A opinión dos docentes...non conta?

25 may 2012

EXCELENCIA

Rosa Enríquez

Rosa Enríquez. 
Publicado en La Región o 24.05.2012

Parece que a intención do Goberno, ao respecto das condicións esixidas para a concesión de bolsas de estudos universitarios, é a excelencia, algo non só desexábel, mais necesario. Porén, neste asunto, existe un problema de fondo ben oculto que non podemos obviar. Refírome á desigualdade derivada dunhas medidas que unicamente prexudican ao alumnado desidioso procedente de familias cun baixo nivel adquisitivo. Que sucederá, pola contra, con toda esa morea de fillos/as de 'gente bien' que non fai ren e pasa media vida estudando mediciña ou dereito, poño por caso, pero cuxos proxenitores poden pagar matrículas desorbitadas, amais de pensión ou piso? Seguirán quentando a cadeira nas aulas? Quen se ocupará de que 'estes pobres niños y niñas ricos' saian pitando da universidade? Como xustificar que un alumno mediocre con cartos continúe cos seus estudos e unha alumna mediocre con bolsa non? Se as axudas económicas foron pensadas para garantir a tan cacarexada 'igualdade de oportunidades', a dureza das medidas debería ser a mesma para todo alumnado, independentemente da capacidade adquisitiva. Así é que tanto a bolseira que non responde academicamente como o/a alumno/a con posíbeis, mais irresponsábel, deberían sufrir as mesmas consecuencias para que puidésemos falar de trato equitativo. Daquela, habería que botar fóra a toda esa panda de 'pijos/as inoperantes' que pasean polos corredores das facultades e dicirlles, sen ambaxes, algo como isto: 'Oiga, usted no puede continuar aquí porque no la marca. Váyase y déjenos trabajar.' Meditemos seriamente sobre o asunto. Cren de verdade que todas esas persoas que reciben bolsas de estudos, andan esvacalladas polo campus adiante sabendo que na casa as cousas están mal e teñen a familia pendente dos seus resultados académicos?

Eu, sinceramente, creo que non. Penso máis ben que son alumnos e alumnas de trato afábel, conscientes do que sucede, preocupados/as por sacar o curso adiante. Xa que logo, como responsabeis que son, ben se lles pode desculpar un erro, que, sen dúbida, subsanarán pola conta que lles trae. Esixir máis requisitos académicos a unha bolseira do que ao resto do alumnado faise, francamente, inxusto. Non era 'xustiza' e 'excelencia' o que se buscaba? Ou se trataba simplemente dunha cuestión pecuniaria?

24 may 2012

“MAL ROLLO”


Manuel Menor Currás
 Non parece que sexa discutible un plan de austeridade se se advirte que se está gastando máis do razoable. Menos parece que non haxa de executarse se, ademais, concluír que non queda moito de onde botar man: canto antes, mellor para todos. Algúns gregos xa intuíron no seu día que, por tales motivos, as máis indicadas para a xestión do público eran as mulleres, polo seu hábito doméstico a lidar coa contabilidade estrita dos ingresos e gastos. Aí está, por exemplo, Xenofonte (S.IV a.C.), reclamando para elas o “conservar”, “vixiar? e “repartir o que haxa que gastar e prever e coidar que o orzamento aprobado para un ano non se gaste nun mes”( EL Económico, Gredos, 1993, páx. 220). E aí está, definitoria, a etimoloxía de “Economía”, vinculada a “oikos”, o ámbito privado da casa no que a muller tiña o seu estatuto social de ecónoma facendosa e previsora. Sexa competencia de homes ou mulleres estes asuntos básicos, non parece, con todo, razoable que, á hora dos recortes, non exista unha explicación coherente sobre o seu reparto. Todo o contrario. Os que hoxe están encargados deste labor, sen dúbida desagradable, aumentan a repugnancia e amolo cara a ela coas súas formas de proceder. Abusan dos feitos consumados máis que das palabras explicativas e as formas dialogantes e, por máis que se empeñan, non son quen de nos convencer de que nos impoñen obxectivos e prioridades nada convincentes. É, xa que logo, moi discutible o pretencioso razoamento baseado en que, operando indiscriminadamente -todos os departamentos e todos os asuntos son recortables-, actúase de modo máis democrático e igualitario. Dar a entender con esta cirujía que todas as materias son idénticas en valor social, non só é gratuíto senón que, ademais, é falso. Nun momento en que -pese ao pretexto da crise- fánsenos máis rechamantes moitas corrupcións, decisións grandilocuentes e inútiles de moitos dos nosos políticos e exemplos de vida de dubidosa exemplaridade pública, as súas actuacións cantan máis: non a todos afectan por igual e a moitos -pola selección que leva a decisión de recortar- practicamente nin lles rozan. Vemos, en cambio, como día a día van aflorando os datos de incidencia crecente nos máis débiles e, en definitiva, na gran maioría da poboación. O último -ata agora- pode verse no Informe sobre pobreza e infancia que acaba de publicar UNICEF estes días: 2,2 millóns de nenos pobres detectados no noso país, toda unha estatística de sufrimento. Cunha situación tan delicada é estraño que, en pleno debate dos Orzamentos do Estado para 2012, só teñan valor as posicións prefixadas polo Goberno co respaldo da súa maioría absoluta, sen que se teñan en consideración as achegas dos demais grupos parlamentarios. Só tres emendas foran aceptadas, entre 3000 presentadas, segundo avanzaba o debate o pasado día 22 cando ían polo capítulo 16. Non é razoable exemplaridad democrática -por máis legal que sexa- que só un grupo teña oportunidade fáctica de decisión razón fronte á diversidade dos demais: supostamente, nada pintaban na consideración desta Cámara quen votasen aos parlamentarios que presentaron tan copiosas emendas. É máis, o non-debate da Cámara en ocasión tan importante non é anecdótico e está demostrándose toda unha categoría. Só uns días antes, a votación masiva dun cúmulo de Decretos gobernamentais, referidos -entre outras de gran calado- a cuestións tan sensibles como as de Educación, tampouco admitiron a máis mínima desviación. A este ritmo, moi pronto a pregunta vai ser para que serve o Parlamento nesta lexislatura como non sexa para escenificar formas variables de autoritarismo, mentres se deterioran a vista de todos os xeitos elementais da consideración cara aos outros, o debate razoado e a transparencia da xestión, ingredientes clave de calquera democracia que se prece. Se se engade que, nestas sesións -e en moitas outras- é constante a apelación sempre definitoria á imbecilidade dos demais e, en definitiva, á pechada cuantificación numérica dos escanos, calquera cousa poderá lexislarse. De momento, o infatigable Sr. Wert xa logrou modificar a Educación da Cidadanía da LOE, acordemente cos seus propios prexuízos ou ao ditado dos doutros que pesan máis que os seus. Non cabe descartar que, a este paso, nos diten a Historia de España que explicar aos estudantes -coa inspiración da canónica Real Academia correspondente- ou que traten de axustar os períodos e eras xeolóxicas aos concisos, limitados e precientíificos corenta e catro séculos a.C., que algunhas das enciclopedias que circulaban polas escolas nos anos corenta e cincuenta trataban de inculcar. Moi coherente con estas posicións parece o desprezo e ninguneo das sucesivas manifestacións de protesta que gran parte de tales decisións e modais suscitan. Xa desde maio de 2010 e máis especialmente logo das eleccións do 20-N, se veñen sucedendo nas distintas cidades españolas, cunha posterior guerra de cifras vergonzante. Como nunca é toda a poboación a que protesta, de nada vale o asunto polo que se protesta nin as razóns que se esgrimen. Veñen querer dicir -os da quenda gobernante-, que non só non existe a protesta senón tampouco os seus motivos. Unha situación que, con todo, induce a pensar cada vez a máis xente que os polítcos sóbrannos e para que queremos a política, un camiño fantástico para unha involución en toda regra. De momento, xa vén sendo habitual que, nas enquisas do CIS, a política e os políticos ocupen case sempre o terceiro posto entre os graves problemas da poboación. Cun pouquiño máis de alento, podemos chegar ás mesmas conclusións que os gregos na súa últimas eleccións. Non se descarta tampouco que algunha das siglas que, de momento, logrou tan só un 0,8 % de representación, supere con facilidade as cifras dos nosos veciños lepenistas. No que tañe aos asuntos educativos, este conxunto de actitudes deixa cada vez máis claro que o pretexto da crise, unido a prexuízos ideolóxicos -que nada teñen que ver coa racionalidade das decisións nos asuntos públicos, nin cunha concepción claramente democrática dos mesmos-, é o que está marcando a axenda do noso actual Goberno e o de moitas Autonomías. Queren que os profesores rendan máis con menos medios, que atendan aos máis necesitados en peores condicións -mentres fortalecen a situación dos colexios concertados e estritamente privados. Non queren apoiar a etapa de escolarización máis relevante, a do 0-3 anos, en condicións de seriedade e calidade pedagóxica que poida aumentar a igualdade de quen nacen en situación de desvantaxe. Acurtan a ESO e suprimen os recursos compensatorios á comprehensividad -en prexuízo, de novo, da maioría de estudantes en situación cultural desigual. Soben as taxas á vez que diminúen bolsas de todo tipo. E todo isto, tan ben lles parece que apostan por unha “excelencia” de escaparate, produtora de segregación e desafección en cada centro de de des-educación. Falan dunha formación profesional “dual” á alemá, que nada ten que ver co avanzado neste terreo no noso país nin coas posibilidades reais de implantala... Como acompañamento constante, insultan e intimidan a cantos razonadamente -con estudo asisado e meditado ou mediante manifestacións públicas non menos razoables na rúa- lles leven a contraria. E explican que coas súas decisións imos xenial: outra forma de insulto á intelixencia. É unha pena, porque o sistema educativo necesita modernizar a xestión dos seus limitados recursos e a ocasión era moi propicia para facelo. Pero esta xente só achega “mal rollo”. Confunde o mando co liderado: mandan moito pero só son capaces de devolvernos a máis de trinta anos atrás. Os reitores das Universidades comprendérono e acaban de dicirllo ao ínclito Sr. Wert. Só falta que o resto da sociedade tamén o vexa así.
 Madrid, 23/ 05/ 2012

