A opinión dos docentes...non conta?

Mostrando entradas con la etiqueta Cultura escolar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cultura escolar. Mostrar todas las entradas

16 may 2025

Andamos a voltas cos cónclaves, silencios e olvidos

 Terxiversan e entorpecen a historia cultural dos avances e retrocesos da convivencia democrática.

 

A mención do “conclave” chegou ao Congreso de Deputados da man do xefe da oposición neste momento, e prolongouna a bancada azul alegando que, na fórmula electoral vaticanista, pódese entrar como papa e saír como cardeal. Como recurso para chamar a atención dos máis adormecidos coas liortas da vida política actual, bebe dos métodos que xa recomendaban os retóricos romanos para que o discurso conectase coa realidade. Nin que dicir ten que as transmisións televisivas do recentemente acontecido entre os muros da Capela Sixtina deixaron un pouso virtual apto para o uso da analoxía nos asuntos temporais da vida cidadá, aínda que a lección real que deixou o seu emprego é a dunha gran banalidade, como moito do que no espazo parlamentario se fala, contrariando o seu valor democrático.

A xerga con que se adobou a metáfora –cociñado co roubado de mensaxes privadas entre políticos- non é precisamente exemplar para a sa convivencia. Os munguidores do suposto beneficio desta sintaxe, á parte de descortesía e “mala educación” –que adoitaba dicirse-, ensinan a todos, maiores e adolescentes,  a súa profunda hipocrisía cando por fins cortoplacistas pretenden aleccionar. Os seus chafalleiros medios, dicindo que todo vale –como cando o rei francés Enrique de Borbón dicía, despois de abxurar do calvinismo, que “París ben vale unha misa”-, esquecen o que adoitan facer a diario onda eximios colegas de facción. Sobrada documentación teñen os xornalistas –e as hemerotecas- de malos usos de principios morais, tan pouco considerados por practicismo coxuntural, que moitas veces terminan en lameiras diversas. As falsas teimas de exemplaridade, das que O rei espido de Andersen quixo mostrar as súas costuras en 1837, beben de relatos como o do “Inferno” do Dante na Divina Comedia (século XIV), e deixaron motivos  suficientes para inspirar o Divino sainete (Curros Enríquez, 1888)  ou, máis preto, os esperpentos a que, como xénero literario, fixeron mestre a Valle Inclán. No que levamos de século XXI, estas prácticas volven proporcionar material sobrado, mesmo para instaurar novas conmemoracións. Como suposta novidade de vergoñas, debería haber unha dedicada aos abusos dos móbiles, en que se celebraría, ao modo do “día de inocentes” do século pasado, celebraríase a conta da percepción de trolas, mentiras, bulling e demais hábitos tecnificados de acoso. En tal festa, cabería unha sesión de opinadores avezados en non dialogar, e destros en esixir “boa educación”: boa ocasión para descubrir apaños de falsa moralidade.

 Castelao. Os cegos, 1915

A utopía dun ensino democratizador

Estes debates, como os de sesións parlamentarias onde supostamente se pregunta ao Gobierno sobre a súa xestión,  adoitan ser ocasión para combativas divisións de opinión. Para moitos todo vai peor que nunca e, segundo outros -máis escépticos que pesimistas- case sempre é ocasión para imitar ao protagonista de Lars Gustaffson na Morte dun apicultor (1978) e “volver empezar”. Dan por suposto que nunca nada está terminado: sempre falta moito para cumprir a mellor utopía, como repetía, incansable, o recentemente falecido Pepe Mújica. Nestas diverxencias ten moito que ver a memoria, esa facultade que cantos tiveron preto o Alzheimer aprecian polos quebracabezas e dificultades que xera o esquecemento. No colectivo, esta atrofia neuronal entre o que se fixo ou non se fixo -e o que se debe facer- tamén existe e, á parte de retardar decisións necesarias, limita o proveito dos cambios oportunos ao seu debido tempo.

En Educación, ten habido este retardamento e perda de memoria, e en importantes asuntos é enfermidade estrutural. Síntoma seu é o longo percorrido de moitos deles desde 1857, en que sobe á Gazeta de Madrid a primeira lei xeral: a Lei Moyano. Proseguen outros en leis ben recentes, como indica a Lei 20/2022 -do 19 de outubro: Lei de Memoria democrática- promover iniciativas didácticas nos centros escolares, máis aló do que dicía a Lei de Memoria histórica -lei 52/2007, do 26 de decembro-, e que lle facilite desenvolvementos apropiados a LOMLOE (de 29.12.2020) nos ensinos mínimos que prescribe desde 2022-23. Notorio é, con todo, que Comunidades como Madrid as pexen. Exercitando as súas competencias curriculares, en segundo de Bach , por exemplo, o deseño de Historia de España -de obrigada atención na AVAU de 2025- segue sendo o de 2002 –posterior ao retorcido debate sobre “as Humanidades”- e impide un digno tratamento das cuestións que emanan de dúas leis importantes no desenvolvemento da CE78. Despois de case cincuenta anos da morte do ditador, expor os asuntos centrais de “memoria democrática” aínda resulta exótico; en demasiadas  ocasións pesa moito o tempo anterior á Constitución de 1978: a porta aberta hai 47 anos para democratizar o seu coñecemento e unha praxe acorde parece servir de pouco.

De todos os xeitos, o alzheimer educativo non se reduce estritamente aos asuntos que suscita a memoria “histórica” ou “democrática”, e tardará moito en curarse se a xestion se circunscribe aos decretos do BOE. Para que chegue de verdade a todas as aulas é imprescindible o seu abeiro coherente en moitas outras accións que afectan profundamente á vida escolar. A organización interna dos centros, a formación lóxica dos seus educadores e, de fondo, o respectuoso respecto á liberdade de conciencia e a atención ás características dos educandos, son determinantes. Doutra banda, nulo favor se fai á “ memoria democrática” no sistema educativo esquecendo a cantos docentes ensinaron democracia a remolque dunha  “cultura escolar” reticente ou hostil. Antes e despois de 1978, a súa ruptura cos libros de texto ao uso, e as súas innovacións no ensino da Historia Actual con documentación de arquivo, exposicións e debates sobre cuestións contrarias aos dereitos humanos e a paz -ou pegadas residuais ás veces daquela Guerra antidemocrática-, dignificaron a educación de moitas xeracións. Os seus honrados proxectos abriron un duro camiño na conexión de escola e vida real, e non son os causantes de adolescencias  remisas a coñecer –sen  manipulacións-  o ocorrido en España desde os anos vinte.

En Educación , todas as mans son poucas para normalizar a Constitución no sistema escolar, e que todos os cidadáns teñan unha educación apropiada. Alimentando a desmemoria pérdese o futuro, e para o tempo actual é estéril seguir facéndoo.

 

TEMAS: Memoria histórica e democrática.- Historia Actual.- Cultura escolar.- Constitución de 1978.- Consensos educativos democráticos.

 

MMC (16.05.2025)

1 jun 2022

Tratar de decatarse do que sucede non é perder o tempo

“Ou nos salvamos xuntos ou perecemos” debera ser o mantra a non perder de vista; sen unha cultura educativa equitativa, os conflitos irán a máis.


A aceleración do tempo
, é dicir, a percepción subxectiva que temos estes días do que pasa ao noso ao redor, ou de como nós pasamos por situacións cambiantes, é tan forte que corremos o risco de equivocarnos na apreciación da coxuntura en que andamos. A cantos se atopen en idade adulta ou nesa que, para ocultar a vellez, adoita publicitarse como “terceira idade”, pareceralles que nos atopamos nun remuíño de final impredicible e difícil recondución. En tal consideración entrarán, xunto a decepcións persoais da “experiencia”, asuntos últimos en que falar de “nova normalidade”, durante a pandemia da Covid-19, aliviaba a tensión que parecía traslucía a rúa, ás veces deserta de vida. Incluirase, así mesmo, o crecente peso de canto está traendo consigo a guerra rusa en Ucrania nos case últimos 100 días, con efectos inducidos no noso consumo diario de enerxía, recursos e alimentación, máis as súas derivacións en emprego e alteracións do que entendiamos estándares básicos no “progreso” e “calidade de vida”.


Natureza e Cultura


Os modos de mirar tanta regresión dependen en gran parte de xuízos e recordos previos que levamos encima. Na conxunción actual de ingredientes, moitas persoas só verán que non os controlamos; é posible, ata, que os vexan como algo dado, dependente de forzas que estiveron sempre aí, como os penedos da orografía galega, que entre que nacemos e morremos parecen inalterados e estáticos, sen que se deba á nosa vontade a súa presenza na paisaxe. Con todo, separar, distinguir, comparar, clasificar e considerar que é o imponderable e que depende de accións ou omisións en que estamos dalgún modo involucrados, é o que diferencia a racionalidade da irracionalidade. Lograr facelo con máis acerto ou menos é algo que debemos basicamente ás pautas socioculturais que transpira o pensar, proceder e actuar de cada quen, e en gran medida son responsabilidade propia.

Non debera ser o momento para que cada cal insista en mirar o seu embigo como o centro do mundo e, a continuación, radicalizar o sálvese quen poida. O que mostra a evolución das especies -e a dos humanos desde antes de Lucy, no val do Rift- é que hai momentos cruciais en que salvarse e saír airosos non é competencia dos máis fortes da manada, senón da capacidade de solidariedade e traballo conxunto de todos. Quen teñen na súa man un control grande de poder, de comunicación cos demais ou de monopolio do coñecemento e a súa difusión, tratan de darlle a volta a este principio facendo valer a diferenza que lles dá o ser eles quen se aproveitan das sinerxias dos demais. Pero esa actitude monopolística non significa que teñan “a razón”, senón só capacidade para seguir impoñendo modos de aproveitar ao máximo, en proveito propio, a extracción do valor do traballo da colmea. Anceian  que os recipiendarios dos seus adoutrinas se deiten, namentres, polo puro escepticismo de que o que sucede sucedeu sempre, o homo homini lupus e demais monsergas que nos inclinen a ver “o que hai” como o único horizonte posible. Por ese camiño, o momento actual de “val de bágoas” volverá conducir a donde outras veces, en que o medo á liberdade de pensar e ver foi substituído polo medo ao outro, ao diferente, e a mirar o futuro por un buraco ben coñecido: os fascismos. John Dewey advertía en 1940, en Liberdade e Cultura, que o risco para a democracia non estaba nos totalitarismos doutros, senón na “existencia nas nosas actitudes persoais e nas nosas propias institucións, daqueles mesmos factores que neses países outorgaron a vitoria á autoridade exterior e estructuraron a disciplina, a uniformidade e a confianza no líder”. Non lles estrañe, xa que logo, que, nos anos que nos tocaron dese cariz, entre os expurgos de bibliotecas -e en bibliocaustos como os que se fixeron públicamente en moitas das nosas cidades-, este autor americano fose un dos preferidos para queimar; tamén debera ser máis coñecido o pouco interese demostrado, logo da CE78, por ter unha educación realmente pública, acorde cos intereses de todos.


Volver empezar


En momentos de dúbida e escepticismo como o actual, en que o fácil é renunciar a toda posibilidade de arranxo satisfactorio do que parece un desastre absoluto e sensentido, é moi pertinente volver os ollos a unha educación de calidade, en que sen distincións de clase, priorizar o que afecta aos cidadáns por igual. Para “virar a frecha do tempo”, que di George Latour, hase de partir doutras narrativas capaces de crear pensamento positivo, favorable á vida de todos. Non todo relato vale e menos o que ampara unha anfiboloxía rendible aos dictados do “Deus mercado”. Na educación que temos en España, advírtense hoxe presenzas deste tipo, que distorsionan o desenvolvemento dun sistema escolar xusto. Disfrazar de “interese xeral” o uso de recursos públicos contrarios ao ensino equitativo pretendendo un estatus privilexiado no sistema, alimenta unha bipolaridade anacrónica ante un mundo cada vez máis plural; e situar alegremente o consumo educativo entre as cousas a comprar para distinguirse, non mellora o seu valor democrático, por máis que do conflito de intereses saquen proveito rendible uns poucos.

