A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Escola concertada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Escola concertada. Mostrar todas las entradas

30 jul 2020

Empezamos a saber como é "a normalidade"




Dependerá moito do nivel de voz de cada quen; os colexios concertados continuarán sendo oídos, para non ser “segregados” nas axudas.


Contaba García Márquez, para que o lector se fixese cargo do repetitivo de moitas pautas que nos condicionan, que en Macondo -a cidade máis literaria de Cien años de soledad-, “choveu catro anos, once meses e dous días”. Algo máis intenso, polo reiterativa que era a choiva en que desenvolvía Cela a súa Mazurca para dos muertos, era aquel Ourense rural dos seus devanceiros nas proximidades de Oseira, onde non lle ían á zaga uns protagonistas que parecían máis xente alucinada que real.

Xaque mate

Vivimos agora nun mes de xullo que, co recorrente que é falar de canto estea pasando desde que a OMS declarou a pandemia mundial por mor da Covid-19, non parece senón alucinación o que acontece. E máis ameaza selo desde que o un de xuño empezou a cambiar o sino da corentena e, trala desescalada, volven os rebrotes en comunidades como Cataluña e Aragón ou que os ingleses decretasen  limitacións a quen se mova entre España e Gran Bretaña. Os medos andan soltos, mentres a apelación das autoridades á “responsabilidade” esquece que o exercicio do poder ten momentos agres como ter que adoptar decisións que non van ao gusto de todos.
Resolver en coxunturas complexas non é fácil; os xogadores de xadrez saben que hai moitas así no taboleiro, cando pezas principais son acosadas pola táctica do adversario. Pero tamén é certo que, non é exactamente un panorama aséptico o que se desenvolve diante dos nosos ollos, ante os que se moven persoas e lobbys que, sabedores do seu peso, cando teñen problemas como os que encadea esta Covid-19-, sáltanse a cola. Se se segue a pista ás medidas ou axudas que se facilitaron a determinados colectivos, e as comparas cos choros e queixas que amosaron, antes e despois das súas apelacións ás instancias gobernamentais, pode verse o obsceno que pode ser o xogo do poder real, ata nun país democrático.

O imprescindible

Os que  tratan con asuntos do pasado non deixan de asombrase con estas repeticións, en que unha e outra vez a clave é, case sempre, que alguén ten poder para que se faga saber como facer pasar por imprescindible e insoslaiable calquera embeleco, por encima ata do que de verdade sexa necesario e urxente. Abonda unha mención a esta técnica trileira que, en definitiva, trata de detraer recursos públicos para unha parte, máis ou menos significativa -pero privada- da sociedade.
No territorio das políticas educativas, que ha ter cabida nos acordos de “reconstrucción” post-Covid-19, acordouse destinar unha importante cantidade de recursos ao ensino público, pero pronto houbo voces que reclamaron “igualdade” de trato para a concertada foron atendidas e, para “non segregar” ou, como dixo o presidente dunha das asociacións habituais neste tipo de reclamacións a prol do ensino privado -católica para máis datos-, porque “a opinión pública non está pola escola única”. Logo do cal, segundo titulaba El Pais este pasado día 21 de xullo: “PSOE, Podemos e ERC cambian depostura e propoñen que a escola concertada non quede excluída das axudas do Goberno para o coronavirus”.


A Historia da Educación en España ten constancia explícita da orixe dos “colexios concertados”: que son, como eran antes de 1985, e quen os arrolou sempre, ata na crise de 2008, en que medrou a súa axuda mentres lle recortaban sensiblemente o orzamento á rede pública. O papel principal que nesta historia ha ter sempre a xerarquía eclesiástica, aproveitando coxunturas problemáticas da vida política é principal: o Concordato de 1851, o de 1953 ou os Acordos de 1979 exprésano claro. Máis misterioso é que, sen lei ou decreto que poña en cuestión a súa presenza pública, a Igrexa situouse cada vez mellor no sistema educativo español, aínda que o número de crentes practicantes siga acelerando a súa mingua cuantitativa desde os anos setenta.

O raro

Resulta estraño, xa que logo, o fervoroso favor deste Goberno, que parece repetir o de Zapatero respecto ao IRPF. E máis estraño cando ten persoas coñecedoras do absoluto predominio que, neste terreo, tiveron durante os anos franquistas; como coaron no Ministerio de educación aos seus mellores peóns -desde Pemán ata Méndez de Vigo, pasando polos ínclitos de toda a etapa franquista de 1ª e 2ª onda-; como controlaron os orzamentos educativos e o BOE case sempre; como lograron infinitas subvencións para colexios dunha ou outra categoría desde 1941 e, sobre todo, 1953 -coa “función social” que os eximía do 50% dos impostos de entón e lles facilitaba créditos moi cómodos- e que a LXE de 1970 repetía de novo; como tiveron o recoñecemento da LODE para os seus colexios; ou, entre outras moitas situacións, contaron con neoliberalismo conservador de Esperanza Aguirre desde 2003.

Logo de tantas loas á “memoria” é raro que neste Goberno ninguén queira acordarse daquela postguerra victoriosa, en que ademais da depuración de mestres e profesores, reduciron a prácticamente un por provincia o número de institutos en toda España, con cambio de nome incluído en moitos. En fin, é moi estraño que non se tome en consideración o diñeiro que esta xente recibiu: os enormes recursos que tiveron, desde primeira hora daquel Réxime, para construír e reconstruír seminarios e conventos entre outros bens patrimoniales, tantos que Carrero Blanco chegou a cifrar en 300.000.000.000 de pesetas da época aquel investimento societario; e a esa cantidade hanse de sumar os subsidios recibidos tralos Acordos de 1979 e 2005.

Nun mundo tan plural como o actual, non é facilmente intelixible que, no medio do panorama creado pola COVID-19, o Estado sr siga arrogando como algo “fundamental” a protección espiritual dos seus cidadáns mediante privilexios para unha crenza, da que é ben sabido que os colexios concertados -privados en definitiva- son unha extensión privilexiada súa, orientada primordialmente a unha selección social con finalidade doctrinaria. Que neste “Goberno de progreso” non o queiran ver, máis que cuestión de escanos, o é de redaños para que o imprescindible non se coma o necesario. Gil de Zárate, un dos homes que mellor coñecía España, xa deixou escrito en 1855 que:”A cuestión de ensino é cuestión de poder [...]. Entregar o ensino ao clero, é querer que se formen homes para o clero e non para o Estado [...] é facer soberano ao que non debe selo [....]. Tratar de quen ha de dominar á sociedade: o goberno ou o clero”.

( Anque non digan nada na tele,                                    (Aunque no diga nada la tele,
nembargantes chove,                                                         sin embargo llueve,
non para de chover                                                                       no para de llover.
¡Pobres dos pobres!)                                                         ¡Pobres de los pobres!)



TEMAS:
Escola concertada.-Escola pública.- Xustiza distributiva.-

Covid-19.- Nova normalidade.



Manuel Menor Currás
Madrid,28.07.2020

2 ene 2019

É o "lucro cesante" o organizador da educación?


Entramos no 2019 con múltiples xeitos de ver a vida colectiva, nos que as demandas da propiedade privada seguen sendo privilexiadas.

Intemperie.© Lucia de Persia
Terminou 2018, con discursos de fin de ano nas autonomías que máis parecen ansiedade dun microestatal simbolismo diferencial que verdadeira sintonía cunha compartida pertenenza unitaria. Políticamente, o comezo de 2019 aventúrase así mitinesco, con todos os anceios postos no equivocamente válido para desenlear as mentes de cantos inclinarán co seu voto as inminentes eleccións cara a uns ou outros prexuízos. Continuarán vixentes, así, a maioría dos supostos que determinan que a intemperie condicione a vida de millóns de españois. Máis aló do que os cambios climáticos determinen, enténdase “intemperie” como metáfora da pobreza, necesidade e exclusión, incluídos problemas diversos que, cando se fan notar, inciden especialmente nos que detentan estas carencias.

Do CETA ao TTIP
Inculcáronnos que antes que o lecer é o negocio e, como fondo, a privacidade da propiedade nas súas diversas formas; entre elas o “lucro cesante” como unha das súas figuras centrais. Cando entre 2016 e 2017, antes de que a Unión Europea o aprobase, houbo unha forte oposición a que se asinase con Canadá o Acordo Económico e Comercio Global (CETA). A razón fundamental de cantos o seguen vendo controvertido -igual que ao TTIP e outros acordos similares de libre comercio- é o “lucro cesante”, que as empresas multinacionais adoitan reclamar ante árbitros internacionais privados, deixando ao aire a pouca garantía que poidan ter as reclamacións dos máis débiles. As relacións entre países, por razón sobre todo das súas materias primas ou do seu comercio -do que non son alleas as políticas educativas-, está chea de casos particulares en que só excepcionalmente foron atendidas.

O “lucro cesante”, moi estimado polo neoliberalismo e presente no noso Código Civil (arts. 1101 e 1106), remonta a súa orixe ao dereito romano. É unha extensión do res clamat domino (as cousas reclaman ao seu dono) na medida en que se considera un dano a perda dunha ganancia que non se produciu se non se alteraron as circunstancias dunha determinada situación. Tan elástica é que do xusto pode pasar con facilidade ao prepotente. Se un país, por exemplo, decide mellorar a súa lexislación salarial ou ecolóxica, as empresas -multinacionais, moitas veces- poden reclamar un arbitraxe por “lucro cesante” supostamente prexudicadas ao complicárselles as ganancias dun negocio fácil, esixindo unha compensación equivalente aos supostos danos. O quantum da prestación indemnizatoria variou na propia época romana ata a regulación actual, pero esta figura xurídica adoita resultar moi favorable aos xa arrastran unha tradición colonizadora ou de dominio de posición hexemónica en determinadas áreas de investigación e produción.

Capitalismo extractivo

Isto que sucede entre países acontece a diario na xestión dos asuntos públicos, un espazo en que a pugna privada por atopar beneficio empresarial é constante e, se é posible, en exclusiva, monopolio ou formato similar. Aí aniña o “capitalismo extractivo”, en que supostos “emprendedores” se apañan para atopar apoios oficiais a diversas actuacións que, por distintos medios, logran vender como “demanda social” o que é un procedemento para facer cautivos dunha actividade empresarial a amplos colectivos de cidadáns. A historia dos monopolios españois, da que Ramón Tamames fixera un bo recordatorio en 1968 (Madrid, Zyx), ha ter vizosas ampliacións posteriores a conta das sucesivas nacionalizaciones e privatizacións que se han ir sucedendo. Ambas foron case sempre en beneficio privado: o precedente das desamortizacións nos anos máis liberalizadores do século XIX non debería esquecerse. Álvaro Flórez Estrada (1766-1853) xa deixou ver en 1836 as súas desavinzas con Mendizábal mostrando como, estando de acordo en que debían realizarse, os procedementos para levalas a cabo faríanas prexudiciais para o Estado e para a inmensa maioría dos labregos, pola acaparación de terra en poucas mans e o aumento de cargas aos  que as traballaban, o gran favor que se facía á especulación e como persistiría o atraso xeral e a propia débeda do Estado (Sobre la enajenación de los bienes nacionales, Madrid, B.A.E., 1958).

Deste capitalismo sen risco, sempre con rede protectora, hai exemplos recentes. Aí está, derivada desta ampliación interesada do dereito de propiedade -por riba do que a doutrina escolástica de Tomás de Aquino, entre outros, respecto ao ben común prevalente- a obrigación contraída con Acciona por parte do Estado -unha factura que pagaremos todos durante tres décadas- por mor de Cástor, o errado depósito de gas en augas mediterráneas. E aí está, igualmente, a práctica do acontecido coa vivenda a partir da liberación do uso do solo -outra desamortización á inversa dun “ben nacional” a favor duns poucos- que Aznar legalizou en 1998 e que agora volve a demandar a extrema dereita, coma se non causase suficientes problemas ao resto de españois coa burbulla do ladrillo e a crise financeira.

Libre elección de centro

Este clima do “lucro cesante” -principalmente como expectativa de seguridade- tamén afecta profundamente ao sistema educativo. De feito, a perspectiva de que intereses privados se sinta afectados por decisións da lexislación estatal e autonómica é contemplada con receo por múltiples instancias, empezando polas oficiais. Pero é sobre todo nas asociacións corporativas do ensino privado -en boa medida da órbita eclesiástica- onde temen perder terreo nos concertos educativos existentes e en non poder amplialos tan fácilmente como ata agora. Un presunta “liberdade de elección de centro” e unha suposta fonte de dereito como “a demanda social” -que protexe a LOMCE- serven de enganche conceptual ao predominio destas políticas privatizadoras. Basta repasar as que nestes quince anos últimos se levaron a cabo sistemáticamente en Comunidades como a de Madrid, para ver os protocolos que, para desenvolver esas premisas -de modo case sempre contrario ao interese de todos os cidadáns-, se exercitaron. O escenario resultante mostra situacións como a dun colexio público de Aravaca, cun grado elevado de racismo encuberto, ademais doutros prexuízos clasistas para a convivencia honrada que debería transmitir a organización de todo centro escolar.

Se a propiedade privada e os seus arredores xurídicos non teñen couto, o empobrecemento xeral do sistema educativo irá en aumento. A escola pública é a gran prexudicada polos demandantes de máis privatizacións, subvencións ou lucros cesantes. Á difusión educativa do coñecemento -e á convivencia cívica- pasaralle o que fai apenas 118 anos acontecía no social, cando non había lexislación ningunha, en que o suposto estorbo de regulación sostiña a riqueza dun selecto grupo privilexiado. Por algo Robert Castel sostiña, en 1995, que as metamorfoses da cuestión social -e en definitiva, o modo en que se afronte a pobreza- son as que mellor expresan a consistencia democrática dun país. Que nos traerá neste aspecto 2019?

TEMAS: Escola pública. Escola concertada. Liberdade de elección de centro. Demanda social. Pobreza. Cuestión social. Lucro cesante. Neoliberalismo.


Manuel Menor Currás
Madrid, 01.01.2019