A opinión dos docentes...non conta?

13 nov 2022

Demasiados elefantes


Como nos contos, todos os días trata o lobo de engatusar a Caperucita. Haberá que estar atentos á roupaxe do contista. Ollo coa inocencia!

Xa hai 18 anos que George Lakoff meteu nun pequeno libro a síntese dunha longa serie de investigacións sobre a importancia da linguaxe; acababan de ter lugar os triunfos do republicanismo conservador fronte a uns demócratas teoricamente máis progresistas. Non parece que sirvan de moito as súas leccións; os modos de comunicación e linguaxe esgrimidos nas recentes eleccións de metade de lexislatura en EEUU volveron  ser decisivos para o futuro democrático daquel país.

A loita polos titulares

En Europa e máis concretamente en España, a análise levada a cabo naquel país polas instancias conservadoras e retrógradas, para darlle a volta á imaxe dos seus opoñentes e ser capaces de definir, con voz propia, as grandes cuestión propiciando unha opinión pública favorable, suma cada día adeptos. Aprenderon dos seus colegas americanos, con quen gardan estreita colaboración. Ao mediatizar a vida política e reducila a unha loita de frases máis que a unha loita de clases -que é o que é na súa crúa realidade- , tamén aquí procuran ampliar as súas cotas de pantalla e de micro, e a atención de posibles votantes.

O salto que hai entre as crenzas e valores morais básicos de calquera grupo político, e o modo de facer que a complexidade da realidade política vire ao redor deles, traducilo a linguaxe fácil e asequible, coherente e emocional, e que chegue a todos, incluídos os que menos posibilidades haxan tido para non pasar do semianalfabetismo, implica unha enorme cantidade de traballo sistémico ata atopar os modos mellores dun marco lingüístico propicio á súa difusión. Non é fácil de facer, require grandes recursos detrás e unha paciente constancia; non se improvisa caseiramente. As grandes marcas non improvisan a súa publcidade É un erro por tanto, pensar que quen utilizan esas estratexias son ignorantes, pouco preparados ou niñatos máis ou menos consentidos: craso erro chegar ao insulto con eles, porque se dá máis vantaxe ás súas tácticas; non é cuestión de “mala educación” -aínda que tamén poida selo-, senón de estratexia coa que hai que contar, en que está en xogo conectar co público nunha sociedade de consumo.

Segundo a formulación de Lakoff -unha autoridade en estudos lingüísticos-, é primordial detectar a conexión sentimental e afectiva que hai entre o marco conceptual e moral de quen están nos debates políticos. Viña dicir que tras o marco significativo da linguaxe está un cambio social, que varía o modo de ver a realidade e de dicila para que pareza proveitosa a quen oe ou le a mensaxe. Convén estar atentos a ese transfondo, tan ben coñecido na teoría de xogos, se se quere facer entender e presentar unha alternativa coherente que mereza a pena. Deixarse guiar pola provocación nestes casos, induce a perda de control sobre o que importa. A proposta de Lakoff non ía propiamente de elefantes senón de como facer ver aos demais de maneira clara e firme que pensamos e sentimos acerca do que ocorre e interpélanos; diso vai a política na tradición máis aristotélica, non de politiquerías máis ou menos graciosas e provocadoras, capaces de voar polas Redes sociais.

A crúa realidade

Non fai falta moita listeza para detectar todos os días candidatos que xogan coa nosa confusión. Son tantos que se pode crer que temos non un elefante senón un rabaño de elefantes pisando o territorio, sen escapatoria, nun debate cruento no que se xogan as supostas bondades que teña a convivencia democrática: a crúa realidade socioeconómica é inquietante, os medios e recursos escasos para soster unha calidade de vida decente e os partidarios dunhas ou outras opcións fan ver que as súas ideas e valores morais merecen preferencia nas eleccións que se aveciñan.

Os verdadeiros elefantes adoitan estar detrás dos que poñen como trampa visual. Os que por idade tiveron un pasado en que as feiras de gando eran un foco social relevante, poden volver ao recordo as múltiples manganchas que os tratantes aproveitados usaban para facer pasar por bo un animal enfermo ou moi vello ante un incauto comprador que acudise á roda da venda: aqueles “listos” sabían moi ben que vendían. O escenario cambiou , pero os sofismas que persoas como Ayuso soltaron estes días en Madrid mentres o persoal da sanidade pública se lle declara en folga é similar. Unha xestión e planificación da saúde dos madrileños, da que se senten frustrados mentres os beneficios da seguridade e medicamento privado non cesan de medrarr, non se arranxa culpando a “a esquerda“. Nun asunto que levan os do seu partido trinta anos, e que cada vez está máis negado no destino dos recursos dispoñibles, é como culpar ao mensaxeiro da mala noticia de que é portador. A este influencer da política saélle máis barato sementar un medo antigo e non facer nada por corrixir políticas orientadas explicitamente cara ao privado. Sabe que a natureza humana, ben manipulada, pode chegar a crer que a cultura e a política son prescindibles se non axudan a prosperar a uns poucos. Este marco conceptual, moi elaborado en EEUU, é o que axita a lideresa madrileña, o da antipolítica; os seus opoñentes teñen dificultade en desbancala e non poden desculparse coa habilidade que ela teña para coar a súa presenza continuada nos medios para tapar as súas vergoñas.

Exemplos deste signo xorden todos os días. Os problemas de Ceuta e Melilla cos inmigrantes e marroquís farán ver moitos elefantes estes días. A guerra en Ucraína non cesa en mostrar outros, desviando a atención dos intereses culpables desta guerra e de que Europa estea a perder peso. As guerras sempre foron prolíficas en xerar elefantes, e algúns non deixan de perseguirnos. A Feijóo, por exemplo, que digan os historiadores recoñecidos e competentes en esclarecer a última española hai 86 anos, tráelle sen coidado; o que escriba ou este Orwel tampouco lle importa, e non parece que se llo explicaron no seu colexio, estivese moi atento. Segundo el, aquilo foi unha pelexa dos nosos avós. Pero, ata na súa aldea, cando os avós pelexaran por algo serio, a distancia entre as familias alongouse perigosamente máis da conta se non mediaron a dignidade e o respecto mutuo. O elefante que trata de ocultar é o de crer que dicindo cousas absurdas os que o puxeron aí pensarán que é un tipo duro e que defenderá cal Cid Campeador -o auténtico, non o mitificado en falso-, os intereses máis ultras. O espello do acontecido ao seu antecesor faille perder o seu ser; nas súas cada vez máis nerviosas declaracións –e xa é experto en case todo- seguirá tratando de ocultar as súas carencias de centralidade e “boa xestión” con ese reclamo. Sorte co outono! É propicio para a camuflaxe.

TEMAS: Linguaxe política.- Trampa visual da comunicación.-Semianalfabetismo.- A “pelexa dos avós”.

MMC (Madrid, 09.11.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario