Son habituais nestes meses. Empezan a acumularse e
chegan xa a todos os sectores laborais, á vez que empresarios e
emprendedores pechan ou liquidan sen futuro nin remisión. Son tantas que
pasan desapercibidas como números dunha listaxe. Na construción
despediron a eito cando pararon as obras da burbulla, primeiro aos
inmigrantes, axiña aos locais; no comercio pingan sen parar, aos
eventuais en todos os sectores industriais, mentres baixaron os salarios
aos funcionarios e prescindiuse de feixes de prazas. A última remesa de
cartas de despido con data do 2 de maio chegoulle a tres decenas entre o
profesorado da USC. O asombroso non é -a estas alturas- o despido senón
a falta de reacción, o ollar para outro lado porque «non son
despedimentos: acábaselles o contrato», dixo alguén. Un efecto das
crises é sempre a insolidariedade, a división que alenta o sálvese quen
poida. Por iso se asemellan tanto a un naufraxio.
Os sindicatos, con razón, consideran que o Real
Decreto-Lei 14/12 de medidas urxentes provocará grandes males nas
universidades. Iso é o xenérico. O concreto é que máis de 30 docentes
teñen xa as súas cartas e o prazo fixo da fin de contrato. Como se
adoita dicir nestes días, son máis números a engrosar as listas do paro.
Nada os distingue doutros centos de parados que coñezo. Aparentemente
certo. Por iso quero porlles nome, definilos. Porque é asombroso que
máis de 20 superen os 59 anos e leven contratados máis de tres décadas.
En ningún sector produtivo deixan de aplicarse mecanismos de
prexubilación en casos así, en ningún sector empezan por esta banda de
idade os despedimentos. Entre todos reúnen varios exdeputados nos
Parlamentos galego e español e un bo feixe de coñecidos docentes que
teñen contribuído a definir o que hoxe é a USC en varias áreas de
coñecemento.
O caso é que non reúnen os requisitos para
continuar como docentes e un baleiro legal pode levalos ao paro, mentres
a institución non parece quen de arbitrar unha solución digna que teña
en conta que levan máis de 25 anos sen reunir eses requisitos pero si
outros, que pasaron sucesivos reitores e vicerreitores sen arbitrar unha
solución e que agora tampouco se arbitra, simplemente se extinguen os
contratos nunha data fixa. Que isto aconteza nunha corporación tan
defensiva como a universitaria é un síntoma de por onde van ir os tempos
futuros. Un mal síntoma. Estes despedimentos, sen plan nin remisión,
supoñen non asumir o pasado e buscar desculpas nos rigores do presente
para non aceitar os erros acumulados, ata caer na indignidade
institucional. Non se sabe a estas altura se despedirán a todos,
tampouco o contrario. Nos próximos meses veremos quen se salva, como e
por que, e quen se afunde como se dun barco á deriva se tratase.
No hay comentarios:
Publicar un comentario