A opinión dos docentes...non conta?

27 feb 2012

Pois serei o inimigo.

 

foto de Inma López Silva

Porque esgrimo libros contra cascos e fusís. Porque coido que as palabras dignas traspasan os escudos e dan máis poder cós cargos políticos. Porque anuncio que o saber é quen de nos facer libres. Porque sei que unha mentira repetida non é unha verdade pouco cuestionada. Porque creo no poder inigualable de tomar as rúas. Porque aprendín que as vítimas non son culpables, nin sequera de teren nacido. Porque creo en cidadáns que pensan, actúan e non calan. Porque digo que mexar por nós non é asumir que chove. Porque coido que as nenas de 14 anos non son obxectos débiles aos que agredir a paus. Porque sei que as nenas saben decidir como adultas sobre o seu ventre. Porque non quero ter fillos que crean que o silencio é o refuxio dos hábiles. Porque comprendo que maioría e abuso non son a mesma cousa. Porque escribo e son responsable diso. Porque leo Democracia con maiúscula. Porque parafraseo ao Che e aprendo que morrer de pé é mellor que vivir de xeonllos. Porque tamén eu me enfrontei aos coches dunha rúa, me pechei en edificios e perseguín políticos berrando ao mundo que tiña dereito a un ensino público mellor. Porque non pago impostos coma se tirara os cartos. Porque tamén son miñas as feridas dos nenos e nenas aos que tanto temen os que nos gobernan. Porque tamén eu quixera ter os seus pequenos corpos e os seus anos por diante para demostrar que o mundo e o futuro están nas miñas mans. Porque tamén a min os mozos me ensinan a pensar.
Debe de ser por todo iso, que tamén eu me enfronto aos que abusan do poder. E iso faime feliz. Pase o que pase e pese a quen pese, velaquí o inimigo.

26 feb 2012

O caso é estar na "afoto"

Queridos e queridas:

Velaí o tedes todo fachendoso no primeiro plano da "afoto", facéndolle o "paseíllo" ao académico Henrique Monteagudo cando este se dirixía ao estrado para ler o seu discurso de ingreso na Academia. Acompañaban no seu séquito ao conselleiro, dous acólitos que pugnaban por aparecer tamén na "afoto", a saber o ex-secretario xeral de política lingüística, hoxe  secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo e o actual secretario xeral de política lingüística Valentín García. Todos tres escoitaron, sen lles caer a cara de vergonza, o discurso do novo académico sobre a Normalización Lingüística neste contexto "neoliberal". Para máis INRI aprópianse do protagonismo do acto e aínda son quen de colgar na páxina da Consellería a súa "fazaña".

Cousas veredes...pero como esta...poucas. O cemento semella talco na cara destes protagonistas.

12 feb 2012

A marca “ESPAÑA”




Manuel Menor Currás

Non é da “Marca hispánica” do que falan agora. Era este un asunto medieval, concernente á área pirenaico-catalá, destinado a preservar aos francos dos sarracenos conquistadores. Daquela “marca” deriva “marqués”, oficio militar de fronteira antes que rango aristocrático. Tampouco é que queiran sacar a relucir de novo aquilo das dúas Españas que Machado lamentaba, aínda que ao ritmo que imos todo poderá ser. Aquelas diferenzas brutais que podían xear o corazón non estaría de máis non perdelas de vista, por se se nos está indo a man... e a mente.

O afán publicitario -especialmente o turístico- puxo o acento no nome ESPAÑA e, en torno seu, como todo logo que queira ser recoñecible no maremagnum de marcas, inténtanse xerar lazos afectivos que fagan apetecible no exterior canto soe a español. A idea non é nova. Aquel “Galicia calidade” é un dos moitos antecedentes próximos e non son poucos os que soñan con dar impulso ao noso sector terciario baixo este paraugas-talismán, nun mundo globalizado, escorregadizo e, en afortunado símil de Zygmunt Bauman, “líquido”. Non parece, con todo, que ESPAÑA estea acertando en facer corresponder a suave querenza que unha boa marca suscita, cunha realidade congruente. No canto de seducir para que nos queiran e compren a nosa produción ou o noso sol, reiteramos en exceso un aire vintage, só apto para os afeccionados ás vellas connotacións que ESPAÑA xa suscitaba entre románticos tipo Próspero Merimée. Nin sequera para os viaxeiros que polas mesmas datas descubriron no Prado a nosa “escola española” -con Velázquez e Murillo á cabeza-, parece que o que hoxe achegamos como valor engadido significoulles algún valor radicalmente novo. De callar achegas significativas para os tempos que corren, seguramente mirariamos con outra distancia o chauvinismo dos monicreques televisivos franceses cos nosos deportistas.

Non hai marca sen asociacións connotativas do que pretende ser ou conter. A de ESPAÑA, neste presente de febreiro 2012, destaca no concerto mundial por un conxunto de afinidades electivas que nos definen máis próximos ao século XIX que ao XXI. O significado da nosa marca nos últimos tempos estase enriquecendo aceleradamente a conta de cifras de paro e fracaso escolar moi rechamantes e con achegas tan ilustrativas e valiosas como estas:

- XUSTIZA: pasamos de ser relevantes no panorama da xustiza universal, a ver limitadas as razóns de xusticiabilidade. Agora mesmo é máis importante ler os votos particulares dalgúns maxistrados que aterse ao que os seus tribunais deciden: un signo claro do que potencialmente dá de si o dereito internacional, pero sobre todo, do que na práctica limita a España no seu libre exercicio. O cal non obsta para que, á contra, sexamos capaces de dar a nota en sede xudicial de alto membrete pola interpretación de bizantinismos técnicos, mentres condenamos severamente a quen ouse instruír causas seguindo procedementos pouco axustados ao que como gremio consideremos conveniente. Esta afección aos nominalismos xurídicos, irreprochablemente independentes do que a realidade social esixe, unida a decisións aristocratizantes que se compadecen mal coa igualdade democrática, en nada propician o afecto ás nosas institucións. É evidente que, o que o novo Ministro de Xustiza propón para a elección do Consello Xeral do Poder Xudicial non pode ser máis coherente con esta dinámica. Xa todos nos miran con eloxio e propóñennos como exemplo no universo, pola nosa coraxe, coherencia e dignidade en volver proclamar que mexan por un e hai que dicir que chove.

- COSTAS: xa brillaba o noso Mediterráneo polo esplendor da muralla cementicia que resgardaba o interior da súa conexión natural co mar e empezabamos a dubidar de que fose ese o motivo do noso éxito turístico. Xa concluiramos que o afán por alicatar toda a Península podía ser perigoso, agora que o ladrillo está de canga baixa. Xa estabamos asumindo que o turismo tradicional de sol e praia tiña os días contados. E nisto chega o novo Ministro de Agricultura para anunciar que a Lei de Costas volve onde adoitaba, de modo que eses 100 metros de obrigada servidume pública que tanto custara preservar, poderán ter agora novos usos e concesións. En fin, xa nos imos facendo á idea de que o fetén era outra “desamortización” innovadora, da que desconfiabamos seriamente. Pronto declararán monumento nacional o hotel almeriense “El Algarrobico”, próximo a Carboneras. Para que os que non estean de acordo vexan exemplarizantes para o ben común os negocios duns poucos, por máis que danen o medio ambiente nunha zona tan sensible e aínda que poñan moi difícil conciliar a ética coa estética.
- MODERNIDADES VARIAS: cada día que pasa proliferan máis. O comportamento sexual da xente volve ser, desde o punto de vista oficial, algo de prioritaria relevancia lexislativa para España, vixía de Occidente. Mírense ben no noso BOE todos cantos queiran admirarnos. Tanto o aborto como a pílula do día despois son asuntos de primeira orde, nos que non só se marcan liñas redefinitorias do ser español senón as de calquera cidadán que se prece de tal. Outras políticas, como a da moratoria ás axudas para enerxías renovables, sitúannos na vangarda das urxencias que temos como habitantes da Terra. E gran modernidade é, tamén, que a oposición, a estas alturas de 2012, trate de intimidar a este Goberno con denunciar o Concordato co Vaticano, cando non é crible que queira romper con tan vello signo de identidade: desde 1851, en que fixemos o primeiro, non fixemos máis que renovalo sucesivas veces, e os que agora amagan coa súa denuncia ata melloraron as condicións deses acordos.

