadores e aqueles que seguen as súas investigacións por oficio literario ou docente, ou por mero afán de decatarse do acontecido, é un engorro; o ser humano non aprende case nada dos erros do pasado, e tropezar nas mesmas pedras que os seus devanceiros forma parte da súa xenética. De nada valen os supostos ensinos da mestra da vida, que din é a Historia; a Biblia, moi sabia, tralo suposto pecado orixinal, xa situou o odio mortal de Caín contra o seu irmán Abel, antes da cantidade de guerras a que aluden moitos dos seus outros libros,

Magistra vitae

Os bos historiadores adoitan ser bos profetas do que xa sucedeu; os outros, os revisionistas en especial, nin iso: sesgan as razóns que, como sempre que hai guerra, asignan unha bondade intocable a un dos contendentes e poñen a caer dun burro as do contrario, sempre culpable. Cando non sabemos nin quen inventou a Putin -nin as tensións que lle deron alento ao seu aventurerismo-, o máis grave é que, neste momento, as boas razóns de quen non queremos esta guerra -e que perdemos moito con ela-, non son suficientes para parar as razóns pragmáticas de quen a puxeron en marcha e a defenden. A súa guerra, con toda a capacidade de destrución, matanza e desconcerto que está xerando, avanza irrazonable e inmoralmente diante dos nosos ollos.

Metidos nun proceso que non buscamos, parece que esteamos aprendendo algo, pero para moitos problemas é tarde, e en bastantes outros, pese a unha guerra que denostamos, nin recoñeceremos ternos equivocado. Repetirémolos a escala máis doméstica coma se non tivesen remedio e, como moito, quedaranse para a queixa as súas consecuencias. A Unión Europea si parece aprender que o seu federalismo segue incompleto en moitos aspectos estratéxicos e na súa solidez interna. Os nosos políticos, con todo, nin iso; acaban de botarse á cara a guerra, como quen tira unha pedra ao seu adversario por ver se lle rompe a crisma: todo lles vale -tamén a pandemia-, para mostrar o seu enfado por non se sabe que. Impórtalles pouco que, nunha perspectiva ampla, este sexa un episodio máis de reestructuración da xeopolítica mundial, sanguento e indiferente, como o foron a gran maioría dos acontecidos máis lonxe das nosas casas. Á marxe deste provincialismo de tanto enfadado aparente, a interdependencia en que se construíu a globalización económica acabará impoñendo a súa lei, mentres padecemos restricións, inflación e inestabilidade.

É altamente improbable que os contendentes -e quen exercen como tales ante os micrófonos ou no Congreso de Deputados- lean a Kant e as súas alegacións sobre a paz. É máis probable que as leis do mercado, máis que as da ética ou os Dereitos Humanos, sexan as que acaben poñendo final a esta guerra en Ucrania, e en España. Oíndo a tanto patriota convencido meterse a guerrear, pouco convincente con canto oponente consideran culpable, fai recordar a un xurista e docente como Francisco Tomás e Valiente. No memorial levantado na Autónoma de Madrid logo do seu asasinato en 1996, ensina: “Talvez a tolerancia do noso tempo haxa de ser entendida como o respecto entre homes igualmente libres”.

TEMAS: Guerra de Ucrania.- Guerra Xusta.- Caída Muro de Berlín.- Globalización económica.- Unión Europea.

Manuel Menor Currás

Madrid, 09.03.2022