21 may 2012

Cidadáns pola Educación Pública

A sociedade organízase para dar resposta ás agresións que está a sufrir a Escola Pública. Por fin sae á luz o primeiro dos vídeos desta primeira campaña en defensa da educación pública. Foi o resultado dun proceso longo e emocionante no que moitas persoas se implicaron con entusiasmo. É o primeiro vídeo dunha serie que irá saíndo nas próximas semanas. Este primeiro vídeo é unha presentación, una brevísima introdución dos protagonistas do resto da serie. Os próximos vídeos (irán saíndo cada dez ou quince días) presentan un "diálogo" de todas as personalidades que participaron na nosa campaña sobre os trazos fundamentais que caracterizan a enseñanza pública, igualdade, integración, cohesión social, pluralidade, creatividade, etc. cun contido máis reflexivo e analítico. Tentamos fuxir de perfís políticos concretos e dirixirnos a todas as idades porque entendemos que a defensa dunha educación pública de calidade é cousa de tod@s. O vídeo foi realizado por profesionais punteiros no seu campo que, ao seren ex-alumnos da pública, colaboraron con xenerosidade. Os gastos derivados da produción pagáronse grazas ás achegas dos nos@s soci@s colaboradores así como a doazón que recibimos dalgúns centros educativos, Asociacións e Plataformas. Animámosvos, dende a asociación, a colaborar con nós de dúas maneiras. En primer lugar axudándonos económicamente en futuros proxectos pasando a ser "socios colaboradores" con una cuota anual a partir de 5 euros ou realizando doazóns e en segundo lugar, difundindo ao máximo este documento, que salte aos medios de comunicación convencionais, que tod@s o vexan e se emocionen con nós en defensa dunha escola pública de calidade.

