A opinión dos docentes...non conta?

5 jul 2013

Estou que non durmo

Iolanda Teijeiro Rey - Ferrol

05.07.2013 | 07:54. Publicado en Faro de Vigo.
 
O 14 de xuño o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade abriu unha pescuda polo erro da Facenda de atribuírlle a venda de trece fincas á filla do Rei, a infanta non imputada no caso do íncubo Urdangarín, seu home. Parece ser que a culpa foi dun DNI que coincide co seu. Empeza por catorce! Eu dende entón non durmo cismando se calquera día trabucan o meu co do príncipe, poño por caso, e veñen a reclamar. Montoro di que non vexamos pantasmas onde non as hai e os rexistradores califican de ínfima a posibilidade dun erro. O presidente Rajoy, que de rexistro de propiedades sabe un mundo pois conserva aínda o seu soldo como tal partillado cun seu amigo, segue ás caladas. E a min dáme que, tratándose deste país, vai ser cousa de meigas. A conspiración do kármico catorce. Xa os pitagóricos dicían que o catorce previña contra a luxuria e os excesos. Lembremos que a infanta naceu ás portas dun catorce deste mes e que un catorce de abril seu bisavó marchou ao se proclamar a República. Catorce son os ensalmos a San Miguel Arcanxo: Eu ofrézome aos catorce ensalmos para que se tivera que verme en xustiza, quede todo esmagado e vencido e non se atopen causas para me sentenciar. 


Lembremos que catorce vidas son dos gatos que di a canción e sempre me entra area nos zapatos, e de area a Palma Arena hai un tiro de posta. Acaba de rematar o Gran Hermano, o catorce. E se lemos o artigo 14 da Constitución di que os españois somos iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha... O xuíz Castro ve 14 indicios contra a infanta Cristina para unha imputación no caso Urdangarín, chamada tamén operación Babel, aínda que Babia parece máis acaído. Polo de estar en babia e non se enterar de nada sendo unha licenciada en Ciencias Políticas. En cambio os preferentistas estafados tiñan que saber latín! Por outra parte o portal esotérico Realidade 14 dinos que en Emiratos Árabes hai un vórtice de enerxía. Un 14 de abril topou o titanic co iceberg, o barco insumerxibel. No Brasil, 14 cámaras úsanse para rematar cos goles pantasmas. Non sei qué pensará Montoro destas pantasmas. 14 son os mossos imputados polas lesións dun mozo que perdeu un ollo no 29-M. 14 foron os detidos por okupar un Centro de Saúde en Vallecas en protesta pola privatización da Sanidade madrileña. "Ciento volando de catorce" é un disco de Sabina. Son 14 as acuarelas nunca vistas de Dalí e 14 tamén as obras mestras escolmadas no Museo do Prado entre as que se contan As Meninas e o Xardín das Delicias. Mozilla publicou parches para 14 vulnerabilidades de Firfox. Catorce son as leccións do iogui Ramacharaka. 14 son os días seguros trala ovulación. Seguros para a muller e inseguros para o deus que dixo medrade e multiplicádevos. E algúns só chegamos como moito a restar. 14 foron os casos reservados e outras tantas excomunións do Papa Sixto V para a recta administración da penitencia. 14 os leóns brancos dos furtivos nunha tenda de Bangkok. No ano 14 iniciouse a carnicería da Primeira Guerra Mundial que foi pechada co discurso dos 14 puntos do presidente Wilson ante o Congreso estadounidense que cacarexaba un novo mundo baseado na xustiza e os dereitos dos gobernados. Mágoa que se lles esquecera tan axiña para abrir a Segunda Carnicería Mundial. Catorce versos din que é soneto... contade se van catorce e está feito!