A opinión dos docentes...non conta?

30 jun 2011

Resposta cordial dos mestres de infantil e primaria.

Estimado Conselleiro:

Eu tamén me dirixo a ti.

Agradezo que me escribas estas liñas e que ocupes o teu tempo escribindo cartas, a todos nós, aos medios de comunicación,... quizais por iso estás tan ocupado e entretido ultimamente.

Estou a pensar que é casualidade que eu invada os teus pensamentos xusto ante da manifestación que se convocou en Santiago en defensa do ensino, e que segundo dicides, foi minoritaria e non representa a ninguén, cousa esa que non me pareceu, e as fotografías e os vídeos evidencian. Máis ben preferiría que... noutros intres... cando solicitei que me escoitaras, te acordarás de min, ou cando menos me escoitaras.

Vexo que tamén esqueces dicirme que con esa medida pretendes que o profesorado quede sen tempo para a preparación das clases, que se están a suprimir desdobres, optatividade, déixanse de prestar apoio aos alumnos con necesidades diversas, os grupos son cada vez moito máis numerosos..., péchanse centros, diminúese a oferta educativa, obrígase ao profesorado a dar moitas materias afíns e variadas o que dificulta a súa labor,... Ocorre que, posiblemente, iso non e calidade (ou excelencia...) e claro, a memoria falla...

Gustaríame que te acordases de min cando falas cos medios de comunicación, cando lles dis que buscas a calidade da educación e a excelencia... e que o profesorado que opine de maneira distinta ou pense que esas non son as medidas a tomar, son pouco máis que uns delincuentes.

A nos gústanos este traballo e queremos moita máis educación. Si... iso, educación, non un reparto de tarefas que non aportan nada aos alumnos (facer apoios sen ser especialista, cubrir horas cos alumnos para que o transporte faga as rutas como lle pete,...).

É ben certo que  ti non farías dúas horas na Consellería de pesca e outras dúas atendendo... eu que sei..., as incidencias informáticas. Ti es Conselleiro e eu son profesor, e cada un ao seu. Queremos o mellor para os nosos rapaces.

Que pena que agora te acordes de min, e non, hai uns días, cando manifestabas que as decisións estaban tomadas, que as decisións tómanse..., si ou si, sen sometelas a debate nos órganos competentes e cos colectivos da comunidade educativa.

Quizais agora xa pensas como docente (de infantil, primaria, secundaria) e ves o “punto de Mira da sociedade”... Acaso vannos  disparar?... Acaso alguén lle vende as armas?,... Autoridade pública?
Eu pregúntome... estamos a ensinar e motivar, ou a impor? Iso da autoridade soa a...


Que pena ter que tratarnos por carta. Será a distancia que nos separa?

Resposta a unha carta persoal recibida a véspera do 28 de xuño de 2011.

Sr. Conselleiro,

Que eu recorde ninguén nos presentou, nin tivemos ocasión de falar nunca, polo que me parece un exceso de confianza, que se dirixa a min tratándome de ti, cando nunca fomos presentados e, que eu saiba, non nos coñecemos.

Di vostede que a medida que vai tomar é para garantir a calidade do ensino. Lamento comunicarlle que a calidade do ensino non se mide polas horas que o profesorado está gardando os nenos. A calidade mídese pola propia intervención dos docentes na súa práctica diaria... e, como vostede comprenderá moi ben, posto que tamén é docente -segundo di- , esta práctica require moitas veces dunha preparación previa, que canto mellor se faga máis rendible será, e tamén dun traballo posterior de avaliación, corrección, revisión... que se fai fóra do horario propiamente lectivo.

Vostede confunde as cousas. Mistura o que non se debe misturar: os servizos que se lles poderían dar aos pais nun sistema educativo baseado nunha concepción elitista da educación, co que realmente pode dar un sistema educativo xeral, obrigatorio e gratuíto para toda a poboación. Ten vostede unha concepción equivocada do que é a realidade educativa do noso país. Gusta de colgarse etiquetas como a calidade e a excelencia e a forza de repetilas, vostede mesmo acaba créndoas. Non se equivoque, Sr. Conselleiro, quen lle outorga calidade a un sistema educativo, son os profesionais comprometidos coa educación, cando son recoñecidos, tanto pola sociedade como polos gobernantes.

Lamento moito ter que dicirlle que coa súa actitude, non contribúe para nada a ese recoñecemento. Antes ao contrario, está provocando un auténtico rexeitamento por parte de todos os docentes, porque os seus argumentos non os cre ninguén máis ca vostede.

Atentamente,

O que o conselleiro lles escribiu aos docentes...a véspera do 28.

Conselleiro de Educación <nonresponder@edu.xunta.es>
Estimado/a docente:

Diríxome a ti para agradecerche o especial esforzo realizado ao longo deste curso que agora remata. Apoiar con tempo e formación as iniciativas educativas que a administración está a emprender na procura da excelencia demostra a túa implicación e un interese no alumnado que non queremos deixar de recoñecer.

Sen embargo, non se che esconde que a actual situación de cambio debuxa unha sociedade en tránsito, cun escenario que en nada semella ao de hai uns anos. Pasados os tempos de bonanza, a todas e todos os cidadáns se nos esixe un importante esforzo de adaptación á nova realidade.

Como docente, son consciente de que a educación se atopa sempre no punto de mira da sociedade. Os ensinantes, como principal axente do sistema público educativo, dedicades todos os vosos esforzos á formación dos máis novos, construíndo a diario os piares para o desenvolvemento da sociedade.

Por esa razón, día a día o papel dos educadores é máis importante e a sociedade esíxenos máis, aínda que os recursos son limitados. A nós, como xestores públicos, correspóndenos a tarefa, difícil á veces, de acadar un equilibrio entre as obrigas da maior esixencia social e a excelencia educativa que é o noso obxectivo. Conxugar as necesidades do noso alumnado, as peticións das familias e as lexítimas aspiracións do profesorado é sempre imprescindible, pero máis aínda nos tempos actuais.

Neste contexto enmárcase a medida de cambio de xornada lectiva, que se vai aplicar o vindeiro curso e coa que pretendemos levar a cabo as actuacións que apoien e reforcen a calidade a través da atención á diversidade, labores de apoio, desdobramentos, substitucións breves ou apoio a outros mestres, entre outros, que redundarán en beneficio do alumnado. Por iso quero pedirche, aínda que sei ben que supón un esforzo, a túa máxima colaboración na implantación desta medida.

Por outra banda, aproveito a ocasión para participarche que hoxe, no Parlamento, ven de aprobarse a Lei de Convivencia e Participación, que permitirá que os ensinantes teñamos o recoñecemento de autoridade pública, recollendo así unha vella reivindicación no camiño da dignificación do labor docente.

Non quero despedirme sen darche de novo as grazas por colaborar no esforzo colectivo que supón a procura da calidade e a excelencia educativa na nosa comunidade.


Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación

28 jun 2011

REQUIEM POLO IES PORTOVELLO



Hai persoas que son recordadas toda a vida pola súa valía, polo seu talento, a súa forza, o seu compromiso, porque se fixeron a si mesmos e foron, ante as adversidades, incansables e firmes na súa batalla persoal e vital. Son recordadas especialmente cando se van, cando deixan de existir.

Un centro educativo non son catro paredes, coas súas aulas e os seus recursos, máis ou menos cuantiosos, e as súas instalacións, máis ou menos provistas; é un conxunto de persoas que proporcionan a esa materia todo o esforzo, a valía, o talento, o compromiso e a dedicación necesarios para formar a cidadáns responsables e capaces como sustento dun futuro mellor.

Iso eran o IES Portovello e o resto de centros que foron condenados, sen máis contemplacións, a un peche irrevogable. E cando un centro deixa de existir... quen recorda todos eses esforzos e esas, sen dúbida, magníficas calidades? Se nin sequera se tiveron en conta en vida...como se van a encomiar na morte?

A todas esas persoas que son un centro, que hai pouco máis de vinte días quedaron perplexas coa noticia do peche, como queda un anonadado ante a morte repentina dun ser querido, ninguén veu a dicirlles nada, a explicarlles nada, a animalos ante o futuro incerto; foron xulgados sen ningunha posibilidade de defensa e sometidos a unha sentenza firme e severa. Ante ese silencio por parte da Administración sentíronse desprezados, rexeitados, humillados e burlados.

O conselleiro nas súas manifestacións públicas fai gala dunha exquisita sensibilidade e unha esmerada educación. É sensible e educado pechar portas e impor decisións, cercenar o dereito á liberdade de alumnos, pais e profesores, dar a calada por resposta, non atender as queixas dos seus traballadores? É sensible desprezar o traballo de tanta xente? Como pode falar, tan lixeiramente, con esas actitudes, de responsabilidade, de deber, de dignificar a figura do docente? Xustifícase, como non, coa crise e para poder durmir un pouco máis tranquilo enganando á opinión pública que xa pensa que nos queixamos moito, que somos uns privilexiados, que non sabemos o que é traballar de verdade.

El non se merece máis liñas; sen embargo, para facer unha reseña de todas as persoas que pasaron por aquí necesitariamos moitas páxinas e moito tempo. Estas últimas letras queren ser o recoñecemento a todas elas. Alumnos que foron e son responsables e valentes, consecuentes, máis ou menos talentosos, pero todos valiosos; pais que axudaron e apoiaron o labor docente e profesores cheos de entusiasmo que defenderon, e seguirán facéndoo (aínda que algúns aínda non saiban onde) co seu traballo, co seu talento, coa súa valentía e coa súa forza o verdadeiro espírito do ensino público, aínda que ao cabo,ninguén os recorde nin poidan escoitar unha palabra de ánimo e esperanza.

A todos, grazas e que o IES Portovello descanse en paz.




26 jun 2011

POR QUE O CONSELLEIRO ESTÁ "NON APTO"?


Unha onda de mobilizacións estase a producir na ensinanza en Galicia, cando practicamente,  o curso xa está rematado. Este tsunami, que vai medrando día a día,  desatouse coas medidas que a consellería veu tomando nos últimos días en contra a ensinanza pública e dos docentes. A vaga ameaza con levarse por diante ao propio conselleiro. Nas anteriores mobilizacións, xa se escoitaron voces reclamando...conselleiro, dimisión; conselleiro, dimisión.   Na manifestación, do día 28, esas voces serán un clamor...

Mais...qué pode suscitar esta indignación por parte dos docentes? Que fai que xente bastante reacia a se manifestar e a participar en protestas erga a súa voz e se rebele contra as medidas tomadas pola consellería?...A resposta está nos propios feitos; na maneira en cómo se producen; na imaxe que se traslada a sociedade do labor dos mestres; da concepción  preconstitucional das relacións laborais; do desprezo pola normas de xogo e dos acordos acadados...

O conselleiro e o seu gabinete suspenden sobre todo...en actitudes; porque non se pode publicitar nos medios de comunicación algo que se ten que comunicar nas mesas de negociación, menosprezando, como se fai, aos representantes dos docentes para lles dicir que acudan a mesa pero que non hai nada que acordar. Esta actitude, de prepotencia, ignora un dos máis elementais principios que rexen as relacións entre as persoas: o respecto polos demais. É este un obxectivo elemental que os docentes tentamos inculcar nos nosos alumnos dende a idade máis temperá...pero que nalgúns casos, como este que nos ocupa, non conseguimos. A consellería evidencia non ter respecto polos traballadores, nin polos seus representantes.

Escola integradora, escola segregadora...os modelos que se transmiten.

Se a cualificación en actitudes lle temos que engadir a de valores e normas,  a avaliación vai a peor; porque o que está a transmitir o conselleiro coas súas actuacións públicas é un tipo de ensinanza segregadora, elitista; probablemente copiada da onda de Madrid, que trae modelos baseados na paranoia da excelencia. Consciente ou inconscientemente, evidencia un descoñecemento absoluto dos valores que un sistema público de ensinanza debe transmitir: a tolerancia, a aceptación das diferenzas,  a multiculturalidade e o pleno desenvolvemento das capacidades de todas as persoas independentemente das súas circunstancias sociais e persoais. É dicir un sistema inclusivo, non exclusivo, integrador, non segregador. A diferenciación por razóns de sexo, de procedencia social, por capacidade intelectual...leva a un tipo de modelo social, que moitos de nós criamos, xa superado hai tempo.

No tocante as normas, a consellería xoga co campo enlamado. Deseña estratexias para acadar os seus fins co menos custo posible...moitas veces raiando coa demagoxia. Oculta os seus plans ata o último momento, ignora os informes do Consello Escolar e xoga cos tempos das vacacións para publicar os seus decretos de obrigado cumprimento. Coas súas normas, obriga a profesores e alumnos a acatar decisións non desexadas, que se poderían ter evitado, cun pouco de flexibilidade e carácter dialogante.


Verbo aos coñecementos o conselleiro non acada o nivel desexado, porque descoñece o seu papel institucional, porque ignora cal é a función dun conselleiro de educación; porque prioriza erroneamente os investimentos. Un conselleiro de educación de Galicia non é o mesmo que un conselleiro de educación de Castela A Mancha, poñamos por caso. Que os diferencia logo?...Fundamentalmente, que nós, polo noso Estatuto de Autonomía, temos unha lingua propia, e que esta, segundo a Constitución será obxecto de especial respecto e protección. Ignora o mandato legal que ten polo propio  Estatuto, como poder público que é, de potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Descoñece, ou quere descoñecer, a aínda vixente Lei de normalización lingüistica do ano 1983, e cunha visión absolutamente simplista, pretende erradicar do ensino a palabra normalización, confundindo os termos e creando un problema onde non o había. Un conselleiro está na Consellería de Educación para resolver os problemas da Educación, non para crealos.


