A opinión dos docentes...non conta?

27 nov 2022

 

Do fútbol na sopa ao insulto da intelixencia

A verdade e o coñecemento están a ser varridos da escena pública, aínda que o momento requira máxima atención e discernimento

Remata novembro, acéndense as luces de Nadal para animar a nosa capacidade de consumo ata a extenuación da tarxeta de crédito, precedidas do Black Freeday comercial que, desde 2011, coaron como sublimador da colonización das mentes. A moral e a ética non están de moda estes días. Se ninguén se fixa no que pasa a dúas horas de avión en Ucraína e arredores, nin no que o C02 que emitimos modifica o ecosistema en que vivimos, todo capacita aos humanos para ser felices nesta Terra, como soñaban algúns constituíntes da Constitución de Cádiz, en 1812. Parece que debamos non parar de cantar: Turrón, turrón, manteigadas e limón!

Fútbol

Para adornar a torta dos soños de grandeza e distinción, sen que diminúan os da seita pragmática dos emprendedores, estes días acompañaranos unha demostración de humanos dando patadas a unha pelota. Nun lugar dos contos das Mil e unha noites, Sheherezade xa se encarga de que durmamos pracidamente e nos deixemos levar na súa alfombra máxica sen pensar nos miles de persoas que deixasen as súas vidas para construíla, nin nas formas medievais de convivencia dese espazo terráqueo en pleno deserto; os que voen a el cos futbolistas han de reprimir os seus soños para non romper o feitizo da pelota sobre un céspede impoluto, ben regado e con aire acondicionado.

É outro mundo. Diñeiro é diñeiro e París –perdón, Doha- ben vale unha misa, un mundial de fútbol e o que faga falta. Juan Ruiz, o arcipreste de Hita, xa dicía no século XIV, que “moito faz o diñeiro, moito é de amar/ ao torpe faze bo e home de prestar/faze correr ao coxo e ao mudo fablar…/ Se tovyeres dyneros, avrás consolaçion,/… comprarás paraíso, gañarás salvaçión…”. No masaxeo das nosas neuronas, cobran sentido os sorrisos de dentífrico das azafatas-xornalistas poñendo ao alcance das nosas fráxiles entendedeiras a alucinada linguaxe profética dos xogadores, adestradores e directivos que se digna explicarnos un espectáculo que nada ten que ver coa pelota de trapo con que nos entretiñamos cando xogar ao fútbol era todo menos iso.

Sanidade

Tamén soñaramos con que a Sanidade sería outra cousa e segue o sistema de Saúde Pública renqueando nas Comunidades españolas, con Madrid dando a nota no trato aos médicos e enfermeiros. Se non paran de incordiar –veñen dicirlles-, reclamando á Consellería correspondente a súa atención son culpables e con pouca “vocación” para atender pacientes; é a Medicina unha profesión sacrificada, onde deben poñer esforzo, ademais de coñecemento, para que non haxa problemas. Segundo estes xestores, é de pouco profesionais non atender a 80 pacientes por minuto, non ser formados coas competencias regradas para aguantar carros e carretas. Se no canto diso, se poñen en folga ou convocan manifestacións, colapsan ambulatorios e hospitais, e aumentan os problemas o mellor sistema sanitario do mundo mundial.

Aos profesionais da saúde que temos dálles por desentoar cando oen a algúns políticos .-e políticas- expresarse. Teñen claro que a partitura é outra e que, aínda que paren as súas reclamacións, todo seguirá sen xeito nin modo con tal que as aseguradoras privadas sigan aumentando a rendibilidade. Proporciónalles gran tranquilidade lograr que haxa xestores públicos máis vagos para atender as demandas cidadás que para propiciar intereses privados; o negocio sanitario bate récords e moitos que viven da medicina calan, non sexa que teñan represalias. O único problema -para o que xa tratan de que calle o vello recurso ao diaño e os seus colegas do mal- é que renda o desconcerto entre os posibles votantes das eleccións que veñan coa primavera: A quen votar, se os opoñentes son os malos, queren desfacer España, e quitarnos a liberdade de tomar cañas nas terrazas desmedidas do barrio, e a suprema opción de morrer na cola de espera dalgunha urxencia?.

As verdades do Senado

Nestas estamos e o líder ao que precede un currículo de bo xestor en Galicia -con desacordo da metade dos galegos- e trata de “conservar” ese soniquete, pretende que sexa fama pronto, mellor mañá que pasadomañá, que ten ao alcance da súa man A Moncloa. Fala coma se lle sobrase prudencia e, desprezando ao hemiciclo e ás eleccións xerais, tenta que vexamos que non ten opoñentes da súa talla: un pequeno sopro da Fortuna farao presidente. Non cae na conta de que para sacar proveito á arte de ter sempre razón ante os seus posibles votantes, e derrotar previamente aos seus opoñentes con independencia da verdade da súa argumentación, é imprescindible ter en conta que as técnicas sofistas que os seus asesores lle escriben nese papel con que anda sempre entre as mans, teñen uns límites moi curtos. Se o adversario é hábil, faille pensar que o único recurso que queda é este de o argumentum ad hominem que está a empregar, e pasarse nesa táctica é caer no ridículo. Schopenhauer, experto nestas lides, xa advertiu que, ao personalizar, “abandona por completo o obxecto da discusión e dirixe o ataque á persoa do adversario, tórnase insultante, maligno, ofensivo e brután”. É dicir, que non apela ás facultades do intelecto, senón “ás do corpo, ou a animalidade”, cando Aristóteles indicara na súa Política, hai 2500 anos, que as palabras e non as voces -que compartimos cos animais- son a expresión da racionalidade de quen queira exercer como “ser político”.

Pero seguimos esperando a Godot. Mentres os opoñentes lle ensinan ao Sr. Feijóo os xornais en que se guionizan antes das súas intervencións as invectivas que fará en sede parlamentaria ou nos medios amigos, os xuíces seguen á espera de que decida cumprir o que mandaba a Constitución desde antes de que chegase a Madrid con fama de bo xestor. As mulleres seguen esperando que retire do Tribunal Constitucional os requirimentos do seu partido, e que os susurros da Conferencia Episcopal queden nas pavías; e, no relativo ao Si é si e a súa ordenación apropiada, todas esperan a súa disposición real -non retórica e oportunista- a botar unha man en prol de máis da metade da cidadanía española. A este ritmo, falar por falar é o seu signo de desprestixio crecente; ben é verdade que, se cre na verdade absoluta, e nos que din ser os seus funcionarios, decidir desatendelos determina ser expulsado ás tebras exteriores do poder. Os bos aprendices de bruxo sábeno…, e máis se son galegos.

TEMAS: Mundial de Fútbol.- Sanidade pública.- Moral e Ética política.- O sofisma como argumento político.- A masaxe mediática.

MMC (Madrid, 23.11.2022)

13 nov 2022

Demasiados elefantes


Como nos contos, todos os días trata o lobo de engatusar a Caperucita. Haberá que estar atentos á roupaxe do contista. Ollo coa inocencia!

Xa hai 18 anos que George Lakoff meteu nun pequeno libro a síntese dunha longa serie de investigacións sobre a importancia da linguaxe; acababan de ter lugar os triunfos do republicanismo conservador fronte a uns demócratas teoricamente máis progresistas. Non parece que sirvan de moito as súas leccións; os modos de comunicación e linguaxe esgrimidos nas recentes eleccións de metade de lexislatura en EEUU volveron  ser decisivos para o futuro democrático daquel país.

A loita polos titulares

En Europa e máis concretamente en España, a análise levada a cabo naquel país polas instancias conservadoras e retrógradas, para darlle a volta á imaxe dos seus opoñentes e ser capaces de definir, con voz propia, as grandes cuestión propiciando unha opinión pública favorable, suma cada día adeptos. Aprenderon dos seus colegas americanos, con quen gardan estreita colaboración. Ao mediatizar a vida política e reducila a unha loita de frases máis que a unha loita de clases -que é o que é na súa crúa realidade- , tamén aquí procuran ampliar as súas cotas de pantalla e de micro, e a atención de posibles votantes.

O salto que hai entre as crenzas e valores morais básicos de calquera grupo político, e o modo de facer que a complexidade da realidade política vire ao redor deles, traducilo a linguaxe fácil e asequible, coherente e emocional, e que chegue a todos, incluídos os que menos posibilidades haxan tido para non pasar do semianalfabetismo, implica unha enorme cantidade de traballo sistémico ata atopar os modos mellores dun marco lingüístico propicio á súa difusión. Non é fácil de facer, require grandes recursos detrás e unha paciente constancia; non se improvisa caseiramente. As grandes marcas non improvisan a súa publcidade É un erro por tanto, pensar que quen utilizan esas estratexias son ignorantes, pouco preparados ou niñatos máis ou menos consentidos: craso erro chegar ao insulto con eles, porque se dá máis vantaxe ás súas tácticas; non é cuestión de “mala educación” -aínda que tamén poida selo-, senón de estratexia coa que hai que contar, en que está en xogo conectar co público nunha sociedade de consumo.

Segundo a formulación de Lakoff -unha autoridade en estudos lingüísticos-, é primordial detectar a conexión sentimental e afectiva que hai entre o marco conceptual e moral de quen están nos debates políticos. Viña dicir que tras o marco significativo da linguaxe está un cambio social, que varía o modo de ver a realidade e de dicila para que pareza proveitosa a quen oe ou le a mensaxe. Convén estar atentos a ese transfondo, tan ben coñecido na teoría de xogos, se se quere facer entender e presentar unha alternativa coherente que mereza a pena. Deixarse guiar pola provocación nestes casos, induce a perda de control sobre o que importa. A proposta de Lakoff non ía propiamente de elefantes senón de como facer ver aos demais de maneira clara e firme que pensamos e sentimos acerca do que ocorre e interpélanos; diso vai a política na tradición máis aristotélica, non de politiquerías máis ou menos graciosas e provocadoras, capaces de voar polas Redes sociais.

A crúa realidade

Non fai falta moita listeza para detectar todos os días candidatos que xogan coa nosa confusión. Son tantos que se pode crer que temos non un elefante senón un rabaño de elefantes pisando o territorio, sen escapatoria, nun debate cruento no que se xogan as supostas bondades que teña a convivencia democrática: a crúa realidade socioeconómica é inquietante, os medios e recursos escasos para soster unha calidade de vida decente e os partidarios dunhas ou outras opcións fan ver que as súas ideas e valores morais merecen preferencia nas eleccións que se aveciñan.

Os verdadeiros elefantes adoitan estar detrás dos que poñen como trampa visual. Os que por idade tiveron un pasado en que as feiras de gando eran un foco social relevante, poden volver ao recordo as múltiples manganchas que os tratantes aproveitados usaban para facer pasar por bo un animal enfermo ou moi vello ante un incauto comprador que acudise á roda da venda: aqueles “listos” sabían moi ben que vendían. O escenario cambiou , pero os sofismas que persoas como Ayuso soltaron estes días en Madrid mentres o persoal da sanidade pública se lle declara en folga é similar. Unha xestión e planificación da saúde dos madrileños, da que se senten frustrados mentres os beneficios da seguridade e medicamento privado non cesan de medrarr, non se arranxa culpando a “a esquerda“. Nun asunto que levan os do seu partido trinta anos, e que cada vez está máis negado no destino dos recursos dispoñibles, é como culpar ao mensaxeiro da mala noticia de que é portador. A este influencer da política saélle máis barato sementar un medo antigo e non facer nada por corrixir políticas orientadas explicitamente cara ao privado. Sabe que a natureza humana, ben manipulada, pode chegar a crer que a cultura e a política son prescindibles se non axudan a prosperar a uns poucos. Este marco conceptual, moi elaborado en EEUU, é o que axita a lideresa madrileña, o da antipolítica; os seus opoñentes teñen dificultade en desbancala e non poden desculparse coa habilidade que ela teña para coar a súa presenza continuada nos medios para tapar as súas vergoñas.

Exemplos deste signo xorden todos os días. Os problemas de Ceuta e Melilla cos inmigrantes e marroquís farán ver moitos elefantes estes días. A guerra en Ucraína non cesa en mostrar outros, desviando a atención dos intereses culpables desta guerra e de que Europa estea a perder peso. As guerras sempre foron prolíficas en xerar elefantes, e algúns non deixan de perseguirnos. A Feijóo, por exemplo, que digan os historiadores recoñecidos e competentes en esclarecer a última española hai 86 anos, tráelle sen coidado; o que escriba ou este Orwel tampouco lle importa, e non parece que se llo explicaron no seu colexio, estivese moi atento. Segundo el, aquilo foi unha pelexa dos nosos avós. Pero, ata na súa aldea, cando os avós pelexaran por algo serio, a distancia entre as familias alongouse perigosamente máis da conta se non mediaron a dignidade e o respecto mutuo. O elefante que trata de ocultar é o de crer que dicindo cousas absurdas os que o puxeron aí pensarán que é un tipo duro e que defenderá cal Cid Campeador -o auténtico, non o mitificado en falso-, os intereses máis ultras. O espello do acontecido ao seu antecesor faille perder o seu ser; nas súas cada vez máis nerviosas declaracións –e xa é experto en case todo- seguirá tratando de ocultar as súas carencias de centralidade e “boa xestión” con ese reclamo. Sorte co outono! É propicio para a camuflaxe.

TEMAS: Linguaxe política.- Trampa visual da comunicación.-Semianalfabetismo.- A “pelexa dos avós”.

MMC (Madrid, 09.11.2022)

3 nov 2022

 

Fabuloso presente

Moito do que sucede non é casual. Pode parecer fabuloso se se compara co que debería ser, pero non é estraño, se se mira ben.

 Se se observa o que ocorre sen a urxencia do xornalista por contalo, a diversidade do día a día, coas súas repeticións, referencias ao vivido e suxestións de futuro, permite advertir nos acontecementos posibilidades argumentais moi amplas e, mesmo, conexións. Os seus ámbitos dispares: Sanidade, Educación, Xustiza, Servizos sociais, e outros asuntos, como, por exemplo, Urbanismo e Orde pública teñen moito que ver entre si; neste momento, mesmo Política exterior, Comercio e Economía, Traballo, Enerxía e Clima, gardan estreita relación. Sempre que o ollo do observador teña a ben entender a Educación máis aló do que é a mera instrución, enseguida pode ver tramas posibles, capaces de facer do que acontece unha serie narrativa moito máis potente que as que atan aos espectadores ás plataformas de cinema e TV.

 A Memoria

 Acaba de desenvolverse o pasado día 31 de outubro o “Día do recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra civil e a Ditadura”, como expuxo que se faga a Lei de Memoria Democrática recentemente estreada (Lei 20/2022, do 19 de outubro. BOE do día 20). Pasaron 83 anos desde o final daquela desgraza colectiva e segue habendo miles de familias que non saben dos seus antepasados. Hai entre a poboación unha gran ignorancia do ocorrido, e non foi posible que a Historia Actual de España -a dos acontecementos posteriores aos anos trinta do Século XX- xeneralizouse coa dignidade científica requirida nos centros do sistema escolar: a explicación que transmitiron os currículos educativos e o que se fai nas aulas moitas veces non roza estes asuntos. Os libros de texto, e as enquisas ao alumnado que fai os másteres preceptivos para ensinar mostran ben como está de frouxa a memoria democrática e, en particular, a que, máis aló de lexítimos sentimentos subxectivos, é Historia recoñecida por investigadores de prestixio acreditado.

É penoso, por iso -e esta é a parte conflitiva do argumento posible dun relato sobre esta cuestión-, que haxa tantas personalidades con representación política empeñadas en soster o insostible. Visible quedou no acto solemne do último día de outubro o desafecto mostrado coas ausencias ao mesmo; e bochornosas foron as explicacións dalgúns que, a modo de marionetas, seguen coa ignorancia que propagaba o Libro de España -de obrigada lectura nos anos cincuenta e sesenta-, ou as enciclopedias de 2º Grao, en que a Historia acaecida na Península era imperialista case desde Adán e Eva, providente, imperialista e defensora do ben baixo o sacrificado impulso de martiriais seguidores de vitoriosos caudillos. De nada nos servren esas fabulosas narracións do pasado para afrontar os problemas do presente; sen aceptar a realidade daqueles conflitos -dos que teoricamente pasamos páxina en 1978-, e a preservación da dignidade de todos, difícil será alongar moito tempo este presente; as emocións atopadas non son boas conselleiras cando crecen as incertidumes. Que exista, ao fin, unha norma capaz de poñer orde nas responsabilidades colectivas, ben merece celebrarse se axuda a reconciliar posturas entre os descendentes daquel conflito; velo doutro xeito, é incubar unha tendencia a fabular digna de mellor causa.

A Xustiza

Non menos fantasioso é que quen levan máis de catro anos entorpecendo as reviravoltas administrativas da Xustiza española desde o CGPJ alardeen de facelo polo ben común dos españois. A vixésima das razóns que esgrimen para aprazar o cumprimento da Constitución non escusa do preceptuado na Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo (BOE do día 2). As funcións de natureza administrativa que, en principio, están encomendadas a este órgano de goberno do sistema xudicial español están a causar serios danos ao seu bo funcionamento e, sobre todo, á credibilidade que aos cidadáns lles merezan os que están chamados a poñer orde nos seus litixios particulares e na convivencia colectiva.

É fabuloso que, en nome da Constitución, haxa grupos interesados en frear o desenvolvemento do que a lei existente regula. De entrada, dá a sensación de que o control da lei existente obedeza, ante todo, a pautas non escritas, pero inscritas en hábitos moi arraigados, en que como ensinaba Karl Schmitt na súa teoría do Estado, en 1934, estas competencias emanaban do Empíreo e, por infusión xenealóxico-clasista, só uns poucos estaban predestinados a administralas. En segundo lugar, sendo algúns implicados no encistamento deste asunto formados nas lides xurídicas segundo a normativa que regulou a Universidade desde 1943, parece que siga rexendo, ad pedem literae, o que esta lei establecía como función principal: “educar e formar á mocidade para a vida humana, o cultivo da ciencia e o exercicio da profesión ao servizo dos fins espirituais e do engrandecimiento de España”  (art. 1). Agora ben, aínda que a retórica cultural haxa variado levemente esta orientación tan xenérica, non se entende ben -salvo fabulando- o nulo contraste que, respecto dela, teñan as actuacións destes máis de catro anos ao redor deste órgano administrativo, e en particular a destes días pasados. Ergo, debesen aclarar en que obxectivos democráticos actuais haxa que inscribir a tradución que fan daquel “servizo dos fins espirituais e do engrandecemento de España”.

 A casualidade e a causalidade

É tendencia arraigada, desde as culturas mesopotámicas uns 3000 anos a. C., que o destino estaba inscrito nas combinacións astrais e que as súas aliñacións rexían as nosas vidas. Esta literatura -desmentida entre outros polo P. Jerónimo Feijóo- segue tendo adeptos: moitos adivinos e tertulianos seguen adscritos a esa crenza. Crece, tamén, a de cantos, ante os problemas, acoden a rituais máxicos; desde o Paleolítico, o feiticeiro da tribo e a súa pretensión de controlar as forzas dunha Natureza independente das ambicións humanas tivo gran prestixio. Non é estraña, por iso, a ambición de cantos ambicionan que a ignorancia siga ás súas anchas. O malfadado día en que Miguel de Unamuno pronunciou aquilo de “que inventen eles” estaba a diagnosticar moitos dos comportamentos pouco modernizados que, desde 1906 ata hoxe, tivo o sistema educativo español. Esta pauta cultural non é fábula, senón realidade; non ten misterio, dadas as fráxiles estruturas de que fomos quen de dotarnos, inaccesibles para moitos.

TEMAS: Educación digna para todos.- Consello Xeral do Poder Xudicial.- Memoria Democrática.- Historia Actual.- Cuestións transversais.

 MMC (Madrid: 02.11.2022)