A opinión dos docentes...non conta?

26 sept 2012

Era visto...importa a instrución non a educación.



Estes días de pre-campaña andan conselleiros e ata ministros buscando unha foto nos medios...Que se un paseíño pola escola rural (que non pecharon porque os pais se mobilizaron e buscaron matrícula mesmo traendo xentes de fóra) que se un planciño para retellar as goteiras da catedral, que se me poño na foto das empresas que andan "dinamizando" la lengua etc. O noso conselleiro e candidato número un pola provincia de Ourense non perde a ocasión de buscar os obxectivos das cámaras e é quen de poñerse nas fotos máis insospeitadas; igual aparece comendo pemenos na Arnoia, que bebendo viño na feira de Ribadavia ou na festa da Istoria, que no "Reperkusión" ou a homenaxe ao padre Silva. Quitada a excepción do comezo do curso -no que non quixo "retratarse" como o ano pasado-, no resto, non perdeu ocasión  de "chupar" cámara.

Lástima que os feitos sexan tan teimudos e veñan a "emporcallar" unha vez máis as bonitas fotos que se vén facendo o conselleiro día tras día. Agora o ministro Wert, coa súa recentemente presentada reforma educativa, (que segue ao pé da letra as liñas de austeridade iniciadas na Xunta), acaba de restarlle algúns puntos ao noso "brillante" conselleiro. (Por certo, os actos propagandísticos institucionais deben estar prohibidos pola Xunta Electoral dende que se convocan eleccións, non si?). O ministro Wert coa súa reforma quere facer un sistema educativo que non adoutrine (ha, ha), que non discrimine ( ha, ha...o das reválidas tráenos un saborciño do máis rancio...) e sobre todo que UNIFORMICE (por certo, dámoslles cartos aos centros que ademais de lles poñer garabata os nenos e saia as nenas os separan en aulas diferentes -non sexa o demo-, seguindo o criterio do ministro -e tamén do noso conselleiro- "las niñas con las niñas, los niños con los niños" mesmo en contra da sentenza do Tribunal Supremo).

Agora vemos nesta reforma a eliminación do Bacharelato das Artes Escénicas, Música e Danza...
ERA VISTO! Estabamos condenados. Con este goberno todo o que se saía do cerril esquema cuadriculado da súa miope visión da educación hai que eliminalo. Elimínase a atención á diversidade, elimínanse apoios, elimínanse profesores para programas de apoio, péchanse escolas no rural, péchanse programas como os de preescolar na casa, etc... Todo o que saia dunha educación uniformadora, elitista e segregadora debe ser debilitado, perseguido e, a poder ser, eliminado.

Non somos profetas, pero isto víase vir. Cando pecharon o noso centro, O IES PORTOVELLO, fixemos a predición de que o Bacharelato das Artes corría un serio perigo. O tempo vén dándonos a razón. Non interesa potenciar os talentos e as capacidades duns alumnos que son "excepcionais", interesa que os alumnos sexan normais, a ser posible, pouco críticos...que estean instruídos, -a ser posible todos por igual, estandarizados- pero non que estean educados, e moito menos educados na liberdade e no pensamento crítico. Interesa a instrución, non a educación.

23 sept 2012

Xubilacións sen xúbilo

Manuel Menor Currás 

Antes de que se inicie o inverno, con toda probabilidade estarei xubilado. Non sinto, con todo, o xúbilo que sería de rigor. Nin por deixar atrás as molestias dun longo traballo na aula con adolescentes nin, tampouco, porque considere especialmente relaxada a seguinte etapa de vida. Embárgame, en cambio, certa tristeza: non creo que logre pasar ao esquecemento a deterioración que están producindo moitas políticas nos esforzos destes últimos corenta anos por mellorar a educación recibida. Teño a sensación de abandonar un barco xusto nun momento de máxima inquietude, cando máis falta fariamos todos, pero tamén exactamente cando o crecente malestar laboral que me tocou vivir nos últimos anos, máis me inclina a pensar que me vou porque me botan que porque a perentoriedade dos anos se me impoña. 

