A opinión dos docentes...non conta?

12 feb 2012

A marca “ESPAÑA”




Manuel Menor Currás

Non é da “Marca hispánica” do que falan agora. Era este un asunto medieval, concernente á área pirenaico-catalá, destinado a preservar aos francos dos sarracenos conquistadores. Daquela “marca” deriva “marqués”, oficio militar de fronteira antes que rango aristocrático. Tampouco é que queiran sacar a relucir de novo aquilo das dúas Españas que Machado lamentaba, aínda que ao ritmo que imos todo poderá ser. Aquelas diferenzas brutais que podían xear o corazón non estaría de máis non perdelas de vista, por se se nos está indo a man... e a mente.

O afán publicitario -especialmente o turístico- puxo o acento no nome ESPAÑA e, en torno seu, como todo logo que queira ser recoñecible no maremagnum de marcas, inténtanse xerar lazos afectivos que fagan apetecible no exterior canto soe a español. A idea non é nova. Aquel “Galicia calidade” é un dos moitos antecedentes próximos e non son poucos os que soñan con dar impulso ao noso sector terciario baixo este paraugas-talismán, nun mundo globalizado, escorregadizo e, en afortunado símil de Zygmunt Bauman, “líquido”. Non parece, con todo, que ESPAÑA estea acertando en facer corresponder a suave querenza que unha boa marca suscita, cunha realidade congruente. No canto de seducir para que nos queiran e compren a nosa produción ou o noso sol, reiteramos en exceso un aire vintage, só apto para os afeccionados ás vellas connotacións que ESPAÑA xa suscitaba entre románticos tipo Próspero Merimée. Nin sequera para os viaxeiros que polas mesmas datas descubriron no Prado a nosa “escola española” -con Velázquez e Murillo á cabeza-, parece que o que hoxe achegamos como valor engadido significoulles algún valor radicalmente novo. De callar achegas significativas para os tempos que corren, seguramente mirariamos con outra distancia o chauvinismo dos monicreques televisivos franceses cos nosos deportistas.

Non hai marca sen asociacións connotativas do que pretende ser ou conter. A de ESPAÑA, neste presente de febreiro 2012, destaca no concerto mundial por un conxunto de afinidades electivas que nos definen máis próximos ao século XIX que ao XXI. O significado da nosa marca nos últimos tempos estase enriquecendo aceleradamente a conta de cifras de paro e fracaso escolar moi rechamantes e con achegas tan ilustrativas e valiosas como estas:

- XUSTIZA: pasamos de ser relevantes no panorama da xustiza universal, a ver limitadas as razóns de xusticiabilidade. Agora mesmo é máis importante ler os votos particulares dalgúns maxistrados que aterse ao que os seus tribunais deciden: un signo claro do que potencialmente dá de si o dereito internacional, pero sobre todo, do que na práctica limita a España no seu libre exercicio. O cal non obsta para que, á contra, sexamos capaces de dar a nota en sede xudicial de alto membrete pola interpretación de bizantinismos técnicos, mentres condenamos severamente a quen ouse instruír causas seguindo procedementos pouco axustados ao que como gremio consideremos conveniente. Esta afección aos nominalismos xurídicos, irreprochablemente independentes do que a realidade social esixe, unida a decisións aristocratizantes que se compadecen mal coa igualdade democrática, en nada propician o afecto ás nosas institucións. É evidente que, o que o novo Ministro de Xustiza propón para a elección do Consello Xeral do Poder Xudicial non pode ser máis coherente con esta dinámica. Xa todos nos miran con eloxio e propóñennos como exemplo no universo, pola nosa coraxe, coherencia e dignidade en volver proclamar que mexan por un e hai que dicir que chove.

- COSTAS: xa brillaba o noso Mediterráneo polo esplendor da muralla cementicia que resgardaba o interior da súa conexión natural co mar e empezabamos a dubidar de que fose ese o motivo do noso éxito turístico. Xa concluiramos que o afán por alicatar toda a Península podía ser perigoso, agora que o ladrillo está de canga baixa. Xa estabamos asumindo que o turismo tradicional de sol e praia tiña os días contados. E nisto chega o novo Ministro de Agricultura para anunciar que a Lei de Costas volve onde adoitaba, de modo que eses 100 metros de obrigada servidume pública que tanto custara preservar, poderán ter agora novos usos e concesións. En fin, xa nos imos facendo á idea de que o fetén era outra “desamortización” innovadora, da que desconfiabamos seriamente. Pronto declararán monumento nacional o hotel almeriense “El Algarrobico”, próximo a Carboneras. Para que os que non estean de acordo vexan exemplarizantes para o ben común os negocios duns poucos, por máis que danen o medio ambiente nunha zona tan sensible e aínda que poñan moi difícil conciliar a ética coa estética.
- MODERNIDADES VARIAS: cada día que pasa proliferan máis. O comportamento sexual da xente volve ser, desde o punto de vista oficial, algo de prioritaria relevancia lexislativa para España, vixía de Occidente. Mírense ben no noso BOE todos cantos queiran admirarnos. Tanto o aborto como a pílula do día despois son asuntos de primeira orde, nos que non só se marcan liñas redefinitorias do ser español senón as de calquera cidadán que se prece de tal. Outras políticas, como a da moratoria ás axudas para enerxías renovables, sitúannos na vangarda das urxencias que temos como habitantes da Terra. E gran modernidade é, tamén, que a oposición, a estas alturas de 2012, trate de intimidar a este Goberno con denunciar o Concordato co Vaticano, cando non é crible que queira romper con tan vello signo de identidade: desde 1851, en que fixemos o primeiro, non fixemos máis que renovalo sucesivas veces, e os que agora amagan coa súa denuncia ata melloraron as condicións deses acordos.