16 may 2012

Onde están os cartos da nosa educación...?

Onde están os cartos da nosa educación berrábanlle un grupo de mozos onte ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó cando se dispuña a presentar un novo proxecto de remodelación de hospital para Ourense: Hospital 2050 (de proxectos, presentacións e propaganda política xa imos ben... agora cómpre que alguén faga algo máis ca publicidade). Nos medios publícase que o presidente foi increpado, zarandeado e acurralado...un vídeo, de pésima calidade, publicado por "libertad digital" dá conta do realmente sucedido...

6 may 2012

Cartas de despedimento

Publicado en La Voz de Galicia.

Son habituais nestes meses. Empezan a acumularse e chegan xa a todos os sectores laborais, á vez que empresarios e emprendedores pechan ou liquidan sen futuro nin remisión. Son tantas que pasan desapercibidas como números dunha listaxe. Na construción despediron a eito cando pararon as obras da burbulla, primeiro aos inmigrantes, axiña aos locais; no comercio pingan sen parar, aos eventuais en todos os sectores industriais, mentres baixaron os salarios aos funcionarios e prescindiuse de feixes de prazas. A última remesa de cartas de despido con data do 2 de maio chegoulle a tres decenas entre o profesorado da USC. O asombroso non é -a estas alturas- o despido senón a falta de reacción, o ollar para outro lado porque «non son despedimentos: acábaselles o contrato», dixo alguén. Un efecto das crises é sempre a insolidariedade, a división que alenta o sálvese quen poida. Por iso se asemellan tanto a un naufraxio.
Os sindicatos, con razón, consideran que o Real Decreto-Lei 14/12 de medidas urxentes provocará grandes males nas universidades. Iso é o xenérico. O concreto é que máis de 30 docentes teñen xa as súas cartas e o prazo fixo da fin de contrato. Como se adoita dicir nestes días, son máis números a engrosar as listas do paro. Nada os distingue doutros centos de parados que coñezo. Aparentemente certo. Por iso quero porlles nome, definilos. Porque é asombroso que máis de 20 superen os 59 anos e leven contratados máis de tres décadas. En ningún sector produtivo deixan de aplicarse mecanismos de prexubilación en casos así, en ningún sector empezan por esta banda de idade os despedimentos. Entre todos reúnen varios exdeputados nos Parlamentos galego e español e un bo feixe de coñecidos docentes que teñen contribuído a definir o que hoxe é a USC en varias áreas de coñecemento.
O caso é que non reúnen os requisitos para continuar como docentes e un baleiro legal pode levalos ao paro, mentres a institución non parece quen de arbitrar unha solución digna que teña en conta que levan máis de 25 anos sen reunir eses requisitos pero si outros, que pasaron sucesivos reitores e vicerreitores sen arbitrar unha solución e que agora tampouco se arbitra, simplemente se extinguen os contratos nunha data fixa. Que isto aconteza nunha corporación tan defensiva como a universitaria é un síntoma de por onde van ir os tempos futuros. Un mal síntoma. Estes despedimentos, sen plan nin remisión, supoñen non asumir o pasado e buscar desculpas nos rigores do presente para non aceitar os erros acumulados, ata caer na indignidade institucional. Non se sabe a estas altura se despedirán a todos, tampouco o contrario. Nos próximos meses veremos quen se salva, como e por que, e quen se afunde como se dun barco á deriva se tratase.

3 may 2012

O que vostede descoñece sobre educación


A distorsión ideolóxica omite a relevancia das políticas sociais e redistributivas, facendo crer que a solución virá con leis, didáctica e mercado

José Saturnino Martínez García -  2 maio 2012 - El País.


O Goberno lexitima os recortes en educación acusando ao noso sistema educativo de mediocre. Un argumento paradoxal, pois non sei de sistemas educativos que melloren con tan drástica redución de orzamento. Pero ademais, é un argumento erróneo, pois oculta feitos relevantes. Por exemplo, non se recoñece a importante diminución da taxa de abandono educativo nos últimos anos: nunca estivera tan baixa (26% en 2011). Estamos lonxe da media da UE, pero tamén do 40% de comezos dos 90 ou antes.

Pero tamén é certo que coa LOXSE interrompeuse a tendencia á diminución do abandono escolar. Posiblemente se debese a que é difícil aprobar a ESO. Coa LOXSE ampliouse a escolarización obrigatoria en dous anos, o cal supón máis esforzo para chegar aos estudos post-obrigatorios. Ademais, se comparamos o rendemento educativo da nosa mocidade co doutros países obsérvase que a proporción de alumnado de baixo nivel é similar á da OCDE, a Francia, Alemaña ou Reino Unido (un de cada cinco). Se comparamos os resultados entre CC AA, os feitos son preocupantes, pois algunhas obteñen bos resultados en PISA, pero as súas taxas de abandono son das máis altas da UE. É absurdo que teñamos autonomías con poucos mozos de baixo rendemento educativo (menos do 15%), aos ca Administración non lles permite seguir estudando. Outra proba da dificultade para lograr devandito título son os resultados en PISA de quen non repetiron ningún curso, pois están por encima da media internacional. Xa que logo, o nivel esixido para cursar estudos post-obrigatorios é maior en España que nos países da nosa contorna.

Ademais, a implantación de LOXSE coincidiu coa burbulla da construción, que xerou demanda de emprego de baixa cualificación. Esta demanda atraeu a inmigrantes de baixo nivel educativo, e motivou que mozos de orixes populares preferisen un salario en man a un incerto investimento educativo. Hai dúas probas diso: a forte relación entre o peso da construción e a hostalería no emprego das Comunidades Autónomas e o abandono escolar, e que coa crise está aumentando a matriculación.

Outro equívoco sobre o noso sistema educativo a súa equidade, que adoita malinterpretase coma se fose á baixa. O noso sistema é igualitario porque cumpre o principio de Rawls: os que están peor están mellor. É dicir, os mozos que proveñen de familias de baixo nivel sociocultural obteñen mellores resultados que noutros países da nosa contorna. E ademais, as diferenzas entre os peores e os mellores alumnos son menores que noutros países, pois as puntuacións do mellor alumnado son máis baixas en España. Aquí chegamos a outro feito pouco coñecido: estas baixas puntuacións débense a que o nivel de competencias dos mozos das familias de alto nivel sociocultural é máis baixo en España que noutros países. Xa que logo, a nosa diferenza non está en que teñamos máis mozos e mozas en baixos niveis de competencia, senón no rendemento educativo dos fillos de familias de alto nivel sociocultural, que é máis baixo, a pesar de que estudan en maior medida en centros privados e concertados.

O noso sistema é igualitario porque cumpre o principio de Rawls: os que están peor están mellor.

Outra falsidade sobre o noso sistema educativo é a crenza de que a excelencia necesariamente implica un aumento da desigualdade. Pero os datos mostran que nos mellores países, como Finlandia, Xapón ou Corea do Sur, a desigualdade educativa é baixa. Afirmar que a procura da excelencia educativa é necesariamente á conta da igualdade é unha manipulación para facer crer que a desigualdade social é natural.

En canto á cuestión autonómica, cúlpase á descentralización dos desiguais resultados entre comunidades, pero se esquece que ditas diferenzas eran maiores na ditadura franquista. Por exemplo, os resultados en PISA gardan estreita relación coas taxas de alfabetización en 1960. As diferenzas seculares entre comunidades son tan abismais que resulta razoable que sexan elas as que decidan as políticas educativas máis adaptadas á súa contorna, no canto de aplicar políticas homoxéneas decididas en Madrid. Outra cuestión é se o currículo debe ser igual, e neste punto nacionalismo españolista e nacionalismos periféricos estarán en desacordo. Pero isto non é un debate sobre como mellorar as competencias da nosa mocidade senón unha loita pola construción do sentimento nacional.

Por que feitos tan relevantes son pouco coñecidos? Por unha banda, prima a distorsión ideolóxica, que omite a relevancia das políticas sociais e redistributivas, facendo crer que a solución virá con leis, didáctica e mercado. Por outro, polo sensacionalismo: canto máis tremebunda sexa a crítica con máis facilidade capta a atención dos medios de comunicación.

José Saturnino Martínez García é profesor de Socioloxía da Universidade da Lagoa.

Malditos pensionistas!

Víctor González La Región 02-05-2012

Víctor González
Xa temos culpables. Xa era hora de que os atopasen. Non podían andar moi lonxe. Os servizos de intelixencia do Estado co Inspector Gadget e Anacleto Axente Secreto á fronte, descubríronos ao fin. Gotcha!

A culpa de que teñamos case 6 millóns de parados non se debe á burbulla inmobiliaria, nin ás axencias de cualificación, como insinuaron algúns malintencionadamente, nin aos soldos e plans de pensións dos políticos, nin aos rescates dos bancos ou as indemnizacións aos seus directivos, nin ao FMI, nin ás viaxes dos eurodiputados, nin ás subvencións aos amiguetes. Tampouco ás incontables obras faraónicas que se fixeron nos últimos anos, como a Cidade da Cultura, os aeroportos de Cidade Real, Huesca, Lleida, Castelló, León e Albacete ou o Porto Exterior da Coruña, por pór uns exemplos. Non. Todo iso era pecata minuta. Este Goberno, astuto como unha donicela ben adestrada, descubriu o pastel. A culpa é dos pensionistas. Díxoo, en voz alta e con todas as letras, a conselleira de Sanidade: 'Moitos pensionistas teñen auténticos almacéns de medicamentos en casa'. Si señor. Velaquí uns gobernantes que non teñen medo a dicir a verdade. Aínda que doa, que para iso hai Nolotil.

Todo encaixa. Os asaltos a farmacias dos últimos anos que traían en xaque á policía eran perpetrados por perigosos comandos de pensionistas. Agora sabémolo. Ocultos os seus rostros tras os pasamontañas de calceta que lles fixeron as avoas, ou con medias Wolford roubadas ás súas netas e kalashnikov en man, os nosos maiores, sen que o soubésemos, dedicaban a súa plácida xubilación a atracar farmacias por toda España. Os innumerables arsenais de medicamentos que descubriu a Garda Civil nos últimos días así o confirman. Algúns pensionistas do rural ata escondían zulos de medicamentos no monte ou baixo as cuadras das vacas e os porcos, coa complicidade deses simpáticos animais domésticos. Todo co sinistro obxectivo de acabar dunha vez por todas coa Sanidade Pública, á conta de deixala en números vermellos. ¡Malditos!

Por iso, cando vexa vostede a un ancián nun parque botando faragullas ás pombas, desconfíe. Tras o rostro bondadoso dese home aparentemente pacífico no outono da súa vida escóndese un delincuente, un antisistema sen escrúpulos que quere acabar con vostede e coa súa familia. Un terrorista desalmado e sen conciencia que Sintrom a Sintrom e Diazepam a Diazepam dedícase a dinamitar os alicerces da nosa sociedade, a desequilibrar a balanza de pagos e a destruír o estado do benestar. ¡Esperta cidadán, o inimigo está ao teu lado!

Xa só nos faltan carteis polas rúas do estilo 'Os roxos non levan chapeu'. Como creativo publicitario voulles a dar ás nosas autoridades o slogan feito. Non é tan elegante, pero si máis directo: 'O teu avó róubache'. Da ilustración... que se encarguen eles.