Pretende que as funcións do prefesorado sexan dar servizos complementarios como transporte ou comedor, e confunde a educación coa custodia dos nenos. Un mestre ou unha mestra, son profesionais formados para lles transmitir  aos seus alumnos coñecementos, actitudes, valores e normas (competencias, na terminoloxía actual...) pero non para ter que alimentalos, ou gardalos nos tempos anteriores ou posteriores...


Ignora ou, quere ignorar, que as realidades dos centros educativos son moi diversas; e que non é o mesmo un centro -mesmo privado- no extrarradio que no centro-centro; nin é o mesmo un centro no rural que na cidade. Simplifica os seus argumentos, dicindo que douscentos metros que separan dous centros non é nada. Douscentos metros poden ser un abismo. Douscentos metros, é o que separa dous centros, como poden ser C.Cisneros dos HH. Maristas. Douscentos metros é o que separa unha oportunidade, de un fracaso seguro...


Á vista de todo o exposto, só cabe unha cualificación: NON APTO.

O día 28, moitos profesores poranlle a nota en Santiago.

Conselleiro, dimisión...será un clamor

24 jun 2011

HAI SILENCIO NO PORTOVELLO

Hai silencio no Portovello. As rás do estanque da entrada quedaron mudas cando a sombra sinistra dun nuboeiro escuro, tapou o sol que todas as mañás batía nos nenúfares abertos. O burbullar da auga que noutrora tapaba as voces dos alumnos, parece agora entoar un canto tristeiro e morriñento. Un grupo de mozos e mozas entran amodo, en silencio, para recoller as cualificacións do derradeiro curso. O ton era baixo...
  • Onde vas ti, para o ano?
      • Non sei se ir ao doce...Profe, ti que me aconsellas?
      • ?
      • E ti?
      • Eu vou facer Artes Escénicas a Zamora.
      • A Zamora?
      • Si, Zamora non está tan lonxe....profe. Ti que me aconsellas?
      • ?
      • Eu hei de ir As Lagoas. Non teño alternativa. Profe, ti vés para As Lagoas?
      • ?
      • Vasnos dar clase ti, profe?...
      • ?
      • Se fosemos todos...igual nos dabas clase ti?
      • ?
Non hai resposta. Non preocupan as cualificacións. Preocupa o futuro.
Ninguén se quere despedir...O ton era baixo...
Hai silencio no Portovello.

19 jun 2011

A CURUXA ESTÁ CONFUSA...



Como non dorme, a curuxa colleu un mal vicio. O vicio de ler. É esta unha actividade altamente perigosa. A lectura conduce á reflexión, a exercitar o pensamento, a ordenar as ideas e a preguntarse por que acontecen algunhas cousas... e este punto é o máis crítico de todos, porque se a curuxa chega a algunha conclusión clara, igual lle dá por pasar a acción e decide facer algo. Normalmente a curuxa é pausada, paciente, tranquila, reflexiva e pasa todo o día cos ollos pechados, como debe facer calquera curuxa que se precie. Pero, ás veces, cando hai algo que a preocupa moito...a curuxa le, e, por veces, escribe.

Estes días anda preocupada polos cambios que se están a producir en Educación, porque viu moito rebumbio no Portovello. Quere enteirarse do que pasa e busca información nos xornais, porque a televisión non a ve moito... Pero a curuxa, que quere ser ecuánime e obxectiva, sabe que para informarse ben, hai que contrastar varias informacións e mesmo, buscar informacións oficiais, que, normalmente, deben ser máis obxectivas. A curuxa, como botou moito tempo observando cos ollos ben abertos, sabe como pode obter moita información e consulta documentos oficiais. 

    - Si, aquí é donde me vou enteirar ben -pensa ela-.


Le, unha vez e outra vez, pero hai cousas que non acaba de comprender. Pensa... Quen escribirá isto? Que intención tería ao escribilo? Dicir...di unhas cousas pero eu sei que cala outras que debería dicir tamén. Por que dirá que o peche do Portovello, pode producir un gran beneficio social? Por que dirá que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin as súas familias?

A curuxa, non comprende nada. Se non se lles causa ningún prexuízo, debe ser logo, que a eles lles gusta manifestarse porque si. E como moitos son músicos, e non teñen onde actuar por causa do paro, van tódalas mañás a actuar diante da Xefatura Territorial de Educación, que é onde os poden contratar. Á curuxa moléstalle que toquen pola mañá, porque é cando ela dorme. Tomará unha decisión: vailles dicir aos alumnos e algúns pais, que, se non lles é moita molestia, e -xa que o fan por deporte, non por manifestarse, nin nada reivindicativo-, que toquen pola tardiña que ela xa está espertando e así tamén pode acompañalos na actuación, co seu acompasado Uhhhhh..., Uhhhhh... que lle acae moi ben a un compás de dous por catro.
Pero volvendo ao conto, a curuxa segue enfrascada na lectura dos documentos. Agora le, a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa. Pois que ben, os pais encantados, os profesores brincando polos corredores do centro por tanta ledicia, e os alumnos dispostos a facer un botellón para celebrar tan feliz acontecemento. Debeu ser por iso polo que decidiron quedar pechados alí de noite, que a curuxa ben os viu, e engalanaron o centro con pancantas e papeis de variadas cores, e aínda máis, non contentos con tan pouca celebración quixeron continuar, alugando un autobus, para poderen ir todos -pais, profesores e alumnos- a Santiago, e alí xuntarse con outros, tamén moi contentos, que foran tamén a Santiago, para lles dar as grazas aos responsables, por tomar unha decisión tan atinada, e ademais, por llela dar por sorpresa, como nas festas de aniversario. 

    - Agora o entendo -pensa a curuxa-.

Agora busca máis papeis. A consellería investirá 1,7 millóns de euros para contar co apoio de máis de 300 persoas nativas de países de fala inglesa, francesa, alemá e chinesa.

    - Carafio! -pensa a curuxa-. Seica van vir, 278 que falan inglés, 13 francés, 7 alemán e 2 chinés. Isto vai parecer a ONU. E vanse asentar, seica, neses centros plurilingües e nas escolas de idiomas. Que ben así, xa podemos falar con todo o mundo. Claro que, agora que o penso mellor, eu con quen falo, en todo caso, é con outras curuxas e, entre nós, entendémos co noso intercambio de Uhhhh, Uhhhhsss.... 

    - Bueno, igual eu lle falo en inglés, que siempre queda un pouco más chic pero no te sé si me entenderá.

Cansa de rebulir nos papeis oficiais, a curuxa decide coller un xornal, para ler os titulares e non ter que pensar tanto. Colle o Faro de Vigo do día 16. Á curuxa non lle importa que os xornais xa non sexan do día. Como só quere ler os titulares.... Mais un dos titulares chama a súa atención... La Xunta aumentará las horas lectivas a los maestros. Curiosa como é, non pode resistir a tentación de afondar no contido da noticia.(Ver) Debe ser que traballan pouco e quererán, que dean máis clases ou algo así -pensa a curuxa-. Segue a ler que seica llo van dicir aos sindicatos.

    - Moi ben, -pensa a curuxa-. Así non terán que enteirarse pola prensa como vén ocorrendo ultimamente. Pero claro...eu isto que estou lendo, xa se publicou o día 16 e a reunión vai ser o día 21. Cada vez estou máis confusa.

Segue a ler. A reunión non é vinculante. Isto é...chámanos para contarlles un contiño e, ala! para a casa. Ou quizais...para convidalos a tomar o aperitivo...ou calquera outra cousa. Porque como a reunión non é vinculante, igual poden botar unha partida de subastado, ou xogar ao mus. Esta xente da consellería, débeche ser do máis atenta e agradable. Mira ti, chaman aos dos sindicatos e quedan con eles para tomar algo... Así dá ghusto -pensa a curuxa-.

Pero a curuxa segue lendo...

La Consellería de Educación pretende restablecer ahora como lectivas las cuatro horas reducidas en 2007, con una regulación en la jornada de los docentes, de forma que se "ajuste a la misma carga lectiva existente en la mayor parte" de las autonomías.

Con esta medida, Educación busca "garantizar un adecuado apoyo docente a los objetivos educativos en todos los centros de enseñanza de Galicia, con el fin de mejorar la calidad educativa, la atención a los escolares y a los resultados académicos".

La Consellería insiste en que, tras el cambio de 2007, Galicia pasó a ser la CCAA en la que los maestros tienen menos carga lectiva, "lo que no puede redundar en beneficio del alumnado".

La medida, agrega Educación, constituye una apuesta por la mejora de la calidad educativa, ya que los docentes "podrán ocupar más tiempo de su horario de trabajo a actividades lectivas encaminadas a la consecución de la excelencia, sin ver, por otra parte, incrementado el número de horas laborales a la semana".

La redistribución horaria, a juicio de Educación, permitirá también un aumento de las actividades de refuerzo y apoyo por parte del profesorado, "especialmente importante para el alumnado de educación especial, algo que venían reclamando los padres".

Como comeza a verse a luz do día a curuxa apura a lectura...e comeza a tirar as súas propias conclusións:

1.- Os mestres galegos son os que menos traballan.

2.- Isto mellorará a calidade de ensino, as notas e os resultados académicos.

3.- O que quere a consellería é a excelencia con máis horas de traballo lectivo, no que se inclúe, por suposto, a atención por causa dos horarios de transporte escolar, comedor e servizos varios ( igualito que en la privada)

4.- Os de especial traballan pouco. Que traballen catro horas máis (polo menos).

A curuxa, xa pensou. Agora, pasa a acción. Propón que se nomee ao responsable de todas estas medidas, tan beneficiosas para toda a comunidade educativa, “Un muchacho excelente” e que vaiamos todos en tropel a cantarlle esta canción na primeira ocasión que teñamos.
Xa é día. A curuxa marcha para o burato. Polo camiño vai pensando...
Quen lle fara as notas de prensa á consellería?

18 jun 2011

CALQUERA PARECIDO COA REALIDADE É PURA COINCIDENCIA



Día 16 de xuño.

O Consello do Goberno Galego, acaba de darlle o visto e prace ao decreto de creación de centros integrados de FP. Na comunicación aos medios, que podedes descargar da propia páxina, o aparello de propaganda do goberno pretende facernos ver “a cara bonita” -pensan eles- e ocultar o que agocha o decreto.

Burda maneira de mentir...
Exemplos

1.- Titulares:
A CREACIÓN DE 7 NOVOS CENTROS INTEGRADOS DE FP PERMITIRÁ QUE MÁIS CIDADÁNS POIDAN ACCEDER A UNHA FORMACIÓN PARA O EMPREGO .

Que creación? Se a memoria non nos falla, o decreto do que se lle dou o borrador aos sindicatos ten a seguinte denominación Decreto...../2011 do 16 de xuño pola que transforman Institutos de Educación Secundaria en Centros Integrados de Formación Profesional, fusiónanse centros educativos e se cambian ensinanzas. Mintirosos...

2.-Subtítulos:

A Consellería de Educación dará así resposta a unha demanda social arredor da FP, creando máis de 1.100 novas prazas en ciclos formativos .

Os número non cadran. Onde están esas 1100 prazas? En que centros? Que ciclos? O único que se sabe é, segundo o que din, que van crear 6 ciclos a distancia en toda a comunidade . A ninguén se nos escapa que os ciclos a distancia, requiren menos recursos e o número de matriculados pode inzarse sen demasiado problema de espazos ¿é ou non é?

As prazas que se eliminan non contan. Para crear 1100 prazas virtuais eliminan máis de 2000 de ESO e Bacharelato.

3.- A “demanda social”

Clarooooo! Topamos a pedra filosofal da argumentación. Hai moita demanda social e hai que crear moitas prazas. Ben. É certo. Pero como non vai haber demanda social no contexto no que nos atopamos cunha porcentaxe de paro nunca vista; pois claro que hai demanda social... A xente fai o que faga falta para que lle dean unhas horiñas de traballo en calquera cousa. Agora ben, que ciclos son os que teñen esa demanda? Cantos deses titulados están accedendo hoxe a mercado laboral?
Cantos deses xa teñen un curriculum, que moitas veces teñen que ocultar par ter algo?
Non hai tamén outra moita oferta de formación laboral a través de sindicatos, fundacións, federacións, confederacións, e chiringuitos varios para que coma todo dios?
E el non será que se están indo máis cartos na formación que na promoción eficaz do emprego?

Polo tanto esa non é a cuestión, a cuestión do disfraz da formación profesional non cola...
Evaristo que te he visto
y aunque vayas disfrazado...
te conozco, colorado.

4.- O conto de “ beneficio social”

Que buenas son,
las hermanas............
que buenas son
que nos llevan de excursión...

Todo son vantaxes... conciliamos a vida familiar e a formación dos traballadores e mesmo a formación continua no tocante aos discentes.

Transcribo literalmente porque o parágrafo ten seu aquel:

A Consellería xa se puxo en contacto cos centros educativos para explicarlles que o alumnado da ESO e Bacharelato será colocado en centros da súa contorna, cun desprazamento mínimo, incluso nulo, co que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin ás súas familias.

Mentira, tras mentira...nin a consellería se puxo en contacto cos afectados, nin foi xa, nin foi como é debido. Máis ben foi ao revés, os afectados enteiráronse polos medios de comunicción e tiveron eles que poñerse en contacto cos responsables da desfeita e, estes,...como quen eo chover!

