A opinión dos docentes...non conta?

13 jul 2026

O bo camiño do “tanto me ten” e o principio de Peter

Non só Feijóo, tamén Argüello vén dicir o mesmo: estamos na vía correcta para que todo camiñe cara á ultradereita.

Convén aclarar que o que din estes personaxes do momento non é a prudencia nin a quietude que recomendaba o pietista Miguel de Muíños a finais do século XVII. Tampouco se trata do precepto da prudencia práctica para “saber vivir” que recomendaba Baltasar Gracián no seu Oráculo moral. Este quietismo tende en política -e en certa  teoloxía política máis- ao doce far niente e deixar as cousas bastante máis atrás do que están. Sen un incerto consello da IA talvez Feijóo non falaría do “cancro” da abstención laboral como fixo; supónselle avezado estratego para chegar pronto onde hai tres anos que lle gustaría estar, na Moncloa, e talvez o máis rompedor que se lle ocorre é orientar os camiños deste país cara a como  estaba antes de decembro de 1883, cando a Comisión de Reformas Sociais aprestouse a facerse unha idea de como andaba. Das respostas a aquel cuestionario, individuais e institucionais, en formato oral e escrito, interésanlle as máis “naturais”, anteriores a que en xaneiro de 1900 decidísese a primeira lei social, relativa aos accidentes laborais. Iniciábase un longo camiño -aínda incompleto- para que a xustiza distributiva limitase os males dunha durísima “cuestión social”, en que a relacións laborais causaban a gran miseria da maioría de asalariados, sen contar a de quen nin salario de fame tiñan. É posible que os compañeiros de partido de Feijóo se deixasen levar polo principio que Lawrence J. Peter ensinaba en 1969 acerca de como ser promovido a postos de maior responsabilidade non implicaba ter as habilidades que require o novo posto, pois a competencia en algo adoita empuxar a non ter reparo en exhibir unha máxima incompetencia. Como se está vendo, a sensibilidade do líder galego parécese a dun empresario téxtil de Terrasa que, con motivo da Lei de 13.03.1900 -contraria ao traballo de menores de 9 ou 10 anos- e, sobre todo, a de 27.12. 1910, que non admitía menores de 16 e limitaba a xornada laboral, argumentaba que ese salario era imprescindible para que as familias obreiras non morresen de fame.

Tampouco a procura xerarquizada da verdade garante que Monseñor Luís Argüello, unha vez alcanzada a dirección da Conferencia Episcopal Española en 2024 -despois dunha carreira en que mesturou brillantemente o dereito civil cunha suposta “vocación” eclesiástica-, garante que canto expresa de palabra, obra ou omisión, sexa incontrovertible. Outros antes del fixérono e, con igual desacerto en xestos como o desa expresión equivalente á de que quen se pica allos come, nin se decata de que non é un cidadán calquera exercendo o seu dereito á liberdade de expresión e de conciencia. A ambigüidade con que tira a pedra e esconde a man dicindo o que di e tratando de dicir que non o dixo e que lle terxiversan “o contexto”, é un vello truco histórico, tamén no ámbito privilexiado da súa Igrexa. Máis pendente de servirse dos Acordos de 1976-79, que de servir a que os seus fieis crentes teñan unha liberdade acorde coas esixencias que un sistema democrático non esqueceu, o seu exemplo inmoderado talvez prefira que o Estado denuncie ese solapado Concordato. Así podería falar como calquera outro cidadán, cando queira ou estime que debe facelo porque non lle gusta o que ve, oe ou dinlle que diga. Polo texto e o contexto cronolóxico en que di o que di, non fai falta que diga de que lado se pon ou a quen defende, ampara ou xustifica. Nin na Moral católica dos libros do BAC é igual; as razóns da restrictio mentalis -tan frecuentes no século XVIII- adoitaban ser máis sofisticadas, e no partidismo sociopolítico aberto, a vía tradicionalista a que se adscribe de continuo -dentro das plurais maneiras de entender o catolicismo-, non sobrepasa o que defendía en 1929 o P. Azpiazu, S.J. na acción social do sacerdote: ”o sacerdote debe saír da sancristía para ir ao pobo; pero debe saír coa cruz alzada e o bonete posto, de roquete e estola, como a obras propias do seu ministerio. Entón, a dignidade do sacerdote nin se minora se se embaza, senón que crece e se dignifica”. Segundo Azpiazu, “O sacerdote ten unha misión máis elevada que a política, pero cando o ben de la Iglesia o pide non debe deixarse enganar polo erro liberal”, para estes ”valen toda clase de argumentos con tal que sirvan para que o clero non poida defender nin os seus propios dereitos” (páx. 342). O publicista xesuíta non contaba que, nin antes nin despois daquela suposta Cruzada polo ben, as alianzas a que respondía o seu criterio eran as que evocaba Ramón J. Sender no recordo de Mosén Millán aconsellando ao seu mozo fregués, Paco o do Muíño, en Requiem por un campesiño español (1953).

As coincidencias de camiños polos que andan estes locuaces personaxes son de antes da CE78. O político Feijóo avense máis coas reaccións ás políticas laborais activadas na posguerra, que coa reforma que o propio franquismo iniciou nos anos sesenta, ou as que, na Transición, dispuxeron aLei  de Relacións Laborais de  1976,a de Relacións de Traballo de 1977, ou as disposicións que, desde 1995 a 2015, lexislaron O Estatuto de Traballadores. Canto máis atrás, mellor: antes de 1901, ningunha lei regulaba nada neste campo, nin sequera os accidentes de traballo. Pola súa banda, ao eclesiástico Argüello se tivese en conta a historia de cando naceu en Terra de Campos e a comparase, sen máis, polo menos, co que o seu xefe León XIV expón na encíclica Magnifica humanitas como esixencia dunha ética universal, talvez fixese oídos xordos a quen lle suxerira esta perspectiva de ver en ollo alleo as vigas que non ve nos seus, ao revés de Mt.7, 1-6 e Lc. 6, 37-42.

.Estes faladores hodiernos, prolíficos en escorrer o vulto para que o futuro deste presente tosco mereza a pena, falan do seu mundo fetén do ben, combatido por malos sempre gañadores -como quería o maniqueísmo e cantos entenderon que a Cidade de Dios e a polis civil debían coincidir. Desde o Hieropagita ata Hitler ou Franco, foron moitos os que comeron a conta desta teoloxía política. Con esa cosmogonía na cabeza, a Feijóo non lle importa a longa cadea de presións e represións a cantos ousasen dignificar a vida de todos: el vira cada vez máis cara a VOX. De Luís Argüello, cabía esperar que o seu paso pola Facultade de Dereito da súa cidade -xusto cando Martínez Esteruelas e o reitor José Ramón del Sol pecharon a Universidade o 02.02.1975 máis de sete meses- ampliaríalle o campo de visión sobre a súa “comunidade” ou sobre como deba rezarse o “Pai noso”, pero alguén o converteu ao espiritual de estar de volta daquilo

M. Menor (12.07.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario