A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Políticas privatizadoras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Políticas privatizadoras. Mostrar todas las entradas

24 mar 2025

Cando o presente repite o pasado, cal é o futuro?


Chegados a unha idade suficiente para calibrar que o que queda por diante é bastante menos que o vivido, esta pregunta é pertinente.

 

Quen non teña esa idade dificilmente se pode facer a pregunta e, se preguntan, é porque están fartos de rutinas ás que non lle ven sentido ou imposicións que non aguantan. Para isto último, calquera crianza é quen de atopar razóns, e máis os que, despois de andar entre algodóns, saen caprichosos e antolladizos. De consentidos que son, preguntan, pero para dar a nota na aula, como saben os docentes máis pacientes.

 

De cinco meses acá -sen buscar antecedentes-, a pregunta ten sentido para todo tipo de cidadáns e especialmente, como queda este, para quen peitea anos. Entre os adornos desta etapa sociopolítica, está o que lles lembra moito os tempos escolares, sobre todo a parte que brindaba o segmento de recreo no patio do colexio ou a escola. Era un tempo breve, sempre incongruente pola súa curta duración; polo menos , iso parecía a mozos –e mozas- que en idade medradeira, que non vían sentido a tantas horas de aula. Sedentarias e case sempre amarradas ao pupitre en silencio, parecíanlles ridículas fronte ao tempo escaso en que, a media mañá, era un pracer correr, moverse, dar patadas a canto puidese rodar ou, se se terciaba, botar uns “guás” ás canicas, xogar ao marro ou a outra habilidade estimulante entre iguais.

 

O problema do recreo, para a maioría, era que, á marxe das disposicións regulamentarias que houbese –cuestión que en internados e similares, podía ser atafegante-, mentres non se tiña formada unha personalidade recoñecida polos demais sempre reinaban no patio uns cantos que dominaban a escena e trataban de ter a man unha corte de vasalos. Era un asunto algo mafioso. O xefeciño exercía como Don ou Boss de película, cunha chulería que podía ser estridente cando ía acompañada dunha gama de violencias anticipatorias do mobbing actual, capaces de amargarlle os días a calquera que ousase levarlle a contraria ou non facerlle caso. Era evidente que eran os donos do recreo e, se os vixiantes estaban na lúa, non eran difíciles as rifas. Se o colexio en cuestión non estaba situado no barrio onde se vivía, tampouco era raro que, antes de chegar de volta a casa, se repetise un ambiente similar entre colegas: as cuadrillas reproducían o mesmo esquema relacional, e en áreas periurbanas non eran raras pelexas en que as pedras sobrevoaban un escampado máis ou menos propicio para disputarse o control da zona cando os maiores non circulaban por alí.

 

Non fai falta vivir aqueles ambientes escolares; sen melancolías daquel pasado, todo cidadán pode ver aquel estilo pendenciero nos díxomes, díxomes da tele. Rexorde nas secuencias televisadas dos supostos debates no Senado, o Congreso e algunhas Asembleas de Comunidades Autónomas, onde os modais ao uso entre os representantes políticos teñen grandes analoxías con aqueles patios. Neses espazos privilexiados da democracia e, coma se non tivesen máis que facer, malgastan o tempo entre rifas ás que levan preparada a esceniña, o atrezo e, sobre todo, as pedras para tirar aos da outra bancada, con voces ben adestradas e xestos que fallan ás veces, pero en que o que nunca marra é a intención de ver se, tirándolle ao de en fronte un asunto, tatexa e faille morder o po da humillación. Nestes espazos de desencontro, o último en estratexias son as sorpresas. En tempos de tanta fragmentación, non é doado soster a suposta cohesión imprescindible para saír ben da pelexa. As fidelidades de cuadrilla fraquean ás veces; sempre media algún cabreo, celoso por un mal xesto, unha desavinza ou malentendido que, manexado habilmente por xornalistas amigos, deixe a alguén descolocado e sen a imaxe debida.

 

Alonso Berruguete. Sibila. Século XVI. Museo de escultura de Valladolid

Habilmente manexado o tropezón, é útil para a bancada propia, que escacha co riso. A política parlamentaria española ten actualmente un certo aire infantil, por graves que sexan os asuntos que por alí pasan ou parece que pasan. Importa máis, por exemplo, un gol deste tipo que a mellora da Saúde ou da Educación. Reprodúcese, a escala, a política de moda no panorama internacional, en que o curmán de Zumosol , ao que se recorría, quere que xoguemos sen a súa protección e que aprendamos a defendernos, aínda que xa verá que fai se advirte que somos infieis á súa patriarcalismo hexemónico. El, pola súa banda, ten a sensación de estar a perder calidades ante outros posibles primos do seu rango, e bota contas de se, no campo de recreo global, de toda a Terra, fáltanlle cromos e xoga a súa partida coma se non existise Europa. Naqueles recreos afastados, quen non soubese de corrido dous ou tres aliñacións de futbolistas, e non fose recoñecido cun mote ou pseudónimo en que un recoñecido campión de cada domingo fixese de talismán protector, era un pringado ao que a clasificación futboleira situara como un perdedor.

Volve unha repartición de roles forte, en que as fendas da memoria escolar advirten nas preocupacións do presente, ante todo, a persistencia do pasado; coma se  o tivese adiantado, é posible que non se fose e que siga aí. Os partidarios da circularidade do tempo non teñen fácil demostrar que teñen máis razón que os que, sen saber que é o tempo –como confesaba Agustín de Hipona-, aseguran que máis ben é lineal e, en si mesmo, infinito. O que en todo caso é difícil a uns e outros é explicar como, na realidade cotiá, a relatividade das estatísticas repite curso a curso, verso a verso, descoidos importantes. Por exemplo , a consistente mutación do analfabetismo en semianalfabetismo , un panorama crecente do que os datos obxectivos da súa proporción no presente son tan altos que facultan entender a persistencia -non menos pertinaz- dun amplo pasado de credulidades, negacionismo e ignorancia. A autonomía persoal está en risco, pero parece non importar.

Que Trump se sincere respecto ao pouco que lle importa no seu corraliño a Educación, pode ser un adianto do que o mal exemplo parlamentario hispano, con xestos, voces e rabechas, dirá pronto sen andrómenas. Tempo ao tempo; varios personaxes xa están a piques de mostrar cal é a súa autonomía persoal ou si farán como Europa, que se debate agora sobre si mesma. Algún hai que  canto máis corean os cidadáns a súa incompetencia probada, xesticula moito pero amárrase á cadeira de brazos como Odiseo ao mastro e trata de sortear a tormenta. A IA, disposta a ser a Sibila de Delfos, diralle o que queira oír; o ChatGPT está adestrado para que aguante e, tamén, para que recoñeza que se terminou o tempo de recreo. Namentres, os espectadores destes xogos reunidos entretéñense coa  filosofía do tempo e outras series televisivas en que non pasa nada, cando o preocupante deberían ser as amnesias, desmemorias e descoidos deste tempo: non é de adultos xesticular dos nervios e votar ao chou. Benedetti, falaba de que a Historia, “maltreita”, xa non ten quen lle peitee as mentiras”, pero coma se chovese.

 

TEMAS:  Filosofías do tempo.- Analfabetismo.- Semianalfabetismo.- Educación pública.- Políticas privatizadoras.

MMC (24.03.2025)

28 feb 2024

Promesas rotas

Os indicadores actuais de pobreza contan moi ben cales son os graves problemas  que necesitan atención.

 Houbo un tempo non afastado en que ser “pobre” era simplemente ser currante. No século XIX, os “proletarios” eran xentes traballadoras: os seus salarios apenas daban para comer, os seus nenos traballaban para completar os escasos salarios do pai, e a nai, cando a había, desempeñaba os postos de máis baixa cualificación no sistema de produción. Non había leis sociais que lles conferisen algún dereito e calquera inconveniente que se atopasen na vida: unha enfermidade, un accidente ou simplemente facerse maior -e non poder traballar-, extremaba o risco de ter que vivir de esmola na rúa. Cóntao Galdós nunha das súas mellores obras: Misericordia, novela que a María Zambrano parecíalle que resumía a un tempo a parte máis dura e a máis lúcida da Historia de España; a personaxe de Nina, sempre sacrificada por canto ser vivo houbera ao redor, mesmo atendía a outra muller, sempre pagada de si mesma, pero periposta beneficiaria da súa bondade; a caridade de Nina era o único que un cego estranxeiro tiña para saír adiante nun mundo en que a voluble beneficencia era absolutamente ineficaz  contra a enorme cantidade de pobreza ambulante que había.

Aquela pobreza xa antiga, engadida á que houbera sempre na época da industrialización, concentrouse nas zonas industriais e urbanas de maneira feroz, e motivou á xente traballadora para sindicarse e reclamar os seus dereitos. Chegaron a ser “a cuestión social” que inquietou a cómoda tranquilidade dunha burguesía satisfeita de haber alcanzando o poder político, non só en Europa, senón tamén na España máis industrializada do século XIX. Aquel movemento  acabou desencadeando que, para dar “seguridade” ao conservadurismo burgués, había que sacrificar algo da sacralizada propiedade que les daba un poder case absoluto sobre case todo. Nos anos oitenta dese século, no canto de “caridade”, “beneficencia” ou “filantropía” –fórmulas que Concepción Arenal percibía insuficientes para atender os problemas reais que tiña a casa do pobre-, había que detraer algo daquela riqueza para a atención dos dereitos básicos dos obreiros. En Alemaña, Bismarck institucionalizó as políticas sociais, e enseguida, veu o seu recoñecemento noutros países, tamén en España, aínda que cunha lentitude. A crise do 29 e, sobre todo, os desastres da  IIª GM, aceleraron a creación do “Estado de Benestar” nunha Europa exhausta.

En España, viviramos unha Guerra algúns anos antes, pero o acceso ao “Estado de Benestar” foi máis tardío. Cando o alcanzamos xa non era o que os emigrantes españois viviran  na Francia ou Alemaña dos anos sesenta. Estaba en crise a socialdemocracia e, no panorama internacional, desde a caída do Muro de Berlín no 89, o neoliberalismo de Thatcher  (1979-1990) e Reagan (1981-1989) orientou ao Fukuyama de O fin da historia (1992). A vida cotiá dos europeos rebaixaba o seu sistema de protección social e os libros de Historia dos liceos franceses incluíron no currículum de Bacharelato un tema que, con certa melancolía, denominaban: “Os trinta [anos] gloriosos”; “a crise do 73” empezara a levalos por diante, e os indicadores de “risco de pobreza” empezaron a ser de novo crecentes  

Demasiada xente

A nova pobreza é máis sutil, pero existe. Cando alguén a menciona, os interlocutores adoitan sacudirse a preocupación que poida roldalos observando: “Fíxate, como están as terrazas…; todo está cheo”, e levan a conversación a algo máis divertido. Aos habitantes da modernidade de 2024 élles doado evadirse; os modos de produción cambiaron tanto que non fai falta empeñarse moito en alienarse ou deixar que o alienen a un, por máis que, ao redor ou probablemente no piso de en fronte, a pobreza siga sendo unha crúa realidade. Cada vez hai máis persoas que, como no século XIX, aínda que traballen, e traballen moito, téñeno complicado para sobrevivir. Neste momento, segundo a enquisa do INE sobre Calidade de Vida en 2023 , na España de todos existe un 26,5% de poboación que sofre “risco de pobreza”. É dicir, algo máis dun cuarto de concidadáns carecen dalgún elemento significativo que os fai levar unha vida cotiá distinta da os seus veciños; unha de cada catro persoas, por ser pobres ou estar a piques de selo, non pode afrontar os gastos que conleva chegar a fin de mes dignamente: a calefacción, a enerxía, a menstruación (no caso das mulleres), a alimentación, a sanidade, a educación dos fillos e a vivenda son os principais indicadores da desigualdade duns e outros cidadáns; a máis indicadores que advirtan, máis pobreza diaria teñen.

Esta pobreza de agora, apenas é visible; os que a padecen tratan de que así sexa para non avergoñarse nin dar mágoa. Afecta, sobre todo, ás mulleres e os máis novos e, aínda que finxamos non vela, mostra as novas facetas da fenda social, que crece inexorable entre quen ten e quen ten moi difícil chegar a fin de mes; entre este conxunto e o  dos poucos/pouos que aparecen en la lista Forbes ou andan relativamente preto, a brecha é exponencialmente maior. Ademais, a ese 26,5% da poboación en risco de pobreza o mínimo problema que les xurda os fará pasar –igual que pasaba no século XIX- a unha situación insostible. Por outra banda, é especialmente rechamante que un 13,3% de quen está nese escorregadoiro do risco de ser pobres teña, segundo o INE, estudos superiores. Esto lévanos ao esperpéntico de oír a quen avoga polo “esforzo” como solución. No século XIX, cando o tópico era dicir aos pobres  que eran borrachos ou cousas peores, humillábanos sen pagarlles ou os exhibían un día de festa para demostrar que eran boa xente. Hoxe, voces cortantes, insensibilizadas por aduladores interesados en “mamandurrias”, insúltanos descaradamente: “Non queren traballar”. Calquera con aspiracións de rubit no mundo de certa politiquería gritarallo aos profesores que estes días están en folga: non sería a primeira vez.

A pobreza obriga a falar de política en serio, e de quen, como políticos, están atentos a resolver e non a embarullar para aproveitarse; tanto amor mostran ao libre mercado que lle poñen en bandexa os motores do ascenso social: a Educación, a Sanidade ou a Vivenda, sen explicar que fan como lacaios da capacidade extractiva duns amos que apenas coñecen, a conta de romper esperanzas de vida honorables. Nunca contan por que lles interesan tanto os bienes públicos deses servizos sen ocuparse dos danos colaterais que causan as súas alegres privatizacións, pero predican unha liberdade idiotizada en que sobran os vellos e os mozos ben preparados. Diso vai a pobreza actual, maior que o ano 2022, con tanto emprendedor disposto a sacarlle vantaxe.

TEMAS: Pobreza.- Risco de pobreza.- Estado de Benestar.-Políticas privatizadoras.- Educación, Sanidade e Vivenda.

 

MMC (27.02.2024).