- EDUCACIÓN: segue ofrecendo gran riqueza semántica. Cada día que pasa os españois imos ser máis admirados en todo o orbe pola nosa inventiva neste terreo en que as palabras non significan case nada. Cabe dicir, parodiando a Swift, que neste ámbito, símbolo de todo o demais, logo de tantos anos de verbosidade irrefreable temos sobradamente o necesario para odiarnos, pero non o suficiente para amarnos os uns aos outros. Nun país de tradición cristiá soa raro, pero a pesar de tantos anos de catecismo nas escolas, os sorrisos dos nosos gobernantes non deixan de soar mendaces. Non é para fiarse o que, en nome dun posible “adoutrinamento” supriman a insignificante Educación para a Cidadanía. Menos o é a súa ansiedade por reestruturar o último ano de ESO e aumentar como descubrimento a formación profesional dual, ao estilo alemán, cando non hai diñeiro nin tradición de tal índole nas nosas empresas e cando só en Madrid, houbo este ano 10.000 alumnos que non atoparon a formación profesional que buscaban. Tantos anuncios ocos para que o suposto adianto dun ano de Bacharelato xere unha selección desigualadora, maior da existente, e facilite a ambición de detraer máis subvencións cara ao ensino privado. Seguimos, pois, empeñados no estéril non sexa que consensuando o que sexa máis xusto e equilibrador para todos deixe de ter razón Swift ou empezo ESPAÑA a mellorar nas listaxes educativas da OCDE. Tanto invocamos uns e outros a esta organización, que debieramos empezar por ler xuntos o seu último informe sobre equidade e igualdade, para evitar “escolas en desvantaxe”.

- DEREITOS SOCIAIS: Swift era un irlandés do XVIII, pero á luz do que se acaba de dar a coñecer como última reforma laboral, avanzada senlleira do que vén sendo esta ESPAÑA cada vez menos animada a defender os dereitos conquistados polos nosos antepasados desde 1882, témome que era un avanzado. Nas súas Instrucións aos domésticos, soubo recrear unha sociedade libre e enxeñosa, a pesar da escravitude que caracterizaba a vida da maioría das súas conxéneres. A nosa actual marca “ESPAÑA” parece que nos quere levar cara  máis atrás aínda. O progreso que estamos facendo na vía dos desequilibrios sociais, conduciranos sen dúbida a saber mellor quen debe mandar e quen obedecer; aprenderemos a calarnos e a ser hipócritas cos quen teñan a ben darnos algunha esmola, amén. Pero non por máis beneficencia aumentará a xustiza social. Para os benpensantes neste terreo, tamén Swift lles deixou escrita unha Modesta proposición para impedir que os fillos dos pobres en Irlanda deixen de ser unha carga aos seus pais e ao seu país, e sexan útiles ao resto da xente.


Son curiosas dúas noticias contrarias que lin este sábado, 11 de febreiro, no mesmo periódico. Por unha banda, esta ESPAÑA como Deus manda -a que temos- non é do gusto da Comisaria Europea de Educación, que “ve a situación moi preocupante”. Mentres, á nosa Vicepresidenta, aflixida polo que dirán, “preocúpalle a imaxe que se está trasladando de ESPAÑA”. Cambien as palabras por feitos significativos coherentes e seguramente verán que a marca ESPAÑA será validada internacionalmente como atractiva e eficiente. Todo pasa por decantar mellor os ingredientes que a sustentan, empezando por que todos os seus cidadáns -e non só unha fracción- se sentan formando parte dun proxecto compartido. Ao deseño actual sóbranlle excrecencias de resabios anticuados e carece da elasticidade indispensable para que o común da xente se senta cómoda: non todo se arranxa con mercadotecnia comunicacional, modulable a conveniencia.

(Madrid, 11/ 02/ 2012)

5 feb 2012

Ilusións ópticas para a cidadanía.



Manuel Menor Currás

Non pode negarse que o novo superministro Wert sexa bo comunicador. Sabe fiar con desenvoltura de tertuliano un hábil relato acomodaticio para pór sobre a mesa o seu proxecto. Combina niso moderación con aparente modernidade e, ata, intelectualidade. Con todo, a voz, o sorriso, a ductilidade do seu verbo son incapaces, de ocultar inflexibilidade. Tocoulle facernos entender -cando compareceu no Congreso- que o que se trae entre mans para a educación española é o mellor, pero non se desvía un chisco do esquema prefixado, un deseño en si mesmo inmutable e ancestral. Aínda que tamén é verdade que ben podería vender outra cousa, moi distinta da que lle dixeron que ten que vender.

