A opinión dos docentes...non conta?

24 nov 2025

Hai froiteiros aos que lles gusta unha froita moi derramada

 As metáforas da froita son traizoeiras. Tanto valen para o bo gusto como para indicar grande estragamento gustativo

 

Entre aqueles que foron nenos ou nenas nos anos cincuenta e sesenta, é difícil coñecer a alguén a quen non lle gustase a froita. É fácil, en cambio, ter amigos ou amigas empeñados en contar como nas súas aldeas –cando España era aínda eminentemente rural, e as secuencias da fame eran moi visibles- apenas deixaban madurar calquera indicio de mazá, cereixa ou pera que anunciase a súa posibilidade de ser mastigada. Das uvas brancas que nalgunhas ribeiras empezaban a dourarse no mes de xullo, poucas chegaban ao momento ideal da vendima; as cuadrillas de rapaces, máis agudos que os paxaros competidores, daban conta delas con gran pesar dos maiores, que alentaban aos seus vástagos a conciencia e, de paso, lembrábanlles o dereito de propiedade de que falaba o “non roubarás” do Catecismo do P. Astete. 

O fillo do home. René Magritte, 1964

Hase de recoñecer que a fame era tanta que todo valía para aplacala. Se a impaciencia infantil pillaba algo máis verde do conveniente para o gusto acorde, desbordaba o defecto e facía virtuoso o sabor que tivese para presumir ante os colegas, utilidade que coloreaba de audacia a posible aventura. Pasaron os anos, e desde este presente, en que aquel onte é cada vez máis breve, a memoria que somos non esquece a fame e outras moito cousas  que aquelas infancias non tiveron. Quen di agora que por entón se vivía ben ou moi ben, teñen sorte de non decatarse daquel primeiro franquismo, e postos a buscar motivos de pelexa xeracional, ben podían buscar algunha outra cuestión máis admisible, por millóns de persoas que viron, tocaron e sufriron esta e outras secuelas. A curta experiencia vital dese 21% de mozos nostálxicos daqueles anos grises estraña un embeleco que, desde 1975 difunden, con sorte variable segundo momentos, voces que nunca viron ben as liberdades e dereitos que puideron exercitarse con algunha fortuna. O que outros lles contaron, asociado a dúbidas e inconformismos, excesivo rendemento sacou á os máis incautos. Con todo, nin sequera na extrema dereita son mecanicamente acérrimos dese revisionismo do pasado: un 34,1% non cre, ou non se atreve a dicir, que a vida con Franco era mellor. A racionalidade dese sector talvez logre sobrepasar algún día a barreira de pensar con criterio propio, se consegue consultar material informativo que non estea trucado. Medrar é complicado, e facelo con autonomía suficiente nunca foi fácil, nin antes nin agora, cando a aparencia de autonomía persoal é maior co móbil na man; os traumas de infancia, sen obstinarse en levar a contraria a quen trate de normalizar a vida democrática, son complicados cando entre berros e proclamas andan mesturados narcisismos de variada cor.

 

A mazá de Branca de neve.

Os que non ofrecen expectativa de arranxo son cantos nun quimérico mundo de espellos cambiantes que fabrican memorias desacomplexadas do pasado, levan as comparacións co presente máis lonxe. Din, por exemplo, que lles “gusta la fruta” con xestos contundentes e, como é propio de tempos de confrontación, do modo máis fachendoso para que pareza moi en razón o seu modo de atropelar a verdade e o respecto. Nas disputas entre cuadrillas de barrio, ocupadas en controlar espazos irrecoñecibles como propios ata polos agudos veciños da Rue do Percebe,13, de Francisco Ibáñez, había máis dignidade que en xenoveses como Feijóo, Tellado e Muñoz. O coro senatorial que dirixen con partituras do século XIX, trata de ocultar as súas propias trampas, desidias e orgullos clasistas baixo argumentos berróns e tramposos recortes da súa prensa amiga, ofendidos por que nesta democracia debería rexer o orgánico de outrora. Coma se non existise a CE78, desde que perderon a moción de censura esquecen as facturas que deben por descoidos anteriores a 2018 e, de agora mesmo, en Comunidades onde gobernan. Os fallos do Gobierno central non os exoneran de culpa, pero a súa hábil restrición mental xunta desmemoria e desatinos na coxuntura do incorrecto e, con toda probabilidade inxusto, trato que a suprema xustiza española deu ao fiscal xeral do Estado.

 É máis, a redundante singularidade da presidenta madrileña usa esa sentenza sen argumento para arrogarse verdade sobre canto deostaba desde antes de que se cruzase no seu camiño -fai máis dun ano-, un armador de milongas con Facenda. Converteu en cuestión de honra a súa relación con este “particular” e, en cerimonia pública de fe , elevou á categoría de “ditadura” a persecución que di sufrir dun fiscal do Gobierno de Sánchez. Na súa pretensión de converter o momento en alarma, preséntase como mártir dunha cruzada en que a extensión da trola inventada polo seu xefe de gabinete, logrou misteriosamente que cinco dos 7 xuíces do Tribunal Supremo decidisen –non se sabe con que razóns- que a inconsútil independencia de poderes do Estado debía ser especialmente protexida neste caso. A nova Juana de Arco, defensora da liberdade de descarreirados , tras o seu sacrificio de abandonar a conmemoración do 50º aniversario da Monarquía actual, declarou sen preguntas que ten razón.

 

Esta peza , televisada desde a Porta do Sol, pasará aos anais da historia da Casa de Correos pola súa sintonía con testemuños de quen a viviu como Dirección Xeral de Seguridade. O seu texto, moi digno de ser traballado por cantos ensinen Historia de España en 2º de Bacharelato, podería ser obxecto de comentario na proba da EBAU-2026. Os seus tramos máis valiosos, como cando fala de “ditadura” e “Estado de dereito” hoxe en España, permiten deducir se ao alumno ou alumna dille algo o pasado, presente e futuro da Sanidade, Educación, Vivenda ou residencias de terceira idade, cando en Madrid –a pesar de ter o PIB máis alto en España- máis dun terzo dos seus habitantes non se decatan da suposta “calidade” destes servizos públicos. Esta proba podería discernir o misterio de quen sexan os máis beneficiados cos orzamentos de todos e, detrás da apaixonada doutrina vertida no documento, os indicios críticos dos comentarios indicarán a compracencia co padal de quen dixo o 15.11.2024: “Gústame a froita”. Cabe ao alumnado, de todos os xeitos, ampla marxe para opinar: Adán e Eva tiveron problemas coa mazá. Segundo o Xénese, a muller, ao preguntarlle por que comera daquela árbore, contestou: “a serpe seduciume e comín” (Xene. 3. 13); e segundo os Irmáns Grimm, a Raíña Malvada usou unha mazá para enfeitizar a Branca de neve , que a comeu para salvar ao seu príncipe.

 

TEMAS: Tribunal Supremo.- Equidade xudicial.- CE78.- Manipulación informativa.- Política e politiquerías.

MMC (24.11.2025)

No hay comentarios:

Publicar un comentario