Sinceramente, non hai nada que celebrar. Un afíxose á “apertura”. Xa saben, o pouco que, aos poucos, foramos logrando desde finais dos sesenta. E, de súpeto -por mor da crise, pero sen que ela teña nada que ver-, queren devolvernos aos anos da “fechadura”. Todo o tempo intermedio -o que abarca integramente a miña vida laboral- é coma se non existise. Xa é unha etapa extraviada que se quere suprimir do relato -nunha elipse do aprendido-, para aforrar complexidades e retomar o fío narrativo do tempo anterior á democracia. Ata as palabras que nos guiaron nese tránsito están sendo sepultadas ou terxiversadas para impor de novo un vocabulario que criamos arrombado. Xa que logo, neste momento -en que pronto deixarei as clases de Secundaria- non vexo que teña nada que celebrar. Síntome como o inminente emigrante ao que Celso Emilio Ferreiro dicía: 

 Mentras o tempo da patria non chega
 mentras non pasa o tempo que denigra
 deixa ise escuro afán que te atafega 
¡Fuco Buxán, emigra! 

No xogo da oca que se nos antolla ser o percorrido de educadores e educandos por estes anos, a volta inminente ás casas de partida xa está decidida. Non é froito do azar e vén precedida por unha detallada guía de viaxe por onde se quere que transcorra nos próximos anos e, se é posible, de xeito definitivo, “a mellora” do sistema educativo. Como máis dun cento de veces sucedeu na superlexislada educación española desde os seus inicios, a clave do arranxo dos problemas volve encomendarse a unha nova lei que, como primeira reacción inmediata en moitos cidadáns, suscita xa antes de nacer a necesidade urxente doutra nova lei: verémolo no trámite parlamentario, por conciso e rápido que este sexa. Provisional de partida, só é unha gran perda de tempo, e máis nunha época de escaseza de medios como esta, ao continuar esa inútil tendencia de moitos gobernantes á grandilocuencia vacua. Poida que o Sr. Wert crea que co seu proxecto lexislativo arranxará algo e, ademais, democraticamente. Pero de sobras saben os que historiaron as reviravoltas das nosas sucesivas “guerras escolares”, que ao único que conducen os tancredismos neste terreo é a prorrogar o desencontro social e a soster a hexemonía oligárquica duns poucos. E tamén é sabido que nesta, como en moitas outras facetas sensibles da vida colectiva, o que non é diálogo é mera imposición e dominio abusivo. No noso sistema educativo, a pesar do logrado en todos estes anos anteriores -desde antes da Transición-, temos importantes problemas. Claro que si: en que non os temos? A cuestión é que, mentres para as súas alternantes predecesores destes anos no MEC, a educación nunca tivo unha atención sostida como debese, para a xente a quen di representar este Ministro a educación pública é algo subsidiario -doutra categoría e nada igualitaria- respecto da clientela do ensino privado, á que non se dubida en consentir. En realidade, repite en educación o que os seus colegas fan coa débeda soberana: ao socializar perdas e privatizar servizos sabemos case sempre de antemán quen gana e quen perde. E estas posicións de partida non se arranxan cunha lei, por moi orgánica que queira ser. A pesar do cal, sempre -pero máis en tempos como os que corren-, sería máis eficiente para unha substantiva mellora do que nos falta por percorrer en educación -e indirectamente, para o funcionamento real da nosa democracia-, o traballo serio, paciente e constante por conxuntar vontades no diagnóstico certeiro dos problemas e na procura pactada de solucións. Todos os informes empíricos o demostran, incluído o da OCDE último sobre equidade dos sistemas educativos.

 Os destinatarios de moitas reformas adoitan ser, ante todo, os medios de comunicación, que teñen aí un magnífico campo de negocio: o apaixonamento, máis que a información, facilita a liberdade de mercado. A continuación -ou en perfecto ensamblaxe transversal-, o Ministro e os seus asesores encheranse de gloria e parabéns dos seus. Sen gastar un peso -pois segue a tradición de que case ningunha das nosas leis educativas importantes foi acompañada de compromiso económico para executala con dignidade-, tamén nesta ocasión pasaranse unha tempada no “candelabro” tras o máxico pretexto de “mellorar” o sistema. En terceiro lugar, virán os sufridores-executores do proxecto cando este alcance o parabén formal de pasar ao BOE. Alcanzado ese Olimpo, o Ministro deixará o escenario e, aos poucos, reaparecerá a túzara realidade con todo tipo de interrogantes non contestados a tempo; a cantos manterá esta nova Lei no privilexiado limbo onde sempre estiveron? A que alumnos e alumnas llescambiará a vida, perturbaralla profundamente ou os deixará fóra de xogo? Cantos e que profesores se implicarán de verdade nas novidades que arrastre o seu novo deseño organizativo e curricular? Canto custarían as medidas que necesariamente implican diñeiro? Que eficacia de resultados desenvolverá, en que liñas e á conta de quen? Canto tempo de vida, en fin, se lle, poderá auspiciar? A quen se lle reclamarán os moi probables desaguisados que provoque?... 

Todo indica, no entanto, que esta non-nata Lei Orgánica introducirá medidas de gran calado no sistema educativo español. Circula desde o verán unha detallada guía das correccións que imprimirá a canto, segundo entende, vai mal ?(Cfr.: Proposta para o anteproxecto de Lei Orgánica para a mellora da calidade educativa, MCDE, 09/07/12). O Consello de Ministros do pasado 21 de setembro confirmounas e todo suxire que o “órgánico” da mesma está moi próximo a determinadas connotacións do sistema franquista. Pouco importa que ese adxectivo denote o segundo rango lexislativo no noso sistema constitucional. En puridad esa formalidade debe corresponderse cunha consistencia que non vai ter. Non pasará de ser algo provisional, sobre todo porque pretende evitar unha rica experiencia educadora acumulada no transcurso de todos estes anos e, ademais, por non ter en conta -como se de reinventar a educación ex novo se tratase- o amplo arsenal de conceptos e boas prácticas que ten validado o mundo científico máis implicado nos asuntos educativos. Poderán ser dubidosas algunhas conclusións de canto os máis recoñecidos investigadores neste ámbito dan por valioso, pero o que non é de recibo é tratar de coar por imposición lexislativa o que é mero pre-xuízo persoal ou grupal, cando non ignorancia atrevida. Cando, ademais, o que se propón e quere sacar adiante resulta un grave prexuízo -chámese preterición, esquecemento ou desprezo- dunha parte sensible dos destinatarios desta proposición de Lei, non resulte estraño que de inmediato xurdan graves discrepancias, sen que se avanzase nada en resolver de verdade os problemas reais que temos. Como engado de distracción, talvez induza á perplexidade aos xa avisados do absurda que pode ser a estupidez humana.

Este peculiarísimo modo de arranxar o país, e a súa mimética tradución na prosa con que o conta o anteproxecto de Lei, prolongada nun amplísimo espectro de medios. Esta sétima Lei Orgánica desde a Transición, ademais de pillar a moita xente queimada, emprega unha linguaxe en que o que di e como se di, sumado ao deixe dos que falan polo seu conduto, produce cansazo. Xa tomarían nota do que significan “recortes” e “tarteiras”. Sumen o que levan, agora decididamente, “pública-privada”, “reválidas”, “itinerarios temperáns”, “selección”, “segregación”, “discriminación de alumnos” -e alumnas-, valoración e condicións do “profesorado”, “dirección administrativa dos centros” -os residuais que queden-, papel “consultivo” de “pais” –“uns” e “outros pais”- no desenvolvemento dos centros e do sistema, “recentralización curricular” -máis potente aínda que a “autonómica”-, “intolerancia cognitiva”, “metodoloxías” periclitadas..., tempos e medios máis atentos ás formalidades que lle veñen ben á “produtividade económica” que a cantas traten de desenvolver o “crecemento” persoal e “cívico”. Nestes tempos de confusión , en que o que manda é, segundo Juan Carlos Monedero, El gobierno de las palabras (FCE, 2009), estean atentos ás retóricas aparencias de “mellora” e “excelencia” que se lle vén encima ao renqueante sistema educativo que temos e a como se confirma como clásica a tradicional dicotomía do “estudas ou traballas”. Non son o único de cantos optaron por xubilarse con austeridade e sen xúbilo, como non sexa o de non ter que aplicarnos con afán á nova xerga dominante que, por imperativo legal, se nos impón. Volveremos reler -para decatarnos mellor- os libros e traballos de prensa con que, naqueles anos, nos ilustraron Máximo, Forges, o Perich, Summers, Ops-O Roto, e ata Peridis, porque contan -milagrosamente ben- o que está pasando agora mesmo.

 Madrid, 22/ 09/ 2012

13 sept 2012

Escola expandida: un concepto diferente...

A transferencia de coñecemento non sempre se ten que producir dunha maneira lineal vertical. Todas as persoas teñen algo  que ensinar e todos...todos temos moito que aprender...

O documental narra a experiencia vivida no IES  Antonio Domínguez Ortiz (situado no barrio das Tres Mil Vivendas de Sevilla) durante o desenvolvemento dun obradoiro de intercambio de coñecementos. Unha mirada crítica e desafiante ao interior del sistema educativo tradicional, unha pregunta formulada en forma de resposta: a educación pode suceder en calquera momento, en calquera lugar.


6 sept 2012

UN OUTONO RECESIVO: Entre a realidade e a felicidade



Manuel Menor Currás


Estabamos reiniciando o traballo post-estival cando o noso Presidente aparentou empezar a saber de que ía “a realidade”. O portugués mellor pagado de Madrid aseguraba namentres que non era “feliz”. Na Autónoma, a dura realidade arrincaba agres expresións, xusto no momento en que se pretendía cumprir o ritual pacífico da inauguración de curso, con infeliz asombro dos que esperaban un acto-académico- máis aséptico. Pola Rede circulaban, desde había tempo, convocatorias de protesta masiva. Entre a desesperanza e a urxencia de facer algo que puidese cambiar a imperturbable secuencia da “realidade”, ninguén apostaba por un outono tranquilo. De entrada, o inicio de setembro presentábase renqueante e contraditorio.

A realidade” de Rajoy amaga con ser unha entelequia descoñecida, en fase de descubrimento, ante a que se mostra ignorante e irresponsable. O primeiro, porque necesitou nove meses para decatarse: en ningunha das súas promesas electorais figuraba tal coñecemento, como pode deducirse do que logo deu en facer con rudo materialismo conceptual e ningunha mira espiritual. O segundo é patente porque, de paso que parece estarse decatando dos limitados perfís que ten o exercicio de gobernar desde a máis encumbrada posición executiva do Estado -e sen pedir desculpas de nada-, quere transmitirnos que “a realidade” é ingobernable ou que, polo menos, el ben quixera facer as cousas doutro xeito pero que non pode, porque se lle impoñen imponderables cos que non contaba.
Razóns hai, en todo caso, para entender que isto da “realidade” non é un mero recurso retórico, por máis que se trate dun personaxe afeito a saírse pola tanxente en situacións de particular dificultade. Recorden, sen furgar demasiado na hemeroteca, aqueles “finos hilillos de plastilina” cando o Prestige derramaba cru nas costas galegas-, ou como ata hai nada se veu escudando na “herdanza recibida”. Agora que aquela nena modélica con que soñaba ante os seus electores de anos atrás e o da “herdanza” propiamente dita xa non dá para nada -pois xa fai moitos anos que somos un país intervido en moitas das súas decisións fundamentais-, do que se trataría sería de que puidésemos valorar os pretendidos coñecementos e oportunidades que ía xerar a súa mera presenza á fronte do Executivo. Resulta, con todo, que co que nos topamos é con que “a realidade” é un impedimento de difícil ou imposible superación. E aos cidadáns, votantes ou non da súa candidatura, resúltalles altamente insatisfactoria esta oca explicación: nin sequera intenta dicir que sexa nin parece que vaia encomendalo aos filósofos do Partido. Non debe estrañarse, pois, de que o seu Goberno estea perdendo cada día un pouco máis o aprecio cidadán.
As consecuencias desta desafección -extensivas á leal oposición- traspasan os xogos semánticos. Moitos dan en pensar que o que trasloce este repentino apego á “realidade” é que, impotentes para ocultar a radical debilidade de ser uns mandados, só se atreven a aparentar ser fortes ante a débil cidadanía. Como en todo réxime colonial e sen soberanía real para decidir, só quedaría por ver ata onde poden aturar que lles marquen o ritmo das súas decisións de goberno. Este é o xogo real en que estamos metidos. Co agravante de que se o capitán alega descoñecemento, só aumenta a confusión e desesperanza dos pasaxeiros da nave que di tripular.

A realidade” da xente do común -durísima para unha gran parte de cidadáns- é, namentres, que as aprendizaxes de Rajoy e a súa tripulación non teñen nada de metafísico. Os seus descubrimentos sobre do “principio de realidade” tradúcense, día a día, en interminables recortes ás prestacións que o Estado lles debe e en aumento das cargas impositivas. En demasiados casos, resulta xa insostible a combinación de medidas que afectan á educación dos seus fillos, á atención sanitaria que puidesen necesitar, ás circunstancias que o paro ou a limitadora vellez lles impón. Sumado todo iso á continuada subida do IRPF, do IVE, das taxas diversas e variadas, dos impostos indirectos ou das subas de carburantes, enerxía e transportes -entre outras moitas que non nos ían a subir-, resulta unha combinación conducente a unha crecente depresión non só económica senón, ademais, de todo tipo de vida comunitaria, co consecuente enrarecemiento da vida colectiva.
Esta é a outra “realidade” -absolutamente contraditoria co prometido- que nos están creando. Ás veces, ata parece que gozasen con iso, pois non se entenden as reiteradas expresións impropias de moitos destes gobernantes cando nos están cambiando ou suprimindo as institucións de protección social que tiñamos. Tan sumidos parecen  na súa “alta responsabilidade” de mirar para o seu privilexiado embigo, que non se decatan de que lles pagamos para que nos representen, non para que nos insulten coa súa falta de empatía cara ás nosas adversidades ou diversidades. E menos cando, por ignorancia ou por prexuizados fundamentalismos crédulos, queren  cambiarnos “a realidade” coas súas teimas de perspectiva. Deberían saber que, cos seus modos de falar, co discurso que esgrimen como un credo, e cos seus xeitos explícitos de lexislar -sen dialogar, debater, parlamentar, propor ou pactar se fixese falta-, non só escachan as fráxiles tolerancias mutuas que entre todos fomos construíndo, senón que parecen gozar cos enfrontamentos intolerantes.
No mundo educativo coñecemos ben como moitas decisións se tomaron para dividir, segregar, fragmentar e enfrontar, pensando máis no ventaxismo de clase que na posibilidade de avanzar desde a igualdade como utopía. Examinen amodo os case trinta decretos que, sen case coñecemento do Parlamento, levamos xa enriba nesta lexislatura e verán de que vai a cousa -sen que teña nada que ver niso a vixilancia dos “homes de negro” últimos ou a xa famosa “prima de risco”. Poderanse  ver en bastantes deles, a doutros homes de negro, cuxa compañía parece secularmente imprescindible desde Teodosio. Avalíen, en fin, de que vai a nova TVE, os seus informativos e programas. Comparen co que estimen máis adecuado para a honesta información e a convivencia e deduzan as conclusións pertinentes. Seguro que algo poderán dicir entón que dea fe sobre  “a realidade”.

En canto á felicidade do dianteiro madridista, chama a atención o amplo eco mediático que suscitou, con máis motivo que as nosas enfraquecidas páxinas de prensa non deixan de cubrir amplamente as nimiedades futbolísticas con todo tipo de detalles. Coma se nestas realidades virtuais  nos fose a vida ao resto dos españois. Desproporcionado parece, en todo caso, este foco de descoido nacional, tal como pintan as circunstancias en tantos outros asuntos.
Hai, de todos os xeitos, nisto da “felicidade” como argumento ou como horizonte de vida, un “topos” reiterado ao longo de case toda a historia da humanidade. Raro é o filósofo que non lle prestou atención, especialmente cando tocou a ética ou a moral. Cantos sexan ou foron lectores de contos advertirían que é motivo recorrente, cando non principal, da gran maioría; e que dicir do cine e os seus clásicos happy End. Nos últimos tempos, nin a economía lle é allea nin, menos aínda, a publicidade e propaganda. Como atractivo estímulo de fácil instrumentación, presente está en todo folleto de autoaxuda e nos medios de adoutrinamiento de todo xénero de grupos sectarios de variadas pelames. E tras todo iso, sen dúbida, hai e houbo sempre tamén, determinados modos de entender, con certo afán de harmonía ou pacto social por medio, as relacións e transaccións políticas entre os cidadáns -ou os súbditos no seu caso- e os seus gobernantes. Os reis autoritarios, e os absolutistas, xa falaban da “felicidade dos seus súbditos” con gran desenvoltura e ningún compromiso. A nosa Constitución de Cádiz, facéndose eco das ideas ilustradas do XVIII, tamén expuxo “a felicidade cidadá” como obxectivo político. Antes, xa o fixo a de EEUU, pero ao que aquí interesa, conveniente é recordar algo que descubriu Anna Arendt ao estudar a documentación que lle dera cobertura: tan só se trataba da conservadora individualidade burguesa, non dunha liberación igualitaria.
O dianteiro portugués fala de “a súa felicidade” -sen que saibamos ben de que vai. O noso Presidente, cando nos di que non contaba con “a realidade” e decreta compulsivamente como combatela, emprázanos para un “futuro feliz” sen que saibamos tampouco se chegará, quen a gozará ou, se resultase ser un novo conto da leiteira, se ía ser por fin consecuente. Xa que logo, máis que distraerrnos discutindo o sentido de palabra tan equívoca e polivalente -sen norma fixa de referencia e con tantas cabezas como sentenzas para interpretala-, máis ben debésemos esixirlle ao Sr. Rajoy -e á comitiva de gobernantes, parlamentarios e representantes do noso sistema político- que nos explicase de que vai a súa xustiza distributiva e en que se traduce para todos os efectos para o común da cidadanía. Sirva de exemplo o que está facendo ou consentindo que se faga co noso ensino público: é un bo baremo para xulgar con obxectividade o seu concepto de “felicidade” e, como non, a correlación que ela teña con “a realidade” e o modo político de enfrontala. O outono tamén vale para isto; non só para a recesión depresiva que parece invadirnos.


