Encolle o ánimo que Trump non pare de mover o taboleiro do seu país e do mundo entre tantos seguidores.
Como adolescente
hiperactivo, ansioso por deixar pegada aos seus 79 anos, o seu xogo, en
aparencia aloucado, vai colocando as súas pezas onde máis lle convén á súa
estratexia neocolonial. Á Bolsa non lle
parece mal e non atopa demasiada resistencia en moitos ambientes. As súas
proclamas primeiras sobre o Golfo de México, Panamá e Groenlandia parecían só
retórica banal e enseguida viñeron ensaios máis precisos en Oriente Medio
apoiando a Netanyahu e aos petrodólares árabes para complexos turísticos en
Gaza. Agora, o que acaba de facer en Venezuela desconcertou máis a propios e
estraños por explicar que o que máis lle importaba era o petróleo e as terras
raras. A democracia podía esperar, pois o labor extractivo duraría anos. Por se
a puidese compaxinar, a premio Nóbel de
2025 iniciou unha peregrinación –empezando polo Vaticano- por ver de que
vai a trampa visual, e a Academia Sueca está a pensar se en 2026 premiará o
autoproclamado pacifista de oito guerras e máis conflitos.
Namentres –como xa se dixo nesta columna-, a Real Academia Española, recoñeceu
á palabra “arancel” como a máis usada en 2025 e, entre as que a seguiron en
frecuencia, está tamén “trumpismo”, neoloxismo válido para referirse ás ideas,
estilo e políticas asociadas a Donald Trump. En minúscula ¡e sen comiñas, fala
do seu populismo conservador, con retórica hipernacionalista e mitos
antiprogresistas. Tras os dous termos está unha historia non improvisada desde
a súa primeira campaña electoral. Con ela alcanzou o liderado republicano USA
en 2016 e, desde entón, o seu desinhibición
converteuse en táctica exitosa con decisións que contraveñen gran parte do establecido.
Como analizou Maya Kandel no seu Trump e
o Trumpismo: unha primeira aproximación (2025), tras o show que
constantemente representa ante as masas, tamén hai unha redefinición do
conservadurismo con ingredientes evanxélicos brancos e fundamentalistas
católico. Nesta combinación da dereita americana, neoreaccionarios diversos e achegas da dereita tecnolóxica, están
Heritage Foundation, o Instituto Claremont, NatCon, Fundación Edmund Burke, o
fundador de Paypal e Palantir, o movemento MEGA e multimillonarios investidores
en Sillicon Valley, Elon Musk e os seus medios. Diversos teóricos do movemento
nacional-conservador, que se uniron a Trump xa na primeira lexislatura,
pertencen ao elitismo intelectual e, en 2024, lograron que votantes das clases
traballadoras, das clase medias e populares, se sentisen representados coa súa
oferta ao sentimentalismo antisistema. A
principal división que agora existe en EEUU entre demócratas e republicanos
sería, segundo Kandel, a que marca o nivel educativo.
En 2026, o xogo de Trump , co seu narcisista estilo vulgar, e a
súa personalidade de triunfante negociador implacable, con solucións simplistas
para todo, está a facer do taboleiro internacional un xogo de nenos. Cuba e Groenlandia –ademais de Irán- parece
que vaian ser as seguintes pezas con que entusiasmar aos seus votantes
antes das eleccións de medio mandato, o 02.06.2026, en que se elixirá o 34% do
Senado e 435 escanos da Cámara de Representantes, ademais de 34 dos
gobernadores dos 50 estados da Federación. Pillados por sorpresa, os políticos
europeos apúranse a poñer remendos a unha situación en que o “amigo americano” está a mostrar que pode non ser tal se prosegue
co seu realismo para frear ao expansionismo da China. Tardarán en recoñecer se
teñen ou non capacidade de reaccionar con outra xogada que desbarate a
subordinada protección que esixe. A OTAN
xa está case rota, o militarismo europeo toma carreira e o restablecemento
da mili xa leva 30.000 mozos “voluntarios” en Francia, mentres en España
imaxinan un exército de interposición entre Ucraína e Rusia, para cando asinen
a paz. En todo caso, a variedade de políticos europeos é tal que, como na
Hungría de Viktor Orbán, favorables á
desunión europea, aproveitan a necesidade de uniformidade de voto para
retardar decisións con criterio propio.
Da decadencia e caída
Ante xogadas como a que Trump expón aos socios de Dinamarca a conta de Groenlandia, “polas boas ou polas malas”, as voces consentidoras de transgresións do dereito internacional e os Dereitos Humanos tamén disentirán dos milagres que trouxo consigo a sucesiva ampliación da primitiva Unión do Carbón e do Aceiro (CECA) desde 1951 –antecesora do Tratado de Roma e a súa Comunidade Económica Europea (CEE) en 1957, da UE actual desde 2002, e as súas posteriores ampliacións. Pronto confirmaremos que, nese tempo, non foi capaz de dotarse de personalidade independente, e de responder á ofensiva que axexa desde EEUU. É o momento de advertir con claridade que é sintomático non ser capaces de ter unha historia común para os escolares, pero será fácil facer unha “Historia da decadencia e caída da UE”, igual que Gibbon escribiu (entre 1776 e 1788) a de Roma ao advertir a gran presenza que o Papado católico seguía tendo na cidade dos Césares despois da “toma da cidade” polas tropas do Reino de Italia en 1870.
Desde España, podemos contribuír moito nesta dirección. O 18% dos españois, segundo enquisa recente, propician que o trumpismo ultra creza. O PP tenlle tanta afinidade que, ademais de cederlle parcelas de poder nas autonomías –en Estremadura están niso-, se lles suman os seus votos a escala nacional serán bos propagadores das ideas de TRUMP sobre o país, o mundo e o que faga falta. O mitinero Feijóo –en competencia con Ayuso- xa o imita imputando ao Gobierno o “comprar o poder” co seu plans reformistas, de financiamento autonómico ou o que sexa. E hai un amplo público receptivo, con longa traxectoria de desafecto como mostra, ademais da Vivenda, o Estudo estatal do sindicato STES: Causa do estado de malestar docente no ensino público non universitario: “Nove de cada dez docentes de centros públicos considera que non existe unha aposta clara pola escola pública fronte á privatización do ensino”. Moitos deixárona, porque a miúdo é imposible dar clase: “un 83% dos profesores ven cada vez máis agresións verbais e físicas”. A degradada situación e o pouco investimento nas aulas fan medrar o número de adolescentes que nin estuda nin deixan estudar, e as súas familias non poden motivalos. En barrios de Madrid e Andalucía ou Murcia, Aragón e Euskadi, é un milagre que algunhas o fagan. Poucas teñen a expectativa na educación que, como conta Peridis (O tesouro do convento caído), tivo a súa familia para que el e os seus irmáns estudasen cando non había onde.
TEMAS: Trumpismo.- Neocolonialismo.- Dereitos Humanos.- Democracia.-
Escola común e servizos públicos.
MMC (13.01.2026).

No hay comentarios:
Publicar un comentario