A opinión dos docentes...non conta?

26 jul 2017

Cantos personaxes hai na vida pública que actúen como os da novela negra?


Coma se o diñeiro público fose ilimitado ou a estética non tivese que ver coa ética, ambicións de poder pervirten a convivencia e enriquecen as demostracións de estulticia.

Vivimos agora, cando a sospeita sobrevoa unha iniciativa cultural de gran alcance como foi a de Las edades del hombre. A fundación homónima fíxose unha lea coas subvencións e posibles argucias na contabilidade pertinente. Hai inercias burocráticas, moi de competitivo criterio emprendedor e amoral, que poden enlamar unha traxectoria que leva xa vinte e dúas edicións expositivas de arte sacra castelá. Máis contundente foi a traxectoria de Blesa, finado nestes días de xeito abrupto, logo dun historial de ascenso e descenso precipitados entre gabanzas do poder. Con el hase ir un símbolo de actitudes, xeitos e desaforos de barra libre que unha élite de selectos aznáridos pretendeu pasar por nova economía, listeza política e estratéxico xeito de dar envexa ao resto dos mortais. Sic transit gloria mundi, podería pintar Valdés Leal nunha "vanitas" barroca. Non nos liberaría, con todo, dese falar completamente inseguro de quen falan sen saber e coa pretensión de dar a entender que sabe. Engádase que Rajoy declarará na Audiencia Nacional o próximo día 26 polo "Caso Gürtel". E só cabe preguntarse por que hai tanta xente na vida pública que se comporta como nunha novela negra.

Vivimos agora, cando os xeitos críticos de Gregorio Morán, que adoita escribir "sabatinas" en La Vanguardia, foi censurado. O seu artigo último non lle foi publicado por medo a represalia política no mundillo catalán. Publicado noutros medios, mostra como a información non é o que debe ser cando a move máis a aparencia que a explicación da realidade . Non é a primeira nin a segunda vez que lle sucede algo similar a este xornalista asturiano. O case último había ter lugar co seu libro El cura y los mandarines, que ía ser editado por Planeta e acabou sendo publicado por Akal. Esta historia, desabrida con moitos dos personaxes e milhomes da transición cultural acaecida entre 1962 e 1996, era demasiado non oficial para que os directivos da Real Academia de la Lengua non fixesen perigar os negocios de Lara con esta entidade. Así crece o erial da ignorancia, mentres a estupidez humana alégrase sen remedio.

E tamén vivimos -agora- cando o que nos fixo gozar a Selección Española de Fútbol estase enlodando con canto á súa beira fixo crecer o afán acumulativo dos Villar e asociados. Unha historia esta que só acaba de empezar e que, ao que se ve, promete episodios para comprender como ata o balompé, fútbol ou xogo principal da nosa infancia agacha na súa existencia real moito máis do que como espectáculo se ve nas pantallas. Este iceberg a piques de desfacerse á calor do Tribunal de Contas, ademais de poñernos na pista dos valores que se ventilan neste ritual da pasividade domingueira -nas dimensións que xa aventou Manuel Mandianes en El fútbol (no) es así (Sotelo Branco, 2015)-, podería levar a que este Tribunal exercese de contino un prestixioso labor de limpeza noutras latitudes, institucións e estruturas societarias en que o diñeiro público se gasta con excesiva compracencia licenciosa e sen control. Para iso foi instituido, non?

Vivimos e paseamos -e non desde agora- por unha España chea que cada vez se distancia máis non só da España pobre senón, ademais, de La España vacía a que dedicou atención Sergio del Molino. O contraste entre o crecemento urbano e a diminución do poboamento en zonas rurais vai en aumento. Cunha aceleración tal que os indicadores demográficos naturais de nacementos e mortes móstranse negativos, e as densidades de poboación tenden a diminuír nas zonas que viñeron protagonizando o éxodo rural desde a segunda metade dos anos cincuenta. O resultado é que a desertización humana de amplas zonas do interior peninsular -tamén en Galicia- non para e que cada vez son máis os que desisten do arado e do arraigo continuado nestas áreas. Xa non é fácil recrutar funcionarios ou profesores que se asenten nelas: todos queren vivir na cidade; as escolas pechadas medran e agoiran a morte dos pobos. En moitos casos, mesmo os agricultores tampouco viven xa no espazo rural do que nutren as súas economías, como asegura Sergio, o autor deste moi recomendable libro para lectores desconfiados do que non adoita contarse.

Vivimos, que non é pouco, cando persoas ás que máis debemos pola súa complicidade, saber e ironía no mirar, se nos han ir ou se están indo agora mesmo. Cando se marcharon custa facerse á idea de que estaban aquí hai nada, ao noso lado. A mellor honra á súa memoria vai ser non darnos por derrotados na construción dun mundo vivible, máis xusto e fraternal na liberdade, como quería Lars Gustafsson, o de Muerte de un apicultor: "Empezamos de novo. Non nos rendemos". E se nalgún momento se nos fai costa arriba a tarefa, desexable é poder volver a vista atrás desde algún recanto do camiño con humorado amor polo compartido.

TEMAS: Corrupción. Tribunal de Contas. Información/Coñecemento. Liberdade de expresión. Convivencia.



Manuel Menor Currás
Madrid, 23.07.2017