- EDUCACIÓN: segue ofrecendo gran riqueza semántica. Cada día que pasa os españois imos ser máis admirados en todo o orbe pola nosa inventiva neste terreo en que as palabras non significan case nada. Cabe dicir, parodiando a Swift, que neste ámbito, símbolo de todo o demais, logo de tantos anos de verbosidade irrefreable temos sobradamente o necesario para odiarnos, pero non o suficiente para amarnos os uns aos outros. Nun país de tradición cristiá soa raro, pero a pesar de tantos anos de catecismo nas escolas, os sorrisos dos nosos gobernantes non deixan de soar mendaces. Non é para fiarse o que, en nome dun posible “adoutrinamento” supriman a insignificante Educación para a Cidadanía. Menos o é a súa ansiedade por reestruturar o último ano de ESO e aumentar como descubrimento a formación profesional dual, ao estilo alemán, cando non hai diñeiro nin tradición de tal índole nas nosas empresas e cando só en Madrid, houbo este ano 10.000 alumnos que non atoparon a formación profesional que buscaban. Tantos anuncios ocos para que o suposto adianto dun ano de Bacharelato xere unha selección desigualadora, maior da existente, e facilite a ambición de detraer máis subvencións cara ao ensino privado. Seguimos, pois, empeñados no estéril non sexa que consensuando o que sexa máis xusto e equilibrador para todos deixe de ter razón Swift ou empezo ESPAÑA a mellorar nas listaxes educativas da OCDE. Tanto invocamos uns e outros a esta organización, que debieramos empezar por ler xuntos o seu último informe sobre equidade e igualdade, para evitar “escolas en desvantaxe”.

- DEREITOS SOCIAIS: Swift era un irlandés do XVIII, pero á luz do que se acaba de dar a coñecer como última reforma laboral, avanzada senlleira do que vén sendo esta ESPAÑA cada vez menos animada a defender os dereitos conquistados polos nosos antepasados desde 1882, témome que era un avanzado. Nas súas Instrucións aos domésticos, soubo recrear unha sociedade libre e enxeñosa, a pesar da escravitude que caracterizaba a vida da maioría das súas conxéneres. A nosa actual marca “ESPAÑA” parece que nos quere levar cara  máis atrás aínda. O progreso que estamos facendo na vía dos desequilibrios sociais, conduciranos sen dúbida a saber mellor quen debe mandar e quen obedecer; aprenderemos a calarnos e a ser hipócritas cos quen teñan a ben darnos algunha esmola, amén. Pero non por máis beneficencia aumentará a xustiza social. Para os benpensantes neste terreo, tamén Swift lles deixou escrita unha Modesta proposición para impedir que os fillos dos pobres en Irlanda deixen de ser unha carga aos seus pais e ao seu país, e sexan útiles ao resto da xente.


Son curiosas dúas noticias contrarias que lin este sábado, 11 de febreiro, no mesmo periódico. Por unha banda, esta ESPAÑA como Deus manda -a que temos- non é do gusto da Comisaria Europea de Educación, que “ve a situación moi preocupante”. Mentres, á nosa Vicepresidenta, aflixida polo que dirán, “preocúpalle a imaxe que se está trasladando de ESPAÑA”. Cambien as palabras por feitos significativos coherentes e seguramente verán que a marca ESPAÑA será validada internacionalmente como atractiva e eficiente. Todo pasa por decantar mellor os ingredientes que a sustentan, empezando por que todos os seus cidadáns -e non só unha fracción- se sentan formando parte dun proxecto compartido. Ao deseño actual sóbranlle excrecencias de resabios anticuados e carece da elasticidade indispensable para que o común da xente se senta cómoda: non todo se arranxa con mercadotecnia comunicacional, modulable a conveniencia.

(Madrid, 11/ 02/ 2012)

No hay comentarios:

Publicar un comentario