A opinión dos docentes...non conta?

23 sept 2012

Xubilacións sen xúbilo

Manuel Menor Currás 

Antes de que se inicie o inverno, con toda probabilidade estarei xubilado. Non sinto, con todo, o xúbilo que sería de rigor. Nin por deixar atrás as molestias dun longo traballo na aula con adolescentes nin, tampouco, porque considere especialmente relaxada a seguinte etapa de vida. Embárgame, en cambio, certa tristeza: non creo que logre pasar ao esquecemento a deterioración que están producindo moitas políticas nos esforzos destes últimos corenta anos por mellorar a educación recibida. Teño a sensación de abandonar un barco xusto nun momento de máxima inquietude, cando máis falta fariamos todos, pero tamén exactamente cando o crecente malestar laboral que me tocou vivir nos últimos anos, máis me inclina a pensar que me vou porque me botan que porque a perentoriedade dos anos se me impoña. 

Sinceramente, non hai nada que celebrar. Un afíxose á “apertura”. Xa saben, o pouco que, aos poucos, foramos logrando desde finais dos sesenta. E, de súpeto -por mor da crise, pero sen que ela teña nada que ver-, queren devolvernos aos anos da “fechadura”. Todo o tempo intermedio -o que abarca integramente a miña vida laboral- é coma se non existise. Xa é unha etapa extraviada que se quere suprimir do relato -nunha elipse do aprendido-, para aforrar complexidades e retomar o fío narrativo do tempo anterior á democracia. Ata as palabras que nos guiaron nese tránsito están sendo sepultadas ou terxiversadas para impor de novo un vocabulario que criamos arrombado. Xa que logo, neste momento -en que pronto deixarei as clases de Secundaria- non vexo que teña nada que celebrar. Síntome como o inminente emigrante ao que Celso Emilio Ferreiro dicía: 

 Mentras o tempo da patria non chega
 mentras non pasa o tempo que denigra
 deixa ise escuro afán que te atafega 
¡Fuco Buxán, emigra! 

No xogo da oca que se nos antolla ser o percorrido de educadores e educandos por estes anos, a volta inminente ás casas de partida xa está decidida. Non é froito do azar e vén precedida por unha detallada guía de viaxe por onde se quere que transcorra nos próximos anos e, se é posible, de xeito definitivo, “a mellora” do sistema educativo. Como máis dun cento de veces sucedeu na superlexislada educación española desde os seus inicios, a clave do arranxo dos problemas volve encomendarse a unha nova lei que, como primeira reacción inmediata en moitos cidadáns, suscita xa antes de nacer a necesidade urxente doutra nova lei: verémolo no trámite parlamentario, por conciso e rápido que este sexa. Provisional de partida, só é unha gran perda de tempo, e máis nunha época de escaseza de medios como esta, ao continuar esa inútil tendencia de moitos gobernantes á grandilocuencia vacua. Poida que o Sr. Wert crea que co seu proxecto lexislativo arranxará algo e, ademais, democraticamente. Pero de sobras saben os que historiaron as reviravoltas das nosas sucesivas “guerras escolares”, que ao único que conducen os tancredismos neste terreo é a prorrogar o desencontro social e a soster a hexemonía oligárquica duns poucos. E tamén é sabido que nesta, como en moitas outras facetas sensibles da vida colectiva, o que non é diálogo é mera imposición e dominio abusivo. No noso sistema educativo, a pesar do logrado en todos estes anos anteriores -desde antes da Transición-, temos importantes problemas. Claro que si: en que non os temos? A cuestión é que, mentres para as súas alternantes predecesores destes anos no MEC, a educación nunca tivo unha atención sostida como debese, para a xente a quen di representar este Ministro a educación pública é algo subsidiario -doutra categoría e nada igualitaria- respecto da clientela do ensino privado, á que non se dubida en consentir. En realidade, repite en educación o que os seus colegas fan coa débeda soberana: ao socializar perdas e privatizar servizos sabemos case sempre de antemán quen gana e quen perde. E estas posicións de partida non se arranxan cunha lei, por moi orgánica que queira ser. A pesar do cal, sempre -pero máis en tempos como os que corren-, sería máis eficiente para unha substantiva mellora do que nos falta por percorrer en educación -e indirectamente, para o funcionamento real da nosa democracia-, o traballo serio, paciente e constante por conxuntar vontades no diagnóstico certeiro dos problemas e na procura pactada de solucións. Todos os informes empíricos o demostran, incluído o da OCDE último sobre equidade dos sistemas educativos.

