A opinión dos docentes...non conta?

30 jun 2011

Resposta a unha carta persoal recibida a véspera do 28 de xuño de 2011.

Sr. Conselleiro,

Que eu recorde ninguén nos presentou, nin tivemos ocasión de falar nunca, polo que me parece un exceso de confianza, que se dirixa a min tratándome de ti, cando nunca fomos presentados e, que eu saiba, non nos coñecemos.

Di vostede que a medida que vai tomar é para garantir a calidade do ensino. Lamento comunicarlle que a calidade do ensino non se mide polas horas que o profesorado está gardando os nenos. A calidade mídese pola propia intervención dos docentes na súa práctica diaria... e, como vostede comprenderá moi ben, posto que tamén é docente -segundo di- , esta práctica require moitas veces dunha preparación previa, que canto mellor se faga máis rendible será, e tamén dun traballo posterior de avaliación, corrección, revisión... que se fai fóra do horario propiamente lectivo.

Vostede confunde as cousas. Mistura o que non se debe misturar: os servizos que se lles poderían dar aos pais nun sistema educativo baseado nunha concepción elitista da educación, co que realmente pode dar un sistema educativo xeral, obrigatorio e gratuíto para toda a poboación. Ten vostede unha concepción equivocada do que é a realidade educativa do noso país. Gusta de colgarse etiquetas como a calidade e a excelencia e a forza de repetilas, vostede mesmo acaba créndoas. Non se equivoque, Sr. Conselleiro, quen lle outorga calidade a un sistema educativo, son os profesionais comprometidos coa educación, cando son recoñecidos, tanto pola sociedade como polos gobernantes.

Lamento moito ter que dicirlle que coa súa actitude, non contribúe para nada a ese recoñecemento. Antes ao contrario, está provocando un auténtico rexeitamento por parte de todos os docentes, porque os seus argumentos non os cre ninguén máis ca vostede.

Atentamente,

No hay comentarios:

Publicar un comentario