A opinión dos docentes...non conta?

23 feb 2013

Violencia contra Aurelia Rey

Rosa Enríquez
(Publicado en La Región . 21-02-2013)
 
Rosa Enríquez
Segundo Samuel Juárez, delegado do Goberno en Galicia, 'non houbo ningunha carga'. A policía unicamente 'puxo a forza dos seus corpos contra outros corpos'. A ver se nos entendemos dunha vez: leña, o que se di leña, da dura, non houbo. Tan só foron arrastradas polo chan un par de persoas. Pouca cousa? Polo que se ve, para Juárez, falar de 'carga policial' implica paus dos bos, deses que deixan pegada. Ó non suceder isto, non houbo tal carga e punto redondo. Ou fillipino... Cómpre pois tomar boa nota disto polo que puidese acontecer noutras manifestacións públicas de descontento cidadán.

Arrastrar non é violencia, principalmente se se arrastra pouquiño, isto é, lenemente e en tramos curtos. Tirar dunha persoa para a desprazar dun lugar a outro é tan só un 'roce de corpos'. Nada erótico, conste. O mal trato á cidadanía, sexa este físico -con paus, oigan, que arrastrar non vale- ou psicolóxico, ten de seu un pouso de crueldade que indigna. Como Juárez non dixo nada desta violencia exercida de xeito vertical contras ás persoas máis humildes -Aurelia Rei é un bo exemplo-, creo oportuno mencionar o 'terrorismo' practicado por unha clase política, profundamente cobizosa e mediocre. O de cobizosa vén de vello. Así o demostra toda esa caterva de 'chourizos' que ocupa o panorama político actual. O de mediocre tamén. Hai que ter un espírito ben cativo para ver soamente a parte da realidade que convén e ignorar toda a restante que, cómpre suliñalo, é a máis ampla. Que temos máis xente 'golpeada' por esta violencia que favorecida por ela é un feito impepinábel.

Amancio Ortega só existe un. Parados e explotadas, unha morea. Estando pois as cousas así, parece claro que vivimos unha regresión. Algunha 'forza perversa' lévanos de volta ó pasado. Por iso, o caso de Aurelia Rei trae á memoria aqueles abusos cometidos en épocas pretéritas con total impunidade e descaro. Que un Estado non teña capacidade para asegurar, como mínimo, a vivenda daqueles e aqueloutras que o habitan é sintomático dunha sociedade enferma que, ó perder dereitos sociais, perde liberdade.

O luns tocoulle a Aurelia, pero hai moitas outras persoas na mesma situación. Mentres, a desprezábel clase política persevera no seu traxecto polos roteiros da inxustiza social coa consecuente angustia. Iso si, paus, dos de verdade, non hai. Daquela, quen dixo violencia?

15 feb 2013

Resposta solidaria ante os recortes nos dereitos sanitarios...

Como agora temos menos dereito a enfermar algún profesores do IES de Camas dan unha resposta solidaria para esta agresión aos dereitos do profesorado http://youtu.be/vgEuikWBDbg

5 feb 2013

A caixa B e a clase A.


Manuel Menor Currás
 
No colexio, non era o mesmo ser dunha clase que doutra. A secuencia alfabética ocultaba a clasificación do alumnado: os do grupo B mostraban dificultades para a aprendizaxe e adoitaban ser máis torpes nalgunhas das calidades máis estimadas polo profesorado dirixente do centro de estudos. Témome que, desde os anos cincuenta ata hoxe, esta pauta etnográfica segue vigente sen que -salvo moi honrosas e escasas excepcións- se faga nada -ou case nada- para suplir as diferenzas. Ao longo da miña vida docente, pero especialmente nos últimos cursos, vin de xeito crecente como esta selección cualitativa seguía aí. Moitas veces tiven que atender a grupos B: un ano, ata coa explícita función -que as actas dalgún claustro poderían corroborar- de evitar problemas á “boa orde do centro”; aquel curso, a policía viña cada dúas por tres a preguntar por algún alumno (nun centro situado á beira do parque do Retiro). No momento actual, con tanto recorte na organización interna, esta diferenza é agora mesmo manifiestamente observable. Non é este un asunto de “caixa negra”, invisible ou difícilmente asequible á mirada de cantos se ocupan e preocupan polo noso sistema educativo, dual por constitución.