Madrid, 05/ 09/ 2012

3 sept 2012

Manuel Rivas tamén denuncia o peche de programas críticos...

No seu artigo publicado no País do 2 de setembro, M. Rivas denuncia o que está a pasar co proceso de "substitución" de programas nos medios públicos. Velaquí o texto do seu artigo ( a tradución é nosa)...



Nos últimos meses, nun país do Occidente máis próximo, liquidouse unha experiencia neutral e independente de medios de comunicación públicos. Un país onde o Goberno fulminou ese modelo de pluralismo e rigor, tan laboriosamente conseguido, e fíxoo utilizando un procedemento de excepción, por decreto-lei, para rebentar un dos cimentos da confianza básica que sostén unha democracia. Esa alteración foi seguida de inmediato dunha cadea de cesamentos e nomeamentos baseada na política de amigo/inimigo, tan cara aos patróns autoritarios.

Se nos atemos á precisión histórica, o que se produciu é un proceso de purgas e de apropiación sectaria da televisión e radio públicas. Non falo da Venezuela de Chávez. Nin da Hungría de Orbán. Falo da España do Como Dios Manda. Este foi un verán de incendios forestais. Pero tamén se queimou parte da mellor madeira do xornalismo español: Ana Pastor, Juan Ramón Lucas, Xavier Fortes e os editores e presentadores do equipo que dirixía Fran Llorente.

O cinismo imperante pretende facernos crer que hai unha lóxica interna nas substitucións de RTVE despois do cambio político. Pero os cesados non son políticos. Son xornalistas cun balance inapelable. Con menos medios que en tempos pasados, colocaron a RTVE no seu mellor momento. Nunca os informativos estatais foran tan fiables, nin tampouco, desde que existe pluralidade de cadeas, mantivéronse tanto tempo á cabeza de audiencia.

Por dicilo ao xeito olímpico, tan do gusto de Rajoy, despídeselles logo de gañar unha medalla. Non, non é unha substitución. É unha caza de bruxas. As purgas fóronse producindo sen apenas resposta na opinión que se reclama liberal, nun escandaloso silencio de vacacións morais. Que vergoña. Hai quen vai todo isto como parte da paisaxe natural. O que o partido vencedor, ademais por maioría absoluta, actúe sempre como unha facción de intereses. Síntoo, pero non me afago a este triunfo da dopaxe ideolóxica. A esta pulsión cainita. Ademais de inxusto, todo isto é absurdo.

Os conservadores gañaron as eleccións co defenestrado modelo público. E antes perdéronas por causa do servizo de manipulación, que agora está de volta. Hai días en que se retrocede séculos. Non aconsellaría ás dúas mozas punkies do grupo Pussy Riot, fuxidas de Rusia, achegarse por aquí. ¡O último programa intelixente devorado, en Radio 3, chámase Carne cruda!



Derradeiro programa: Lo llevamos crudo.
Comentarios do director e presentador do programa: Ni vencéis ni convencéis