A opinión dos docentes...non conta?

28 feb 2024

Promesas rotas

Os indicadores actuais de pobreza contan moi ben cales son os graves problemas  que necesitan atención.

 Houbo un tempo non afastado en que ser “pobre” era simplemente ser currante. No século XIX, os “proletarios” eran xentes traballadoras: os seus salarios apenas daban para comer, os seus nenos traballaban para completar os escasos salarios do pai, e a nai, cando a había, desempeñaba os postos de máis baixa cualificación no sistema de produción. Non había leis sociais que lles conferisen algún dereito e calquera inconveniente que se atopasen na vida: unha enfermidade, un accidente ou simplemente facerse maior -e non poder traballar-, extremaba o risco de ter que vivir de esmola na rúa. Cóntao Galdós nunha das súas mellores obras: Misericordia, novela que a María Zambrano parecíalle que resumía a un tempo a parte máis dura e a máis lúcida da Historia de España; a personaxe de Nina, sempre sacrificada por canto ser vivo houbera ao redor, mesmo atendía a outra muller, sempre pagada de si mesma, pero periposta beneficiaria da súa bondade; a caridade de Nina era o único que un cego estranxeiro tiña para saír adiante nun mundo en que a voluble beneficencia era absolutamente ineficaz  contra a enorme cantidade de pobreza ambulante que había.

Aquela pobreza xa antiga, engadida á que houbera sempre na época da industrialización, concentrouse nas zonas industriais e urbanas de maneira feroz, e motivou á xente traballadora para sindicarse e reclamar os seus dereitos. Chegaron a ser “a cuestión social” que inquietou a cómoda tranquilidade dunha burguesía satisfeita de haber alcanzando o poder político, non só en Europa, senón tamén na España máis industrializada do século XIX. Aquel movemento  acabou desencadeando que, para dar “seguridade” ao conservadurismo burgués, había que sacrificar algo da sacralizada propiedade que les daba un poder case absoluto sobre case todo. Nos anos oitenta dese século, no canto de “caridade”, “beneficencia” ou “filantropía” –fórmulas que Concepción Arenal percibía insuficientes para atender os problemas reais que tiña a casa do pobre-, había que detraer algo daquela riqueza para a atención dos dereitos básicos dos obreiros. En Alemaña, Bismarck institucionalizó as políticas sociais, e enseguida, veu o seu recoñecemento noutros países, tamén en España, aínda que cunha lentitude. A crise do 29 e, sobre todo, os desastres da  IIª GM, aceleraron a creación do “Estado de Benestar” nunha Europa exhausta.

En España, viviramos unha Guerra algúns anos antes, pero o acceso ao “Estado de Benestar” foi máis tardío. Cando o alcanzamos xa non era o que os emigrantes españois viviran  na Francia ou Alemaña dos anos sesenta. Estaba en crise a socialdemocracia e, no panorama internacional, desde a caída do Muro de Berlín no 89, o neoliberalismo de Thatcher  (1979-1990) e Reagan (1981-1989) orientou ao Fukuyama de O fin da historia (1992). A vida cotiá dos europeos rebaixaba o seu sistema de protección social e os libros de Historia dos liceos franceses incluíron no currículum de Bacharelato un tema que, con certa melancolía, denominaban: “Os trinta [anos] gloriosos”; “a crise do 73” empezara a levalos por diante, e os indicadores de “risco de pobreza” empezaron a ser de novo crecentes  