Que cousa é un desprazamento nulo? Eu suxiro que alumnado se apunte a este tipo de desprazamento. Se a Física non falla un desprazamento nulo, debería provocar que permanecesen no mesmo lugar... e entón, claroooooo... xa temos a solución, así xa non se lles causa ningún prexuízo nin a eles nin as súas familias.

A realidade é que o alumnado vaise agrupar en número moito máis numerosos ata chegar a ratio máxima. Iso é un feito, e non admite interpretación. Xa non entramos en outras consideracións, referidas a calidade do ensino nestas circunstancias...

- E o profesorado...?

- O desprazado terá dereito e prioridade na escolla doutro centro na localidade.

- Que ben! Moitas grazas. Que sorte! Vale! Que prazas?

- Ah! Non sei.
-Pero hai ou non hai prazas ? 

- Ah! Non sei.

O certo é que no noso centro, de vintetrés teñen praza nove e o resto queda nunha situación de interinidade sen saber onde vai estar no curso próximo, nin que materias vai dar, nin a quen. Cubrirán prazas que terían que ser cubertas por estes profesionais interinos e estes últimos quedarán no paro.
Isto é un feito e tampouco admite interpretación.

Transcribo o último parágrafo para lle poñer o ramo...

Deste xeito a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa, abrindo as portas a unha oferta de ensinanzas máis completa, ao tempo que atende a crecente demanda social duns estudos cun alto nivel de empregabilidade. 
 
Tachánnnnnnnn!          Só lle falta a música! Ten narices!

17 jun 2011

ROLDA DE PRENSA

Audio da rolda de prensa (descargar)

CONVOCATORÍA DE ROLDA DE PRENSA

Ante a publicación por parte da Consellería, da orde que regula a distribucíón do profesorado nos novos centros CONVOCAMOS

ROLDA DE PRENSA
LUGAR: EDIFICIO ESO E BACHARELATO DO IES PORTOVELLO
HORA: 17 HORAS.

16 jun 2011

A Consellería pensa


O que a curuxa viu en Ourense e Santiago


O que a curuxa viu en Ourense e Santiago o día 15 e, posiblemente... outros non viron.

Estes días a curuxa ve moita actividade no centro polas tardes. A xente está nerviosa, uns non saben moi ben que facer, outros corren dun sitio para outro pero non fan nada, nuns cunde o desánimo...outros estudan o seu futuro. E os rapaces...por un lado, comprometidos coa causa... e pola outra, presionados polos exames e as clases que aínda teñen que recibir...Por certo...a curuxa viu a outra tardiña unha clase ateigada de rapaces...non cabían na aula...era pola tarde, e as clases eran voluntarias e, ademais... de dúas horas!...nunca tal a curuxa vira!  Que estará pasando no Portovello?

Interesada, decidiu observar polo miúdo o que alí se cocía. Xente que recúa, algunha palabra máis alta ca outra e a tecnoloxía que vai e vén mandando mensaxes. Que estará pasando no Portovello? A curuxa decide seguir aos protagonistas. Aínda que non lle gusta a luz e gosta da noite,  a curuxa remonta o voo e segue un autobus branco que vai camiño de Santiago. Nel só viaxan persoas maiores de idade, uns son moi novos e outros menos novos; uns son alumnos e outros son profesores e nais.

En Santiago a curuxa ve como baixan do autobús e se dirixen a un edificio nobre. Está pechado cunha reixa e non se poden achegar moito. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  - pregúntase a curuxa-. Escoita berrar a estas xentes e tocan uns bombos e tambores. Pousa nun alcipreste que hai ali preto e ve como moi pretiño hai unha capela. As curuxas gostan moito de ir beber o aceite das candeas que están nas igrexas e non perde a ocasión de meterse dentro buscando o prezado manxar. Pero alí resoan máis os tambores e o son dunha buguina provoca a súa fuxida despavorida. Unha poalla moi fina invade o ambiente de Santiago e dende o ceo toldado ve como o bus branco recolle os viaxantes. Tamén ve como discretamente dous coches rotulados e con moitas luces azuis seguen o percorrido do bus branco.

De novo baixan cos seus intrumentos os viaxeiros e emprenden o camiño cara outro edificio nobre. Acompañan a súa marcha cuns ritmos pautados. Unha multitude ruidosa dálles a benvida. Hai moitas bandeiras, case todas vermellas, dun lado da rúa e, do outro, un enreixado aínda máis grande e ameazador protexe outro edificio aínda máis nobre. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  -pregúntase a curuxa-. Os dos uniformes azuis, rodean o edificio por fóra do enreixado por se algún consegue saír fóra e resulta perigoso. Xunta deles hai moitas cámaras, fotógrafos e micrófonos que levan e traen unhas xentes que parecen normais, pero que non o son... porque, tamén escriben de noite, como a curuxa...As bandeiras buscan os ollos das cámaras e os que están máis abaixo tíranse no chan para chamar a atención. No medio, os viaxeiros, tocan sen se cansar os seus bombos e berran consignas contra un abuso. Un, que leva unha camiseta branca pintada toca unha trompeta que parece de prata e todo o mundo cala...e escoita. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.
Unhas nais chaman por outras e fan un grupiño no que falan e falan...a música segue...pero a alguén non lle gusta moito e dicide incrementar coa súa achega a chuvia que comeza a regar a rúa do Horreo.

De súpeto, todos os dos ollos das cámaras seguen a correr a tres individuos traxeados, dous homes e unha muller, que se achegan ós das bandeiras. Fálanlles aos ollos e aos micrófonos, aínda que algunhas bandeiras tamén queren saír na foto. Outro espóntaneo tamén quere aparecer e interrompe aos traxeados... o que está do outro lado, que ten unha bandeira, rífalle ao que interrompeu ao do traxe, e este, retrúcalle. Ollo para aquí, ollo para alá e non damos feito...Hai moitas cámaras...pero tamén moito protagonista...Total, que a curuxa remonta o voo e decide deixar os “parlamentarios” coa palabra na boca.

Dende o ceo gris de Santiago, ve como o bus branco marcha camiño de Ourense, deixa atrás o Pico Sacro e, cando se aproxima a Silleda, decide achegarse ao bus por se escoita algo. Unha voz prodixiosa envolve o ambiente e a curuxa, sente como a melodía a leva dun lado a outro do bus, cos ollos pechados, porque non necesita a luz para ver o que paga a pena. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.

Os outros Centros afectados


Non estivemos nós sós, sentimos o alento dos outros afectados; trátase do IES Manuel Antonio de Vigo, o Politécnico de Lugo, o Politécnico de Ferrolterra,o Paseo das Pontes (A Coruña), o Coroso (Ribeira),e A Xunqueira (Pontevedra) 

Moitas grazas a todos e ánimo!

