A opinión dos docentes...non conta?

13 may 2026

O cambio climático move ao seu antollo a meteoroloxía

A vida política e social, moi inestable, tamén impón unha crecente importancia a que a non-linguaxe é máis valiosa que as palabras.

Coma se non valese nada a palabra constitucionalizada, no ecosistema social que algúns poderosos pretenden, a concorrencia de xestos para acordar entendemento está a reducirse a palabras baleiras. Os esforzos e traballos máis honrados dos humanos parecen perder valor, e é de ver como das ruínas do pasado cainita reviven brotes oportunistas que non reparan no dano que fan a cantos seguen pensando que unha estrutura democrática, fincada na lealdade, é o modo decente de camiñar nun mundo inestable. Con todo, en sintonía coa trompetería de Trump, en España hai personaxes dispostos a sacar partido de canto cren que está de saldo. O presidente de Canarias segue de cerca o estrépito que os madrileños oen de continuo, proxectado desde a Porta do Sol para embaucar a cidadáns de “Méjico ”

A profusión vende o que lle sobra. Ginés de Liébana, 1978.

Este carrusel de enganos aterrou en España da man de Venezuela, país de referencia desde moito antes de que Trump arramplara con Maduro. O seu aproveitamento para aventuras neocoloniais corroborouno Mª. Corina Machado, destinataria no Madrid de Almeida e Ayuso das chaves da cidade e doutra  medalla de “a liberdade”, que non melloran o prestixio do seu Nóbel da paz, nin levará aos cidadáns do seu país unha desexable concordia. O uso torcido dos termos expresivos dunha liberdade sempre incompleta leva tempo cocéndose no Congreso de Deputados e arredores, onde representantes parlamentarios do sector máis conservador cabrean de contino aos outros con usos equívocos e insultantes dunha linguaxe non exenta, ás veces, de pedantería. A Historia que estudasen no Bacharelato parece que os animou a seguir a peor exemplaridade do tempo anterior a 1978.

É característico desta continuidade non desperdiciar lugar nin motivo ningún para emponzoñar o que pasa e que a mirada dos demais, escurecida, dubide do que acontece. Prosegue así un remoto pasado, en que a Natureza era fonte de metáforas de pautas que, como as da lura, despistan aos seus competidores no hábitat mariño. O seu tintado da contorna sempre tivo imitadores entre os humanos; os amigos de Sócrates xa o advertiron. Os sofistas empregárona para sacarlo do medio, e en España vémola demasiado, mentres a invocación de grandes principios escusa erosións graves do sistema democrático. O sistema educativo practicou esta suntuosidade retórica desde antes de inaugurarse en 1857 o seu primeiro plan xeral de Instrución pública coa Lei Moyano, en cuxo artg. 160, prevese unha Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Enseguida estableceuna formalmente un Real Decreto e o 30.09.1857, ao inaugurarse, o primeiro secretario desta institución centrou o seu encomio en que se lle encomendou vixiar a boa orde das ideas que circulaban entre algunha xente: O manifesto Comunista, de Marx-Engels (1848), era pouco apropiado para o ascenso político da burguesía.

Crece o ritmo cainita?

A secuencia rítmica actual de oportunismos impropios para conversar lealmente sobre un proxecto común non é nova. As aves dotadas de argucias para atrapar desprevidos, igual que outros animais capaces de danar a economía de subsistencia do mundo campesiño están nas glosas de fábulas e contos coas súas ensinanzas de supervivencia. O lobo da Carapuchiña ou o moi feroz que atacaba aos tres porquiños son reconocibles en personaxes que poboan este urbanizado mundo, onde, con habilidades rapaces, tratan de parasitar posibles votantes facéndolles ver que, co seu voto, arranxarían canto se necesite arranxar: a rotura de España, a vivenda, sanidade, a educación… pero unha ansiada tranquilidade nunca existiría se votan a outros . Para as eleccións andaluzas deste domingo, o candidato de VOX dixo que “nolo xogamos todo”, pero “cos andaluces primeiro”, desaparecerían os problemas. E colorín-colorado, a saber en que termina o conto da avoíña e o lobo...

Esta nena incauta de Perrault a finais do século XVII, igual que os personaxes de contos moito máis antigos como os que recolleu no século XIV Don Juan Manuel, no Conde Lucanor- seguramente foron vivencias que entenderon valiosas para advertir de cautelas fronte á brutalidade de personaxes tan ocupados en si mesmos como en artellar banalidades oportunistas. Se na expedición imperial de Díaz Ayuso, había excesiva proclividade cara á zorrería con que Trump procura que a crise de Irán, como a de Venezuela, enriqueza máis aos amiguetes, no afán rateador de Clavijo na súa notoria pretensión de darse pisto ante os seus votantes canarios enlamou a crise do hantavirus e, despois, imitando o victimismo da madrileña, acusou ao Gobierno da súa ridícula posición ao final da súa estrataxema.

Desde as eleccións xerais de 2019, políticos/as con aspiracións a bombeiros pirómanos están sempre en campaña electoral, e a maioría cidadá non militante faría ben en contrastar que din e fan. Canto non case co coñecemento, por moito “sentido común” que pretexte, denota impostura, e os/as que, ademais, recitan aqueles libros de texto, que case nada explicaban do que importa, son un perigo para as institucións e a xente. Todo ser humano merece respecto, pero non toda obra humana é guay. Se no século XV a. C: o Xénese dixo que Caín era capaz de matar a Abel, engadiu que deixou “descendencia” (Xene. 4,5). Segundo advertiu José Saramago en 2009, é “unha historia embarazosa”, e éo máis cando o mal parece non existir se non o sentencia o Tribunal Supremo ou a Audiencia Nacional. Con todo, o Inferno do Dante, infinidade de obras literarias e os Sumarios de moral -como o moi prestixioso nos anos 60, do P. Antonio Arregui- ou os abundantes Libros para confesores, despois do Concilio de Trento (1545-1563), non cesaron de dicir que o mal seguía existindo.

M. Menor (12/05/2026)

No hay comentarios:

Publicar un comentario