Demasiada xente

A nova pobreza é máis sutil, pero existe. Cando alguén a menciona, os interlocutores adoitan sacudirse a preocupación que poida roldalos observando: “Fíxate, como están as terrazas…; todo está cheo”, e levan a conversación a algo máis divertido. Aos habitantes da modernidade de 2024 élles doado evadirse; os modos de produción cambiaron tanto que non fai falta empeñarse moito en alienarse ou deixar que o alienen a un, por máis que, ao redor ou probablemente no piso de en fronte, a pobreza siga sendo unha crúa realidade. Cada vez hai máis persoas que, como no século XIX, aínda que traballen, e traballen moito, téñeno complicado para sobrevivir. Neste momento, segundo a enquisa do INE sobre Calidade de Vida en 2023 , na España de todos existe un 26,5% de poboación que sofre “risco de pobreza”. É dicir, algo máis dun cuarto de concidadáns carecen dalgún elemento significativo que os fai levar unha vida cotiá distinta da os seus veciños; unha de cada catro persoas, por ser pobres ou estar a piques de selo, non pode afrontar os gastos que conleva chegar a fin de mes dignamente: a calefacción, a enerxía, a menstruación (no caso das mulleres), a alimentación, a sanidade, a educación dos fillos e a vivenda son os principais indicadores da desigualdade duns e outros cidadáns; a máis indicadores que advirtan, máis pobreza diaria teñen.

Esta pobreza de agora, apenas é visible; os que a padecen tratan de que así sexa para non avergoñarse nin dar mágoa. Afecta, sobre todo, ás mulleres e os máis novos e, aínda que finxamos non vela, mostra as novas facetas da fenda social, que crece inexorable entre quen ten e quen ten moi difícil chegar a fin de mes; entre este conxunto e o  dos poucos/pouos que aparecen en la lista Forbes ou andan relativamente preto, a brecha é exponencialmente maior. Ademais, a ese 26,5% da poboación en risco de pobreza o mínimo problema que les xurda os fará pasar –igual que pasaba no século XIX- a unha situación insostible. Por outra banda, é especialmente rechamante que un 13,3% de quen está nese escorregadoiro do risco de ser pobres teña, segundo o INE, estudos superiores. Esto lévanos ao esperpéntico de oír a quen avoga polo “esforzo” como solución. No século XIX, cando o tópico era dicir aos pobres  que eran borrachos ou cousas peores, humillábanos sen pagarlles ou os exhibían un día de festa para demostrar que eran boa xente. Hoxe, voces cortantes, insensibilizadas por aduladores interesados en “mamandurrias”, insúltanos descaradamente: “Non queren traballar”. Calquera con aspiracións de rubit no mundo de certa politiquería gritarallo aos profesores que estes días están en folga: non sería a primeira vez.

A pobreza obriga a falar de política en serio, e de quen, como políticos, están atentos a resolver e non a embarullar para aproveitarse; tanto amor mostran ao libre mercado que lle poñen en bandexa os motores do ascenso social: a Educación, a Sanidade ou a Vivenda, sen explicar que fan como lacaios da capacidade extractiva duns amos que apenas coñecen, a conta de romper esperanzas de vida honorables. Nunca contan por que lles interesan tanto os bienes públicos deses servizos sen ocuparse dos danos colaterais que causan as súas alegres privatizacións, pero predican unha liberdade idiotizada en que sobran os vellos e os mozos ben preparados. Diso vai a pobreza actual, maior que o ano 2022, con tanto emprendedor disposto a sacarlle vantaxe.

TEMAS: Pobreza.- Risco de pobreza.- Estado de Benestar.-Políticas privatizadoras.- Educación, Sanidade e Vivenda.

 

MMC (27.02.2024).

22 feb 2024

Negocios e negacionismos inexplicados

 Despois dunhas eleccións, fosen ou non frustrantes, é ocasión de botar contas dos seus resultados.

Tamén é tempo de revisar negacionismos que, despois das urnas, sexa conveniente manter ou modular. Na lóxica da política coxuntural, negar é un modo acomodaticio de tapar a desconcertante realidade e culpala –ou culpar a outros-  dos desatinos con que a enriqueceu .

Exclusións negacionistas

Nas eleccións galegas, ese transfondo estivo tan vivo que moitas explicacións non traspasan a descrición xenérica da distribución dos votos evidenciando que alguén gana, alguén parece que gaña pero non se sabe ben ata que punto, e alguén sae mancado. Cada experto que pretende adentrarse en algo máis prevén a cantos queiran oílo e cunha serie de retrousos que o salven. Unha delas, a suposta “galeguidade”, faría do voto en Galicia un modo de expresión intrinsecamente distinto de como sería noutra parte. Outra de non menor relevancia insistiu en non ler o acontecido “en clave nacional”. Dito doutro xeito, que o resultado das eleccións do 18F foi tan peculiar, que as súas esencias só están ao alcance de raros intérpretes que, nalgunha epifanía futura, explicarán ao resto dos humanos que aconteceu realmente.

Á luz deste misterio, dá igual vivilo en directo, ser galego vivo fóra de Galicia e sen facultade para votar, ou pertencer á especie de españois que non cumpren co un ou co outro. Todos iguais na mesma ignorancia, incapaces de ver que pasou, menos entenden como ata as sete da tarde do domingo había certa unanimidade en que “partira”. Visto que non o houbo e que o inesperado resultado merece ser explicado, unha probable análise debería partir da constatación de que Galicia segue na mesma dirección que levaba, tan avanzada como hai 15 anos. O 32,69% dos posibles votantes non votaron, pero do 67,3% que o fixeron, sumados os que elixiron PP e DO a cantos non escolleron formacións que non lograron representación ningunha,  un 53,47% de votantes  acaban de favorecer –por razóns en parte opostas- que Galicia siga –segundo din os gañadores desta confrontación- con sentidiño .

Cabe preguntarse, pois, se esta proporción de galegos e galegas -que sobrepasa amplamente a metade da poboación- , é a que representa mellor “a galeguidade”, ou se este título les corresponde con propiedade a quen votase ao BNG e ao PSOE. Ante a obvia pluralidade explicativa, talvez os máis inclinados a hipóteses psicolóxicas atopen ao fin os seus trazos precisos, distintivos mesmo dos que se acomodaron en habitantes doutras autonomías. Poderán endosarlles as pautas motivadoras de por que Galicia siga tendo unha entidade inamovible na constancia dos seus votantes, inclinados case sempre do mesmo lado, e tan a gusto coa  xestión dos seus asuntos nestes quince anos e moito antes. Dubidoso é, con todo, que a mera consideración psicolóxica de tan prolongada predominancia no voto deixe no aire unha explicación coherente e consistente, en que caiba o esquecemento dos temores de quen denunciou, antes do 18F, descoidos ou mala xestión de moitos  problemas en capítulos en que a Xunta é competente. 

Os negocios

Quen anceie que, dentro de catro anos, haxa posibilidade real de que as urnas falen doutro xeito haberán de procurar, unha vez superados os silencios, negacionismos e afirmacións solemnes, indagar nas razóns obxectivas que inclinaron á maioría de votantes cara a quen xestionou asuntos públicos nos anos pasados. No canto de roldar os esencialismos, máis vale cinguirse á materialidade dos negocios en que os galegos intúen saír mellor parados deste xeito. Nas decisións dos humanos, a mixtura entre o pragmático e o supostamente ético sempre é grande; a suma de beneficios e obstáculos que a cada cual se lle pasan pola cabeza antes de votar é grande. Nese mar indefinido, tamén navegan os que teñen clarísimo seguir votando como votaron a primeira vez cando, en 1981,  cun 57,3% de abstencións, a AP de Fernández Albor logrou formar goberno co seu 30,5% de votos, en alianza co 27,80 dos logrados por unha UCD que xa mostraba signos de debilidade. Estes fieis votantes non votan a cegas, cunha fe no que non viran. A súa mente e as súas mans están postas en beneficios que , ao seu entender, ningunha das demais formacións –as que seguen no taboleiro do parlamento galego, e as que nin sequera atoparon o mínimo legal necesario de votantes- favorece ou ten en conta.

 

Ao seu favor xoga, ademais, dispoñer no Estatuto de Autonomía respecto á distribución provincial dos setenta e cinco escanos. Se se lle suma a obrigatoria necesidade da oportuna reforma electoral  de Fraga  en 1982 requirindo un 5% de votos para acadar algún escano, entenderase que votar en Galicia parte do privilexiado negocio dunha  distribución do voto pouco acorde coa proporción real de habitantes de cada circunscrición. Onde persiste a ruralidad cultural hai un negocio rendible para a estabilidade do conservadurismo. A base do ditoso sentidiño “natural” e as supostas cousas como Deus manda é un prezado ingrediente, favorable á ignorancia e ao silencio cómplice e clasista; chega ata as urnas e refórzano as múltiples manipulacións dos feitos e as deslinguadas manifestacións de personaxes que saen favorecidas co voto galego. Por exemplo, Almeida, o alcalde de Madrid, desfacéndose de cantos criticaron a súa mascletá nun lugar sensible, como  “esquerda triste”, empeñada en augarlle a súa festa.  Ou Isabel Ayuso burlando a quen  a acusa de fallos solemnes na xestión das residencias de maiores durante a COVID-19: fíxoo todo ben e non entende as súas protestas.

No fondo e na superficie das explicacións do voto galego, sucede o mesmo. O que a educación e a cultura non modificou, a natureza tende a que siga, como sempre, as súas pautas rutineiras. As fidelidades xeradas por dependencias minorizadoras no pasado seguen inmóbiles onde a posibilidade de cambialas estivo freada. En Galicia, e en calquera parte, verse a si mesmo máis independente e libre non pasa de formalidade cunha Educación ou unha Sanidade débil ou desatendendo ao público. Cambiar segue sendo un risco excesivo para moita xente: voten o mesmo de sempre ou non voten, nos corenta anos anteriores á CE78 tampouco votaban, e moitos non o estrañaban.

M.M 20.02.2024

6 feb 2024

Pecados orixinais e escusas

En todo relato, a cuestión é sempre o coñecemento que achega; a suposta información pode estar contaminada

Os expertos non coinciden na data, pero adoitan dar por sentado que o primeiro libro da Biblia foi escrito cara ao século XV a. C., moi probablemente cando empezou a promulgarse a hierocracia hebrea.

 Lendo o Xénese

Os seus primeiros capítulos serven de fundamento a un relato máis amplo que abarca a orixe da humanidade e do mundo, cun discurso en que Yahvé é a orixe de todo. Os humanos, obra súa e colaboradores en nomear a outros seres vivos,  desobedecen a lei divina, caen en pecado e, como castigo, son expulsados do Edén. Sen dúbida, é un dos relatos máis soados da humanidade; sen ser orixinal –pois hai outros, máis antigos-, combina un propósito de historia relixiosa, cun Deus único actuando na intrahistoria, e a intención de que as maneiras narrativas acheguen esa idea teolóxica ás esixencias da súa transmisión popular. Ser ou non hebreo, cristián, musulmán ou de calquera opción de liberdade de conciencia, “o pecado orixinal” do primeiro libro do Pentateuco segue incrustado na vida cotiá de cantos se moven dentro da xenericamente chamada cultura occidental. Rara é a noticia das que cada día soben aos noticiarios, en que non sirva de escusa de múltiples acontecementos e, sobre todo, para evadir responsabilidades de canto ocorre. Queda así aos lectores de prensa, redes e cadeas de radio ou televisión, escrutar quen é realmente o auténtico culpable de tanto descontrol, sen apelar ao comodín de recorrer a Adán, Eva ou a serpe.

 

De entrada, con todo, este itinerario ten problemas. Un terzo de cidadáns non len, e se se lles suma a proporción de cantos len papeis de moi baixo nivel informativo, publicidade distractora e ata falaz, a laudable procura de coñecemento por parte dos cidadáns responsables é outra escusa pouco eficiente. A lectura repousada, tras a que achar saberes consistentes, é complicada e pouco accesible; sobrepasa a curiosidade que eses non lectores polos que se interesan os editores –un 35,9%- teñan gran parecido cos que detectan os Informes PISA e, máis concretamente o último, evidenciando o baixo nivel de comprensión lectora que logra producir o sistema escolar español desde que, en 1857, iniciou a súa xeneralización.