11 motivos e razóns



NON SOMOS MARIONETAS!!!!!!!

ESTAMOS INDIGNADOS!!!!!!


  1. Porque se nos obriga a desprazarnos de centro sen contar con nós para nada.
  2. Porque non temos ningunha outra opción nestas datas.
  3. Porque non se nos oíu nin se nos quere oír.
  4. Porque aínda non recibimos ningunha comunicación oficial, nin o inspector apareceu polo centro.
  5. Porque se decota un proxecto educativo que comezaba a medrar.
  6. Porque o alumnado de Artes Escénicas, Música e Danza, non ten posibilidade de opción ningunha.
  7. Porque se masifican as aulas e fanse agrupamento de alumnos máis numerosos.
  8. Porque a reconversión ocultouse e non se informou nin sequera aos sindicatos para unha posible negociación.
  9. Porque se ignoraron as consecuencias que para o alumnado e os pais ten este decretazo
  10. Porque moitos profesores quedaran sen praza fixa despois de máis de trinta anos de servizos.
  11. Porque ASI NON SE FAN AS COUSAS....ESTAMOS INDIGNADOS
NON SOMOS MARIONETAS!!!!!!

SOMOS PERSOAS!!!!!! IES PORTOVELLO

NON AO PECHE DO
IES PORTOVELLO

UNHA LECCIÓN NA RÚA


O día 15 de xuño, tal como tiñamos previsto, acudimos á concentración en Santiago de Compostela, para protestar diante da Consellería e do Parlamento.

As 10 en punto estabamos baixando do autobús en S. Caetano. Pronto os bombos e pandeiras se fixeron oír arredor do complexo e as consignas “Non somos marionetas”, “Mira, Mira que non ves nada”, “Mala educación, indignación”, “Conselleiro, dimisión” ecoaban na prácida mañá compostelá. Unha pancarta diante das portas da consellería reflectía o malestar dos manifestantes e as buginas e os pitos acompañaban o son dunha trompeta que chamaba a rebelarse diante deste abuso.

Catro policías situábanse na porta mirando entre curiosos e preocupados preguntándose que clase de manifestación era aquela con tanta música. Pronto tiveron ocasión de ver os panfletos e convencérense de que somos pacíficos, pero que non nos calamos. Os funcionarios que por alí pasaban collían con agrado os panfletos e, sen se saber moi ben como, algúns chegaron, moi cerca do despacho do director xeral... “mira, Mira, que non ves nada”. Corenta e cinco minutos de serenata na gris mañá compostelá e a policía que decide escoltarnos ata o Parlamento. Xa que van estar con nós pola mañá, dámoslles máis panfletos e deséxannos sorte. Se, no fondo...comparten a nosa indignación...pero teñen que disimular...eles fan como que son policías...e nós, que somos xente de teatro, sabemos que están facendo o seu papel.

Que recibimento na rúa do Horreo! Ao oír os nosos tambores achegarse pola rúa do Horreo moitos mozos que estaban alí concentrados acudían brincando a recibirnos, aplaudían e berraban acompañando o noso berro de indignación “Non somos marionetas”. Logo soubemos que eran indignados cun lema parecido “non somos pezas de xadrez”...Ritmos e máis ritmos, consignas e máis berros, cámaras de televisión, emisoras de radio, a galega, a voz , a cadena ser, ...todos os medios presentes a fotografar e fotografar...representacións dos institutos, pais, alumnos e profesores e no medio unha trompeta a soar...Faise o silencio, por fin,... todos ao chan, agachados...un mozo tirado no asfalto...boca arriba, e cunha trompeta nos beizos. Do instrumento saen as notas tristeiras dunha marcha fúnebre...a policía, sorprendida, non sabe moi ben qué facer e os reporteiros gráficos e as cámaras de televisión acoden para inmortalizar o instante. Que efecto escénico, tan interesante! Algo aprenderon estes rapaces...
Un estrondo enorme abouxa o ambiente cando remata a interpretación...e seguimos... Portovellooo, oe,.... Portovellooo, oe, ... Portovellooo, oe, ,... Portovellooo, oe, oe, oeee. Non ao peche do Portovello, non ao peche do Portovello....As nais que acudiron a concentración falan coas doutros centros e póñense en contacto para facer accións conxuntas. Bandeiras de sindicatos e cartaces que valen para calquera manifestación; só os do Portovello eran únicos e especiais, deseñados para unha ocasión única...unha lección de dignidade na rúa.

Dentro debatíase o noso problema, algúns profesores entraran como público e nós agardabamos a súa saída para saber o que pasara...Sobre as 12,15 Carme Adán, Carlos Aymerich e Guillermo Meijón saen a dar conta do acontecido, carreiras de xornalistas con micrófonos, cámaras e fotógrafos os arrodean. Carme Adán fai unha declaración institucional, que non puidemos escoitar polo ruídos dos indignados e... a cousa vai subindo de tono ata o punto de desviar a atención sobre o fondo do asunto...á unha discusión de rúa entre un indignado e un político. Os segundos de gloria que sairán nos telediarios recollerán a anécdota e non entrarán no motivo da protesta.

Isto dos mass-media ten moito de espectáculo...outra lección na rúa.

Con todo, nós non calamos...A chamada dunha trompeta á retirada...Portovello, oe,... Portovello, oe,... Portovello, oe,... Portovello, oe,...oe, oeeee. Non ao peche do Portovello, non ao peche do Portovello...

Na espera do autobús, Paquito o chocolateiro acode onda nós e unha sensación de satisfacción nos acompañará ata Ourense. Polo camiño gozamos do regalo que supón escoitar a Natalia cantando cancións de Whitney Houston, ou o seu famoso Aleluia que nos pon a carne de pita...Só escoitala a ela, xa paga a viaxe...Que luxo!

Chegamos ao centro de volta, xusto á hora de rematar as clases. O acontecido esta mañá quedará na nosa memoria e na memoria destes rapaces durante moitos anos...unha verdadeira lección de valentía, solidariedade, dignidade e compromiso na rúa.

15 jun 2011

Tocan os músicos polo Portovello


Tocan os músicos,
seguide tocando, rapaces,
é bonito chorar coa música
-adaptación dun poema de Micaela Chiriff-


tocan os alumnos do IES Portovello diante do Parlamento de Galicia
(mércores 15 de xuño as 12:00)

Estivemos en Santiago!

Primeira parada: A Consellería de Educación



Segunda parada: Parlamento 

14 jun 2011

UN ARGUMENTO SIMPLE E ABSURDO

Aos voceiros do Goberno ( Sr. Román e Sr. Martínez en Ourense) parécelles “incomprensible” que algúns sindicatos e a oposición critiquen a creación de sete novos centros e 1.100 prazas de Formación Profesional e cualifican de “frívolo o insolidario” ese rechazo no actual contexto de emprego e paro xuvenil”. Xustifican a medida, comparándoa cos desprazamentos que tiveron que facer os alumnos da ESO cando se aprobou a LOXSE.

Que terá que ver a promoción da Formación Profesional coa reconversión de centros e os reaxustes de cadro de persoal e alumnado? Sr. Román, Sr. Martínez, non pretendan facernos parvos...
Poder ser que vostedes, a forza de repetirse as súas propias mentiras, acaben créndoas...pero non pretendan que nolas creamos os demais...

Ningúen se opón a que se potencie a Formación Profesional, antes ao contrario, o noso centro -segundo as propias palabras do director xeral que planifica estas medidas, o señor Mira- é un centro de referencia e excelencia. Aquí, implantouse no seu momento a FP Plus, aquí hai programas de empresas virtuais, aquí hai proxectos para emprendedores e a Consellería investiu “un pastón” en crear unhas aulas especiais para simular empresas. É dicir, é a nena bonita da F.P.

Precisamente esa visión “escaparatista” e “miope” da Consellería lévanos ao punto no que estamos agora mesmo. Hai que matar a ESO e o Bacharelato, para, supostamente, facer uns ciclos a distancia e outros que poidan vir a “un centro integrado”. Inventan un decreto e din que os chamados “centros integrados” poden proceder da transformación doutros centros xa existentes.
Sen contar con pais, profesores e alumnos deciden facer da noite para mañá unha reconversión de centros, coa única pretensión de aforrar profesorado, xuntando grupos e repartindo o profesorado onde cadre. Non sabemos se este razonamento lles parecera “comprensible” aos voceiros do goberno. Se non, terémosllo que explicar mellor; pero podemos asegurarlles que o alumnado, o profesorado, a comunidade educativa e a opinión pública enténdeno perfectamente e saben, exactamente, de que se trata...

Non se trata de cuestionar a competencia da Consellería para organizar a rede de centros, non; do que se trata é cuestionar os métodos, os procedementos, os abusos; a falta total e absoluta de consideración polas persoas implicadas e polas consecuencias que as medidas que se toman teñen nas persoas. Trátase precisamente de cuestionarse como se fan as cousas; alumnos que se ven obrigados a ir a un centro que decidiran non escoller; profesorado que se ve sen praza despois de máis de trinta anos de servizo, podendo concursar e tendo a súa praza se as cousas se fixesen ben.

De que vale ter un proxecto educativo nun centro tendo en conta as características propias do alumnado? De que vale a participación do profesorado en proxectos de formación no propio centro durante os últimos anos? De que vale o extraordinario traballo que o centro desenvolve na Biblioteca escolar sendo pioneiro en Galicia, nos programas de Bibliotecas Escolares? De que vale a atención educativa a alumnos con necesidades especiais, se... tal como lles comunicou o Sr. Martínez aos pais na entrevista que tiveron onte día 13, “en setembro o IES Portovello, non existe”.

Quen son os “frívolos e insolidarios”? Xa está ben...

12 jun 2011

POR QUE NON CONSULTAN AGORA, A PAIS, PROFESORES E ALUMNOS?


Hai aínda poucos días no Parlamento autonómico elaborábase o informe sobre o proxecto de Lei de convivencia e participación. Como ocorre moitas veces... os feitos veñen a demostrar a falacia das palabras. Os nosos dirixentes falan seguido de participación (sobre todo cando lles convén para meternos con calzador unha enquisa que ninguén pediu, que foi manipulada e da que aínda hoxe non hai resultados, coa única intención de xustificar o inxustificable). Falan tanto de participación como despois a ignoran cando toman decisións que afectan a toda unha comunidade educativa sen contar para nada coas persoas afectadas...
A proba tédelas nestas declaracións dos máximos responsables con motivo da presentación do anteproxecto...

Feijóo subliña que a nova Lei de convivencia recoñecerá a autoridade do profesor e favorecerá un mellor clima nas aulas contando coa participación máxima dos pais .... (HA,HA,HA...) A Xunta trata de “dar responsabilidade” á outra parte dos actores educativos que son as familias e, moi concretamente os pais. O obxectivo, relatou, é que se poidan establecer procedementos de consulta e participación directa das familias con carácter orientativo para a administración educativa”, explicou. (Ha,ha,ha...) 
Mar, 04/01/2011 A Lei de Convivencia e Participación busca dignificar o labor docente, corresponsabilizar ás familias e mellorar o clima nas aulas (Ha,ha,ha...)
O conselleiro de Educación presentou hoxe o borrador do anteproxecto desta norma.
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de educación, Jesús Oitavén; presentaron hoxe o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade educativa, un texto que, tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta,  ten como obxectivo “crear e reforzar os instrumentos xurídicos que permitan acadar e manter un clima de convivencia, a través da restauración de certos valores e comportamentos e que, simultaneamente, dignifique a profesión docente (ha,ha ha...) 
De acordo coas demandas da sociedade actual, a futura Lei regulará a participación das familias no proceso educativo, a través de mecanismos de consulta e participación directa. Así, habilítase expresamente á Administración educativa para que poida establecer os correspondentes procedementos dirixidos a facer efectiva a súa implicación no proceso educativo, empregando métodos telemáticos ou medios dos mesmos centros escolares. 

O que di a lei é...
A lei incide moi especialmente na corresponsabilidade das nais e pais ou titores en devandita tarefa, e por iso vincula a regulación da convivencia nos centros docentes ao establecemento de canles para a participación directa daqueles no ensino e no propio proceso educativo .
1.  As nais e pais ou titores, en relación coa educación dos seus fillos ou pupilos, son titulares dos seguintes dereitos de convivencia e participación:
a)  A estar informados sobre o progreso da aprendizaxe e integración socioeducativa dos seus fillos ou pupilos, para o que se lles facilitará o acceso ao profesorado e aos membros dos equipos directivos dos centros docentes.
b)  A recibir información sobre as normas que regulamentan a convivencia nos centros docentes e a ser oídos, nos termos previstos por esta lei, nos procedementos disciplinarios para a imposición de medidas correctoras de condutas contrarias á convivencia dos seus fillos ou pupilos.
c)  A participar no proceso educativo a través de consultas e outros procedementos de participación directa que estableza a Administración educativa. 

Que entenden eles que é a convivencia?
Convivencia é non escoitar aos demais?
Convivencia é que estamos en paz porque fas o que eu digo?
Convivencia é acatar sen rechistar unha decisión arbitraria, inxusta e desleal?
Que valores pretenden que transmitamos aos nosos alumnos ou aos nosos fillos, se dende a Administración non se respectan os máis elementais principios de participación?
Que clase de convivencia é esta?  
Déixense de andrómenas, isto non é convivencia, isto supón unha agresión e como tal é vivida por toda a Comunidade Educativa.