Na vida real -como no colexio-, os da clase A non só interiorizaron a clasificación, senón que se creron naturalmente diferentes e exercen como tales. A isto conduce a vella -e probablemente tamén a nova- selección temperá da calidade e excelencia estudiantil que algunhas políticas educativas propugnan. Ata considerar, mesmo, que os de clase B eran indignos de ser tidos en conta como os seus iguais e que tan só computaban como carne de canón, abobada, entretida, manipulable, laboralmente reformable ata a nada, ninguneable, capaz de votar cada catro anos relixiosamente, pero indefensa para entender cal era a súa función social máis aló de servirlles de escusa e pretexto para os seus propios trafegos. E todo iso malia que sexan de feito os que, -como unidades de produción- achegaron e achegan co seu traballo -aínda que hoxe sexa minguante- os recursos para que -sen o seu consentimento nin coñecemento- se constitúan as bolsas ou caixas B que acabaron voando ao estranxeiro, a Suiza ou a outros paraísos fiscais -a contas secretas da clase A. É curioso que a cotidianeidade última de que nos veñen falando os xornais especialmente estes días -e máis desde o pasado 28 de xaneiro- repita de novo, inalterada, a constatación que, de pequenos, nos fixeron interiorizar de xeito case inconsciente: sempre hai clases. O que non viramos aínda é que os elitismos de clase A afixéronse, ademais, ao latrocinio descarado como forma institucional de existencia: sendo mellor tratados, considerados e loubados, estudaron  nos mellores colexios e mellores carreiras, coparon mellores postos e case todos os consellos de administración. Non se contentaron con limar, recortar, diminuír as prestacións que as maiorías da clase B lograran, senón que estimaron imprescindible ampliar o libre mercado dos seus beneficios: logo de amorear boa parte do amasado na xestión do que é de todos -a res publica-, retiralo do control do fisco e levalo a bo abeiro, para confirmar inalterable -ou acrecer- a asimetría da súa selecta orde exclusiva.



As caixas B cumpren, deste xeito, unha clara función social: deixar que todo siga na desigualdade natural en que nacemos; que prosiga e mesmo aumente...Véxase, adicionalmente, como a amnistía fiscal vén confirmar esta teoría, segundo a cal o esforzo e traballo honrado de toda unha vida non vale nada ante a sorte que ten o que é “listo”, “espabilado” e “emprendedor” ou “cacique”, sen outra moral que a da ganancia fácil: “la pela es la pela”, sen máis regra que non arredarse ante a posibilidade de acrecentala..., supostamente a conta dos “parvos”. A outra función que cumpren, e que se mostra agora máis explícita -fronte ao que nos contan-, é a de proporcionarnos, de facto, magnífica información testemuñal sobre os obxectivos que pretende o novo currículum da LOMCE. Esa é a razón, por exemplo, da supresión de asignaturas ou campos cognitivos que puidesen interferir co resultado pretendido de “mellorar” o que estes “mellores” -aristoi- esixen mellorar . Asumir unha “Educación para a Cidadanía” coñecida nos seus inicios dos anos oitenta, como “Educación para a Convivencia”- en que se puidese poñer en cuestión o que dixese a lexislación, as carencias que tivese en contraste coa lexislación internacional máis desenvolvida respecto de dereitos e liberdades cidadás, ao contrastala co que diariamente sucedese -para ver as desnudeces que tivésemos e como saír delas con dignidade-, podería resultar arriscado: mellor endozala ou suprimila. E mellor aínda se, de paso, se fortalece unha catequese preñada do máis rancio catolicismo histórico: con nada de liberación e moitísimo de submisión, como nos tempos decimonónicos previos á Rerum novarum de León XIII, cando toda expectativa de mellora -socioeconómica, cultural e social- era encomendada ao máis aló... Suprimir ou abaratar as prestacións sociais ten a súa peaxe estratéxica: poñer en valor o abundante sufrimento ante as durezas providenciais que a orde constituída proporciona ao común da Clase B. O Xesús que agora predica a Conferencia Episcopal de Rouco Varela xa non sabe nada da expulsión dos mercaderes do templo e si moito da etérea evasión espiritual que suscita o vivir neste val de bágoas: unha especie de xeito que redundará en confirmar aos máis pacientes que non hai mal que por ben non veña.


Todo vira en torno a “mellora” do sistema: o educativo e o xeral, de modo que non rechinen. Pero o que non logran disfrazar as noticias nin as estatísticas oficiais que nos inundan é o modelo. Eses egrexios representantes da xestión política en versión Clase A -descendentes no mellor dos casos dos que nos anos  cincuenta ían en berlina, a sección dos autobuses mellor acondicionada- e que agora van en bussines ou clase preferente cando viaxan e dispoñen de múltiples outros privilexios consentidos, descubrimos agora palmariamente que abusan da súa posición encomendada. Ata chegaron a utilizar con plena normalidade durante anos, non só á Clase B, senón tamén caixas B para evadir o que é de todos -previamente transvasado ao seu circuíto privado e privativo. Eles constitúen o modelo de estudante que adiantaba a LOMCE cando suscitaba obxectivos de “mellora”. Aquel prólogo tan ilustrativo en que se absolutizaba a “competencia” e a “excelencia” educativas simbiotizando simplonamente ambas calidades esencialistas-, apenas foi corrixido no último borrador. As últimas modificacións soan, ademais, a falsas: recollen aspectos moi manidos da “educación integral”, como quen recolle un tópico sen saber moi ben que significa ou a que compromete. Véxase, se non, como se sostén unha drástica redución das materias de carácter humanístico -coma se de algo meramente distractivo e, xa que logo, despreciable e soslaible se tratase, en aras do principal, que segue intacto. E obsérvese, tamén, como se mantén o esquema ampliado de reválidas selectivas -unha obsesiva volta de rosca reiterativa cara aos tempos anteriores á Lei Xeral de 1970- , que confirme oficialmente que a natureza non nos fixo a todos iguais: uns somos de Clase A e outros de Clase B, o que axudará, ademais, a que haxa outras subclases ou grupos ben diferenciados: se a natureza manda -vén dicirnos este proxecto glorioso-, a política educativa debe apoiala, non modificala como pretenden as pedagoxías da diversificación ou cantos propugnen unha escola pública con dignidade. O que digan os expertos do chamado Foro de Sevilla e cantos apoien o seu recente Manifesto por outra política educativa (Madrid, Morata, 2013), rega fóra de testo; é anticuado: nada que ver coa sofisticada radicalidad wertiana que agora se leva e trata de impoñerse.

O que, entón, os nosos profesores han explicar con delectación é a exemplaridade dos nosos queridos conciudadanos de Clase A e ensinarlles -aos novos estudantes- é a lucrarse o máis posible, como tan modélicos seres, das circunstancias volubles que a vida lles poña por diante. Como, ademais, poderiamos restitituír o preciado valor social que outrora tiveron algunhas virtudes sociais e que os libros de boa educación pregoaban condignamente. Onde estean a caridade, a beneficencia e a filantropía solidarias -sempre atentas aos máis pobriños-, estorba canto teña que ver coa xustiza distributiva e as súas peculiares esixencias de impostos progresivos... Caian todos na conta de que é un gran adianto poder revivir en pleno século XXI as características de vida agradecida que sempre tiveron que levar os de Clase B, entretidos desde o neolítico con poder ter un mal traballo en condicións miserables ou escravistas, a diferenza de moitos outros que non tiñan absolutamente nada: nin iso. Vexan, doutra banda, que están ante unha coxuntura reformista que neste momento difícil ten un alto valor social: fomentar o apartamento de calquera veleidade favorable á lectura crítica, e que todo propicie a significativa aprendizaxe dos xeitos mellores do servilismo: como debe ser.
Todas as menudencias das Caixas B son -como poden ver- dignas de encomio. É máis: teremos que lles dar grazas aos responsables do Ministerio de Educación actual -e a quen os  secundan desde as comunidades autónomas de orientación máis moderna- por desdicir trasnoitados empeños dos torpes anos pasados e, sobre todo, por iluminar as vidas futuras dos nosos fillos e fillas. Tales designios sintonizan coherentemente co que os nosos próceres máis excelsos nos ensinan coa humildade exemplar das súas vidas -tanta que evitan mostrárnola palmariamente. Conscientes desta conxunción tan lograda, teñan a seguridade de que o sistema educativo vaia a alterar o máis mínimo de canto o nacemento nos regalou, ou que pretenda propalar o que algúns moralistas e profesores de ética pregoaron en tempos escuros como inmoral, indecente e, ata, como tiránico. Non lles caiba dúbida de que máis vale así, sen contradicións por fin e con claridade meridiana: cada paxaro no seu niño e que cada pau aguante a dúa vela- sen restricciones mentais, obxeccións abstrusas nin “radicais envexas igualitarias” que tantos crebadeiros de cabeza -e de diñeiros- nos poderían carrexar. Isto é o que hai, amigos: paciencia e resignación, se son de Clase B; privilexio e impunidade se poden medrar como Clase A, por conta da Clase B e mediante caixa homónima. E amén, que -con maioría absoluta- quere dicir: así sexa.
Madrid, 3 febreiro 1013

4 feb 2013

Outra educación é posible...véxase Finlandia.

Jordi Évole, no seu programa Salvados, emitido o día 3 de febreiro de 2013 pola Sexta, amósanos como é posible un sistema público de altísima calidade, non segregador, participativo e eficaz no que o profesorado goza dos apoios e a consideración social que aquí se nega. Un modelo comprometido cun servizo público de calidade que permita o ascenso social e no que cada quen desenvolva ao máximo as súas capacidades. Será isto unha utopía neste país gobernado polos prexuízos duns dirixentes afastados do que se considera unha sociedade democrática, xusta e solidaria?
 http://www.lasexta.com/videos/salvados/2013-febrero-3-2013020300007.html