A modo de concesión graciosa dixo non querer impor a maioría de deputados de que dispón, para marcar co seu nome no BOE outra Lei orgánica. Opta -di- polo diálogo transaccional cos outros grupos parlamentarios. Acto seguido, malia todo, debulloulles un cúmulo de cambios tal que, na práctica, equivalen a unha nova lei, por máis que soñe con acadar un pacto educativo. Un pacto ignorante doutras propostas de pacto que non foron e cunha planificación cuxo diagnóstico, só contrastado consigo mesmo e as indicacións de FAES, é que hai unhas cantas cousas que cambiar e que as vai  cambiar porque si. Mal modo de dialogar parece.

Para facer máis dixerible a súa proposta reformista, non dubidou en ordenar unha secuencia de datos estatísticos ben amañada para que resultase necesariamente crible e ata urxente. Da crise ao paro, e do paro ao fracaso escolar e ao baixo nivel educativo, hai moitos camiños de ida e volta, sen que a unidireccionalidad interpretativa escollida polo Ministro sexa a máis pertinente cientificamentee. Sen dúbida, é a máis conveniente pro domo sua, pero cabe con maior razón unha interpretación absolutamente oposta, para profundar e dotar mellor medidas que xa están en marcha, no canto de arbitrar outras que corten un camiño que estaba producindo bos resultados. Son varias as comunidades autónomas -e non precisamente a de Madrid, que toma como referencia- as que sacaron moi bos resultados co actual sistema, asunto que puido confirmar escoitando a algúns dos que lle replicaron na mentada comparecencia. Nisto, o Sr. Wert demostrounos algo que xa sabiamos: que os axentes demoscópicos len a realidade á medida de quen lles faga o encargo. Existen outras moitas lecturas -tamén do manipulado Informe PISA- que din cousas ben distintas ás que se empeñou en dicir, pero que lle obrigaron a centrar a atención en problemas relevantes para mellorar de verdade o noso sistema educativo. En todo caso, mal preludio é para un anhelado diálogo leal empezar por terxiversar as leis da lóxica con sofismas e mañas interpretativas. Se ademais se empeña en reescribir con tópicos a historia educativa de todos estes anos pasados, ao adanismo redentor de que fixo presuntuosa gala pronto unirá ás dificultades de implementación que teñen algunhas das medidas apuntadas, a nula eficiencia das mesmas e o rexeitamento escéptico dos afectados máis xenerosos, especialmente dos empeñados no logro da igualdade democrática neste ámbito.

A aparente modernidade de canto quixo mostrar no Parlamento o Sr. Wert -de maior nivel, desde logo, do que o fan outros gobernantes da España autonómica- quedou en todo caso ben definida polas súas achegas decisivas para defenestrar a materia que a última Lei Orgánica definira como Educación para a Cidadanía. Esta parte da súa intervención quedará nas Actas do Congreso como un fito documental. Os que investigan a historia educativa do noso país coñecen similares momentos estelares para entender como andamos de avanzados en 2012. Son abundantes. Algúns hai nas agora conmemoradas Cortes de Cádiz -con debates tan significativos como o da Liberdade de Imprenta, a supresión da Inquisición, ou a soberanía nacional-, pasando polos sucesivos catecismos patrióticos, os Concordatos e, como non, o que os afáns indoctos trouxeron ata xa avanzada a Transición. O Sr, Ministro non parece coñecer nada disto e ata o que naquel transo  propuxo o Goberno de Suárez para o ensino da Constitución do 78 e que moitos profesores melloraron. Se o coñece, débelle parecer excesivamente avanzado. Se non soubésemos como foi manipulada a información sobre Educación para a Cidadanía desde a penúltima lexislatura - nin os que eran os seus instigadores e agora beneficiados-, non nos pareceu obsceno e gratuíto que volva agora a esgrimila como símbolo de “adoctrinamiento”. Ata parecería divertido que, para confirmalo, os seus asesores lle fixeron pasar por libro de texto o que tan só era un meritorio ensaio, que nada ten que ver cos libros de texto nin -como se quixo emendar- cos habituais nunha biblioteca escolar.

O tipo de lecturas como a que esgrimiu o Ministro, dunha pasaxe deste libro (FERNÁNDEZ LIRIA, C., FERNÁNDEZ, P., ALEGRE, L., Educación para la ciudadanía, Madrid, Akal, 2007) -que, por outra banda, foi moi crítico, pero en sentido contrario ao do Sr. Wert, co modo en que se configurou na práctica esta materia-, pronto lle deberá levar a censurar os libros de Historia -e os documentos de época que acompañan o seu deseño curricular-, e non digamos os de Filosofía ou Literatura. Xa postos, se é consecuente consigo mesmo, sería moi oportunista agora: recortar o que os estudantes non deben ler e o que a liberdade de cátedra parece ter de excesivo é máis barato. Á marxe de que intencionadamente queira pór en primeiro plano EPC, como trampantojo para coar mellor cambios substantivos como o dun novo Primeiro de Bacharelato -moi frutífero en posibles subvencións á escola privada e moi selectivo para a desigualdade de oportunidades-, non deixa de ser un mal paso no presunto afán de diálogo esta chuscalleira  metodoloxía do “todo vale”. E, doutra banda, mal empeza esta lexislatura en asuntos de educación, se por tal entende o Ministro e os que  o desinforman que este negociado tan só debe ocuparse dos coñecementos puros e duros, sen que nada teña que preocuparse das competencias educadoras que os mellores pedagogos asignan á ESCOLA. Claro que tamén isto sae máis económico.

A este paso, talvez en futuras comparecencias -con moito sorriso e pouca graza- nos volva o Sr. Wert con algunha outra vella novidade, como a daquel glorioso asunto da Historia de España e as Humanidades, que tanto xogo deu para a exaltación mediática da súa antecesora, Dna. Esperanza Aguirre, e que tan nulos froitos trouxo para que a última xeración de españolitos coñeza ben a nosa Historia. Ao escandalizado novo ministro -independente?- seguramente lle poida convir retomar de novo aquel mantra, para reafirmar os valores e esencias ao parecer esquecidas. Explicalas ben pode, asemade, non ser do agrado da autoridade competente que lle encargou vixiar a boa doutrina: propoña celebrar a festa do libro nos institutos -asunto en que igualmente é competente- queimando aqueles que un grupo de censores habilitados considere improcedentes. Todo sexa por lograr, a pouco custo, inocentes amnésicos, atentos ao que diten os comunicadores oficiais bos.

Madrid, 04/ 02/ 2012

1 feb 2012

Imposturas



Manuel Menor Currás
Conta María Zambrano que, sendo nova, preguntoulle D. Manuel Cossío se prefería as ideas ou as persoas. A súa adolescencia, idealista como todas, contestou precipitadamente: as ideas. “Entón -engade- díxome, non sen algo de retranca: entón non debe vostede dedicarse xamais a ensinar. A autora malagueña naquel momento quedou moi impresionada pero, pasado o tempo, di que ao gran mestre daríalle igual a súa resposta “Creo ,-di en Hacia un saber sobre el alma (Alianza, 1987, páx. 179)- que o que seguramente me quixo suxerir era que só preferindo asemade, as ideas e as persoas, é dicir, soamente estando cheo de amor pola claridade ideal e pola súa encarnación na mente de cada home, se pode ser mestre”.
Vén a conto a anécdota ante as turbias posicións que toman con frecuencia algúns funcionarios-asesores en momentos de cambio, coas que evidencian os afectos reais que sempre tiveron. Nin as outras persoas nin as ideas parecen rexer as súas preferencias, senón máis ben o mero apego a postos, cargos ou encomendas que aparellan algún grao de poder, que estiman privilexiados. A súa dependencia dunha nómina oficial cren que tanto lles valida para unha opción política como para a súa contraria. Dado o caso, tamén valerían para a epicena. Co mesmo ardor tecnocrático defenden un ou outro modelo de xestión e actuación segundo quen meza o seu pesebre. Iso si, cada vez esquecen máis -ata non entendelo e desprezalo- o traballo básico polo que entraron a cumprir funcións na Administración: o de docentes no ensino público.
A transmutación que nalgúns destes exemplares se produce, especialmente cando levan longos e excesivos anos fóra da aula -e máis cando acadaron niveis 30 que lles distancian dos ordinarios que corresponden a profesores e mestres-, é similar á que presuntuosamente adopta o Sapiens-Sapiens respecto ao Predecessor de Atapuerca. Coma se nada tivese que ver ou pertencese a outra Galaxia, mírao con distancia e desprezo: - é que vós os docentes...?, para, a continuación, engadir calquera estupidez distanciadora e mostrar, ademais, nulo aprecio polo valor ou urxencias que poida ter o traballo de quen siga na brecha da docencia pública directa.
Para estes tipos, seguir a pé de clase e atendendo rapaces en circunstancias crecentemente febles, é unha inconsecuencia: non ten sentido. Mellor é deixalo dunha maldita vez e, se pintase a ocasión, cambiarse a outra cousa ou, en último termo, ansiar unha pronta xubilación. Iso non lles impedirá que se lles engole a voz falando do ensino e as súas virtudes, se os avatares dos seus novos mesteres o demandan. Pero aos poucos, os novos deberes e servidumes leváronos a esquecer todo aquilo no que se moveron un tempo, para bruñirse un perfil de eficientes executivos, ocupados en máis altos destinos e lealdades.
Ninguén se estrañe, pois, de que, sendo estas actitudes bastante habituais entre moitos que, hai anos, “desertaron do xiz” para ocupar postos dalgún potencial político, sindical ou do que for-, sexan especialmente reiterativas en momentos de cambio político profundo como o que está en marcha. No mixturado paquebote educativo-cultural-deportivo en que navegamos agora, e no das máis avezadas autonomías -donas reais do orzamento-, son perfectamente visibles e audibles para cantos teñan ollos para ver e oídos para oír. Moitos dos tripulantes que están aí levando a agulla de marear, co que din, deciden e, sobre todo coa habilidade que mostran para ofrecerse, servir e adaptarse aos novos detentadores da carta de navegación -o BOE e os seus arredores-, marcan en cada movemento unha crecente distancia respecto ao resto da pasaxe educadora e á xente do común: todos de terceira clase. Criamos que eran dos nosos, cómplices do noso mesmo oficio de ensinantes, que ían ser capaces de entender, polo menos, algunhas das nosas inquietudes e linguaxe, pero non: soamente se entenden a si mesmos e só atenden a como manterse nesas presuntas alturas do poder executivo e os seus circuítos de primeira clase, moi próxima sempre aos botes salvavidas.
Eles son os principais responsables, ademais, de que palabras que tiñan sentido noutros contextos, se desvirtúen cada vez máis e estean pasando a significar agora exactamente o contrario: liberdade, igualdade, calidade, cidadanía...son tan só algunhas delas. É de apreciar, neste sentido, como defenden agora o que antes deostaban e sempre sentíndose elixidos nese mester. Igual que toda servilleta que cre chegar a mantel. cabe interpretar que a súa verdadeira vocación é a de presumir de enxeño para rubir desde a nada e demostrar que sobrepasan ao resto dos docentes máis utópicos en sapiencia, voluntariosa sempre para non confundirse cos iguais. Se á man vén, ata se inventarán un pedigree particular co que soñan todas as noites, ascendidos da miseria proletaria á aristocracia funcionarial. No seu nome, aos outros mortais, inferiores por definición, parece que só lles competise escoitar pacientemente as súas cuitas e lamentar o stress profundo que os adorna de gravidade. Como o emperador espido, ignoran o pracer que lle causan a quen leva a contabilidade das estupideces que, co mareo das alturas, din e fan impunemente..., sempre ao servizo da patria, claro.
María Zambrano tamén advirte que “a verdade necesita dun gran baleiro, dun silencio onde poida apousentarse, sen que ningunha outra presenza se mesture coa súa, desfigurándoa”. Todo o contrario do que lle sucede ao fachendoso: “a vaidade -engade- é unha inchazón de algo que non logrou ser e ínchase para recubrir o seu interior baleiro... O fachendoso dirá todo o que debe calar pola súa falta de entidade..., e calará o que debe ser manifestado: calarao ou o desfigurará pola súa intromisión vaidosa”.
En fin, que ao ensino público víñalle ben -nos postos de mando e nos de máquinas- xente máis íntegra, máis sólida e segura, fiel ante todo ás esixencias da verdade democrática. Sobra a impostura de finxir que todos imos no mesmo barco e sobran, especialmente, estes engreídos en oferente dispoñibilidade para asesorar en como afundir un pouco máis este navío... de todos.
Madrid, 31/ 01/ 2012