11 jun 2011

ROGELIO MARTÍNEZ NON TEN RAZÓN


O delegado territorial descoñece a procedencia de grande parte do alumnado do centro.

O delegado territorial achega nunha nota de prensa datos que pretenden ser obxectivos, pero que son datos interesados. De novo, arguméntase a creación do centro integrado para tomar a medida de supresión da ESO e Bacharelato. O ciclo que di que se vai crear no IES PORTOVELLO é un ciclo de Educación Infantil a distancia.

O IES PORTOVELLO morre de éxito...

Por ser un centro de referencia en ciclos formativos, deixa de atender as necesidades de alumnado na ESO e no Bacharelato. O delegado territorial descoñece que unha parte do noso alumnado xa vén do IES As Lagoas e escolleu o noso centro porque lle dá unhas oportunidades que alí non teñen. A medida que se toma obriga ao alumnado a ir ao centro que non querían ir.

Enchénselle a boca ao delegado territorial ao dicir que se incrementará en tres unidades o IES As Lagoas. Cantos docentes do IES Portovello pensa que se van colocar nesas tres unidades? A cantos docentes do IES Portovello se lles comunicou esta medida para que puideran concursar? Posiblemente o delegado territorial ignora que a resolución do concurso acaba de ser publicada recentemente. A medida obriga ao profesorado a permanecer nunha situación de provisionalidade durante moitos anos e moitos deles teñen xa, máis de trinta anos de servizos.

O delegado territorial descoñece que ao IES Portovello acode alumnado que está a facer o bacharelato musical, tamén no Conservatorio, e que este alumnado ten unha adaptación horaria especial para poder seguir os seus estudos. A medida obriga a este alumnado a reconsiderar a súa opción e adicarse a unha cousa ou á outra.

Di o delegado territorial «É imprescindible liberar Portovello por adaptarse á LOE e porque hai ciclos que teñen que pasar de 1.400 a 2.000 horas e iso precisa doblar aulas» E nós preguntámonos que tipo de liberación e esta? porque no edificio de ESO e Bacharelato as aulas non está adaptadas para os ciclos, e teñen que facer obras... do mesmo xeito que as terían que facer no outro edificio, para o cal xa hai un proxecto que está feito e para o cal se destinaran 60.000 euros.

O delegado territorial ignora que o centro incrementou notablemente a matrícula no curso presente e que houbo que crear unha unidade máis en primeiro de bacharelato para acoller o alumnado de toda a provincia que quere facer o Bacharelato das Artes, Música e Danza e non sabe que é moi posible que o curso próximo unha unidade non sexa suficiente para acoller todo este alumnado. Por que se argumenta que hai pouca matrícula, cando no noso centro está incrementándose ano a ano e outros centros non teñen a matrícula que nós temos? Sr. Martínez, no pretenda que comunguemos con rodas de muíño...Isto é unha reconversión pura e dura, sen contar cos afectados, e co único propósito de debilitar a calidade dos servizos públicos, co pretexto do aforro pero coa realidade evidente de favorecer a ensinanza privada á que se lle amplían os seus concertos dándolles máis cartos e creándolles máis unidades.

UNHA NOITE NO PORTOVELLO...UNHA NOITE, NON É NADA.


A solidariedade cos pechados estivo presente por parte de profesores, pais e alumnos.

Durante a tarde e a noite de onte, profesores, pais e alumnos pasaron polo centro para amosar a súa solidariedade cos pechados. A protesta comeza a ter eco entre os veciños e algúns tamén se achegaron para interesarse polo estado da cuestión, para propoñer medidas e manifestar o seu apoio. Na fachada do edificio colgan pancartas relativas ao peche e a indignación que a medida tomada con aleivosía e mala fe por parte da Administración provocou en toda a Comunidade Educativa.

O alumnado está a dar unha extraordinaria mostra de compromiso e madurez ao implicarse tanto, que durante case toda a noite estiveron acudindo ao centro para apoiar aos pechados.



Fotos das tres da madrugada

10 jun 2011

Estamos pechados!


Diante da negativa da Consellería de Educación a retirar ou adiar a aplicación do decreto na mesa sectorial que se levou a cabo esta mañá en Santiago, un grupo de profesores e alumnos do IES PORTOVELLO, permanecemos pechados no centro como medida de protesta.

Consideramos que a medida foi tomada de maneira precipitada e sen respectar os dereitos de profesorado e alumnado. Por outra banda, a actitude da Consellería non entrando a negociar ningún aspecto do decreto e levándoo á mesa sectorial logo de telo xa publicitado nos medios sen contar co profesorado e o alumnado, vulnera os máis elementais principios que se deben ter en conta en calquera modificación dos condicións de traballo e, por suposto, causa uns graves prexuízos ao alumnado que se ve forzado a cambiar de centro sen posibilidade de elección, nun momento en que a súa formación é decisiva para o seu futuro profesional e persoal.

O feito de pretender enmascarar esta medida coa creación de centros integrados para potenciar a Formación Profesional non é máis que unha cortina de fume que pretende ocultar o que en realidade é unha reconversión de postos de traballo para aforrar postos docentes o que, sen dúbida, produce un deterioro da calidade do ensino e das condicións nas que se debe desenvolver a docencia. No noso caso concreto do IES PORTOVELLO, para a reconversión arguméntase o baixo número de alumnos, cando non é certo, posto que nos últimos anos vense producindo un aumento progresivo e hai dous anos que o centro imparte a modalidade de Bacharelato das Artes Escénicas, Música e Danza, sendo o único centro da provincia que o ten, de xeito que acoden alumnos de moitos puntos da provincia e mesmo doutros lugares como Monforte. Por outra banda, un grupo de alumnos, segue o bacharelato musical, con adaptación de horarios para que poidan compaxinar a asistencia ao Conservatorio coa presenza no instituto nas materias comúns e especificas.

Ante esta situación, o alumnado, vén manifestando a súa protesta diante da Xefatura Territorial de Educación nos últimos días e continuará na semana que vén. Os pais en asemblea celebrada onte día 9 acordaron apoiar as mobilizacións de alumnos e profesores e participar co resto dos centros afectados nunha concentración en Santiago o vindeiro mércores. O luns día 13, ás 19 horas está prevista unha manifestación no parque de S. Lázaro diante da Subdelegación do Goberno á que están convocados todos os centros docentes e durante toda a semana, haberá mobilizacións.

Por outra banda e tendo en conta as datas finais do curso no que estamos e as graves repercusións que estas mobilizacións poden ter na terceira avaliación e na avaliación final, un grupo de profesores acordamos permanecer co peche durante as tardes da semana que vén para dar clases de apoio aos alumnos que queiran asistir e manter as mobilizacións e manifestacións que os alumnos teñen previstas durante a semana.


O profesorado o IES PORTOVELLO.