A opinión dos docentes...non conta?

8 mar 2026

Pastores evanxélicos rogan por Trump, e o neoconservadurismo aplaude

O fervor das cruzadas nunca desapareceu. As cuestións pendentes ao leste do Mediterráneo volven resucitalas .

Pasou o tempo pero, ás veces, pola lentitude con que se atenden os problemas -ou pola estupidez  humana-, parece non transcorrer. No século XI, as dificultades do imperio bizantino cos turcos seléucidas inspiraron ao papa para pedir ao Sacro Imperio Romano Xermánico que lle botase unha man. Pedro o Ermitán predicou en 1085 a primeira Cruzada en Clermont-Ferrand e, aproveitando as leas internas entre os musulmáns fatimíes, en 1099 instituíuse o Reino de Xerusalén. Os intercambios comerciais medraron, os bizantinos recuperáronse e os pretextos relixiosos vehicularon un motivo cultural poderoso, que volvería ser útil, por exemplo, en Lepanto . Cervantes ben puido ver en outubro de 1571 como, crebado o poder imperial de Constantinopla co auxilio do Papa e Venecia, freouse o avance do poder turco cara ao Occidente mediterráneo. E non terminou aí a invocación ao Deus dalgunhas batallas. Antes de que chegásemos aos anos corenta, a Santa Cruzada foi pretexto relevante na España do século XX para que triunfase unha “verdade”, cuxa invocación incesante durante case corenta anos impuxo un universo de rutinas, silencios e actitudes “únicas”. En 1939, ademais, cando os soldados de Hitler invadiron Polonia ata chegar a Stalingrado, nas súas correaxes ía unha invocación propiciatoria: “Deus connosco”, moi parecida á dos amuletos dos requetés: “Detente bala; o Sacro Corazón de Jesús está comigo”, que menciona Paco Cerdá en Presentes (2024). Os soldados americanos, antes de combater en Irán, de novo foron enardecidos con ese fetichismo, o mesmo de Milei nas súas arengas aos arxentinos. Coa mesma graza de Dios que, desde 1947, facía caudillo de España a Franco nas moedas.

O mago. Maruja Mallo, 1926

Os novos cruzados predín a Apocalipse se non se seguen as súas maneiras de entender o mundo. Os seus rezos parten dun tradicionalismo cordial con conviccións supremacistas, androcéntricas e negacionistas. Alerxias a toda evidencia científica acompáñanos, a miúdo, en relaxados soportes de tendencia chillout, que os señores das plataformas dixitais secundan. A súa capacidade de controlar poboacións desprevidas depáralles vizosos beneficios a conta de favorecer a ignorancia dos pequenos e de persoas necesitadas de amparo. Cando soben os prezos, axudan á “ximnasia ética”de que fala Juanjo Millás; distraen e recolocan as emocións facendo que a morte de tanto inocente sexa un espectáculo mentres se amarga a sobremesa co custo crecente da gasolina ou as leitugas.

Liberación da escola?

Na segunda metade dos anos sesenta, Editorial Zyx divulgou en España a un Paulo Freire que expuña a “liberación” da escola; para aprender algo e que a educación fóra valiosa, debía romper a “bancarización” do saber. A súa sacralización, reducíndoo a pílulas inamovibles, esixía dos educandos disposición repetitiva aínda que non entendesen nada. Na escola, “liberar” a palabra e o coñecemento, segue sendo que, a quen  asiste a ela, lle valla para “liberar” a información que os capacite facer un mundo máis xusto, digno de ser vivido. Só así, a obrigatoriedade universal, polo menos ata os 16 anos, ten sentido. Ese é o horizonte dunha “escola común” mentres un conglomerado de grupos se  opoñen a iso “en modo cruzados”.

A súa idea do mundo é partidaria de que credos confesionais moi conservadores comanden, en Estados democráticos, unha confusión de intereses, en que brille o seu ideario político particular de convivencia. Proseguen a mesma batalla de finais do século XIX, cando o republicanismo francés -liderado por Aristide  Briand-, conseguiu en 1905 separar a Igrexa do Estado. Non admiten que a CE78 poida protexer un laicismo que lembre a CE31 e cultivan a desmemoria de como, tras unha Guerra incivil, o nacionalcatolicsmo de corenta anos perdura, baixo aparencia “aconfesional”, en ámbitos da vida colectiva española tan relevantes como o sistema educativo. Os Acordos co Vaticano entre 1976-1979 facilitan aos  novos cruzados a escusa para negocios subvencionados no ensino formal, ademais da informal en medios afíns. Tamén os apoia a contorna confesional que arroupa a Trump, tan notable na 27ª edición do Congreso “Católicos e Vida Pública”, que organizaron a ACdP e a Fundación Universitaria San Pablo CEU, en novembro de 2025. “A esperanza” que os animaba puxérona Kevin Roberts, presidente de The  Heritage Foundation, e activistas do neoconservadurismo como Sophia Kuby e Lorent Saleh. En consonancia, “recuperar a cristiandade con fervor e sen complexos e “resistencia espiritual” ante a “desorientación moral”, son os seus obxectivos, contraculturais fronte a quen non compartan as súas ideas de vida familiar, a Educación, e a Ciencia. Ante a opinión pública son moi activos tamén nas redes sociais, onde promoven unha sociedade tendente a vivir en burbullas dun tempo ido, illados nun individualismo contrario ao comunitario, que podería estar contaminado de laicismo democrático.

Nun tempo de guerra como este , sen convicción polos Dereitos Humanos dos demais, as súas invocacións ao nominalismo discursivo non os libran dunha orgullosa ignorancia tendenciosa que os induce a rezar, consciente ou inconscientemente, polos que, ao seu modo de ver, son os bos, e a condenar  aos malos por opoñerse a Trump e as súas mercadorías. Con similar desenvoltura colapsan toda conversación democrática en moitos asuntos e, agora, ante un asunto tan grave como o dunha guerra que está en marcha contravindo o Dereito Internacional. Actúan igual que moito moralistas do século XVIII que, acurralados ante conflito deste cariz, para non incorrer en pecado de mentira recorrían á resctrictio mentalis (restrición mental), con que xustificar a quen , mentindo, prexudicasen a outros. En todo caso, as pregarias surrealistas destes devotos de Trump obrigan a ver se non estaremos a asistir a un golpe de estado ao coñecemento: De que educación falaba Melania Trump hai catro días na ONU? Non deberá desaparecer unha Educación que todos os cidadáns deban compartir?

TEMAS: Educación democrática.- Escola común.- Laicismo e Política.- Redes sociais e moral educadora.- Trumpismo internacional.

MMC (07.03.2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario