A opinión dos docentes...non conta?

30 jun 2011

Resposta cordial dos mestres de infantil e primaria.

Estimado Conselleiro:

Eu tamén me dirixo a ti.

Agradezo que me escribas estas liñas e que ocupes o teu tempo escribindo cartas, a todos nós, aos medios de comunicación,... quizais por iso estás tan ocupado e entretido ultimamente.

Estou a pensar que é casualidade que eu invada os teus pensamentos xusto ante da manifestación que se convocou en Santiago en defensa do ensino, e que segundo dicides, foi minoritaria e non representa a ninguén, cousa esa que non me pareceu, e as fotografías e os vídeos evidencian. Máis ben preferiría que... noutros intres... cando solicitei que me escoitaras, te acordarás de min, ou cando menos me escoitaras.

Vexo que tamén esqueces dicirme que con esa medida pretendes que o profesorado quede sen tempo para a preparación das clases, que se están a suprimir desdobres, optatividade, déixanse de prestar apoio aos alumnos con necesidades diversas, os grupos son cada vez moito máis numerosos..., péchanse centros, diminúese a oferta educativa, obrígase ao profesorado a dar moitas materias afíns e variadas o que dificulta a súa labor,... Ocorre que, posiblemente, iso non e calidade (ou excelencia...) e claro, a memoria falla...

Gustaríame que te acordases de min cando falas cos medios de comunicación, cando lles dis que buscas a calidade da educación e a excelencia... e que o profesorado que opine de maneira distinta ou pense que esas non son as medidas a tomar, son pouco máis que uns delincuentes.

A nos gústanos este traballo e queremos moita máis educación. Si... iso, educación, non un reparto de tarefas que non aportan nada aos alumnos (facer apoios sen ser especialista, cubrir horas cos alumnos para que o transporte faga as rutas como lle pete,...).

É ben certo que  ti non farías dúas horas na Consellería de pesca e outras dúas atendendo... eu que sei..., as incidencias informáticas. Ti es Conselleiro e eu son profesor, e cada un ao seu. Queremos o mellor para os nosos rapaces.

Que pena que agora te acordes de min, e non, hai uns días, cando manifestabas que as decisións estaban tomadas, que as decisións tómanse..., si ou si, sen sometelas a debate nos órganos competentes e cos colectivos da comunidade educativa.

Quizais agora xa pensas como docente (de infantil, primaria, secundaria) e ves o “punto de Mira da sociedade”... Acaso vannos  disparar?... Acaso alguén lle vende as armas?,... Autoridade pública?
Eu pregúntome... estamos a ensinar e motivar, ou a impor? Iso da autoridade soa a...


Que pena ter que tratarnos por carta. Será a distancia que nos separa?

No hay comentarios:

Publicar un comentario