Enredos e pretextos

Chegados a este punto, en toda conversación o habitual é que alguén pregunte cal é a nai do año, e xorden os sempiternos desacordos respecto diso. Entre o ovo e a galiña, o antes e o despois, a causa e a consecuencia, a casualidade ou o azar, sempre se menta algún pecado orixinal, desencadenamento de maldades, penitencias e castigos, ata que alguén acaba concluíndo nalgunha das linguas agora oficiais: xa cho dicía eu, momento en que, coma se dun TBO antigo se tratase, o desencontro “proseguirá”. O enredo e as súas escusas, condicionantes de toda “opinión pública” e os seus segredos, repítense en case todas as conversacións de bar, encontros culturais, conferencias e coloquios. En non poucos faladoiros familiares e de amigos, adoitan ser máis arrevesados a medida que se achegan unhas eleccións como as de agora en Galicia. Votar é acción democrática, actualmente tan empeñada en suplir ausencias de outrora que a súa rutina enturba a tranquila posesión da verdade de cada cal na veciñanza. Oír os relatos de cada candidato, tendo que decantarse sen máis por un, empeza a ser molesto. Un 41,12% de galegos abstivéronse nas autonómicas de 2020, e non é a choiva ou o orballo o que os cansa, senón ter que discriminar se o que oen é un plaxio do que xa dixeron os candidatos hai pouco ou se, como aqueles discos de “A voz do seu amo”, a súa conexión co que acontece é pura afectación. Votar sen aclararse de quen  é o causante do envurullo narrativo é unha lea, e máis cando, por pedilo o guión, aos bos lles vai ben e os malos son castigados. Este tipo de ficción xa dicía Óscar Wilde en 1895 (en: A importancia de chamarse Ernesto) “entristece horriblemente”. Entre tanto candidato a querernos, decantarse por alguén que non coincida con sensibilidade distinta á dos interlocutores habituais pode acabar, ademais, en acaloramentos amargos.

Fagan a proba comentando calquera noticia das que pasan cada día polos móbiles para ser substituídas de inmediato por outras; xuntas son insoportables e unha a unha, parece que o seu horror sexa afastado. O Xénese, para saír do espanto, botaba  a culpa de todo o malo a Adán, e o mesmo cabe pensar da información de miles de asuntos desagradables que copan os noticiarios. Se da seca que azouta a seis millóns de cataláns se trata, sempre cabe despistar coa sapiencia de alguén que relacione o desastre climático copeche dunha praza de touros. Se algún mandamás USA di que se están ampliando en Oriente Medio as zonas de conflito, por soster “a liberdade” de comercio, enseguida fainos ver que, unha vez que se sobrepasaron os 27.000 mortos e outros desmáns inútiles, non paran de inmediato a guerra, pero fan exercicios diplomáticos para parala. Estas formas de atallar, querendo confundir, tiñan graza cando o culpable era Adán por comer a mazá. Hoxe, para que ninguén se espante, contan con que é moi rendible –e máis barato- soster o auténtico pecado orixinal da gran maioría de atentados contra a convivencia: a ignorancia programada e o deficiente dereito de todos a un tempo   ensino digno.

No presente hispano, este pecado orixinal segue sendo o responsable de tantas historias e contos como traslocen os tocantes a cuestións case metafísica -absolutamente físicas case sempre-,  como a “amnistía” e o “terrorismo”, xuíces e “xustiza”, así como a súa lexislación, escribas e doutores vixiantes, sedicentes independentes, alleos a toda humanaconsideración que non sexa a supostamente imparcial “técnica xurídica”. Porque é difícil orientarse, merece a pena ler algo do moito que hai escrito, tamén a Biblia; contén moitas alusións á necesaria lealdade da verdade, e non aforra cualificativos ás pantomimas que a falsean. Algúns dos seus relatos son extraordinariamente luminosos para situacións moi próximas e, se se é votante indeciso, clarifican o mérito  de canto digan quen en vésperas electorais se desgañitan. Se teñen moito que ver co mal feito durante 15 anos, “polos seus froitos recoñecerédelos: Seica se recollen uvas dos espinos…? (Mt. 7,15-16). A culpa non é de Adán e Eva.

TEMAS: Verdade e mentira.- Diálogo democrático.- Falsidade e convivencia.-Liberdade de expresión.- Lectura e educación.

MMC (Madrid: 05.02.2024)