A opinión dos docentes...non conta?

26 sept 2012

Era visto...importa a instrución non a educación.



Estes días de pre-campaña andan conselleiros e ata ministros buscando unha foto nos medios...Que se un paseíño pola escola rural (que non pecharon porque os pais se mobilizaron e buscaron matrícula mesmo traendo xentes de fóra) que se un planciño para retellar as goteiras da catedral, que se me poño na foto das empresas que andan "dinamizando" la lengua etc. O noso conselleiro e candidato número un pola provincia de Ourense non perde a ocasión de buscar os obxectivos das cámaras e é quen de poñerse nas fotos máis insospeitadas; igual aparece comendo pemenos na Arnoia, que bebendo viño na feira de Ribadavia ou na festa da Istoria, que no "Reperkusión" ou a homenaxe ao padre Silva. Quitada a excepción do comezo do curso -no que non quixo "retratarse" como o ano pasado-, no resto, non perdeu ocasión  de "chupar" cámara.

Lástima que os feitos sexan tan teimudos e veñan a "emporcallar" unha vez máis as bonitas fotos que se vén facendo o conselleiro día tras día. Agora o ministro Wert, coa súa recentemente presentada reforma educativa, (que segue ao pé da letra as liñas de austeridade iniciadas na Xunta), acaba de restarlle algúns puntos ao noso "brillante" conselleiro. (Por certo, os actos propagandísticos institucionais deben estar prohibidos pola Xunta Electoral dende que se convocan eleccións, non si?). O ministro Wert coa súa reforma quere facer un sistema educativo que non adoutrine (ha, ha), que non discrimine ( ha, ha...o das reválidas tráenos un saborciño do máis rancio...) e sobre todo que UNIFORMICE (por certo, dámoslles cartos aos centros que ademais de lles poñer garabata os nenos e saia as nenas os separan en aulas diferentes -non sexa o demo-, seguindo o criterio do ministro -e tamén do noso conselleiro- "las niñas con las niñas, los niños con los niños" mesmo en contra da sentenza do Tribunal Supremo).

Agora vemos nesta reforma a eliminación do Bacharelato das Artes Escénicas, Música e Danza...
ERA VISTO! Estabamos condenados. Con este goberno todo o que se saía do cerril esquema cuadriculado da súa miope visión da educación hai que eliminalo. Elimínase a atención á diversidade, elimínanse apoios, elimínanse profesores para programas de apoio, péchanse escolas no rural, péchanse programas como os de preescolar na casa, etc... Todo o que saia dunha educación uniformadora, elitista e segregadora debe ser debilitado, perseguido e, a poder ser, eliminado.

Non somos profetas, pero isto víase vir. Cando pecharon o noso centro, O IES PORTOVELLO, fixemos a predición de que o Bacharelato das Artes corría un serio perigo. O tempo vén dándonos a razón. Non interesa potenciar os talentos e as capacidades duns alumnos que son "excepcionais", interesa que os alumnos sexan normais, a ser posible, pouco críticos...que estean instruídos, -a ser posible todos por igual, estandarizados- pero non que estean educados, e moito menos educados na liberdade e no pensamento crítico. Interesa a instrución, non a educación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario