Sen a paciente
racionalidade dunha educación que propugne o interese xeral, os atallos da
prepotencia e a estupidez impóñense.
Hai cursos que empezan
desnortados e decididamente tortos. As xeracións do 26-27 levan no seu pedigree
denotacións de probables tropezos. Non é
xeremíaco lamentalos, senón constatación fiable de cantos sofren non ter
adolescencias cos mestres debidos. Eles testemuñan e documentan unha
educación que foi curta; non consistiu precisamente en fortalecer a
democracia ou os dereitos humanos, e si moi estreita para aceptar ao común
cidadán. Talvez por iso, as criaturas que acaban de empezar o cole, se
viron e oído nas pantallas o que aconteceu no Congreso de Deputados, escoitarían
a mentores da necesidade de instaurar outra situación constituínte de España, o
que non tranquiliza.
Perdido o norte
constitucional vixente, diversos métodos ensaiados desde a moción de censura
a Rajoy en 2018 non lograron alcanzar o Goberno central, e o oportunismo
dos acontecementos fronteirizos de Ceuta exacerbou as ansias dalgunhas persoas
para alcanzalo. Nesta présa, Ana Vázquez, voceira do PP nas sesións de control, foi expulsada onte do
Congreso por exhibir como argumento un spray de gas pementa. Ese
enxeño acompañou as súas preguntas sobre “a nova normalidade de Ceuta”, e con
impaciencia disruptiva chamouno “material escolar”, imprescindible na cidade do
Estreito. Metida nun xardín sobre a legalidade de se o que esgrimía era unha
“arma” en lugar prohibido, exhibiu a súa autoridade a un subalterno para que despistase
a súa actuación. Marcada a súa distancia da realidade, o que suxería coas súas
palabras era unha verdade allea ao que visen outras persoas. Polas terras de
onde é oriúnda, próxima á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, o paso da Vía
XVIII do Itinerario de Antonino -emperador romano entre o 138 e o 176
d.C.- por Aquis quaerquernis facía circular maneiras mellor codificadas
para convivir. A urxencia por demostrar aptitudes
directoras de Interior, e mellorar a Marlaska despois das eleccións, frouxea.
Para quedar ben -non só ante Feijóo e os seus despois do longo aplauso ao seu
teatriño-, está por ver se acelera o responsabilizarse do acontecido; hai
un expediente aberto polas afeccións respiratorias producidas en doce persoas.
Pola súa banda, o
mércores coñeceuse que o tenente coronel retirado, Francisco Bendala, instara en
público a un golpe de estado xa, e aínda que o Ministerio de Defensa sinalou
que, estando retirado, viña ser “un civil máis”, non implica que estea
exento de que a Xustiza abra dilixencias sobre un xesto dubidoso sobre o
cumprimento da Constitución. Como todo cidadán, está obrigado a cumprila e, sen
ese deber, non se entende nin son esixibles os dereitos que ampara de todos e
todas. Dubidalo tamén cuestiona que fose desde a CE78 o ensino escolar dos
dereitos e deberes cidadáns, ou a igualdade educativa sen privilexios.
O idiota que viaxa
O mércores tamén estivo
sinalado por outro incidente, de non menor entidade democrática. A execución
dunha sentenza de desafiuzamento a unha anciá, no distrito de Retiro, congregou
unha relevante manifestación ante outra casa da rúa Martínez Campos, en que a
compra e posterior posta en venda dun ático pola Comunidade madrileña levanta
sospeitas de fraude. As connotacións deste desafiuzamento, especial entre os
máis de 4.000 levados a cabo no primeiro semestre deste ano, contrasta, sobre
todo, a privilexiada atención ao famoso ático co descoido á invalidez e
avanzada idade desta señora. Esta choiva sobre mollado fai moi posible que a
desatención a este multitudinario desaxuste -que impide unha vida decente a moitas persoas-
derive en símbolo de protestas nos meses vindeiros. Síntomas hai de que continuarán,
cando máis dun 60% do alugueiro está en mans de grandes teedores; este sector social
non acaba de estar consensuadamente regulado, e o desafecto político entre a
xente nova vai en aumento, igual que en Nova York e nas eleccións alemás,
particularmente na cidade de Berlín. O encarecemento do espazo habitacional é
razón política principal en España, onde é hoxe a primeira das
preocupacións nas sondaxes de opinión.
En barrios e zonas
tensionadas polos cambios socieconómicos, as demandas xa motivaban en 1978, que
o artigo 47 da CE sinalase que “Todos os españois teñen dereito a gozar
dunha vivenda digna e adecuada” e, en consecuencia, que “os poderes
públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas
pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan
consonte o interese xeral para impedir a especulación”, e “a
comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes
públicos”. Despois de 71 anos vivindo nun piso, que a unha anciá como a
desafiuzada onte, lle quixesen subir
o alugueiro un 250%, non parece tocar teito. Que non é unha excepción
percíbeno especialmente os menores de corenta anos, e moitos o seguen
aprendendo cando, para estudar, deixan a vivenda dos seus pais e pagan
habitacións a 800 euros mensuais. Cando quedan a soas cos seus colegas -do
mesmo xeito que sucede nas rotacións dos pisos turísticos- cren estar na gloria.
Xeran molestias aos seus veciños e o seu modus vivendi provoca a estes, canda
outras causas de xentrificación e rupturas veciñais, unha vivencia forte da intensa
provisionalidade das súas vidas.
Neste contexto
segregador, as persoas maleducadas estórballes que a democracia sexa comunidade.
Despois da IA, a súa norma xeral, competitiva, é a de O idiota que
viaxa, que Francisco Jurdao editou en 1992. Así chamaba Jean Didier aos
turistas, e parece que idiotas deban
ser, a diario, os cansos desta Horda dourada, metáfora que Louis Turner
aplicaba en 1991 a cantos a súa inquietude por viaxar apenas lles custea
paquetes turísticos despersonalizados.
TEMAS: Democracia
e convivencia.- Educación cívica.- Sistema económico e políticas educativas.-
Políticas de vivenda e política turística.- A educación social do Parlamento.
MMC (Madrid:
24.09.2026).
