A opinión dos docentes...non conta?

22 feb 2024

Negocios e negacionismos inexplicados

 Despois dunhas eleccións, fosen ou non frustrantes, é ocasión de botar contas dos seus resultados.

Tamén é tempo de revisar negacionismos que, despois das urnas, sexa conveniente manter ou modular. Na lóxica da política coxuntural, negar é un modo acomodaticio de tapar a desconcertante realidade e culpala –ou culpar a outros-  dos desatinos con que a enriqueceu .

Exclusións negacionistas

Nas eleccións galegas, ese transfondo estivo tan vivo que moitas explicacións non traspasan a descrición xenérica da distribución dos votos evidenciando que alguén gana, alguén parece que gaña pero non se sabe ben ata que punto, e alguén sae mancado. Cada experto que pretende adentrarse en algo máis prevén a cantos queiran oílo e cunha serie de retrousos que o salven. Unha delas, a suposta “galeguidade”, faría do voto en Galicia un modo de expresión intrinsecamente distinto de como sería noutra parte. Outra de non menor relevancia insistiu en non ler o acontecido “en clave nacional”. Dito doutro xeito, que o resultado das eleccións do 18F foi tan peculiar, que as súas esencias só están ao alcance de raros intérpretes que, nalgunha epifanía futura, explicarán ao resto dos humanos que aconteceu realmente.

Á luz deste misterio, dá igual vivilo en directo, ser galego vivo fóra de Galicia e sen facultade para votar, ou pertencer á especie de españois que non cumpren co un ou co outro. Todos iguais na mesma ignorancia, incapaces de ver que pasou, menos entenden como ata as sete da tarde do domingo había certa unanimidade en que “partira”. Visto que non o houbo e que o inesperado resultado merece ser explicado, unha probable análise debería partir da constatación de que Galicia segue na mesma dirección que levaba, tan avanzada como hai 15 anos. O 32,69% dos posibles votantes non votaron, pero do 67,3% que o fixeron, sumados os que elixiron PP e DO a cantos non escolleron formacións que non lograron representación ningunha,  un 53,47% de votantes  acaban de favorecer –por razóns en parte opostas- que Galicia siga –segundo din os gañadores desta confrontación- con sentidiño .

Cabe preguntarse, pois, se esta proporción de galegos e galegas -que sobrepasa amplamente a metade da poboación- , é a que representa mellor “a galeguidade”, ou se este título les corresponde con propiedade a quen votase ao BNG e ao PSOE. Ante a obvia pluralidade explicativa, talvez os máis inclinados a hipóteses psicolóxicas atopen ao fin os seus trazos precisos, distintivos mesmo dos que se acomodaron en habitantes doutras autonomías. Poderán endosarlles as pautas motivadoras de por que Galicia siga tendo unha entidade inamovible na constancia dos seus votantes, inclinados case sempre do mesmo lado, e tan a gusto coa  xestión dos seus asuntos nestes quince anos e moito antes. Dubidoso é, con todo, que a mera consideración psicolóxica de tan prolongada predominancia no voto deixe no aire unha explicación coherente e consistente, en que caiba o esquecemento dos temores de quen denunciou, antes do 18F, descoidos ou mala xestión de moitos  problemas en capítulos en que a Xunta é competente. 

Os negocios

Quen anceie que, dentro de catro anos, haxa posibilidade real de que as urnas falen doutro xeito haberán de procurar, unha vez superados os silencios, negacionismos e afirmacións solemnes, indagar nas razóns obxectivas que inclinaron á maioría de votantes cara a quen xestionou asuntos públicos nos anos pasados. No canto de roldar os esencialismos, máis vale cinguirse á materialidade dos negocios en que os galegos intúen saír mellor parados deste xeito. Nas decisións dos humanos, a mixtura entre o pragmático e o supostamente ético sempre é grande; a suma de beneficios e obstáculos que a cada cual se lle pasan pola cabeza antes de votar é grande. Nese mar indefinido, tamén navegan os que teñen clarísimo seguir votando como votaron a primeira vez cando, en 1981,  cun 57,3% de abstencións, a AP de Fernández Albor logrou formar goberno co seu 30,5% de votos, en alianza co 27,80 dos logrados por unha UCD que xa mostraba signos de debilidade. Estes fieis votantes non votan a cegas, cunha fe no que non viran. A súa mente e as súas mans están postas en beneficios que , ao seu entender, ningunha das demais formacións –as que seguen no taboleiro do parlamento galego, e as que nin sequera atoparon o mínimo legal necesario de votantes- favorece ou ten en conta.

 

Ao seu favor xoga, ademais, dispoñer no Estatuto de Autonomía respecto á distribución provincial dos setenta e cinco escanos. Se se lle suma a obrigatoria necesidade da oportuna reforma electoral  de Fraga  en 1982 requirindo un 5% de votos para acadar algún escano, entenderase que votar en Galicia parte do privilexiado negocio dunha  distribución do voto pouco acorde coa proporción real de habitantes de cada circunscrición. Onde persiste a ruralidad cultural hai un negocio rendible para a estabilidade do conservadurismo. A base do ditoso sentidiño “natural” e as supostas cousas como Deus manda é un prezado ingrediente, favorable á ignorancia e ao silencio cómplice e clasista; chega ata as urnas e refórzano as múltiples manipulacións dos feitos e as deslinguadas manifestacións de personaxes que saen favorecidas co voto galego. Por exemplo, Almeida, o alcalde de Madrid, desfacéndose de cantos criticaron a súa mascletá nun lugar sensible, como  “esquerda triste”, empeñada en augarlle a súa festa.  Ou Isabel Ayuso burlando a quen  a acusa de fallos solemnes na xestión das residencias de maiores durante a COVID-19: fíxoo todo ben e non entende as súas protestas.

No fondo e na superficie das explicacións do voto galego, sucede o mesmo. O que a educación e a cultura non modificou, a natureza tende a que siga, como sempre, as súas pautas rutineiras. As fidelidades xeradas por dependencias minorizadoras no pasado seguen inmóbiles onde a posibilidade de cambialas estivo freada. En Galicia, e en calquera parte, verse a si mesmo máis independente e libre non pasa de formalidade cunha Educación ou unha Sanidade débil ou desatendendo ao público. Cambiar segue sendo un risco excesivo para moita xente: voten o mesmo de sempre ou non voten, nos corenta anos anteriores á CE78 tampouco votaban, e moitos non o estrañaban.

M.M 20.02.2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario