A opinión dos docentes...non conta?

28 feb 2024

Promesas rotas

Os indicadores actuais de pobreza contan moi ben cales son os graves problemas  que necesitan atención.

 Houbo un tempo non afastado en que ser “pobre” era simplemente ser currante. No século XIX, os “proletarios” eran xentes traballadoras: os seus salarios apenas daban para comer, os seus nenos traballaban para completar os escasos salarios do pai, e a nai, cando a había, desempeñaba os postos de máis baixa cualificación no sistema de produción. Non había leis sociais que lles conferisen algún dereito e calquera inconveniente que se atopasen na vida: unha enfermidade, un accidente ou simplemente facerse maior -e non poder traballar-, extremaba o risco de ter que vivir de esmola na rúa. Cóntao Galdós nunha das súas mellores obras: Misericordia, novela que a María Zambrano parecíalle que resumía a un tempo a parte máis dura e a máis lúcida da Historia de España; a personaxe de Nina, sempre sacrificada por canto ser vivo houbera ao redor, mesmo atendía a outra muller, sempre pagada de si mesma, pero periposta beneficiaria da súa bondade; a caridade de Nina era o único que un cego estranxeiro tiña para saír adiante nun mundo en que a voluble beneficencia era absolutamente ineficaz  contra a enorme cantidade de pobreza ambulante que había.

Aquela pobreza xa antiga, engadida á que houbera sempre na época da industrialización, concentrouse nas zonas industriais e urbanas de maneira feroz, e motivou á xente traballadora para sindicarse e reclamar os seus dereitos. Chegaron a ser “a cuestión social” que inquietou a cómoda tranquilidade dunha burguesía satisfeita de haber alcanzando o poder político, non só en Europa, senón tamén na España máis industrializada do século XIX. Aquel movemento  acabou desencadeando que, para dar “seguridade” ao conservadurismo burgués, había que sacrificar algo da sacralizada propiedade que les daba un poder case absoluto sobre case todo. Nos anos oitenta dese século, no canto de “caridade”, “beneficencia” ou “filantropía” –fórmulas que Concepción Arenal percibía insuficientes para atender os problemas reais que tiña a casa do pobre-, había que detraer algo daquela riqueza para a atención dos dereitos básicos dos obreiros. En Alemaña, Bismarck institucionalizó as políticas sociais, e enseguida, veu o seu recoñecemento noutros países, tamén en España, aínda que cunha lentitude. A crise do 29 e, sobre todo, os desastres da  IIª GM, aceleraron a creación do “Estado de Benestar” nunha Europa exhausta.

En España, viviramos unha Guerra algúns anos antes, pero o acceso ao “Estado de Benestar” foi máis tardío. Cando o alcanzamos xa non era o que os emigrantes españois viviran  na Francia ou Alemaña dos anos sesenta. Estaba en crise a socialdemocracia e, no panorama internacional, desde a caída do Muro de Berlín no 89, o neoliberalismo de Thatcher  (1979-1990) e Reagan (1981-1989) orientou ao Fukuyama de O fin da historia (1992). A vida cotiá dos europeos rebaixaba o seu sistema de protección social e os libros de Historia dos liceos franceses incluíron no currículum de Bacharelato un tema que, con certa melancolía, denominaban: “Os trinta [anos] gloriosos”; “a crise do 73” empezara a levalos por diante, e os indicadores de “risco de pobreza” empezaron a ser de novo crecentes  

Demasiada xente

A nova pobreza é máis sutil, pero existe. Cando alguén a menciona, os interlocutores adoitan sacudirse a preocupación que poida roldalos observando: “Fíxate, como están as terrazas…; todo está cheo”, e levan a conversación a algo máis divertido. Aos habitantes da modernidade de 2024 élles doado evadirse; os modos de produción cambiaron tanto que non fai falta empeñarse moito en alienarse ou deixar que o alienen a un, por máis que, ao redor ou probablemente no piso de en fronte, a pobreza siga sendo unha crúa realidade. Cada vez hai máis persoas que, como no século XIX, aínda que traballen, e traballen moito, téñeno complicado para sobrevivir. Neste momento, segundo a enquisa do INE sobre Calidade de Vida en 2023 , na España de todos existe un 26,5% de poboación que sofre “risco de pobreza”. É dicir, algo máis dun cuarto de concidadáns carecen dalgún elemento significativo que os fai levar unha vida cotiá distinta da os seus veciños; unha de cada catro persoas, por ser pobres ou estar a piques de selo, non pode afrontar os gastos que conleva chegar a fin de mes dignamente: a calefacción, a enerxía, a menstruación (no caso das mulleres), a alimentación, a sanidade, a educación dos fillos e a vivenda son os principais indicadores da desigualdade duns e outros cidadáns; a máis indicadores que advirtan, máis pobreza diaria teñen.

Esta pobreza de agora, apenas é visible; os que a padecen tratan de que así sexa para non avergoñarse nin dar mágoa. Afecta, sobre todo, ás mulleres e os máis novos e, aínda que finxamos non vela, mostra as novas facetas da fenda social, que crece inexorable entre quen ten e quen ten moi difícil chegar a fin de mes; entre este conxunto e o  dos poucos/pouos que aparecen en la lista Forbes ou andan relativamente preto, a brecha é exponencialmente maior. Ademais, a ese 26,5% da poboación en risco de pobreza o mínimo problema que les xurda os fará pasar –igual que pasaba no século XIX- a unha situación insostible. Por outra banda, é especialmente rechamante que un 13,3% de quen está nese escorregadoiro do risco de ser pobres teña, segundo o INE, estudos superiores. Esto lévanos ao esperpéntico de oír a quen avoga polo “esforzo” como solución. No século XIX, cando o tópico era dicir aos pobres  que eran borrachos ou cousas peores, humillábanos sen pagarlles ou os exhibían un día de festa para demostrar que eran boa xente. Hoxe, voces cortantes, insensibilizadas por aduladores interesados en “mamandurrias”, insúltanos descaradamente: “Non queren traballar”. Calquera con aspiracións de rubit no mundo de certa politiquería gritarallo aos profesores que estes días están en folga: non sería a primeira vez.

A pobreza obriga a falar de política en serio, e de quen, como políticos, están atentos a resolver e non a embarullar para aproveitarse; tanto amor mostran ao libre mercado que lle poñen en bandexa os motores do ascenso social: a Educación, a Sanidade ou a Vivenda, sen explicar que fan como lacaios da capacidade extractiva duns amos que apenas coñecen, a conta de romper esperanzas de vida honorables. Nunca contan por que lles interesan tanto os bienes públicos deses servizos sen ocuparse dos danos colaterais que causan as súas alegres privatizacións, pero predican unha liberdade idiotizada en que sobran os vellos e os mozos ben preparados. Diso vai a pobreza actual, maior que o ano 2022, con tanto emprendedor disposto a sacarlle vantaxe.

TEMAS: Pobreza.- Risco de pobreza.- Estado de Benestar.-Políticas privatizadoras.- Educación, Sanidade e Vivenda.

 

MMC (27.02.2024).

No hay comentarios:

Publicar un comentario