A opinión dos docentes...non conta?

3 sept 2012

Manuel Rivas tamén denuncia o peche de programas críticos...

No seu artigo publicado no País do 2 de setembro, M. Rivas denuncia o que está a pasar co proceso de "substitución" de programas nos medios públicos. Velaquí o texto do seu artigo ( a tradución é nosa)...



Nos últimos meses, nun país do Occidente máis próximo, liquidouse unha experiencia neutral e independente de medios de comunicación públicos. Un país onde o Goberno fulminou ese modelo de pluralismo e rigor, tan laboriosamente conseguido, e fíxoo utilizando un procedemento de excepción, por decreto-lei, para rebentar un dos cimentos da confianza básica que sostén unha democracia. Esa alteración foi seguida de inmediato dunha cadea de cesamentos e nomeamentos baseada na política de amigo/inimigo, tan cara aos patróns autoritarios.

Se nos atemos á precisión histórica, o que se produciu é un proceso de purgas e de apropiación sectaria da televisión e radio públicas. Non falo da Venezuela de Chávez. Nin da Hungría de Orbán. Falo da España do Como Dios Manda. Este foi un verán de incendios forestais. Pero tamén se queimou parte da mellor madeira do xornalismo español: Ana Pastor, Juan Ramón Lucas, Xavier Fortes e os editores e presentadores do equipo que dirixía Fran Llorente.

O cinismo imperante pretende facernos crer que hai unha lóxica interna nas substitucións de RTVE despois do cambio político. Pero os cesados non son políticos. Son xornalistas cun balance inapelable. Con menos medios que en tempos pasados, colocaron a RTVE no seu mellor momento. Nunca os informativos estatais foran tan fiables, nin tampouco, desde que existe pluralidade de cadeas, mantivéronse tanto tempo á cabeza de audiencia.

Por dicilo ao xeito olímpico, tan do gusto de Rajoy, despídeselles logo de gañar unha medalla. Non, non é unha substitución. É unha caza de bruxas. As purgas fóronse producindo sen apenas resposta na opinión que se reclama liberal, nun escandaloso silencio de vacacións morais. Que vergoña. Hai quen vai todo isto como parte da paisaxe natural. O que o partido vencedor, ademais por maioría absoluta, actúe sempre como unha facción de intereses. Síntoo, pero non me afago a este triunfo da dopaxe ideolóxica. A esta pulsión cainita. Ademais de inxusto, todo isto é absurdo.

Os conservadores gañaron as eleccións co defenestrado modelo público. E antes perdéronas por causa do servizo de manipulación, que agora está de volta. Hai días en que se retrocede séculos. Non aconsellaría ás dúas mozas punkies do grupo Pussy Riot, fuxidas de Rusia, achegarse por aquí. ¡O último programa intelixente devorado, en Radio 3, chámase Carne cruda!



Derradeiro programa: Lo llevamos crudo.
Comentarios do director e presentador do programa: Ni vencéis ni convencéis

No hay comentarios:

Publicar un comentario