O 14 de xuño o Colexio Oficial de
Rexistradores da Propiedade abriu unha pescuda polo erro da Facenda de
atribuírlle a venda de trece fincas á filla do Rei, a infanta non
imputada no caso do íncubo Urdangarín, seu home. Parece ser que a culpa
foi dun DNI que coincide co seu. Empeza por catorce! Eu dende entón non
durmo cismando se calquera día trabucan o meu co do príncipe, poño por
caso, e veñen a reclamar. Montoro di que non vexamos pantasmas onde non
as hai e os rexistradores califican de ínfima a posibilidade dun erro. O
presidente Rajoy, que de rexistro de propiedades sabe un mundo pois
conserva aínda o seu soldo como tal partillado cun seu amigo, segue ás
caladas. E a min dáme que, tratándose deste país, vai ser cousa de
meigas. A conspiración do kármico catorce. Xa os pitagóricos dicían que o
catorce previña contra a luxuria e os excesos. Lembremos que a infanta
naceu ás portas dun catorce deste mes e que un catorce de abril seu
bisavó marchou ao se proclamar a República. Catorce son os ensalmos a
San Miguel Arcanxo: Eu ofrézome aos catorce ensalmos para que se tivera
que verme en xustiza, quede todo esmagado e vencido e non se atopen
causas para me sentenciar.
Lembremos que catorce vidas son dos gatos que
di a canción e sempre me entra area nos zapatos, e de area a Palma
Arena hai un tiro de posta. Acaba de rematar o Gran
Hermano, o catorce. E se lemos o artigo 14 da Constitución di que os
españois somos iguais ante a lei, sen que poida prevalecer
discriminación algunha... O xuíz Castro ve 14 indicios contra a infanta
Cristina para unha imputación no caso Urdangarín, chamada tamén
operación Babel, aínda que Babia parece máis acaído. Polo de estar en
babia e non se enterar de nada sendo unha licenciada en Ciencias
Políticas. En cambio os preferentistas estafados tiñan que saber latín!
Por outra parte o portal esotérico Realidade 14 dinos que en Emiratos
Árabes hai un vórtice de enerxía. Un 14 de abril topou o titanic co
iceberg, o barco insumerxibel. No Brasil, 14 cámaras úsanse para rematar
cos goles pantasmas. Non sei qué pensará Montoro destas pantasmas. 14
son os mossos imputados polas lesións dun mozo que perdeu un ollo no
29-M. 14 foron os detidos por okupar un Centro de Saúde en Vallecas en
protesta pola privatización da Sanidade madrileña. "Ciento volando de
catorce" é un disco de Sabina. Son 14 as acuarelas nunca vistas de Dalí e
14 tamén as obras mestras escolmadas no Museo do Prado entre as que se
contan As Meninas e o Xardín das Delicias. Mozilla publicou parches para
14 vulnerabilidades de Firfox. Catorce son as leccións do iogui
Ramacharaka. 14 son os días seguros trala ovulación. Seguros para a
muller e inseguros para o deus que dixo medrade e multiplicádevos. E
algúns só chegamos como moito a restar. 14 foron os casos reservados e
outras tantas excomunións do Papa Sixto V para a recta administración da
penitencia. 14 os leóns brancos dos furtivos nunha tenda de Bangkok. No
ano 14 iniciouse a carnicería da Primeira Guerra Mundial que foi
pechada co discurso dos 14 puntos do presidente Wilson ante o Congreso
estadounidense que cacarexaba un novo mundo baseado na xustiza e os
dereitos dos gobernados. Mágoa que se lles esquecera tan axiña para
abrir a Segunda Carnicería Mundial. Catorce versos din que é soneto...
contade se van catorce e está feito!
No hay comentarios:
Publicar un comentario