 Os destinatarios de moitas reformas adoitan ser, ante todo, os medios de comunicación, que teñen aí un magnífico campo de negocio: o apaixonamento, máis que a información, facilita a liberdade de mercado. A continuación -ou en perfecto ensamblaxe transversal-, o Ministro e os seus asesores encheranse de gloria e parabéns dos seus. Sen gastar un peso -pois segue a tradición de que case ningunha das nosas leis educativas importantes foi acompañada de compromiso económico para executala con dignidade-, tamén nesta ocasión pasaranse unha tempada no “candelabro” tras o máxico pretexto de “mellorar” o sistema. En terceiro lugar, virán os sufridores-executores do proxecto cando este alcance o parabén formal de pasar ao BOE. Alcanzado ese Olimpo, o Ministro deixará o escenario e, aos poucos, reaparecerá a túzara realidade con todo tipo de interrogantes non contestados a tempo; a cantos manterá esta nova Lei no privilexiado limbo onde sempre estiveron? A que alumnos e alumnas llescambiará a vida, perturbaralla profundamente ou os deixará fóra de xogo? Cantos e que profesores se implicarán de verdade nas novidades que arrastre o seu novo deseño organizativo e curricular? Canto custarían as medidas que necesariamente implican diñeiro? Que eficacia de resultados desenvolverá, en que liñas e á conta de quen? Canto tempo de vida, en fin, se lle, poderá auspiciar? A quen se lle reclamarán os moi probables desaguisados que provoque?... 

Todo indica, no entanto, que esta non-nata Lei Orgánica introducirá medidas de gran calado no sistema educativo español. Circula desde o verán unha detallada guía das correccións que imprimirá a canto, segundo entende, vai mal ?(Cfr.: Proposta para o anteproxecto de Lei Orgánica para a mellora da calidade educativa, MCDE, 09/07/12). O Consello de Ministros do pasado 21 de setembro confirmounas e todo suxire que o “órgánico” da mesma está moi próximo a determinadas connotacións do sistema franquista. Pouco importa que ese adxectivo denote o segundo rango lexislativo no noso sistema constitucional. En puridad esa formalidade debe corresponderse cunha consistencia que non vai ter. Non pasará de ser algo provisional, sobre todo porque pretende evitar unha rica experiencia educadora acumulada no transcurso de todos estes anos e, ademais, por non ter en conta -como se de reinventar a educación ex novo se tratase- o amplo arsenal de conceptos e boas prácticas que ten validado o mundo científico máis implicado nos asuntos educativos. Poderán ser dubidosas algunhas conclusións de canto os máis recoñecidos investigadores neste ámbito dan por valioso, pero o que non é de recibo é tratar de coar por imposición lexislativa o que é mero pre-xuízo persoal ou grupal, cando non ignorancia atrevida. Cando, ademais, o que se propón e quere sacar adiante resulta un grave prexuízo -chámese preterición, esquecemento ou desprezo- dunha parte sensible dos destinatarios desta proposición de Lei, non resulte estraño que de inmediato xurdan graves discrepancias, sen que se avanzase nada en resolver de verdade os problemas reais que temos. Como engado de distracción, talvez induza á perplexidade aos xa avisados do absurda que pode ser a estupidez humana.

Este peculiarísimo modo de arranxar o país, e a súa mimética tradución na prosa con que o conta o anteproxecto de Lei, prolongada nun amplísimo espectro de medios. Esta sétima Lei Orgánica desde a Transición, ademais de pillar a moita xente queimada, emprega unha linguaxe en que o que di e como se di, sumado ao deixe dos que falan polo seu conduto, produce cansazo. Xa tomarían nota do que significan “recortes” e “tarteiras”. Sumen o que levan, agora decididamente, “pública-privada”, “reválidas”, “itinerarios temperáns”, “selección”, “segregación”, “discriminación de alumnos” -e alumnas-, valoración e condicións do “profesorado”, “dirección administrativa dos centros” -os residuais que queden-, papel “consultivo” de “pais” –“uns” e “outros pais”- no desenvolvemento dos centros e do sistema, “recentralización curricular” -máis potente aínda que a “autonómica”-, “intolerancia cognitiva”, “metodoloxías” periclitadas..., tempos e medios máis atentos ás formalidades que lle veñen ben á “produtividade económica” que a cantas traten de desenvolver o “crecemento” persoal e “cívico”. Nestes tempos de confusión , en que o que manda é, segundo Juan Carlos Monedero, El gobierno de las palabras (FCE, 2009), estean atentos ás retóricas aparencias de “mellora” e “excelencia” que se lle vén encima ao renqueante sistema educativo que temos e a como se confirma como clásica a tradicional dicotomía do “estudas ou traballas”. Non son o único de cantos optaron por xubilarse con austeridade e sen xúbilo, como non sexa o de non ter que aplicarnos con afán á nova xerga dominante que, por imperativo legal, se nos impón. Volveremos reler -para decatarnos mellor- os libros e traballos de prensa con que, naqueles anos, nos ilustraron Máximo, Forges, o Perich, Summers, Ops-O Roto, e ata Peridis, porque contan -milagrosamente ben- o que está pasando agora mesmo.

 Madrid, 22/ 09/ 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario