A opinión dos docentes...non conta?

16 jun 2011

O que a curuxa viu en Ourense e Santiago


O que a curuxa viu en Ourense e Santiago o día 15 e, posiblemente... outros non viron.

Estes días a curuxa ve moita actividade no centro polas tardes. A xente está nerviosa, uns non saben moi ben que facer, outros corren dun sitio para outro pero non fan nada, nuns cunde o desánimo...outros estudan o seu futuro. E os rapaces...por un lado, comprometidos coa causa... e pola outra, presionados polos exames e as clases que aínda teñen que recibir...Por certo...a curuxa viu a outra tardiña unha clase ateigada de rapaces...non cabían na aula...era pola tarde, e as clases eran voluntarias e, ademais... de dúas horas!...nunca tal a curuxa vira!  Que estará pasando no Portovello?

Interesada, decidiu observar polo miúdo o que alí se cocía. Xente que recúa, algunha palabra máis alta ca outra e a tecnoloxía que vai e vén mandando mensaxes. Que estará pasando no Portovello? A curuxa decide seguir aos protagonistas. Aínda que non lle gusta a luz e gosta da noite,  a curuxa remonta o voo e segue un autobus branco que vai camiño de Santiago. Nel só viaxan persoas maiores de idade, uns son moi novos e outros menos novos; uns son alumnos e outros son profesores e nais.

En Santiago a curuxa ve como baixan do autobús e se dirixen a un edificio nobre. Está pechado cunha reixa e non se poden achegar moito. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  - pregúntase a curuxa-. Escoita berrar a estas xentes e tocan uns bombos e tambores. Pousa nun alcipreste que hai ali preto e ve como moi pretiño hai unha capela. As curuxas gostan moito de ir beber o aceite das candeas que están nas igrexas e non perde a ocasión de meterse dentro buscando o prezado manxar. Pero alí resoan máis os tambores e o son dunha buguina provoca a súa fuxida despavorida. Unha poalla moi fina invade o ambiente de Santiago e dende o ceo toldado ve como o bus branco recolle os viaxantes. Tamén ve como discretamente dous coches rotulados e con moitas luces azuis seguen o percorrido do bus branco.

De novo baixan cos seus intrumentos os viaxeiros e emprenden o camiño cara outro edificio nobre. Acompañan a súa marcha cuns ritmos pautados. Unha multitude ruidosa dálles a benvida. Hai moitas bandeiras, case todas vermellas, dun lado da rúa e, do outro, un enreixado aínda máis grande e ameazador protexe outro edificio aínda máis nobre. Como serán os que están alí dentro, que  teñen que estar enreixados?  -pregúntase a curuxa-. Os dos uniformes azuis, rodean o edificio por fóra do enreixado por se algún consegue saír fóra e resulta perigoso. Xunta deles hai moitas cámaras, fotógrafos e micrófonos que levan e traen unhas xentes que parecen normais, pero que non o son... porque, tamén escriben de noite, como a curuxa...As bandeiras buscan os ollos das cámaras e os que están máis abaixo tíranse no chan para chamar a atención. No medio, os viaxeiros, tocan sen se cansar os seus bombos e berran consignas contra un abuso. Un, que leva unha camiseta branca pintada toca unha trompeta que parece de prata e todo o mundo cala...e escoita. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.
Unhas nais chaman por outras e fan un grupiño no que falan e falan...a música segue...pero a alguén non lle gusta moito e dicide incrementar coa súa achega a chuvia que comeza a regar a rúa do Horreo.

De súpeto, todos os dos ollos das cámaras seguen a correr a tres individuos traxeados, dous homes e unha muller, que se achegan ós das bandeiras. Fálanlles aos ollos e aos micrófonos, aínda que algunhas bandeiras tamén queren saír na foto. Outro espóntaneo tamén quere aparecer e interrompe aos traxeados... o que está do outro lado, que ten unha bandeira, rífalle ao que interrompeu ao do traxe, e este, retrúcalle. Ollo para aquí, ollo para alá e non damos feito...Hai moitas cámaras...pero tamén moito protagonista...Total, que a curuxa remonta o voo e decide deixar os “parlamentarios” coa palabra na boca.

Dende o ceo gris de Santiago, ve como o bus branco marcha camiño de Ourense, deixa atrás o Pico Sacro e, cando se aproxima a Silleda, decide achegarse ao bus por se escoita algo. Unha voz prodixiosa envolve o ambiente e a curuxa, sente como a melodía a leva dun lado a outro do bus, cos ollos pechados, porque non necesita a luz para ver o que paga a pena. Que terá a música para calar os berros? –pensa a curuxa-.

No hay comentarios:

Publicar un comentario