A opinión dos docentes...non conta?

9 feb 2023

O diálogo de xordos está empedrado de oportunismos


O ruído continuado non axuda a construír os modos de acordar as urxencias educativas deste presente

O sistema educativo, como todas as institucións, fala máis polo que fai que polo que din que fai, modelo que sempre ten moitos medios para facer ruído. De aí o interese de quen, interesados en seguir controlándoo, manipulan os relatos sobre o ocorrido coa educación, particularmente a pública. Igual que canto afecta á Guerra e posguerra que, como Ángel Viñas, entre outros, lembra, é obxecto de terxiversación, empeñada, ademais, en ser a “historia definitiva”, allea á cientificidade que require o avance do coñecemento histórico.

Reiteraccións banais

Este afán evidénciase en moitos coloquios sobre política educativa -por exemplo á mantenta da LOMLOE- en que concorren diversas tendencias e intereses, e mostran os intentos de acaparar o valor semántico de termos como “calidade”, “liberdade” e “participación familiar” no deseño e xestión do sistema. Cada cal quere que estean ao servizo do seu ideario, facendo imposible todo “pacto”, “consenso” e “diálogo”, palabras que non cesan de invocar solemnemente. Deste xeito, en febreiro de 2023 os sofismas que se agachan baixo formalismos diversos teñen máis autoridade que a lóxica de Aristóteles, para quen, hai 25 séculos, “o fin de toda cidade é único, polo que é evidente que necesariamente deba ser unha e a mesma a educación de todos, e que o seu coidado ha de ser común e non privado” (Política, 8,1).

Nestes debates, os logros reais da educación española ou cales sexan os seus problemas urxentes adoitan estar case sempre ausentes, igual que abundan sempre mencións oportunistas ao seu “fracaso”. Cada participante trenza a súa intervención cara á súa posición con referencias a unha experiencia escolar que o leva a falar da feira segundo lle foi nela, sen atender a razóns analíticas comúns aos demais. Esta alerxia, similar á que en moitos espazos sociais produce a Memoria Democrática –ou outros asuntos do debate parlamentario-, adoita repetir a mesma intolerancia que en moitos faladoiros xorde cando se avalían as transformacións habidas desde os anos cincuenta, que a moitos lles parecen “batalliñas” trasnoitadas.

Mirado este presente no curto prazo daquel pasado, razoable é pensar, de todos os xeitos, que -como documenta Benvido Mr. Marshall- a americanización cultural, que o Pacto con EEUU introduciu en 1953, xerou moitas fantasías naquelas xeracións. Esta hipótese explica moitas migracións dos mozos do rural cara a lugares de educación estraños ás súas infancias e, enseguida, a masiva migración causante desa “España baleira” actual. As promesas daquel capitalismo do “desenvolvemento” e “progreso” respecto a penurias e carencias existentes, acompañadas de promesas de liberdade política nos anos sesenta, buscaban o éxito económico. Emigrar e deixar atrás a aldea, supoñía unha ruptura con valores que se consideraban atrasados; o esnobismo da Formica e os plásticos levaba consigo a austeridade, a colaboración e o compromiso compartido nas aldeas. Na acelerada urbanización en que andaba España cando Villar Palasí fixo a LXE -a lei da EXB, o BUP e o COU, de 1970-, estaba a suceder unha das transformacións máis potentes da Historia recente. Veu o abandono dunha longuísima tradición de persoas pegadas á terra -que traballaban con recursos ecolóxicos- e, tras baleirarse do coñecido, sobreveu un extrañamento e outras patoloxías, en que a alucinada procura do triunfo persoal implicou desubicación, insatisfaccións e soidade. Neste territorio dun futuro que ía ser mellor, unha tinguidura de modernidade, allea á dureza do que acontecía, impuxo outras formas colonizadoras de submisión, que xogaban co brillo de novas comodidades e materiais anodinos, en barrios de ningunha parte, próximos case sempre onde se acumulaba o lixo e os refugallos urbanos.

No curto tempo transcorrido, moitos sobreviventes daquela posguerra dubidan de se mereceu a pena tanto sacrificio. Os implicados nas ilusións daquel “progreso” sentiron entón entre os elixidos para deixar atrás as limitacións das aldeas onde naceran; tiñan “unha oportunidade” que as súas familias non tiveran, aínda que o medo ao fracaso extremasen a súa ansiedade. Excedidos os anos noventa, as crises da reconversión industrial, inducidas pola deslocalización e a globalización, volveron mostrar a súa dureza especialmente neses barrios onde foran a parar moitos migrantes rurais para facerse a si mesmos. E enseguida empezaron a nublar máis o horizonte os problemas culpables dun clima crecentemente cambiado polas actividades da produtividade e o consumismo.

Unha modernidade ética universal

As distorsiones creadas por este desarrollismo cambiante obrigan agora a redireccionar tanto esforzo individual e colectivo. As crises da enerxía e o clima dificultan a convivencia, cando quen, sen facer nada,se  lamenta dos que non teñen futuro, mentres dirixen unha economía e unha cultura que fan difícil imaxinar un porvir equitativo, distinto do que produciu un “crecemento” tan desigual. Os informes da ONU confirman que o tempo se acurta independentemente de que se apresten a vender remedios curalotodo entre os famentos de individualismo. E ante o colapso do sistema causante deste “progreso”, non vale repetir o conto de A camisa do home feliz, con que tantas xeracións foron adormentadas, ou o que Juvenal detectou a finais do século I d. C, cando a responsabilidade nos asuntos públicos quedou relegada polo panis et circenses (Sátira X, 80-81).

Repensando, pois, desde este presente, cal debe ser a educación desexable, todo xuízo da razón práctica debería ter en conta este ambiguo pasado en que nunca houbo equidade cabal. Repensar o futuro cun paradigma novo non consiste en que o neoliberalismo siga medindo os supostos de felicidade en termos dunha fe indiscutible no individualismo absoluto; as súas apostas por unha “ilustre liberdade á madrileña” son alleas á gran maioría das persoas de orixe modesta e postergan unha modernidade ética universal. Integrar nun afán colectivo a todos os humanos era o reto de antes, e segue sendo o indispensable na educación de hoxe: lograr unha sociedade máis racional, máis digna moralmente e atenta á colaboración comunitaria. A insistencia de Aristóteles é máis pertinente que nunca; por encima do que cada cal estime para si ou os seus, “o adestramento nos asuntos da comunidade ha de ser comunitario”.

TEMAS: Progreso.- Calidade.- Liberdade. Sistema educativo público.- Modernidade ética universal.

MMC (07.02.2023)