O relato dominante do que sucede entre Ucrania, Rusia, Europa, EEUU, e por suposto España, é unha ocasión perfecta para ver de que vai, nun asunto de tan graves consecuencias para todos, disfrazar as palabras. Os relatos que oímos non desmerecen dos de calquera outra época en que os prexuizados intereses distorsionaban toda veracidade. Repítense nas narrativas dos hostaleiros, pese a que os ruídos e molestias que xeran as extensións dos seus dominios sobre as beirarrúas das cidades, produzan un manifesto deterioro da convivencia veciñal. E igual sucede co falso debate en torno ao currículo a estudar polos adolescentes actuais cando transitan polo Bacharelato; a moitos dos que falan ou escriben en torno a unha Historia de España de todos, o que menos lles importa é que sexa científicamente veraz e pedagoxicamente útil para que política e educación -a POLITEIA e PAIDEIA aristotélicas- non desentonen.
Todo indica que, no camiño democrático a percorrer para resolver os problemas comúns, falta moito por andar. Para xerar na educación de todos unha cultura de facer ben as cousas, sen desprezar a ninguén, o máis arduo -logo dos 44 anos últimos- é admitir que incesantemente hase de volver empezar, como xa dicía Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra (en 1962)

.
TEMAS: Aceleración do tempo.- Narrativas dominantes.- Cultura democrática.- Cultura escolar.- Deus Mercado.

MMC (Madrid, 01.06.2022)

2 dic 2021

Tralas COMPETENCIAS hai mundos implícitos non abordados

O problema de toda reforma educativa é a súa implementación; se non se cambian rutinas do pasado, o valor que engade ao sistema é anodino.


Tralos proxectos recentes para regular os currículos escolares da LOMLOE, non existe unha liña divisoria entre o mundo da vixilia e o dos soños. Supoñer logrados desenvolvementos que non existen nin se esperan, dá pé a non saber ben se se soña ou se está esperto.


Adoita presupoñerse que, por pasar por unha escola, un colexio ou un instituto -e non digamos se se ten acreditación universitaria-, sábese sobradamente sobre dos problemas educativos; adornado con mirada crítica cara a case todo o vivido na adolescencia, préstase a extrapolar inaxeitadamente unha experiencia. A simple distancia temporal aconsella prudencia ao tratar de entender como debera ser unha educación democrática agora mesmo; no xogo entran bastantes máis imponderables dos que o simple paso polo sistema escolar poida captar, uns de tipo institucional e outros moitos de carácter máis estrutural aínda, ata cun compoñente político ineludible, todo o cal pesa bastante máis que o rozamento individual coa escola.


Mellorar outra vez


Tampouco adoita ser moi distinto cando se oe ou le aos que, por razóns variopintas, están implicados na difusión de cada reforma. De entrada, xa é raro que, para Educar no século XXI, haxa estrañas coincidencias nas mensaxes dalgunhas editoriais e os obrigados por cargos administrativos ou políticos a difundir a boa nova que a actividade docente debe ter en conta. As razóns da mercadotecnia que ambas tramas administrativas poñen en xogo non xustifican tantas coincidencias como mostran na venda do novo produto.


Aínda por riba, os que teñan curiosidade polo pasado recente da educación española e non teñan alerxia a ler os prólogos das tropecentas reformas que houbo no ámbito escolar dos últimos cincuenta anos, sen ir máis atrás verán que os tópicos son, ademais, os mesmos de sempre e case intercambiables. Sempre son para “mellorar”, sempre porque o piden as novas circunstancias, e sempre co suposto de que haberá “recursos e materiais” para que aos docentes –“elemento central do sistema educativo”- lles resulte máis doado a nova configuración que se pretende dar á actividade na aula.


Nestes casos, a mensaxe que deixan os que falan ou escriben é a dos ventrílocuos obrigados a ser a voz do seu amo para que digan o que se debe dicir, sen que se noten as prevenciones e cautelas. É dicir, que xogan a modernizar o concepto da educación deixando que o precepto a cumprir siga practicamente idéntico a como está. Poida que esta sexa a razón pola que o sistema escolar que se pregoa agora seguirá estando toco e coxo en demasiados aspectos, porque a nova lei educativa -a oitava de rango orgánico logo da CE78- segue virando de modo excesivo en torno á repetición de vellas palabras xa existentes en vellos prólogos lexislativos. Non explica, con todo, que ingredientes principais -que todos saben fundamentais para que isto funcione-, non se toquen ou se encomenden a un futurible inespecífico, que ben pode ser un ano, unha década, corenta anos ou a eternidade.


Formación..Privada


É un xeito de proseguir coa tradición da desidia: o CAP (Certificado de Aptitude Pedagóxica) establecido para os profesores de Secundaria a Lei Xeral de Educación en 1970, estivo vigente ata que o Plan Bolonia obrigou en 2009 a transformalo, sen que gran parte de que aqueles que desde nestes doce anos tiveron obrigación de acreditar este requisito poidan certificar que atoparon a pedra filosofal para ser bos profesores. Esta última lei, ademais, xa se prevén cun ano de distancia para afrontar esta formación, e encomenda, xa que logo, ao voluntarismo de cada profesor, o éxito que poida ter na aula a súa ansiedade de reforma.


Máis aló da retórica, a ningunha das leis reformistas anteriores, preocupoulle a fondo a preparación axeitada do profesorado responsable de executalas na aula, nin se os seus excelsos obxectivos ían pasar de bonitas declaracións. A quen sempre motivaron moito, con todo, foi ás editoriais e as súas terminais operativas, que aproveitaron o fértil nicho dos cambios reformistas, para repetir o vizoso negocio da súa “colaboración privada”. Antes de que o Ministerio ou as Autonomías expliciten a súa decisión práctica de cambio, con medios reais para que os profesores e mestres xa se están implicando en sacarlle partido a esta ocasión.



As “caixas vermellas” da LOXSE, aínda que caras, saíron baratas se compara o seu custo cos recursos que houbese que mover para formar e dispoñer nos docentes suficiente masa crítica para xeneralizar en serio as implicacións que conlevaba “avaliar” no canto de “examinar”, “currículo” no canto de programa e, polo tanto, que era “educar” e non ser tan só “ensinante” ou “profesor” dunha materia ou asignatura. Agora, o emprendemento editorial xa está activando boa parte dos desexos de moitos afectados neste xogo, cando entón quedou coleando qué puidese implicar na flexibilidade interna dun centro o facer un “proxecto educativo”, traballar por “proxectos” ou, como fundamento, que cada docente dun claustro deixase de ser unha illa dun arquipélago raro, desconectado e amorfo xunto a outras illas, cada cal coa súa rutina, e ninguén se ocupe de se o que fai no aula é ou non acertado para que o valor real da súa achega colaborativa á eficacia do sistema sexa digna de ser considerada.

Competencias

Haberá dispostas xa novas burocracias que todo o mundo cumprimentará ata on-line, pero agora que se aposta por que as COMPETENCIAS polaricen as pretensións desta reforma, sen atender coherentemente aos demais ingredientes debidos, córrese o risco de repetir o pasado. Sen que quede claro cal é compensación que aos docentes lles vai a supoñer o esforzo por asumir o que deben implantar nas aulas, unha simple información como a que está empezando a circular seralles absolutamente insuficiente para implicarse. Cantos estean afeitos aos CONTIDOS da súa área de traballo -sempre os máis cruciais do sistema- e que os dos outros docentes tamén son fundamentais, seguramente entenderán que este organizador queda ao albur de imponderables aleatorios. Sen ir máis lonxe, a mercé de que encaixen ben -máis aló de novas formalidades- interrelacións as do puzzle que se pon en marcha para que o alumnado saia beneficiado. A traduións que esixe esta nova conceptualización do quefacer nas aulas, desde o Ministerio ás Autonomías darán múltiples claves de realismo; o paso seguinte, desde as versións autonómicas á implementación das súas virtualidades na vida real das aulas en cada centro, por desexable que sexa que se axuste e funcione ben, de momento non hai garantía. A situación parécese á que fixo sentir de cerca á Covid-19 nas súas distintas mutacións: Que pasaría se só tivésemos a “vocación” voluntarista dos mellores profesionais da medicina?.



TEMAS: LOMLOE.- Competencias educativas.- Formación do profesorado.- Cultura escolar.- Papel das editoriais.


MMC (Madrid: 01.12. 2021)